Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2012 Páx. 24808

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Poio

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación puntual do Plan especial de protección do núcleo histórico de Combarro.

En relación coa modificación puntual do Plan especial de protección do núcleo histórico de Combarro na rúa San Roque, 71 e na rúa do Mar, 46 do dito lugar, a Xunta de Goberno Local, na sesión realizada o día 26 de marzo de 2012, adoptou o acordo número 10122 no cal se acordou o que segue:

Primeiro. Prestar aprobación inicial á modificación puntual do Plan especial de protección do núcleo histórico de Combarro, promovida polo Concello de Poio, segundo o proxecto redactado polo arquitecto Rodrigo Currás Torres, visado polo Colexio Oficial de Arquitectos con data do 4 de agosto de 2011.

Segundo. Someter o expediente a información pública durante un prazo máximo de dous meses mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión do ámbito provincial. Igualmente procederase de forma simultánea a practicar notificación individualizada do presente acordo a quen apareza como titular do inmoble no catastro inmobiliario. Durante o mesmo prazo, así mesmo, solicitaranse os informes sectoriais que resulten preceptivos.

Polo tanto, sométese a dita modificación puntual a información pública durante o prazo de dous meses, contados a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. O expediente poderá examinarse na oficina de Urbanismo do concello e poderán presentarse as alegacións ou reclamacións que se consideren oportunas durante o dito prazo, de conformidade co disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (última modificación: Lei 2/2010, do 25 de marzo).

Poio, 9 de abril de 2012

Luciano Sobral Fernández
Alcalde