Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2012 Páx. 23015

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 8 de xuño de 2012 pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

As medidas adoptadas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar unha maior eficiencia nos recursos públicos e obter unha maior produtividade dos recursos humanos, recollen previsións en relación ao réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e autoriza ao Consello da Xunta a súa adecuación conforme criterios obxectivos.

O Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, proporciona un marco de principios e criterios obxectivos para afacer os conceptos retributivos e as percepcións económicas que resulten aplicables no sector público autonómico ao persoal incluído no ámbito de aplicación da norma.

O Decreto 119/2012 marca así un importante fito ao disciplinar e ordenar os criterios que deben rexer na fixación das retribucións do persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

A regulación responde aos principios de solidariedade, eficiencia e austeridade, ao que se engade na presente norma o principio de transparencia, e introduce criterios racionais e obxectivos para o axuste das remuneracións do persoal afectado.

En concreto, establécense os criterios para a clasificación en grupos das entidades instrumentais, así como os criterios para a clasificación en niveis dos postos de dirección, fixando unha limitación das contías máximas que poden corresponder aos postos no marco desta clasificación. Regúlase asemade o procedemento para a determinación dos grupos e niveis, proporcionando un tratamento uniforme para as distintas entidades do sector público autonómico, conforme criterios obxectivos.

O artigo 4 do Decreto 119/2012 establece que as entidades instrumentais do sector público autonómico se clasificarán en catro grupos, definidos conforme criterios obxectivos definidos no mesmo artigo.

Para establecer o punto de partida e facilitar a tramitación e a adecuación das retribucións aos criterios sinalados no decreto, este prevé no artigo 5 que será a conselleira competente en materia de facenda a que aprobará mediante orde a clasificación inicial das entidades instrumentais, conforme os criterios establecidos no artigo 4.

En cumprimento deste mandato e para facilitar a implantación do decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece unha clasificación inicial das entidades recollidas no artigo 3.1 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, para os efectos da aplicación deste e conforme o previsto no seu artigo 5.

Artigo 2. Criterios

Os criterios con base nos cales se establece a clasificación das entidades instrumentais do sector público autonómico son os seguintes:

a) Natureza xurídica e características da entidade e do sector en que opera.

b) Número de efectivos de persoal.

c) Cifra de negocios.

d) Volume de investimentos.

e) Prelación dos obxectivos no Plan Estratéxico de Galicia.

Artigo 3. Datos

Os datos tomados como referencia para esta clasificación son as últimas contas pechadas que figuran nos programas de actuación, investimentos e financiamento (PAIF) para os orzamentos do ano 2012.

No caso das axencias públicas autonómicas ou outros entes instrumentais que tivesen como orixe todo ou parte dun servizo orzamentario, tomaranse os correspondentes datos de execución orzamentaria.

Os datos en materia de persoal son os datos medios de contratación presentados no PAIF 2012 ou os que constan en poder da Dirección Xeral de Orzamentos, en caso de non ter que presentar o dito documento.

Os datos en materia de prelación de obxectivos son os fixados pola Dirección Xeral de Planificación e Fondos con base na estratexia contida no Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014, Horizonte 2020, así como na Estratexia comunitaria Europa 2020, e que se fundamenta no crecemento sustentable baseado na investigación e no desenvolvemento e no respecto ao ambiente.

Artigo 4. Clasificación

A clasificación dimanante dos anteriores cálculos é a seguinte:

– Grupo I.

Entidades do grupo I:

Cía. Radio-Televisión de Galicia (RTVG)

Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A.

– Grupo II.

Entidades do grupo II:

Instituto Galego de Promoción Económica

– Grupo III.

Entidades do grupo III:

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Axencia Galega das Industrias Culturais

Axencia Galega de Infraestruturas

Axencia Galega de Emerxencias

Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable

Portos de Galicia

Instituto Enerxético de Galicia

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

Augas de Galicia

Instituto Galego de Oftalmoloxía

Fundación Pública Centro de Transfusións de Galicia

Fundación Pública Cidade da Cultura de Galicia

Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria

Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061

Fundación Galega de Medicina Xenómica

Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar

Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia

Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico

Fundación Centro Tecnológico del Mar

S. Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Soc. Púb. Investimentos de Galicia

Sodiga Galicia, Sociedade de Capital Risco

Xesgalicia , Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco, S.A.

Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A.

Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, S.A.

Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

Xenética Fontao, S.A.

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Xestión Urbanística da Coruña, S.A.

Xestión Urbanística de Lugo, S.A.

Xestión Urbanística de Ourense, S.A.

Xestión Urbanística de Pontevedra, S.A.

Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica

– Grupo IV.

Entidades do grupo IV:

Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria

Consorcio Audiovisual de Galicia

Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia

Instituto de Estudos Turísticos

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida)

Fundación Galicia Europa

Fundacion Galega para o Impulso da Autonomía Persoal e a Atención ás Persoas en Situación de Dependencia

Fundación Semana Verde de Galicia

Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño

Fundación Exposicións e Congresos da Estrada

Fundación Feiras e Exposicións de Lugo

Fundación Feiras e Exposicións para o Desenvolvemento de Galicia (Fexdega)

Ifeco Instituto Feiral da Coruña

Fundación Centro Tecnolóxico da Carne

Fundación Rof Codina

Fundación Deporte Galego

Fundación Illa San Simón

Fundación Galega de Formación para o Traballo

Centro Europeo de Empresas e Innovación Galicia, S.A.

Galicia Calidade, S.A.

Disposición adicional primeira.

Se como consecuencia da creación de novas entidades, ou a achega de novos datos á Consellería de Facenda, se aumentase o número de entidades obxecto da clasificación, a conselleira de Facenda procederá á súa clasificación inicial mediante nova orde, unha vez coñecidos os datos necesarios para a aplicación dos criterios do artigo 2 desta orde.

Disposición adicional segunda.

No caso de que algunha das entidades clasificadas en virtude do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, sufrise unha modificación substancial dos elementos tidos en conta para proceder á súa clasificación, deberá comunicarllo á Consellería de Facenda para proceder a unha nova valoración e, de ser o caso, modificar a clasificación mediante unha nova orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda