Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23360

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se publican as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as e se procede a publicar os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as co seu número de orde, con respecto á convocatoria de inscrición de aspirantes para vinculacións temporais en diversas categorías de xestión e servizos no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Por Resolución do 24 de novembro de 2011 (DOG nº 227, do 28 de novembro), da Dirección de Recursos Humanos, abriuse o prazo para inscrición de aspirantes de diversas categorías de xestión e servizos para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade. Esta primeira inscrición formalizouse para as seguintes categorías de xestión e servizos:

1. Grupo auxiliar da función administrativa.

2. Persoal de servizos xerais.

3. Celador/a.

Na dita resolución prevíase unha xeración de listas coas persoas inscritas ata a data 15.1.2012 que cumprisen os requisitos determinados na citada resolución. Este prazo foi ampliado ata o 16.1.2012.

Por Resolución do 28 de febreiro de 2012 (DOG nº 49, do 9 de marzo) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as para vinculacións temporais nas anteditas categorías.

Resoltas as solicitudes de emenda, procédese á publicación dos seus resultados, mediante unha lista definitiva de excluídos/as e admitidos/as.

As reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación destas listas definitivas.

Contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes a contar desde o día seguinte á data de publicación das listas definitivas.

Ademais, por medio desta resolución publícanse tamén os resultados provisionais de aplicación do baremo sobre os méritos dos/das aspirantes admitidos/as e o número de orde provisional que resulta da puntuación obtida.

Así mesmo, pola presente resolución disponse a publicación do número de titulares e suplentes das listas especiais para nomeamentos de curta duración (norma II.8 do pacto de selección temporal) de celador/a, desagregada por centro ou complexo hospitalario, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no enlace que figura ao final desta resolución.

As persoas aspirantes admitidas, só con respecto aos resultados da baremación, poden presentar reclamación ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte á data de publicación das listas provisionais.

As listas definitivas de excluídos/as e a lista de admitidos/as definitiva coa puntuación da baremación provisional e o número de orde están accesibles a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde:

http://www.sergas.es/MostrarContidos_N2_T01.aspx?IdPaxina=91170

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2012

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde