Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2012 Páx. 23020

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xuño de 2012 pola que se modifica o artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo establece no artigo 3 que a parte lectiva da xornada semanal do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros públicos e privados sostidos con fondos públicos será, como mínimo, de 25 horas en educación infantil e primaria e de 20 horas nas restantes ensinanzas, sen prexuízo das situacións de redución de xornada recollidas na normativa vixente.

O artigo 3 da Orde do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa xornada semanal do persoal funcionario e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación infantil e primaria e educación especial establece que da totalidade das 25 horas terá carácter lectivo, polo que permanece a vixencia deste artigo da orde.

O artigo 4 si é necesario modificalo para adecuar o horario do persoal funcionario e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación secundaria, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas ao previsto no Real decreto lei 14/2012. Establécense 20 horas lectivas semanais e mantéñense as 23 de presenza fixa no centro. As tres horas de presenza fixa no centro que non teñen carácter lectivo dedicaranse dúas a gardas e outra a titoría de pais e alumnos. As reunións de departamento faranse polo menos unha vez ao mes e encádranse dentro de horario de cómputo mensual.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único. Nova redacción do artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A xornada semanal do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, programas de cualificación profesional inicial, bacharelato, formación profesional específica, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas será de trinta e sete horas e media, das cales dedicarán trinta ás actividades do centro con presenza nel. Destas 30 horas semanais, 23 serán de horario fixo no centro educativo. Destas 23 horas, 20 terán carácter lectivo e as tres restantes distribuiranse entre dúas gardas e unha hora de titoría de pais e alumnos.

2. Nos centros en que proceda, nas horas de garda incluiranse as gardas de recreo e para custodiar o alumnado no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado e o inicio da actividade lectiva e desde que rematan as actividades escolares ata a saída do transporte escolar.

3. As reunións dos departamentos didácticos faranse como mínimo unha vez ao mes, logo da convocatoria da xefatura do departamento. As ditas reunións terán o mesmo carácter que as do claustro de profesores e computaranse dentro das sete horas complementarias non fixas».

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Autorízase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día 1 de setembro de 2012.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria