Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2012 Páx. 24822

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, asume o principio comunitario de recuperación de custos dos servizos relacionados coa auga por parte de todas as administracións intervenientes no ciclo da auga e faino mediante a creación do canon da auga, como tributo propio afectado aos programas de gasto da Comunidade Autónoma de Galicia en materia do ciclo da auga, como se sinala no artigo 44 da lei, e coa do coeficiente de vertedura a sistemas de depuración, como taxa específica para a prestación deste servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia.

Neste sentido, a elaboración do decreto polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais presenta unha dobre xustificación: por unha parte, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, difire en moitos aspectos na xestión e configuración de ambos os tributos a un desenvolvemento regulamentario posterior, cuxa habilitación vén referida na súa disposición derradeira primeira e, por outra parte, aínda que a citada lei entrou en vigor aos trinta días seguintes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o inicio da aplicación e exixencia do canon da auga e do coeficiente de vertedura non terá lugar ata que se diten as normas de desenvolvemento en virtude da súa disposición transitoria segunda, polo que este decreto non só constitúe un apoio regulamentario á lei, senón que determina o inicio da exacción dos novos tributos creados nesa lei.

Na elaboración deste decreto optouse por reproducir os preceptos legais contidos na Lei de augas de Galicia, co obxecto de facilitar aos seus destinatarios o coñecemento da regulación global da materia mediante unha única norma.

A estrutura do decreto é moi sinxela, porque se trata dunha norma de artigo único en que se declara a aprobación do regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, ao cal se engaden catro disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións transitorias e unha disposición derradeira. Por outra parte, a posibilidade de que os usos non domésticos tributen na modalidade de carga contaminante fai necesario incluír un anexo onde se relacionan a metodoloxía analítica para a determinación dos parámetros de contaminación nesa modalidade.

No que respecta á estrutura do regulamento, divídese en catro títulos, onde o preliminar está dedicado ás disposicións xerais, o primeiro ao canon da auga, o segundo ao coeficiente de vertedura e o terceiro a outras normas procedementais.

O título preliminar «Disposicións xerais» contén o obxecto do presente regulamento, a súa normativa aplicable e identifica as competencias do ente Augas de Galicia e das restantes administracións públicas.

No título I «Canon da auga» realízase un desenvolvemento dos elementos esenciais do canon da auga, dos distintos tipos de usos da auga, as obrigas das entidades subministradoras, xestión do canon da auga en aproveitamentos propios dos suxeitos pasivos e sobre a modalidade de aplicación nos usos non domésticos. Este título estruturouse en sete capítulos.

O capítulo I «Elementos do tributo» dedícase a desenvolver todos os aspectos vinculados ao feito impoñible, supostos de non suxeición e exención, diferentes obrigados tributarios, sistemas de cuantificación da base impoñible e do tipo de gravame.

Nos usos da auga relaciónanse os distintos tipos de usos da auga recollidos na lei, xunto coa correspondente definición de cada un deles. Porén, nos usos agrarios, gandeiros e forestais establécese a maneira de identificar os suxeitos pasivos que teñen a dita consideración en beneficio dunha maior seguridade xurídica, posto que a lei unicamente se limita a enumerar, mediante unha remisión ao código CNAE, as actividades que teñen a consideración de usos agrarios, gandeiros e forestais.

Dentro do artigo referido aos suxeitos pasivos en substitución do contribuínte establécese a posibilidade de que as comunidades de usuarios actúen como entidades subministradoras, en virtude das funcións que lles encomenda o artigo 199.2 do Real decreto 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico cando establece que, por mandato da lei e coa autonomía que nela lles recoñece, as comunidades farán, entre outras, as funcións de distribución das augas que teñan concedidas pola Administración.

Neste sentido, o carácter voluntario a esa intervención das comunidades de usuarios como entidades subministradoras da auga e, por tanto, como suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, deriva en que a propia Lei de augas de Galicia tamén as configura coma outras tipoloxías de obrigados tributarios; isto é, como suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes e como responsables solidarios do comuneiro.

Na mesma liña argumental debe entenderse a previsión contida no artigo 7 pola que se considerara os comuneiros como usuarios da auga cando a comunidade actúe como entidade subministradora, da mesma maneira que o son os titulares do contrato de subministración cando son abastecidos a través de entidade subministradora.

Por outra parte, neste mesmo capítulo dáse o oportuno desenvolvemento regulamentario ao mandato da lei no referido aos criterios para a determinación do carácter especial da contaminación nos usos agrícolas, gandeiros e forestais. Para tal efecto, o regulamento configura a dita existencia de contaminación especial cando o suxeito pasivo fose sancionado en materia de verteduras de augas residuais e a consellería competente emita informe relativo ao incumprimento do disposto no código de boas prácticas agrarias. Deste modo, mantense a presunción de non contaminación que establece a lei ao consideralos fóra do ámbito do feito impoñible cando, sabendo que consomen auga, os configura como usos non suxeitos e, pola súa vez, se establece a súa suxeición cando se apartan deste comportamento adecuado dos xurros que se acredita mediante a sanción por verteduras de augas residuais e o informe da consellería competente.

A seguir regúlase o procedemento que permitirá aplicar os supostos de exención e non suxeición naqueles suxeitos onde, sen dispoñer de aparellos de medida individualizados, se realizan simultaneamente usos ou consumos da auga que poden ser incardinables nos ditos supostos e outros que non teñen a dita consideración.

Outro aspecto que desenvolve este regulamento son os sistema de determinación da base impoñible, e é de especial significación o artigo destinado a establecer os sistemas de determinación por estimación obxectiva que, no principal, mantén o mesmo sistema de cuantificación que o establecido no Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, relativo ao canon de saneamento, e que amplía a novos supostos non recollidos nese regulamento.

No que atinxe á estimación directa establécese a obrigatoriedade de dispoñer de aparello de medida para acudir ao dito sistema de determinación, e tamén a obriga de instalar o dito aparello de medida por parte dos suxeitos pasivos, no caso de que usen ou consuman auga a partir de captacións propias, posto que de abastecerse a partir de entidade subministradora, será esta quen deba proceder á súa instalación, en virtude do establecido no artigo 25 da Lei de augas de Galicia, como un dos dereitos das persoas usuarias da auga de uso urbano.

O capítulo II está dedicado a regular como se debe determinar a cota do canon da auga nos usos domésticos e asimilados, tanto no seu compoñente fixo coma no seu compoñente variable.

Neste capítulo faise un amplo desenvolvemento regulamentario sobre os supostos previstos na lei relativo a contadores colectivos e introdúcese, en primeiro lugar, unha definición dos contadores colectivos para os efectos deste regulamento para, posteriormente, regular a forma de establecer a cota fixa e variable nestes supostos, e finalizar co establecemento duns supostos onde, abastecéndose de contadores que poderían entrar dentro da definición de colectivo, o titular que figure no contrato de subministración ou o titular do aproveitamento propio onde se sitúa ese contador, debe ser considerado usuario non doméstico.

Neste capítulo cabe sinalar a súa sección 2ª relativa aos usos domésticos, posto que nela se regulan os requisitos e o procedemento para acreditar o número de habitantes na vivenda para os efectos de aplicar o sistema progresivo de tramos, para obter a dedución do 50% na cota do canon para familias numerosas e para obter a exención no canon de saneamento por estar en situación de exclusión social.

No que se respecta ao capítulo III está referido aos usos non domésticos e nel regúlanse as dúas modalidades de tributación neste tipo de usos: a modalidade de volume e a modalidade de carga contaminante.

A modalidade de volume non precisa gran desenvolvemento regulamentario pois a cota do canon da auga virá determinada pola mera multiplicación do volume usado ou consumido (base impoñible) e o tipo de gravame que estableza a Lei 9/2010. Polo contrario, a modalidade de carga contaminante si precisa dese maior desenvolvemento regulamentario posto que pode ser aplicada tanto de oficio coma por instancia do contribuínte e require coñecer a carga contaminante vertida para determinar o tipo de gravame. Así mesmo, nesta última modalidade son de aplicación unha serie de coeficientes correctores cuxos requisitos para a súa aplicación son enumerados en cada artigo.

O último artigo relativo á carga contaminante establece o modo de determinar o factor de piscifactorías necesario para a cuantificación do coeficiente de uso en acuicultura, que será de aplicación para aquelas actividades cuxo volume anual sexa igual ou inferior aos 100.000 m3, posto que para volumes superiores será de aplicación o sistema establecido no artigo 47.

Finalmente, o capítulo IV tamén regula os requisitos que deben cumprir os usos ou consumos da auga para que poidan ser considerados como algún dos usos específicos que se establecen nos artigos 57 a 61 da Lei de augas de Galicia.

O capítulo V establece as obrigas das entidades subministradoras, na súa calidade de suxeitos pasivos en substitución do contribuínte, no relativo á repercusión do canon da auga aos seus abonados, así como as restantes obrigas formais e materias con Augas de Galicia.

No capítulo VI establécense as diferentes obrigas que teñen os suxeitos pasivos con captacións propias de auga de calquera procedencia relativas á presentación dunha declaración inicial que conterá todos os datos e elementos necesarios para a aplicación singular do tributo, da cal se exceptúan os usos domésticos que non dispoñan de aparello de medida posto que nestes usuarios a base impoñible se determinará de acordo coas dotacións de auga establecidas no artigo 15 e, polo tanto, indistintamente da orixe e número de captacións propias. Por outra parte, tamén se establece a obriga de declarar o aparello de medida no caso de dispoñer del nas citadas captacións propias e a declaración periódica das lecturas practicadas neses aparellos.

O último artigo deste capítulo regula a resolución que Augas de Galicia debe ditar con carácter previo á liquidación do canon da auga ao suxeito pasivo con captacións propias. Non obstante, este artigo limítase a regular a resolución cando se determine na modalidade de volume, xa que se optou por establecer un capítulo específico –o VII– para regular o canon de saneamento na modalidade de carga contaminante dado que a dita modalidade é de aplicación tanto aos suxeitos pasivos con captacións propias coma aos que se abastezan a partir de entidades subministradoras.

Neste capítulo VII, que pon fin ao título I deste regulamento, regúlase o procedemento para determinar o canon da auga na modalidade de carga contaminante de oficio ou por instancia do contribuínte, así como o contido da resolución pola que se estableza o novo tipo de gravame nesta modalidade así como a súa vixencia temporal. Finalmente o último artigo establece a posibilidade de revisar esa medición inicial en determinados supostos o que permitirá ir adaptando a cota do canon da auga á maior ou menor carga contaminante vertida de acordo co principio «quen contamina, paga»; revisión que, en todo caso, se fará dentro desta propia modalidade de tributación, posto que non é posible pasar de tributar na modalidade de carga contaminante á modalidade de volume.

Finalizada a regulación do canon da auga, o seguinte título II desenvolve regulamentariamente o coeficiente de vertedura tamén creado pola Lei 9/2010, de augas de Galicia, que grava a prestación do servizo de depuración por parte de Augas de Galicia.

Este título só está formado por nove artigos dado que a Lei de augas de Galicia configura esta taxa sobre a base das continuas remisións ao título I sobre o canon da auga, de maneira que os sistemas de determinación da base impoñible e o tipo de gravame son comúns a ambos os tributos, así como os supostos de exención e non suxeición, o que, na práctica, se traduce en que a cota do coeficiente de vertedura será a mesma que a do canon da auga.

Esta igualdade na cota do canon da auga e no coeficiente de vertedura exceptúase en supostos onde, cumprindo unha serie de requisitos, unha parte das verteduras se produza a redes de sumidoiros cuxa depuración sexa xestionada por Augas de Galicia e outra parte non, logo de acreditación por parte do contribuínte de acordo co sinalado no artigo 67.

A introdución no artigo 66 da Lei de augas de Galicia dun novo número 4 por parte da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, vin configurar as entidades prestadoras do servizo de depuración como suxeitos pasivos substitutos do contribuínte no caso de que este non se abasteza de entidade subministradora, o que podería colidir coa previsión que ese mesmo artigo -pola referencia que fai ao artigo 65 da lei– establece que no suposto de que o suxeito pasivo se abasteza de captacións propias será Augas de Galicia quen debe liquidar directamente o coeficiente de vertedura.

Para tal fin o regulamento establece en que supostos será Augas de Galicia quen deba exixir o coeficiente de vertedura e en cales será competencia da entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros, diferenciando se se trata de usos domésticos ou ben son usos non domésticos, asimilados a domésticos ou específicos.

Pois ben, nos usos non domésticos, asimilados a domésticos e específicos, establécese un certo carácter transitorio polo cal a entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros vén obrigada a repercutir o coeficiente de vertedura mentres Augas de Galicia non proceda a ditar a resolución establecida no artigo 58 ou, se é o caso, a establecida no artigo 62. Polo contrario, nos usos domésticos, e dado que por norma xeral a base impoñible nestes usos se fará por estimación obxectiva, será a prestadora do servizo da rede de sumidoiros a que estará obrigada a repercutir o coeficiente de vertedura ao contribuínte, agás no caso de que o contribuínte tribute por estimación directa segundo as lecturas do aparello de medida; neste caso será Augas de Galicia quen deberá liquidar directamente o coeficiente de vertedura.

Dentro das normas de aplicación do coeficiente de vertedura, o último punto do artigo 71 regula a operativa de intercambio de información entre a entidade subministradora e a entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros cando sexan persoas distintas, para os efectos de cumprir coas obrigas que a Lei de augas de Galicia lles encomenda. Non obstante, habilítase a posibilidade de que ambas as dúas propoñan a Augas de Galicia un sistema alternativo ao procedemento regulado, aínda que condicionado a que se garanta o cumprimento das obrigas de ambas.

O último artigo do título II fai o oportuno desenvolvemento regulamentario do artigo 68.2 da Lei de augas de Galicia e establece o procedemento que debe seguir o titular da fosa séptica de cara a poder dispoñer do servizo de depuración, os requisitos que se deben cumprir e o sistema de repercusión do coeficiente de vertedura pola prestación do servizo de depuración.

O título III «Outras normas procedementais» consta unicamente de catro artigos referidos ao procedemento sancionador, recadación en vía de constrinximento, aprazamentos e fraccionamentos e procedemento de revisión.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais

Apróbase o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, que figura como anexo ao presente decreto.

Disposición adicional primeira. Inicio da exixencia do canon da auga e coeficiente de vertedura por parte das entidades subministradoras e das prestadoras do servizo da rede de sumidoiros

As entidades subministradoras de auga repercutiranlle o canon da auga aos seus abonados desde a data de entrada en vigor deste decreto. Do mesmo xeito, as entidades subministradoras de auga e, se é o caso, as entidades prestadoras do servizo da rede de sumidoiros repercutiranlle o coeficiente de vertedura aos contribuíntes que vertan aos sistemas de depuración sinalados na disposición adicional segunda desde a data de entrada en vigor deste decreto. No caso de que a data de entrada en vigor non coincida co comezo do período de facturación da factura-recibo da auga ou, se é o caso, da factura-recibo pola prestación correspondente ao servizo da rede de sumidoiros, o canon da auga e o coeficiente de vertedura deberase aplicar sobre o volume facturado en proporción ao número de meses de vixencia destes tributos en relación co total de meses facturados.

Disposición adicional segunda. Sistemas de depuración xestionados pola Administración hidráulica de Galicia

Os sistemas de depuración que no momento de entrada en vigor deste decreto están sendo xestionados pola Administración hidráulica de Galicia ou por un Consorcio en que participa son os seguintes:

– Edar de Moraña.

– Edar de Muros.

– Edar de Cariño.

– Edar de Cedeira.

– Edar de Laxe.

– Edar de Porto do Son.

– Edar de Camariñas.

– Edar de Melide.

– Edar de Baiona.

– Edar de Ponte do Porto (Camariñas).

– Edar de Arcade-Soutomaior.

– Edar de Gondomar.

– Edar de Nigrán.

– Edar de Tomiño.

– Edar de Vilaboa.

– Edar da Illa de Arousa.

– Edar de Soutomaior.

– Edar de Tragove (Cambados).

– Edar de Alfoz.

– Edar de Ortigueira.

– Edar da Pobra de Caramiñal.

– Edar dos Praceres.

– Edar de Guillarei.

– Edar de Ribadeo.

– Edar de Esteiro (Muros).

Disposición adicional terceira. Declaración inicial de suxeitos pasivos con captacións propias de auga

1. Os suxeitos pasivos que no momento da entrada en vigor deste decreto usen ou consuman auga procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente os usuarios, agás no caso dos usos domésticos que non dispoñan de aparellos de medida, deberán presentar no prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor a declaración a que fai referencia o artigo 54 do Regulamento do canon de auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

2. No caso dos suxeitos pasivos do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que presentasen a declaración inicial de datos para o cálculo dese tributo, e que non presentasen a declaración a que se refire o mencionado artigo 54 do presente regulamento, entenderase vixente para todos os efectos a declaración presentada anteriormente.

Disposición adicional cuarta. Compensacións ás entidades subministradoras de auga

1. Augas de Galicia poderá compensar as entidades subministradoras e os xestores do servizo da rede de sumidoiros polos custos materiais derivados do cumprimento das obrigas derivadas da súa intervención na xestión do canon da auga e o coeficiente de vertedura.

2. O establecemento das compensacións, o seu sistema de cuantificación e a duración temporal serán acordados polo director de Augas de Galicia por proposta da área económico-financeira. Non obstante, no caso de que o establecemento destas compensacións comporte a contracción de obrigas de carácter plurianual, a competencia corresponderá ao consello reitor de Augas de Galicia.

3. O pagamento das compensacións estará condicionado ao cumprimento pola entidade subministradora das obrigas materiais e formais que, en relación coa xestión do canon da auga e do coeficiente de vertedura, se establecen na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e neste regulamento.

Disposición derrogatoria. Derrogación do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Queda derrogado integramente o Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, relativo ao canon de saneamento; así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición transitoria primeira. Aplicación do canon de saneamento

1. Augas de Galicia seguirá determinando e exixindo o canon de saneamento non prescrito cuxos expedientes de xestión, liquidación e recadación se tramitarán de conformidade co disposto na Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, ata a total extinción das débedas correspondentes.

2. As entidades subministradoras están obrigadas a repercutir e exixir o canon de saneamento aos seus abonados nas facturas-recibo de auga que lles emitan correspondentes a períodos de facturación anteriores á data de entrada en vigor deste decreto. Igualmente, están obrigadas a facturar o canon de saneamento ás subministracións especiais reguladas no artigo 14.5 do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro.

Así mesmo, están obrigadas a presentar os modelos a que se refire o artigo 16 do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, nos prazos alí sinalados, mentres existan importes de canon de saneamento facturados ou percibidos. Non obstante, durante o mes de maio deberán presentar os modelos a que fan referencia os números 2.a), 3 e 4 do citado artigo, en relación co saldo pendente da declaración resumo do mes de marzo presentada nese mesmo ano.

Disposición transitoria segunda. Aplicación na modalidade de carga contaminante

1. Os suxeitos pasivos que no momento da entrada en vigor deste decreto estean suxeitos ao canon de saneamento en función da contaminación producida poderán solicitar, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, acollerse á modalidade de carga contaminante con mantemento das concentracións contaminantes vertidas tomadas como base na resolución vixente do canon de saneamento. Xunto coa dita solicitude o contribuínte deberá presentar un informe analítico da vertedura relativo aos parámetros nitróxeno total e fósforo total.

2. Nos supostos do artigo 26.1 do Decreto 8/1999, que no momento da entrada en vigor deste decreto estean suxeitos ao canon de saneamento en función da contaminación producida, Augas de Galicia aplicará o canon da auga na modalidade de carga contaminante con mantemento das concentracións contaminantes vertidas tomadas como base na resolución vixente do canon de saneamento. Mentres Augas de Galicia non dispoña das concentracións vertidas de nitróxeno total e fósforo total, tomarase o valor de 0 mg/l para estes parámetros para os efectos de determinar o tipo de gravame.

Os importes liquidados serán regularizados por Augas de Galicia unha vez sexan determinadas as concentracións de nitróxeno total e fósforo total.

Disposición transitoria terceira. Modificación do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro

1. Modifícase o número 3 do artigo 30 do Decreto 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica, relativo ao canon de saneamento, que queda redactado como segue:

3. Na devandita resolución fixaranse, se proceden, o coeficiente corrector de volume, que expresa a relación existente entre o caudal de auga vertido e o caudal subministrado, o coeficiente de vertedura ao mar e o coeficiente de piscifactorías establecido no número 8 do artigo 40 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Para os efectos da aplicación do coeficiente de vertedura ao mar, os valores de dilución inicial indicados no artigo 40.7 da Lei 8/1993 serán determinados de acordo coa vixente normativa en materia de conducións de verteduras desde terra ao mar. De oficio ou por instancia do interesado, poderán aplicarse outros métodos autorizados pola Administración.

As condicións que deben cumprir os sistemas de filtracións nas instalacións de acuicultura para a aplicación do factor de 0,8 establecido no artigo 40.8 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, serán as seguintes:

a) O sistema de filtración debe estar recollido na autorización de vertedura.

b) Todas as liñas de vertedura deben ter o sistema de filtración.

c) A luz de malla do filtro debe ser igual ou inferior a 0,1 mm.

2. A modificación indicada no punto anterior será de aplicación para os períodos de liquidación posteriores ao 1 de xaneiro de 2006 que se atopen pendentes de liquidar ou que non adquirisen firmeza.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o 1 de xullo de 2012.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais

Título preliminar
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento das normas de aplicación do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, tributos creados e regulados na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A normativa aplicable ao canon da auga e ao coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais vén constituída pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, o presente Regulamento e as demais normas de desenvolvemento, a Lei xeral tributaria e as súas normas de desenvolvemento, así como o texto refundido da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. No caso do coeficiente de vertedura, resulta igualmente de aplicación a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 3. Competencia

1. A xestión, inspección, recadación en período voluntario do canon da auga e do coeficiente de vertedura, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderá a Augas de Galicia.

En consecuencia, correspóndenlle as funcións de:

a) Incoación, tramitación e resolución de procedementos administrativos relativos ao canon da auga e ao coeficiente de vertedura, así como a emisión das liquidacións correspondentes.

b) Resolución do recurso potestativo de reposición previo á reclamación económico-administrativa, a rectificación de erros e a devolución de ingresos indebidos.

c) Resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables respecto aos actos ditados por órganos dependentes dos órganos superiores de goberno de Augas de Galicia. Respecto aos actos ditados polos órganos superiores de goberno de Augas de Galicia, a presente competencia corresponderá á persoa titular da consellería a que estea adscrita Augas de Galicia.

d) Comprobación e investigación nos termos previstos neste regulamento.

e) Cualificación de infraccións e imposición de sancións.

f) Concesión de aprazamentos e fraccionamentos.

g) Outorgamento de suspensións en período voluntario de pagamento.

2. A recadación na vía executiva e de constrinximento do canon da auga e do coeficiente de vertedura, incluíndo a concesión de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento en período executivo, corresponderá á consellería competente en materia de facenda.

3. O coñecemento das reclamacións interpostas contra os actos ditados en aplicación do canon da auga e do coeficiente corresponderá aos órganos económico-administrativos da Xunta de Galicia.

4. A potestade sancionadora exercerase de acordo co previsto no título IV da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 4. Medios electrónicos, informáticos e telemáticos

1. Augas de Galicia promoverá a utilización dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos seguros, necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, e debe asegurar que as persoas físicas e xurídicas, tanto públicas como privadas, poidan relacionarse con ela, para o cumprimento das súas obrigas tributarias e o exercicio dos seus dereitos, coas garantías e requisitos previstos na normativa tributaria de aplicación xeral.

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá establecer a obrigatoriedade da confección dos modelos recollidos neste regulamento mediante medios electrónicos, informáticos e telemáticos seguros cando os obrigados tributarios sexan persoas xurídicas.

Título I
Canon da auga

Capítulo I
Elementos do tributo

Artigo 5. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible do canon da auga o uso ou o consumo real ou potencial da auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación, mesmo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir, considerándose incluída dentro desta afección a incorporación de contaminantes nas augas, e sen prexuízo dos supostos de non suxeición e exención previstos no artigo 10.

2. O canon exixirase tanto polo uso ou consumo da auga facilitada por entidades subministradoras coma polo uso ou consumo da auga en réxime de concesión para abastecemento ou procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente os usuarios.

Artigo 6. Usos da auga

1. O canon da auga exixirase segundo as seguintes modalidades:

a) Usos domésticos e asimilados.

b) Usos non domésticos.

c) Usuarios específicos.

2. Son usos domésticos da auga os usos particulares que corresponden co uso da auga para beber, para sanitarios, para duchas, para cociña e comedor, para lavados de roupa e de vaixelas, para limpezas, para regas de parques e xardíns, para refrixeración e para acondicionamentos domiciliarios sen actividade industrial e mais con outros usos da auga que se poidan considerar consumos inherentes ou propios da actividade humana non industrial, nin comercial, nin agrícola, nin gandeira, nin forestal.

3. Son usos non domésticos da auga os correspondentes ás actividades clasificadas na Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, agás que se asimilen a usos domésticos. O cambio na consideración dun uso de auga como non doméstico ou asimilado a doméstico por razón do volume usado terá efectos a partir do ano natural seguinte a aquel en que o caudal utilizado acade ou resulte inferior ao límite de consumo establecido no parágrafo seguinte. No caso de que o primeiro ano de uso ou consumo fose iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro, extrapolaranse os datos de uso ou consumo ao ano enteiro.

4. Asimílanse a usos domésticos os usos non domésticos de auga indicados no parágrafo anterior que usen un volume total de auga nun ano natural inferior aos 2.000 metros cúbicos, agás que da súa carga contaminante vertida resulte unha cota do canon da auga nesta modalidade superior nun 20% da resultante de aplicalo na modalidade de volume.

5. Dentro dos usos non domésticos, os usos agrarios, gandeiros e forestais son os correspondentes ás actividades clasificadas na sección A, divisións 01 e 02, da Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril. Entenderase que o uso destinado á rega de campos de golf non é un uso agrícola.

Agás proba en contrario, os usos agrarios, gandeiros e forestais a que se refire o parágrafo anterior serán os efectuados polos suxeitos pasivos que realicen as ditas actividades e figuren inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia creado polo Decreto 253/2008, do 30 de outubro.

6. Son usos específicos da auga os previstos na sección 2ª do capítulo IV deste título.

Artigo 7. Suxeito pasivo a título de contribuínte

1. Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que usen ou consuman real ou potencialmente a auga de calquera procedencia, con calquera finalidade, e mediante calquera aplicación, mesmo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización puidese producir, incluída a incorporación de contaminantes nas augas.

2. Agás proba en contrario, considerarase como contribuínte quen sexa considerado usuario da auga.

3. Para os efectos do punto anterior, entenderase que é usuario da auga:

a) No suposto de abastecemento de auga por entidade subministradora, o titular do contrato de subministración.

b) As comunidades de usuarios que estean legalmente constituídas. Non obstante, cando a comunidade de usuarios actúe como entidade subministradora nas condicións establecidas no artigo 30, o usuario da auga será o comuneiro de acordo co sinalado na letra a).

c) No resto dos casos, quen adquira a auga a use para o seu consumo directo ou quen figure como titular do aproveitamento desde o que se realiza a captación da auga inscrita no Rexistro de Augas e, en defecto de autorización, concesión ou inscrición, o titular da instalación desde a que se realice a captación; así mesmo, os titulares das instalacións desde as cales se realicen as verteduras.

Artigo 8. Suxeito pasivo a título de substituto do contribuínte

1. No suposto de abastecemento de auga por entidades subministradoras de auga, estas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de substituto do contribuínte.

2. Teñen a condición de entidades subministradoras de auga as persoas físicas e xurídicas de calquera natureza que, mediante instalacións de titularidade pública ou privada, sexa con carácter oneroso ou gratuíto, efectúen unha subministración en baixa de auga, con independencia de que a súa actividade estea ao abeiro dun título administrativo de prestación de servizo. Así mesmo, terán a condición de entidades subministradoras, para os efectos do establecido neste regulamento, aquelas comunidades de usuarios legalmente constituídas que, logo de solicitude a Augas de Galicia, soliciten intervir como tales na xestión e recadación do canon da auga dos seus comuneiros.

3. Dentro do procedemento de xestión do canon da auga, as devanditas entidades subministradoras están obrigadas a:

a) Repercutir e recadar o tributo dos seus abonados e, se é o caso, dos comuneiros.

b) Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos as cantidades repercutidas ou que deba repercutirse en concepto de canon da auga.

c) Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos as cantidades que non fosen percibidas cando a súa falta de pagamento non fose xustificada de acordo co que prevé o artigo 52 ou cando a entidade subministradora admita durante o período voluntario que o contribuínte non paga o canon da auga e si o importe que supoña a contraprestación pola subministación de auga.

d) Cumprir os deberes formais derivados da xestión e inspección do tributo establecidos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, neste regulamento, nas súas normas de desenvolvemento, ou nas normas tributarias de aplicación xeral.

Artigo 9. Responsables solidarios

Son responsables solidarios:

a) No caso de vivendas, a persoa titular do contrato de subministración, no caso de non ser contribuínte, e a propietaria da vivenda.

b) No caso de captacións propias, as persoas titulares dos aproveitamentos, no caso de non seren contribuíntes, e as titulares das instalacións mediante as cales ou desde as cales se produzan as captacións ou se realicen as verteduras contaminantes.

c) No caso de utilización da auga por parte dos comuneiros que pertenzan a unha comunidade de usuarios legalmente constituída, a comunidade de usuarios.

Artigo 10. Supostos de non suxeición e exencións

1. Non están suxeitos ao canon da auga:

a) Os usos para abastecemento feito a través de redes básicas e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable, cando a súa posterior distribución en baixa sexa obxecto de repercusión do canon. No caso de abastecementos directos de auga en alta aos usuarios finais, o canon deberá ser repercutido.

b) Os usos de augas residuais reutilizadas, sempre que o seu gravame supuxese dobre imposición respecto do mesmo volume de auga. Neste caso, o titular da autorización ou concesión para a reutilización deberá acreditar perante Augas de Galicia que o volume reutilizado resulta suxeito ao canon da auga por parte do primeiro usuario.

c) Os usos agrícolas, forestais e gandeiros, sempre que non exista unha contaminación de carácter especial en natureza ou cantidade por fertilizantes, pesticidas ou materia orgánica, comprobado polos servizos de inspección da administración competente. En todo caso, entenderase que se produce afección ao medio e, polo tanto, estarán suxeitos os usos agrícolas, forestais e gandeiros, cando se efectúen verteduras ás redes públicas de saneamento.

2. Atópanse exentos do pagamento do canon da auga:

a) Os usos da auga por parte de entidades públicas e os seus servizos, propios ou concertados, para a alimentación de fontes, bocas de rega de parques e xardíns, limpeza de rúas, e instalacións deportivas, agás o destinado á rega de campos de golf e enchedura de piscinas.

b) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios ou os que, coas mesmas características, sexan efectuados ou ordenados polas autoridades públicas en situacións de necesidade extrema ou catástrofe.

c) Os suxeitos pasivos aos cales resulte aplicable a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, polos usos da auga gravados polo devandito imposto. Para tal efecto, o órgano competente dese imposto, de acordo co sinalado no artigo 20 da citada lei, poderá ceder os datos a Augas de Galicia para os efectos de aplicar a presente exención de acordo co establecido no artigo 95 da Lei xeral tributaria.

d) Os usos destinados a unha unidade de convivencia independente que acrediten estar en situación de exclusión social de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. O procedemento para a súa acreditación será o establecido no artigo 26 deste regulamento.

e) Os usos da auga por parte de entidades de iniciativa social, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. O procedemento para a súa acreditación será o establecido no artigo 39 deste regulamento.

Artigo 11. Usos agrícolas, forestais e gandeiros non suxeitos

1. Para os efectos de comprobar a existencia da contaminación especial indicada na alínea c) do número 1 do artigo anterior, presúmese a súa existencia se concorren as seguintes condicións:

a) O titular da explotación foi sancionado en dúas ocasións por infraccións en materia de verteduras de augas residuais cometidas nun mesmo ano natural ou dous consecutivos. Para estes efectos non se terán en conta as sancións correspondentes a infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor do presente regulamento.

b) Informe emitido pola consellería competente en materia agrícola, forestal e gandeira en que se conclúa que a explotación incumpre o disposto no Código galego de boas prácticas agrarias recollido na Directiva do Consello 91/676/CEE no relativo á xestión dos xurros xerados na explotación. Este informe será solicitado por Augas de Galicia cando se dea a condición do punto anterior e deberá ser emitido pola citada consellería no prazo de tres meses desde a súa solicitude.

2. A vixencia da resolución pola cal se determine a suxeición ao canon da auga terá efectos desde o ano natural en que se produza a primeira das infraccións e manterá os seus efectos ata o ano natural seguinte a aquel en que se produza a segunda das infraccións.

Artigo 12. Presuncións en consumos destinados a distintos usos

1. Para aplicación das exencións e supostos de non suxeición indicados no artigo 10 será preciso que as bases impoñibles correspondentes poidan ser cuantificadas separadamente das restantes bases impoñibles do mesmo suxeito pasivo mediante contadores individualizados. De non poder determinarse a base impoñible non suxeita ou exenta mediante este sistema, procederase a determinala de acordo co sinalado nos puntos seguintes deste artigo.

2. Nos usos indicados no punto 1.c) do artigo 10 procederase como a continuación se indica:

a) Se os usos suxeitos son exclusivamente domésticos, a base impoñible suxeita determinarase de acordo co establecido no artigo 15.9 deste regulamento, sendo a base impoñible non suxeita destinada aos usos agrícolas, forestais e gandeiros a restante base impoñible determinada por algún dos métodos establecidos no artigo seguinte deste regulamento.

b) Se os usos suxeitos non son exclusivamente domésticos, a base impoñible non suxeita determinarase na seguinte orde:

– A partir das porcentaxes para cada uso que se reflictan na autorización ou concesión administrativa.

– A partir dos usos que se reflictan na autorización ou concesión administrativa considerando a mesma porcentaxe para cada un dos usos sinalados.

– A metade do volume total consumido ou utilizado.

3. Nos usos para instalacións deportivas indicados no punto 2.a) do artigo 10, presumirase que o volume destinado á enchedura de piscinas será o 10% do volume total consumido ou utilizado.

4. Nos restantes usos sinalados no artigo 10 a base impoñible determinarase a partir das porcentaxes que para cada uso estean reflectidos na correspondente autorización ou concesión administrativa.

Artigo 13. Base impoñible e métodos de determinación da base impoñible

1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos.

2. No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores homologados do volume vertido poderá considerarse como base impoñible o volume de vertedura, sempre que concorran as condicións seguintes:

a) Que o volume total vertido sexa contabilizado polos ditos contadores.

b) Que os contadores dispoñan de totalizador de volume vertido. No caso de que os contadores dependan de fontes de enerxía, Augas de Galicia poderá exixir a documentación acreditativa da súa calibración, así como establecer as medidas necesarias que garantan a fiabilidade das medicións realizadas.

Neste caso, se o suxeito pasivo se abastece de entidade subministradora, Augas de Galicia poderá liquidar directamente o canon da auga ao suxeito pasivo e, para tal efecto, comunicará á entidade subministradora que deixe de repercutirlle o canon. Para tal efecto, os suxeitos pasivos virán obrigados a declarar os contadores e a presentar as lecturas periódicas destes contadores do xeito sinalado no punto primeiro do artigo 55 deste regulamento.

3. A determinación da base impoñible realizarase, con carácter xeral, en réxime de estimación directa, mediante contadores homologados. Para estes efectos, os usuarios con captacións propias que queiran acollerse a este sistema de estimación están obrigados a instalar e manter ao seu cargo un mecanismo de medición directa da auga efectivamente usada ou consumida.

4. Os usuarios que non dispoñan dun mecanismo de medición directa poderán acollerse a sistemas de estimación obxectiva. Para estes efectos entenderase que un usuario se acolle ao sistema de estimación obxectiva cando unha vez transcorridos seis meses desde a entrada en vigor deste decreto non dispoña de mecanismo de medición.

No caso de que se instale o mecanismo de medición unha vez transcorrido o dito prazo, o obrigado tributario estará obrigado a comunicar a dita instalación mediante a presentación do modelo establecido para o efecto no prazo sinalado no artigo 55 deste regulamento, e facturarase o canon da auga por estimación directa a partir do período seguinte á súa presentación.

5. Nos usos específicos onde a base impoñible non veña determinada polo volume de auga consumido ou utilizado, o seu sistema de determinación será por estimación directa, agás nos supostos indicados no punto seguinte.

6. O método de estimación indirecta aplicarase nos supostos e mediante os procedementos previstos nos artigos 53 e 158 da Lei xeral tributaria.

Artigo 14. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación directa

1. No caso de abastecementos por entidade subministradora o volume de auga utilizado ou consumido será o subministrado pola dita entidade, medido polo contador homologado instalado.

2. No caso de concesións ou autorizacións de uso ou en captacións propias, o volume será o medido polo contador homologado instalado, que será declarado polo contribuínte perante Augas de Galicia na forma e prazos que se indican no artigo 55 deste regulamento.

3. Nos usos específicos de produción de enerxía hidroeléctrica e de acuicultura a base impoñible determinarase a partir dos datos de produción hidroeléctrica e produción piscícola, respectivamente.

Artigo 15. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación obxectiva

1. Nos usos non domésticos, asimilados a domésticos e específicos a base impoñible por estimación obxectiva determinarase de acordo co establecido nos números 2 a 8 deste artigo.

2. Nas captacións de augas superficiais ou subterráneas que non teñan instalados dispositivos de medición de caudais e que fosen obxecto de concesión ou resolución administrativa, a base impoñible anual será equivalente ao caudal anual máximo obxecto de concesión ou autorización.

3. No caso de captacións subterráneas que non teñan instalados dispositivos de medida directa de caudais, e non fosen obxecto de concesión nin de resolución administrativa, o consumo mensual, para os efectos da aplicación do canon, avaliarase en función da potencia nominal do grupo elevador mediante a fórmula:

25.000 × P

Q=----------------

h + 20

Na cal:

Q é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.

P é a potencia nominal do grupo ou grupos elevadores expresada en quilovatios.

h é a profundidade dinámica media do acuífero na zona considerada, expresada en metros.

4. En caso de aproveitamentos de augas superficiais que non teñan instalados dispositivos de medición de caudais nin fosen obxecto de concesión ou resolución administrativa, e nos cales a distribución de auga se produza mediante bombeo, a base impoñible mensual será determinada por aplicación da seguinte fórmula:

25.000 × P

Q=----------------

20

Na cal P e Q son os valores indicados no punto terceiro.

No caso de que o aproveitamento de augas superficiais veña referido a augas pluviais que sexan recollidas en depósitos ou balsas, e nos cales a distribución de auga desde os ditos sistemas de recollida se produza mediante bombeo, a base impoñible mensual será a décima parte da indicada anteriormente.

5. En caso de aproveitamentos de augas pluviais non recollidos no punto anterior, a base impoñible mensual será doce veces a capacidade volumétrica dos depósitos ou balsas de recollida.

6. Nos aproveitamentos de augas de mananciais e outros tipos de nacementos de auga do solo, que non teñan instalados dispositivos de medida directa de caudais nin fosen obxecto de concesión nin de resolución administrativa, o consumo mensual, para os efectos da aplicación do canon, avaliarase en función das dimensións da tubaxe de afloramento mediante a fórmula:

a) Se a sección de saída da tubaxe é cilíndrica:

Q = D × 20.000

Na cal:

Q é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.

D é o diámetro da tubaxe expresada en metros.

b) Se a sección de saída da tubaxe non é cilíndrica:

Q = D × 25.000

Na cal:

Q é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.

D é o largo máximo horizontal da tubaxe expresada en metros.

7. Nos aproveitamentos non previstos nos puntos anteriores, en que a distribución de auga se produza por gravidade a través dunha ou varias conducións, a base impoñible trimestral será determinada, para cada unha delas, por aplicación da seguinte fórmula:

Q = 454 × Qm.

Na cal:

Q é o consumo trimestral facturable expresado en metros cúbicos.

Qm é a capacidade hidráulica máxima da condución expresada en metros cúbicos por hora.

8. Nas subministracións mediante entidade subministradora que non dispoñan de dispositivos de medición directa, a base impoñible do canon da auga determinarase do seguinte xeito:

a) No caso de que na factura-recibo se inclúa un volume facturado de auga, será esta a base impoñible do canon da auga.

b) No caso de que na factura-recibo non se inclúa un volume facturado de auga, a base impoñible determinarase polo cociente entre o importe facturado en concepto de auga e o tipo de gravame establecido no segundo tramo para os usos domésticos, redondeado sen decimais.

c) No caso de que se trate dun suposto de subministración non facturada regulado no artigo 50 ou ben dun consumo propio regulado no artigo 51, a base impoñible do canon da auga, para cada acometida, determinarase a partir do diámetro interior da tubaxe no punto de enganche á rede de abastecemento segundo a táboa seguinte:

Diámetro da tubaxe (mm)

Base impoñible mensual (m3)

≤6

30

8

40

10

50

15

60

20

80

30

100

50

125

80

150

100

200

>100

300

Para valores intermedios de diámetros tomarase o valor superior correspondente.

9. Nos usos domésticos da auga, a base impoñible do canon mediante o réxime de estimación obxectiva determinarase a partir dunha dotación de 151 litros por habitante e día de acordo co establecido no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa. A base impoñible determinarase por este sistema nos seguintes supostos:

– Captacións propias de auga efectuadas directamente polos usuarios domésticos cando non se dispoña dun dispositivo de medición directa.

– Subministración por parte de entidades subministradoras de auga a usuarios domésticos cando a dita subministración non sexa facturada ao usuario, nos supostos establecidos no artigo 50.

– Subministración por parte de entidades subministradoras, cando non se dispoña dun dispositivo de medición directa ou cando, dispoñendo del, a facturación da auga non se realice de acordo coas medicións nel practicadas.

Artigo 16. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación indirecta

1. A base impoñible fixarase por estimación indirecta cando a Administración non poida determinala mediante os sistemas de estimación directa ou obxectiva, por algunha das causas seguintes.

a) Cando non exista instalado un aparello de medida e non poida determinarse a base impoñible por ningún dos métodos de estimación obxectiva establecidos no artigo 15.

b) Nos supostos de usos non domésticos na modalidade de carga contaminante, cando non sexa posible determinar a carga contaminante vertida.

c) A falta de presentación das declaracións exixibles ou presentación de declaracións incompletas ou inexactas.

d) A resistencia, escusa ou negativa á actuación inspectora.

e) O incumprimento substancial das obrigas impostas pola normativa vixente.

2. A cuantificación da base impoñible por estimación indirecta determinarase mediante a aplicación de calquera dos seguintes medios ou de varios deles conxuntamente.

a) Aplicación dos datos e antecedentes dispoñibles que sexan relevantes para o efecto.

b) Valoración de magnitudes características da actividade do contribuínte, tales como produción, persoal empregado, potencia eléctrica contratada, volumes de materias primas ou similares, segundo os datos ou antecedentes que se posúan de supostos similares ou equivalentes no respectivo sector de actividade, incluídas as diferentes fontes bibliográficas na materia.

c) Volumes de dotación de auga ou carga contaminante por traballador ou unidade de produción que se establezan nos instrumentos de planificación hidrolóxica para o dito sector de actividade.

Artigo 17. Devindicación

1. A devindicación do canon producirase no momento en que se realice a utilización ou consumo real ou potencial da auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación.

2. Nos usos domésticos e asimilados, o tipo de gravame aplicarase sobre os consumos mensuais.

Capítulo II
Normas de determinación da cota do canon para usos domésticos e asimilados

Sección 1ª Normas comúns

Artigo 18. Cota do canon da auga

1. A cota do canon para usos domésticos e asimilados resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A cota fixa será a establecida no artigo 53.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. A parte variable da cota será o resultado de aplicar sobre a base impoñible os tipos de gravame previstos no número 3 do artigo 53 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

4. No suposto de que o contribuínte estea obrigado, simultaneamente, a aboar o canon de auga á entidade subministradora pola auga que esta lle subministre e a Augas de Galicia pola auga procedente de fontes propias, procederase do seguinte xeito:

a) A entidade subministradora facturará a cota fixa e a cota variable polo volume que lle subministre.

b) Augas de Galicia non exixirá a cota fixa e requirirá á entidade subministradora os volumes facturados para os efectos de determinar o tramo que se aplicará na cota variable polas captacións propias.

5. No suposto de que un mesmo contribuínte dispoña de varios contadores ou contratos de subministración para unha mesma vivenda ou establecemento, a cota fixa unicamente se aplicará nun deles.

6. Nos usos domésticos procedentes de captacións propias os tipos de gravame indicados nos números 2 e 3 deste artigo serán afectados polo coeficiente establecido no artigo 53.7 da Lei de augas de Galicia.

Artigo 19. Tipo de gravame da cota variable

O tipo de gravame para usos domésticos e asimilados determinarase en función do número de persoas que habitan as vivendas e en función do volume de auga consumido. Para estes efectos, establécense os seguintes tramos de volume:

Tramos

Volume mensual (m3)

Primeiro

≤2·n

Segundo

>2·n e ≤4·n

Terceiro

>4·n e ≤8·n

Cuarto

>8·n

Onde «n» é o número de persoas na vivenda.

Artigo 20. Contadores colectivos

1. Enténdese que un contador é colectivo cando a partir do dito contador se subministran máis dunha vivenda, máis dunha oficina ou local ou unha combinación dunha ou varias vivendas e unha ou varias oficinas ou locais.

2. No caso de que os contadores, os aproveitamentos ou as medidas do caudal sexan colectivos, a cota do canon da auga determinarase do seguinte xeito:

a) A cota fixa liquidable será a establecida no artigo 18.2 deste regulamento multiplicada polo número de vivendas, oficinas ou locais conectados. Cando este aspecto non sexa coñecido, o número de abonados determinarase en función do diámetro do contador de acordo coa seguinte táboa:

Diámetro do contador (mm)

N.º de abonados asignados

<15

1

15

3

20

6

25

10

30

16

40

25

50

50

65

85

80

100

100

200

125

300

>125

400

Para valores intermedios de diámetros nominais tomarase o valor inferior correspondente.

Non obstante, se as vivendas, oficinas ou locais abastecidos a partir de contadores colectivos, dispoñen pola súa vez de cadanseu contador individual ou contrato de subministración, a cota fixa unicamente se repercutirá nos contadores individuais.

b) A cota variable determinarase segundo o establecido no artigo anterior tomando «n» o valor obtido de multiplicar por 3 o número de abonados resultante da aplicación da letra anterior. Nestes supostos non será aplicable o establecido no artigo seguinte.

3. Se o número de vivendas conectadas é superior ao número de oficinas ou locais correspondentes a usos asimilados a domésticos, o tipo de gravame aplicable será o correspondente aos usos domésticos para toda a base impoñible. En caso contrario, ou cando o dito aspecto non sexa coñecido, o tipo de gravame aplicable será o correspondente aos usos asimilados a domésticos.

4. Porén o establecido nos puntos anteriores, o titular do contador colectivo terá a consideración de usuario non doméstico, séndolle de aplicación o establecido no capítulo III, se se cumpre algunha das seguintes condicións, agás no suposto de que se trate exclusivamente de uso ou consumo para vivendas:

a) O resultado de dividir o volume total de auga nun ano natural entre o número de abonados obtido segundo o establecido na punto 2.a) deste artigo é igual ou superior aos 2.000 m3.

b) O resultado de restar o volume destinado ás vivendas determinado segundo as dotacións establecidas no artigo 15.9 ao volume total de auga nun ano natural é igual ou superior aos 2.000 m3.

Sección 2ª Usos domésticos

Artigo 21. Número de habitantes por vivenda

1. Presúmese que unha vivenda está habitada por tres persoas, agás que por parte do suxeito pasivo se acredite un número diferente de habitantes na vivenda.

2. A modificación no número de habitantes na vivenda só poderá obterse de cumprirse os seguintes requisitos e de acordo co procedemento sinalado no artigo seguinte por instancia do suxeito pasivo:

a) O número de habitantes para a que se pretenda a modificación debe coincidir co número de persoas que están empadroadas na dita vivenda.

b) O titular do contrato de subministración de auga debe ser un dos habitantes da vivenda de acordo co padrón de habitantes.

Artigo 22. Procedemento para acreditar un número diferente de habitantes por vivenda

1. O procedemento iníciase coa presentación dunha declaración de datos axustada ao modelo aprobado para o efecto por parte do titular do contrato de subministración ou, no caso de captacións propias, por parte do titular ou usuario das fontes propias.

Na devandita solicitude, o solicitante deberá indicar o número de habitantes na vivenda con identificación de cada unha das persoas e, no caso de abastecerse a partir de entidade subministradora, deberá presentar copia da última factura-recibo de auga da vivenda para a cal se solicita a modificación no número de persoas.

A solicitude deberá conter a correspondente autorización a Augas de Galicia para que comprobe a veracidade dos datos a través do sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) e de residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se suprime a achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos na Administración da Comunidade Autónoma. No caso de non prestar a súa autorización, a solicitude deberá vir acompañada do volante ou certificado de empadroamento emitido nos dez días naturais anteriores á presentación da solicitude.

2. No caso de resultar acreditado o número de habitantes contido na solicitude, Augas de Galicia procederá a ditar a resolución correspondente en que se conterán os seguintes aspectos:

a) Titular do contrato ou, no caso de captacións propias, titular ou usuario das fontes propias.

b) Enderezo da vivenda.

c) Número de habitantes na vivenda.

d) Data a partir da cal ten efectos a modificación no número de persoas que, no caso de abastecerse de entidade subministradora, coincidirá co primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación e, no caso de abastecerse de fontes propias, será no seguinte período de liquidación. Para estes efectos entenderase acreditado o número de habitantes na vivenda desde a presentación completa da solicitude a que fai referencia o número 1 deste artigo.

e) Se o suxeito pasivo se abastece de entidade subministradora se informará de que Augas de Galicia procederá a comunicar a esa entidade os aspectos antes sinalados para os efectos da aplicación da modificación no número de habitantes na vivenda.

3. Cando a solicitude non reúna os requisitos sinalados neste artigo, Augas de Galicia deberá, con carácter previo á notificación da resolución, notificar ao suxeito pasivo a proposta de resolución denegatoria para que, nun prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da notificación da dita proposta, alegue o que conveña ao seu dereito. Non obstante, poderase ditar directamente resolución cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as presentadas polo interesado.

4. O suxeito pasivo ao cal se lle recoñecese un número de habitantes na vivenda de acordo co indicado no punto segundo estará obrigado a comunicar a Augas de Galicia calquera modificación nos datos declarados que implique a diminución no número de habitantes no prazo dun mes a partir do momento en que se produza. Unha vez presentada a dita comunicación Augas de Galicia procederá da mesma forma que o sinalado nos puntos anteriores. Os efectos da nova declaración produciranse nos mesmos prazos que os previstos para a declaración inicial.

5. A resolución ditada no presente procedemento deberá ser ditada no prazo de seis meses contados desde o día da presentación da solicitude. A falta de notificación da resolución no devandito prazo comporta a estimación da solicitude.

6. Augas de Galicia poderá establecer convenios coas entidades locais para os efectos de establecer un marco de colaboración entre ambos de cara a axilizar o presente procedemento, singularmente no relativo á comprobación do número de persoas na vivenda no padrón municipal.

Artigo 23. Deducións da cota ás familias numerosas

1. Aplicarase unha dedución do 50% sobre a cota íntegra do canon cando corresponda aos usos destinados a vivenda habitual das familias numerosas que acrediten formalmente tal condición. Neste sentido enténdese producida a dita acreditación na data de presentación da solicitude completa a que fai referencia o artigo seguinte.

2. A dedución na cota por ter a condición de familia numerosa só poderá obterse na vivenda principal, sen que poida ser concedida nas restantes vivendas que poida ter calquera dos membros que constitúan a familia numerosa. Para tal fin, a solicitude deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) O enderezo para o cal se solicita a dedución debe coincidir co enderezo en que está empadroada a unidade familiar.

b) No caso de abastecerse a partir de entidade subministradora, o titular do contrato de subministración de auga deberá coincidir con algún dos membros da unidade familiar. Noutro caso, o solicitante deberá acreditar que ten domiciliado o pagamento da factura-recibo de auga nalgunha conta bancaria de que sexa titular.

3. As familias numerosas que no momento de entrada en vigor deste regulamento teñan recoñecida a dedución no canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia non terán que presentar a declaración indicada no número 1 do artigo seguinte para os efectos da aplicación da dedución por familia numerosa no canon da auga sempre que se manteña a situación que deu lugar ao recoñecemento daquela dedución.

Artigo 24. Procedemento para a dedución da cota ás familias numerosas

1. O procedemento iníciase coa presentación perante Augas de Galicia dunha declaración de datos axustada ao modelo establecido para o efecto.

A declaración será realizada e asinada pola persoa que figure como titular no título de familia numerosa e, no caso de abastecerse a partir de entidade subministradora, deberá presentar copia da última factura-recibo de auga da vivenda en que se atopa empadroada a unidade familiar.

Na devandita solicitude, o solicitante deberá autorizar a comprobación da vixencia da condición de familia numerosa ante a Administración competente e, así mesmo, deberá figurar co correspondente autorización a Augas de Galicia para que comprobe, en relación ao empadroamento da unidade familiar, a veracidade dos datos a través do sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) e de residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se suprime a achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos na Administración da Comunidade Autónoma. No caso de non prestar a súa autorización, a solicitude deberá vir acompañada do volante ou certificado de empadroamento emitido nos dez días naturais anteriores á presentación da solicitude e de copia do carné de familia numerosa ou título acreditativo, expedido pola Administración competente.

2. No caso de que se considere correctamente formalizada a declaración, considerarase acreditada a condición de familia numerosa e Augas de Galicia ditará a resolución correspondente, que terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias. Para tal efecto, no caso de abastecerse de entidade subministradora, Augas de Galicia comunicaralle a concesión da dedución para os efectos da súa aplicación nas facturas-recibo que emita.

3. Cando a solicitude non reúna os requisitos para a concesión da dedución, Augas de Galicia deberá, con carácter previo á notificación da resolución, notificar ao obrigado tributario a proposta de resolución denegatoria para que, nun prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da notificación da dita proposta, alegue o que conveña ao seu dereito. Non obstante, poderase ditar directamente resolución cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as presentadas polo interesado.

4. A resolución deberá ser ditada no prazo de seis meses contados desde o día da presentación da declaración. A falta de notificación da resolución no devandito prazo comporta a estimación da solicitude.

5. A perda da condición de familia numerosa que motivou a concesión da dedución debe ser comunicada a Augas de Galicia no prazo dun mes a partir do momento en que se produza.

Artigo 25. Exención por estar en situación de exclusión social

1. As unidades de convivencia independentes que acrediten estar en situación de exclusión social poderán solicitar a exención no canon da auga.

2. Para os efectos deste regulamento enténdese por unidade de convivencia independente a formada por aquelas persoas que convivan nun mesmo domicilio e manteñan entre eles un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao respectivamente.

3. Os requisitos que deben cumprir as unidades de convivencia para ter a condición de estar en risco de exclusión social serán as seguintes:

a) O enderezo para o cal se solicita a bonificación debe coincidir co enderezo en que está empadroada a unidade de convivencia.

b) No caso de abastecerse a partir de entidade subministradora, o titular do contrato de subministración de auga deberá coincidir con algún dos membros da unidade familiar. Noutro caso, o solicitante deberá acreditar que é o pagador da factura-recibo de auga.

c) Os ingresos totais da unidade de convivencia non deben superar o importe do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

d) Polo menos unha das persoas da unidade de convivencia deberá estar en situación de exclusión social por estar nalgunha das situacións que se enumeran a continuación:

1) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia.

2) Persoas perceptoras de pensións non contributivas nas modalidades de invalidez ou xubilación.

3) Persoas que non estando en ningún dos dous supostos anteriores teñan unha ausencia ou déficit grave de recursos económicos unido a unha situación de desemprego ou imposibilidade de desempeñar un traballo remunerado e que conten con outros factores, evidenciados a través da súa traxectoria persoal, que agraven a situación de exclusión social ou o risco de padecela recoñecidos na lexislación vixente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Procedemento para a exención por estar en situación de exclusión social

1. O procedemento iníciase coa presentación dunha solicitude polo titular da subministración de auga perante Augas de Galicia ou, no caso de captacións propias, polo titular ou usuario das fontes propias. A dita solicitude deberá ir acompañada dun informe emitido nos quince días anteriores á súa presentación polos servizos sociais comunitarios do concello de residencia a través dun modelo oficial en que se certificará que cumpre os requisitos especificados no artigo anterior e, así mesmo, no caso de abastecerse de entidade subministradora, copia da última factura-recibo da auga.

2. Unha vez recibida a documentación completa Augas de Galicia procederá a dar traslado do informe emitido polos servizos sociais comunitarios do concello á consellería competente en materia de servizos socias para os efectos de que estes acrediten a situación de exclusión social da unidade de convivencia. A dita acreditación entenderase realizada desde a data de presentación da solicitude e terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias.

3. Acreditada a condición Augas de Galicia procederá a ditar a resolución correspondente e, de ser o caso, comunicará a dita circunstancia á entidade subministradora de auga para os efectos de que deixen de facturar o canon da auga nas facturas-recibo de auga que lle emita ao dito abonado. Así mesmo, comunicará esta circunstancia aos servizos sociais do concello.

4. Cando a solicitude non reúna os requisitos para a concesión da exención, Augas de Galicia deberá, con carácter previo á notificación da resolución, notificar ao obrigado tributario a proposta de resolución denegatoria para que, nun prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da notificación da dita proposta, alegue o que conveña ao seu dereito. Non obstante, poderase ditar directamente resolución cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as presentadas polo interesado.

5. A resolución deberá ser ditada no prazo de seis meses contados desde o día da presentación da declaración. A falta de notificación da resolución no devandito prazo comporta a estimación da solicitude.

6. Os servizos sociais do concello deberán comunicar a Augas de Galicia a perda da situación de risco de exclusión social no prazo dun mes contado desde o momento en que se produza a dita perda.

7. O procedemento regulado neste artigo poderá ser iniciado mediante a presentación da solicitude a que fai referencia o punto 1 directamente á consellería competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia, a cal unha vez acreditada a condición de exclusión social, procederá a dar traslado de toda a documentación a Augas de Galicia.

Sección 3ª Usos asimilados a domésticos

Artigo 27. Usos asimilados a domésticos

O tipo de gravame para usos asimilados a domésticos determinarase de acordo co establecido no artigo 19 considerando o valor de «n» igual a 3, e aplicándoselle ao consumo realizado dentro do primeiro tramo o tipo de gravame correspondente ao segundo tramo.

Sección 4ª Comunidades de usuarios

Artigo 28. Normas comúns

1. Son comunidades de usuarios as definidas no capítulo IV do título IV do vixente texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

2. Agás proba en contrario, as comunidades de usuarios que estean legalmente constituídas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de contribuíntes. Non obstante, nas comunidades de usuarios que teñan recoñecida a condición de entidade subministradora, de acordo co indicado no artigo 30, así como naquelas onde Augas de Galicia dispoña da relación dos comuneiros que as constitúen, o suxeito pasivo a título de contribuínte será o propio comuneiro.

Artigo 29. Comunidades de usuarios na súa calidade de suxeitos pasivos a título de contribuíntes

1. Nas comunidades de usuarios que teñan a condición de suxeito pasivo a título de contribuíntes, a cota de canon de auga resultante da suma da parte fixa e variable, unha vez aplicado o coeficiente establecido no artigo 53.7 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, será liquidada directamente por Augas de Galicia á comunidade con periodicidade cuadrimestral. A comunidade poderá repercutir o dito canon aos seus comuneiros sen que, en ningún caso, o canon total repercutido sexa superior ao liquidado por Augas de Galicia.

2. A parte fixa da cota determinarase conforme o disposto no artigo 20.2.a) deste regulamento.

3. A parte variable da cota determinarase conforme o disposto no artigo 20.2.b) sobre a base impoñible determinada por algún dos métodos establecidos no artigo 13, unha vez descontada, se procede, a base impoñible destinada a usos agrícolas, gandeiros e forestais de acordo co establecido no punto seguinte.

4. Para os efectos do establecido no artigo 10.1.c), nas comunidades de usuarios cuxas augas sexan destinadas na súa totalidade ou en parte a usos agrícolas, forestais e gandeiros, a base impoñible non suxeita determinarase de acordo co establecido no artigo 12.

Artigo 30. Comunidades de usuarios na súa consideración de entidades subministradoras

1. As comunidades de usuarios que pretendan actuar como entidades subministradoras na xestión do canon da auga, deberán solicitalo a Augas de Galicia mediante a presentación dun modelo de declaración establecido para o efecto.

2. Augas de Galicia deberá notificar a resolución autorizando a actuación das comunidades de usuarios como entidades subministradoras no prazo de dous meses desde a súa presentación. A resolución fixará a data do inicio das actuacións da comunidade de usuarios como entidade subministradora.

3. As obrigas das comunidades de usuarios cando actúen como entidades subministradoras serán as recollidas no capítulo V deste título, agás no concernente á obriga de presentar a declaración do mes de xullo; deberán presentar unicamente a declaración no mes de xaneiro en relación co ano natural inmediato anterior.

4. A renuncia a actuar como entidades subministradoras terá efectos no primeiro día do ano natural seguinte ao que se solicita a baixa. A dita solicitude deberá presentarse antes do mes de novembro e non o exime das obrigas asumidas en relación co canon da auga repercutido nos anos en que actuou como entidade subministradora.

Capítulo III
Usos non domésticos

Sección 1ª Normas xerais

Artigo 31. Determinación da cota do canon para usos non domésticos

1. A cota do canon para usos non domésticos resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa será a establecida no artigo 55.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. A parte variable da cota resultará de aplicar sobre a base impoñible o tipo de gravame na modalidade de volume ou, se for o caso, na modalidade de carga contaminante. En ambas as dúas modalidades a base impoñible determinarase por algún dos sistemas establecidos no artigo 13.

4. No suposto de que o contribuínte estea obrigado, simultaneamente, a abonar o canon de auga á entidade subministradora pola auga que esta lle subministre e a Augas de Galicia pola auga procedente de fontes propias, a cota fixa será repercutida pola entidade subministradora de auga.

Sección 2ª Tipo de gravame na modalidade de volume

Artigo 32. Tipo de gravame na modalidade de volume

O tipo de gravame será o establecido no artigo 56.3.a) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Sección 3ª Tipo de gravame na modalidade de carga contaminante

Artigo 33. Tipo de gravame na modalidade de carga contaminante

1. O tipo de gravame expresarase en euros/metro cúbico e determinarase a partir dos prezos por unidade de contaminación establecidos no artigo 56.3.b) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

2. Os parámetros e unidades de contaminación que se considerarán na determinación do tipo de gravame na modalidade de carga contaminante son os seguintes:

Parámetros

Unidades de contaminación

Materias en suspensión (MES)

kg

Materias oxidables (MO)

kg

Nitróxeno total (NT)

kg

Fósforo total (PT)

kg

Sales solubles (SOL)

S/cm·m3

Metais (MT)

kg equimetal

Materias inhibidoras (MI)

Equito

3. A cantidade de contaminación correspondente a cada un dos parámetros indicados no punto anterior medirase como segue:

a) Nas materias en suspensión, por concentración na auga despois da solubilización dos sales solubles.

b) Nas materias oxidables, pola concentración da demanda química de oxíxeno multiplicada por dous terzos.

De non ser posible a determinación da demanda química de oxíxeno debido ao elevado contido salino da mostra, determinarase pola concentración de carbono orgánico total de acordo coa ecuación:

MO = 2,67 × COT

c) O nitróxeno total, de acordo co método Kjeldahl, pola cantidade de nitróxeno orgánico e amoniacal contido na auga, expresada en miligramos/litro.

d) O fósforo total, polo contido de fósforo total orgánico e mineral contido na auga, expresado en miligramos/litro.

e) O contido en sales solubles da auga pola condutividade da auga (a 25 Cº) expresada en siemens por centímetro (S/cm). A cantidade de sal vertido expresarase mediante o produto destas condutividades polo volume vertido:

SOL = S/cm × m3

f) Os metais (MT), pola suma dos miligramos por litro existentes na auga dos seguintes metais, mercurio Hg, cadmio Cd, chumbo Pb, aluminio Al, cromo Cr, cobre Cu, níquel Ni e cinc Zn, afectadas cada unha das concentracións encontradas por un coeficiente multiplicador en función da súa perigosidade potencial, de acordo coa seguinte expresión:

mg/l de equimetal= (200 × mg/l de Hg) + (40 × mg/l de Cd) + (40 × mg/l de Pb) + (10 × mg/l de Al) + (4 × mg/l de Cr) + (2 × mg/l de Cu) + (2 × mg/l de Ni) + (1 × mg/l de Zn); e todo iso dividido entre o número de metais realmente analizado.

g) As materias inhibidoras (MI), pola cantidade contida na auga, medindo a inhibición da luminescencia de Vibrio fischeri.

4. Os elementos enumerados nos puntos anteriores serán analizados segundo os métodos e procedementos detallados no anexo I deste regulamento.

5. Os tipos de gravame obtidos a partir da contaminación vertida poderán ser afectados, segundo os casos, polos coeficientes establecidos nos artigos seguintes de conformidade cos seguintes criterios:

a) As achegas ou as detraccións de auga que efectúe o contribuínte, que se expresará mediante a relación existente entre o volume de auga vertido e o volume de auga consumido ou utilizado.

b) A dilución nas verteduras que se evacuen ao mar mediante instalacións de titularidade privada.

c) Os usos a que se destina a auga.

d) A realización de verteduras a zonas declaradas sensibles.

Artigo 34. Coeficiente corrector de volume

1. Naqueles casos en que o volume de auga vertido sexa distinto ao volume de auga consumido ou utilizado o tipo de gravame na modalidade de carga contaminante verase afectado por un coeficiente corrector de volume (CCV) que expresará a relación existente entre ambos os dous volumes.

2. Para a aplicación deste coeficiente corrector de volume é preciso que o obrigado tributario dispoña de aparellos de medida nas fontes de abastecemento de auga e na vertedura. Noutro caso este coeficiente tomará o valor de 1.

3. Non obstante o anterior, poderase aplicar o coeficiente corrector de volume nos casos en que o obrigado tributario non dispoña de aparellos de medida na vertedura nos seguintes supostos:

a) Cando o suxeito pasivo acredite mediante informe técnico a relación entre o volume consumido e vertido, para o que se terán en consideración, polo menos, os usos da auga realizados, as incorporacións de auga ao proceso, detraccións, perdas e incorporacións ao produto final.

Este informe será valorado por Augas de Galicia quen, motivadamente, poderá considerar improcedente a aplicación dun coeficiente corrector distinto de 1. Establécese como unha das causas para a súa improcedencia a non inclusión de todas as incorporacións ou detraccións da auga no balance de augas.

b) Cando o volume vertido veña determinado polas augas pluviais ou escorrementos superficiais.

4. No caso de que a base impoñible veña constituída polo volume vertido este coeficiente tomará o valor de 1.

Artigo 35. Coeficiente de vertedura ao mar

1. Nas verteduras ao mar efectuadas mediante instalacións de saneamento privadas, os parámetros de contaminación veranse afectados polos seguintes coeficientes de vertedura ao mar (CVM):

Parámetro de contaminación

Coeficiente de vertedura ao mar

Sales solubles

0

Materias inhibidoras

1

Resto de parámetros

Factor de dilución

2. Os valores do factor de dilución serán os que deseguido se indican en función dos valores de dilución inicial da condución de vertedura:

Valores de dilución inicial

Factor de dilución

11.000 ou máis

0,30

Entre 7.000 e menos de 11.000

0,45

Entre 4.000 e menos de 7.000

0,60

Entre 2.000 e menos de 4.000

0,70

Entre 1.000 e menos de 2.000

0,75

Entre 100 e menos de 1.000

0,80

Menos de 100

1,00

3. Para os efectos da aplicación do coeficiente de vertedura ao mar, os valores de dilución inicial indicados no punto anterior serán determinados de acordo coa vixente normativa en materia de conducións de vertedura desde terra ao mar.

Artigo 36. Coeficiente de zona sensible

1. Nas verteduras efectuadas mediante instalacións de saneamento privadas en zonas declaradas sensibles, de acordo co disposto no Real decreto lei 11/1995, no que concirne á declaración de zonas sensibles, os parámetros de contaminación veranse afectados polo seguinte coeficiente de zona sensible (CZS).

Parámetro de contaminación

Coeficiente de zona sensible

Nitróxeno total

1,1

Fósforo total

1,1

Resto de parámetros

1

2. O coeficiente aplicarase unicamente ás verteduras que se realicen directamente nas masas de auga declaradas sensibles.

Artigo 37. Coeficiente de uso

Naqueles usos da auga que se realicen nas actividades que se indican na táboa seguinte, sempre e cando non se realicen verteduras á rede de sumidoiros, o tipo de gravame verase afectado polo seguinte coeficiente de uso (CU).

Actividades

Coeficiente de uso

Acuicultura de auga continental

Factor de piscifactorías

Artigo 38. Factor de piscifactorías

1. Nos usos da auga procedentes de captacións superficiais do dominio público hidráulico realizados en acuicultura cando o volume anual de auga captado, determinado consonte o establecido no artigo 13 deste regulamento, sexa igual ou inferior aos 100.000 metros cúbicos, o factor de piscifactorías será o que se indica a seguir en función da relación de dimensionamento:

Relación de dimensionamento

Factor de piscifactoría

Menos de 500

0,01

Entre 500 e menos de 1.000

0,02

Entre 1.000 e menos de 1.500

0,03

Entre 1.500 e menos de 2.000

0,04

Entre 2.000 e menos de 3.000

0,05

Entre 3.000 e menos de 5.000

0,10

Entre 5.000 e menos de 10.000

0,15

Entre 10.000 e menos de 20.000

0,20

Entre 20.000 e menos de 30.000

0,25

Entre 30.000 e menos de 100.000

0,30

Sendo a relación de dimensionamento o valor resultante de multiplicar o volume anual, cuantificado por algún dos sistemas referidos no artigo 13, expresado en metros cúbicos, pola superficie das balsas de cultivo, expresado en metros cadrados, e dividido entre a superficie das balsas de decantación multiplicada por 20.000, expresado en metros cadrados.

Para os efectos de determinar este coeficiente, os valores de superficie tomaranse do proxecto que se encontra no expediente de autorización de vertedura e, no caso de que a vertedura non estea autorizada, a aplicación do coeficiente quedará condicionado á acreditación por parte do titular do establecemento dos datos de superficie con anterioridade ao ditado da resolución a que fai referencia o artigo 61 deste regulamento.

2. Cando a instalación dispoña de sistemas de filtración adecuadas para o tratamento das verteduras, o coeficiente obtido de acordo co establecido no punto anterior afectarase por un factor de 0,8 sempre que concorran os requisitos seguintes:

a) O sistema de filtración estea recollido na autorización de vertedura.

b) Todas as liñas de vertedura teñan o sistema de filtración.

c) A luz de malla do filtro sexa igual ou inferior a 0,1 mm.

3. No caso de que unha instalación de acuicultura use ou consuma auga tanto de captacións de dominio público hidráulico coma de captacións de dominio público marítimo-terrestre, ambas as dúas captacións terán a consideración de usos específicos de acordo co sinalado no artigo 47.

Sección 4ª Exención das entidades de iniciativa social

Artigo 39. Procedemento para a declaración da exención nas entidades de iniciativa social

1. O procedemento iníciase coa presentación dunha solicitude polo representante da entidade perante Augas de Galicia, con indicación do establecemento para o cal se solicita a exención, no que manifeste estar inscrita no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos da Xunta de Galicia. Xunto coa solicitude deberá presentar, no caso de abastecerse a partir de captacións propias de auga, o modelo de declaración inicial a que fai referencia o artigo 54 deste regulamento e, no caso de abastecerse de entidade subministradora, copia da última factura-recibo da auga para o citado establecemento.

Augas de Galicia poderá comprobar a vixencia da inscrición no Rexistro de entidade prestadora de servizo ante a Administración competente da Xunta de Galicia.

2. Unha vez recibida a documentación completa, e comprobada a vixencia da inscrición, entenderase acreditada a condición de entidade de iniciativa social desde o momento da presentación da solicitude e terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias.

3. Acreditada a condición de entidade de iniciativa social Augas de Galicia procederá a ditar a resolución correspondente e, no caso de abastecerse de entidade subministradora, comunicaralle a dita circunstancia para os efectos de que deixen de facturar o canon da auga nas facturas-recibo de auga que lle emita ao dito abonado.

4. Cando a solicitude non reúna os requisitos para a concesión da exención, Augas de Galicia deberá, con carácter previo á notificación da resolución, notificar ao obrigado tributario a proposta de resolución denegatoria para que, nun prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da notificación da dita proposta, alegue o que conveña ao seu dereito. Non obstante, poderase ditar directamente resolución cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as presentadas polo interesado.

A resolución deberá ser ditada no prazo de seis meses contados desde o día da presentación da declaración. A falta de notificación da resolución no devandito prazo comporta a estimación da solicitude.

5. As entidades de iniciativa social beneficiarias da exención, deberán comunicar a Augas de Galicia a perda das condicións que serviron de base para a concesión da exención no prazo dun mes contado desde o momento en que se produza a dita perda.

Capítulo IV
Usos específicos

Sección 1ª Normas comúns

Artigo 40. Normas comúns

1. A consideración dun suxeito pasivo como usuario específico requirirá o cumprimento dos requisitos que se indican na sección seguinte. A consideración de usuario específico referirase só á base impoñible que se corresponda co uso indicado nos ditos artigos, e polas restantes bases impoñibles tributarase de acordo co establecido neste regulamento.

2. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

3. A parte fixa da cota será a establecida na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, no artigo correspondente a cada tipo de usuario.

4. A parte variable da cota resultará de aplicar ao volume consumido ou utilizado o tipo de gravame establecido na Lei 9/2010, do 4 de novembro, para cada tipo de usuario, agás nos usos para produción de enerxía hidroeléctrica e acuicultura que se determinara de acordo co establecido nos artigos 43 e 47 deste regulamento, respectivamente.

5. Nos usos específicos onde sexa necesario acreditar reunir unhas determinadas condicións para a súa consideración como uso específico, a acreditación das mencionadas condicións deberá levarse a cabo no momento de presentar a declaración inicial de consumo de auga de fontes propias a que se refire o artigo 54. Noutro caso, así como no suposto de que non estea obrigado á presentación da declaración inicial, a consideración desta base impoñible como uso específico terá efectos no período seguinte á súa acreditación, agás no caso de que non haxa ningunha liquidación emitida para esta base impoñible, caso en que a dita consideración se aplicará aos períodos anteriores non prescritos.

En todo caso, a acreditación considerarase realizada desde a data da presentación da documentación completa en que se xustifique o cumprimento do requisitos exixidos para a dita consideración de usuario específico.

6. A apreciación do cumprimento das condicións para a consideración como uso específico da auga poderá tamén ser levada a cabo de oficio por Augas de Galicia, se dispón dos elementos de valoración necesarios para iso. Neste caso, a consideración dunha base impoñible como uso específico terá efectos no período seguinte ao inicio do procedemento para aprecialo de oficio, agás no caso de que non haxa ningunha liquidación emitida para esta base impoñible, en cuxo caso en que a dita consideración se aplicará aos períodos anteriores non prescritos.

Artigo 41. Resolución de declaración de uso como específico

1. Á vista dos datos contidos na declaración formulada e outros dos cales poida dispoñer, Augas de Galicia ditará unha resolución en que declarará o uso como uso específico, na cal fixará o tipo de uso entre os establecidos na sección seguinte, o sistema de determinación da base impoñible, os tipos de gravame aplicables, os períodos de aplicación, a periodicidade da liquidación e a súa vixencia e revisión. Así mesmo, no caso de que o uso específico proceda de entidade subministradora, Augas de Galicia comunicará o tipo de gravame á entidade subministradora.

2. Antes de ditar a resolución, o expediente deberá poñerse de manifesto ao interesado, durante un prazo de quince días, nos seguintes casos:

a) Cando a Administración teña que utilizar datos ou elementos de xuízo non contidos na declaración.

b) Cando a Administración considere que non están acreditadas as circunstancias para considerar o uso como específico.

3. A tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente, sen necesidade dunha nova resolución, no caso de se produciren por disposición legal modificacións dos tipos ou doutros elementos do tributo contidos nos artigos 57 e 61 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

4. Poderá prescindirse de ditar a resolución regulada neste artigo cando para o mesmo contribuínte se estea tramitando un procedemento de determinación do canon da auga na modalidade de volume ou de carga contaminante establecidos nos capítulos VI e VII deste regulamento, caso en que a declaración nos termos indicados no punto 1 se levará a cabo na resolución a que fan referencia os artigos 58 e 62 deste regulamento.

Sección 2ª Relación de usos específicos

Artigo 42. Usos industriais de refrixeración

1. As condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas de refrixeración serán as seguintes:

a) Que se trate dun uso non consuntivo: para estes efectos o volume de auga retornado ao medio en que foi captado non difire en relación co volume captado en máis dun 5%.

b) Que a auga se retorne ao mesmo medio en que foi captada: para este efectos o suxeito pasivo deberá acreditar mediante informe técnico que a vertedura da dita liña se realiza no mesmo medio en que foi captada, entendéndose por medio a masa de auga definida no número 30 do artigo 2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Esta xustificación poderá ser substituída pola acreditación de dispoñer do oportuno título administrativo da captación e vertedura da dita auga de refrixeración.

c) Que o uso de refrixeración non comporte un incremento dos parámetros de contaminación: para estes efectos a liña de refrixeración deberá ser independente doutras liñas e non se lle engadirá ningún tipo de aditivo desincrustante ou inhibidor de crecemento de algas ou bacterias. Augas de Galicia poderá requirir a presentación de informes analíticos de entrada e saída que acrediten o non incremento de contaminación.

Artigo 43. Usos de produción de enerxía hidroeléctrica

1. Para os suxeitos pasivos concesionarios de auga para usos de produción de enerxía hidroeléctrica a cota variable do canon determinarase consonte a seguinte fórmula:

Q = kwh producidos × euros/kwh

2. A cota variable (Q) calcularase en función dos tipos específicos segundo que o réxime de produción de enerxía hidroeléctrica sexa ordinario ou especial. Para tal efecto, a clasificación dun usuario como de réxime de produción ordinario ou especial determinarase de acordo co establecido na Lei 54/1997, do 27 novembro, do sector eléctrico.

Artigo 44. Usos agrícolas, forestais e gandeiros suxeitos

1. Nos usos agrícolas, forestais e gandeiros que se atopen suxeitos consonte o establecido no artigo 11 deste regulamento, a base impoñible liquidable será a efectivamente destinada a estes usos.

2. No caso de que non sexa independizable a base impoñible destinada a usos agrícolas, forestais ou gandeiros dos restantes usos desenvolvidos no establecemento ou na vivenda, a base impoñible destinada a estes usos determinarase de acordo co sistema establecido no artigo 12 deste regulamento.

Artigo 45. Usos de augas termais e mariñas na actividade balnearia

As condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas termais ou mariñas na actividade balnearia para os efectos da aplicación do canon da auga previsto no artigo 59 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, serán as seguintes.

a) As augas destinadas á actividade balnearia serán aquelas que expresamente veñan recollidas na autorización administrativa emitida polo órgano competente en materia de industria, de acordo co establecido no Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) No tocante ás augas mariñas o suxeito pasivo deberá atoparse dado de alta na división 55 da Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, e acreditar que destinan esta auga ás actividades terapéuticas vinculadas á dita actividade e, así mesmo, que retornan esas augas ao medio mariño.

Artigo 46. Usos de auga para rega de instalacións deportivas

1. As condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas para rega de instalacións deportivas son as seguintes:

a) Que na instalación onde se realice o uso ou consumo de auga sexa unha instalación deportiva.

b) Que a auga sexa destinada para o coidado e mantemento do campo ou terreo de xogo.

2. No caso de que non sexa independizable a base impoñible destinada á rega en instalacións deportiva dos restantes usos, presumirase que o volume destinado ao dito uso será do 50%, agás na rega de campos de golf onde se presumirá o 90%.

3. O tipo de gravame que se aplicará sobre a parte variable será o establecido no artigo 60.4 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, agás que o suxeito pasivo acredite estar en posesión de certificados vixentes de sistemas de xestión ambiental que especificamente inclúan ese uso da auga, de acordo co previsto no Regulamento 761/2001, do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de marzo de 2001, ou ben de acordo co previsto na norma UNE-EN ISO 14001, caso en que o tipo de gravame que se aplicará sobre a parte variable será o establecido no artigo 60.3 da citada lei.

A aplicación deste último tipo de gravame terá efectos desde o período seguinte a que se teña por acreditada a posesión dos certificados.

Artigo 47. Usos de auga en acuicultura e depuradores de moluscos

1. As condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas usadas en acuicultura son as seguintes:

a) Que se trate de captacións propias do dominio público hidráulico ou marítimo-terrestre.

b) Que a vertedura se realice a dominio público hidráulico ou marítimo-terrestre no caso de que se trate de captacións do dominio público hidráulico e o marítimo-terrestre no caso de captacións procedentes dese mesmo ámbito.

c) Que a auga sexa destinada ás actividades incluídas na sección A, división 03, grupo 03.2, da Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril.

d) No caso de captacións procedentes de dominio público hidráulico que o volume anual de auga captado, determinado consonte o establecido no artigo 13, sexa superior aos 100.000 metros cúbicos.

2. As condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas usadas en depuradores de moluscos:

a) Que se trate de captacións de auga de mar que sexan devoltas ao mesmo medio.

b) Que a auga estea destinada á actividade indicada no anexo II do Regulamento CE nº 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello do 29 de abril de 2004 relativo á comercialización para o consumo humano dos moluscos recollidos en zonas de clase B, á súa limpeza para o seu posterior procesamento ou comercialización, ou ao seu mantemento en vivo para a súa posterior comercialización.

Capítulo V
Normas de xestión do canon da auga percibido a través de entidades subministradoras

Artigo 48. Obrigas xerais das entidades subministradoras

1. Todas as entidades subministradoras de auga que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia están obrigadas a repercutir e recadar dos seus abonados o canon da auga, e autoliquidar o importe a Augas de Galicia.

2. Para estes efectos as entidades subministradoras de auga veñen obrigadas a subministrar a Augas de Galicia cantos datos, informes e antecedentes con transcendencia tributaria sexan precisos para as funcións que Augas de Galicia ten encomendadas.

3. As entidades subministradoras, como obrigados a repercutir, están suxeitas ao réxime de responsabilidades e obrigas establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións aplicables. En particular, as entidades subministradoras de auga están obrigadas ao pagamento das cantidades correspondentes ao canon que non repercutisen aos seus abonados cando estean obrigadas a facelo. Esta obriga será exixible desde a data de expedición das facturas ou recibos que se emitisen infrinxindo as obrigas previstas neste capítulo, ou desde a súa non emisión no prazo determinado nos artigos 50 e 51 respecto das subministracións non facturadas ou consumos propios.

4. As infraccións administrativas por defectos na aplicación do canon e as súas sancións serán as contidas na contidas no capítulo IV do título IV da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, así como na Lei xeral tributaria e disposicións complementarias ou concordantes.

Artigo 49. Repercusión do canon da auga

1. No suposto de abastecemento por entidade subministradora, esta deberá repercutir integramente o importe do canon da auga sobre o contribuínte, que queda obrigado a soportalo. O canon será exixible ao mesmo tempo que as contraprestacións correspondentes á subministración.

Esta obriga esténdese ás facturas-recibo que se emitan como resultado da rectificación ou anulación doutras anteriores.

2. Para estes efectos, as entidades subministradoras deberán adaptar o formato das súas facturas-recibo de maneira que figuren, de forma diferenciada e comprensible os seguintes datos:

a) No caso de que o abonado teña a condición de uso doméstico ou asimilado a doméstico:

– O número de metros cúbicos facturados en todo o período.

– Os metros cúbicos facturados comprendidos en cada un dos tramos de consumo previstos no artigo 19.

– O tipo aplicable, en euros por metro cúbico, sobre cada un dos tramos indicados no punto anterior.

– A cota variable do canon da auga resultante da suma das cotas parciais de cada tramo de facturación.

– A cota fixa do canon da auga.

– A cota íntegra do canon da auga, resultante da suma da cota variable e da cota fixa.

– Nos usos domésticos, o importe bonificado, se é o caso, pola condición recoñecida de familia numerosa.

– A cota líquida do canon da auga, pola diferenza entra a cota íntegra e o importe bonificado por familia numerosa.

No suposto de que a factura-recibo emitida deba ser adaptada aos cadernos ou normas da Asociación Española da Banca, a información que se debe incluír será, cando menos, o volume facturado, a cota variable, a cota fixa, o importe bonificado e a cota líquida de canon da auga.

b) No caso de que o abonado teña a condición de uso non doméstico ou específico:

– O número de metros cúbicos facturados en todo o período.

– O tipo aplicable expresado en euros por metro cúbico.

– A cota variable do canon da auga resultante de multiplicar o tipo de gravame polos metros cúbicos facturados no período.

– A cota fixa do canon da auga.

– A cota líquida do canon da auga, resultante da suma da cota variable e da cota fixa.

– Nos usos non domésticos, indicación de se a modalidade de tributación é na modalidade de volume ou na de carga contaminante.

3. As entidades subministradoras deberán aplicar de oficio aos seus abonados as correspondentes cotas do canon segundo os tipos que en cada momento se atopen vixentes, tanto no que se refire á parte fixa da cota como á parte variable, agás nos supostos de determinación do canon por carga contaminante, nos cales Augas de Galicia lles comunicará a tarifa aplicable.

4. A repercusión deberá facerse constar de maneira diferenciada na factura ou recibo que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, cos requisitos indicados no número 2, e queda prohibida tanto a súa repercusión como o seu cobramento de forma separada, sen prexuízo do establecido nos artigos 50 e 51 e no número 5 do artigo 52.

5. No caso de que non efectúen lecturas mensuais, as entidades subministradoras repercutirán o canon da auga aos usuarios domésticos e asimilados repartindo o volume de modo proporcional ao número de meses que comprenda o período de lectura, que virá determinado polo período de facturación a que se corresponda.

6. No caso que dentro dun mesmo período de facturación teña lugar a modificación do tipo de gravame do canon, cada un deles será aplicado ao volume facturado en proporción ao número de meses de vixencia respectiva dentro do período, tanto no referido á cota fixa como á variable.

7. O procedemento para o cobramento do canon da auga en período voluntario será unitario co seguido para a recadación dos dereitos que á entidade subministradora correspondan polo servizo de abastecemento de auga.

Para tal efecto, o acto de aprobación do documento que faculta para o cobramento dos dereitos dimanantes do servizo de abastecemento de auga e o anuncio de cobranza virán referidos igualmente ao canon da auga. Neste acto deberá advertirse ao contribuínte de que a falta de pagamento no período voluntario sinalado suporá a exixencia do canon da auga directamente ao contribuínte pola vía de constrinximento pola consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia e, así mesmo, deberá indicarse que a repercusión do canon da auga poderá ser obxecto de reclamación económico-administrativa ante o órgano económico-administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia no prazo dun mes desde que se entenda producida a notificación.

8. O prazo de pagamento voluntario do canon da auga será o mesmo que o establecido para a factura-recibo onde se conteña este. En caso de non estar definida a dita data, o prazo para considerar un recibo de canon de auga como impagado de acordo co establecido no punto 2.e) do artigo 51, será de tres meses desde a data de emisión do recibo.

9. Os aprazamentos e fraccionamentos que acorden as entidades subministradoras no período voluntario de recadación da factura-recibo da auga incluirán o canon da auga.

10. As comunicacións da existencia de créditos que realicen as entidades subministradoras ás administracións concursais ao abeiro do disposto no artigo 85 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, deberán incluír o canon da auga cando esta comunicación se realice antes de que o dito importe fose declarado como pendente de pagamento de acordo co establecido no punto 2.f) do artigo 52.

11. Nos usos domésticos e asimilados a domésticos onde na factura-recibo o volume de auga sexa estimado por non se ter practicado a lectura dos contadores, a entidade subministradora repercutirá un importe de canon da auga de 0 €, debendo repercutir, na seguinte factura-recibo en que si se procedese a facer lecturas dos contadores, o canon da auga correspondente a todo o volume de auga subministrado durante o período comprendido entre as datas das lecturas de contador e tendo en conta o número de meses transcorridos.

Non obstante, de non se practicaren lecturas de contadores durante un período dun ano, na última das facturas-recibo emitidas nese período deberase repercutir o canon da auga por todo o período transcorrido, determinando a base impoñible por estimación obxectiva de acordo co establecido no artigo 15 deste regulamento e tendo en conta o número de meses transcorridos.

12. A obriga establecida no punto 1 do artigo 53 esténdese aos abonados das entidades subministradoras de auga cando así sexan expresamente requiridos por Augas de Galicia para a súa presentación.

Artigo 50. Subministracións non facturadas

Nos casos de abastecemento por entidade subministradora cuxa prestación non sexa obxecto de facturación, as entidades subministradoras están obrigadas a facturar nos dous primeiros meses naturais do ano unha factura-recibo en concepto de canon da auga coas especificidades que se establecen no número 2 do artigo anterior en relación co volume subministrado no ano inmediato anterior.

Artigo 51. Consumos propios das entidades subministradoras

Nos supostos de consumos propios das entidades subministradoras o canon de auga referido aos ditos consumos debe ser ingresado na autoliquidación do mes de xaneiro en relación co volume consumido no ano inmediato anterior.

Artigo 52. Declaracións e autoliquidacións

1. Dentro dos meses de xaneiro e xullo, as entidades subministradoras presentarán, por cada municipio que abastezan e en relación cos respectivos semestres naturais de cada ano, as autoliquidacións, axustadas ao modelo aprobado para o efecto, das cantidades repercutidas ou que se debesen repercutir en concepto de canon da auga naqueles períodos.

2. A autoliquidación indicada no punto anterior incluirá:

a) O importe repercutido neto en concepto de canon de auga, unha vez deducidos erros e anulacións, que na data de finalización do período voluntario de pagamento da factura-recibo estea comprendido dentro do semestre correspondente.

No caso de facturas-recibo que sexan fraccionadas pola entidade subministradora, os importes que se deben incluír neste punto corresponderanse co importe das fraccións cuxa data de vencemento da fracción en período voluntario estea comprendido nese semestre.

b) O importe en concepto de canon da auga que non foi repercutido aos seus abonados cando estean obrigadas a facelo, en que a data de expedición das facturas ou dos recibos que se emitisen infrinxindo as ditas obrigas, ou a data máxima para a súa confección no caso de subministracións non facturadas, estea comprendida no semestre correspondente.

c) Na autoliquidación do mes de xaneiro, o canon da auga asociado a consumos propios da entidade subministradora segundo o establecido no artigo 51.

d) O importe percibido do total repercutido indicado na alínea a) máis o importe percibido no semestre de cantidades cuxa data de vencemento finalice no semestre inmediato seguinte. Nesta autoliquidación non se incluirán os importes que, sendo a forma de pagamento mediante domiciliación bancaria, o cargo fose devolto pola entidade bancaria no momento de presentar a autoliquidación.

e) O importe non percibido do total repercutido indicado na alínea a) cando a entidade subministradora admita durante o período voluntario de pagamento que o contribuínte non satisfaga o canon da auga e si o importe que supoña a contraprestación pola subministración da auga.

f) O importe das cantidades repercutidas indicadas na alínea a) que a día primeiro do mes en que se deba presentar a declaración estea pendente de cobramento, agás os importes correspondentes ás cantidades indicadas nas letras anterior e seguinte.

g) O importe das cantidades repercutidas indicadas na alínea a) que a día primeiro do mes en que se deba presentar a declaración estea pendente de cobramento pero que se corresponda co suposto indicado no número 10 do artigo 49.

h) O importe das facturas-recibo que sexan fraccionadas pola entidade subministradora cuxa data de vencemento de pagamento voluntario estea comprendido dentro do semestre correspondente.

i) O importe a que fai referencia o número 5 deste artigo.

O importe total que se debe ingresar mediante a autoliquidación será a suma dos importes indicados nas letras b), c), d), e) e i), menos o importe que pode ser deducido, de acordo co sinalado no número 7 deste artigo, e o importe xa ingresado na autoliquidación do semestre anterior de acordo co indicado na letra d).

3. No modelo de autoliquidación xustificaranse os importes pendentes de cobramento regulados na letra f) do punto anterior. Para tal fin deberase declarar o número de recibos impagados e o importe total destes recibos, acompañados dunha declaración responsable da entidade subministradora de que, agás no suposto de consumos propios e subministración non facturadas, a repercusión do canon da auga se realizou de maneira diferenciada na propia factura ou recibo que emite para documentar a contraprestación dos seus servizos, que o procedemento recadatorio do canon da auga foi unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga e que durante o período voluntario de recadación non admitiu que o contribuínte pagase o importe que supón a contraprestación pola subministración da auga.

Xunto co modelo de autoliquidación deberase presentar unha relación documentada axustada ao modelo aprobado para o efecto do dito importe. Nela conterase unha relación individualizada das débedas tributarias repercutidas aos contribuíntes e non satisfeitas por estes. A presentación desta relación exonera as entidades subministradoras de responsabilidade en relación coas débedas tributarias contidas nela, agás que o procedemento recadatorio seguido non sexa unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga.

4. A relación indicada no punto anterior debe conter todos os elementos necesarios que posibilite a continuación do procedemento de recadación. Singularmente, e sen prexuízo da información que se estableza no modelo de declaración establecido para o efecto, deberase declarar para cada recibo:

a) Nome do abonado e NIF/CIF.

b) Enderezo de subministración.

c) Nome e NIF/CIF da persoa/entidade que realice o pagamento.

d) Volume subministrado.

e) Período de facturación.

f) Importe repercutido en concepto de canon de auga, tanto no referido á cota fixa como á variable.

g) Data de emisión.

h) Data de vencemento do pagamento voluntario.

i) Se é o caso, data de aprobación do padrón de augas.

j) Se é o caso, data de publicación do padrón de augas no correspondente diario oficial ou, no seu defecto, de notificación da factura-recibo.

A ausencia de calquera dos citados datos que imposibilite a continuación do procedemento de recadación indicado no número 6 deste artigo, dará lugar á emisión dun requirimento de emenda á entidade subministradora cun prazo de 15 días, advertíndolle que de non facelo no prazo indicado, se considerará incumprida a obriga de xustificación das cantidades impagadas e, en consecuencia, non se considerará exonerada de responsabilidade a entidade subministradora sobre as ditas débedas non xustificadas.

5. Unha vez xustificados os importes impagados de acordo co indicado no punto anterior, a entidade subministradora de auga non poderá percibir o importe en concepto de canon da auga do contribuínte. Non obstante, as entidades subministradoras que excepcionalmente reciban pagamentos correspondentes ás ditas cantidades xa xustificadas deberán ingresar o seu importe en Augas de Galicia, coincidindo coas autoliquidacións semestrais a que se refire o punto 1. As autoliquidacións irán acompañadas neste caso dunha relación documentada segundo o modelo aprobado para o efecto.

6. Logo de xustificadas as cantidades indicadas nos números 3 e 4 por parte das entidades subministradoras, exixirase o cumprimento directamente ao contribuínte en vía executiva, agás no caso de que da xestión recadatoria seguida pola entidade subministradora non exista constancia da notificación da débeda ao contribuínte, caso en que estas débedas serán notificadas aos contribuíntes por Augas de Galicia para o seu ingreso en período voluntario, antes de pasar, se procede, á súa exacción en vía executiva.

Esta notificación para o seu ingreso en período voluntario levarase a cabo mediante publicación colectiva no Diario Oficial de Galicia, e outorgarase un prazo dun mes natural para que os interesados se presenten ante Augas de Galicia para seren notificados por comparecencia dos importes repercutidos e non aboados, advertíndolles que, transcorrido o mencionado prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación se entenderá producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

7. Unha vez presentados os modelos a que fan referencia os puntos anteriores, no caso de que por parte da entidade subministradora se anule algunha das facturas-recibo cuxo canon da auga fose declarado nos ditos modelos, deberá procederse do seguinte xeito:

a) No caso de que o canon da auga se corresponda con importes percibidos e xa autoliquidados, poderá proceder a deducir do modelo de autoliquidación do período en que se produciu a anulación os importes de canon da auga anulados. As autoliquidacións irán acompañadas neste caso dunha relación documentada segundo o modelo aprobado para o efecto onde se identificarán as liquidacións anuladas.

Da mesma forma actuarase no suposto de que, unha vez autoliquidado a Augas de Galicia o canon da auga, o importe total da factura-recibo da auga sexa devolto ao abonado, caso en que, ademais de poderse deducir os importes como se sinala neste punto, deberá proceder a declarar o dito importe como pendente de cobramento.

b) No caso de que o canon da auga fose xustificado como pendente de cobramento na autoliquidación correspondente, deberá acompañar á autoliquidación do período en que se produciu á anulación unha relación documentada segundo o modelo aprobado para o efecto onde se identificarán as liquidacións anuladas.

Artigo 53. Ingresos

1. O ingreso das débedas tributarias derivadas da xestión do canon da auga efectuarase nas contas restrinxidas de recadación que sexan autorizadas e, se é o caso, nas oficinas da Administración designadas para o efecto.

2. Os prazos de ingresos serán:

a) Polas débedas autoliquidadas, simultaneamente coa presentación da autoliquidación, dentro dos prazos establecidos no artigo 52.1.

b) Polas débedas liquidadas pola Administración os prazos de ingreso serán os establecidos no artigo 62 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Capítulo VI
Normas de xestión do canon da auga en aproveitamentos efectuados
directamente polo contribuínte

Sección 1ª Procedemento xeral do canon da auga en aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte

Artigo 54. Declaración inicial

1. Todos os titulares e usuarios reais de aproveitamentos de augas procedentes de captacións superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra procedencia suxeitos ao canon da auga, agás no caso dos usos domésticos que non dispoñan de aparellos de medida, están obrigados a presentar unha declaración inicial segundo o modelo aprobado para o efecto que conterá todos os datos e os elementos necesarios para a aplicación singular do tributo.

2. Sen prexuízo do indicado na disposición adicional terceira deste regulamento, a declaración inicial deberá ser presentada ante Augas de Galicia no prazo dun mes contado desde o inicio do aproveitamento.

3. Calquera variación das características declaradas referidas, entre outras, ás fontes de aprovisionamento de auga, ás súas características e á existencia de aparellos de medida, deberá ser comunicada a Augas de Galicia dentro do prazo dun mes desde o momento que se produza. Esta nova declaración estenderá os seus efectos á data en que se producise a variación co límite temporal do prazo aquí establecido para a súa presentación.

4. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo constituirá unha infracción sancionable de acordo co previsto na normativa xeral tributaria.

Artigo 55. Declaración de aparellos de medida e lecturas periódicas

1. Os contribuíntes comprendidos no artigo anterior que teñan instalados aparellos de medida nas captacións propias de auga presentarán perante Augas de Galicia as seguintes declaracións:

a) Declaración do aparello de medida segundo o modelo aprobado para o efecto. Este modelo deberá ser presentado no prazo dun mes desde que se proceda á súa instalación ou, se é o caso, á súa substitución por outro.

b) Dentro dos primeiros vinte días naturais de cada cuadrimestre, unha declaración segundo o modelo aprobado para o efecto dos volumes de auga consumidos ou utilizados no cuadrimestre inmediato anterior, coa lectura practicada en calquera dos aparellos de medida declarados segundo o indicado no letra anterior.

2. No suposto dos usos específicos onde a base impoñible non veña determinado polo volume de auga consumido ou utilizado, os contribuíntes estarán obrigados a presentar unha declaración no prazo antes sinalado onde declararán a base impoñible do cuadrimestre inmediato anterior expresado nas unidades correspondentes.

3. No caso de aproveitamentos que non teñan instalado un aparello de medida de volume ou que non o declaren de acordo co establecido no punto anterior, a base impoñible será determinada por estimación obxectiva, segundo dispón o artigo 15.

Artigo 56. Liquidacións e notificacións

1. Augas de Galicia emitirá a liquidación cuadrimestral correspondente de acordo coa base impoñible determinada na resolución ou, se é o caso, de acordo co volume declarado mediante a declaración cuadrimestral indicada no artigo anterior. Esta liquidación ten o carácter de provisional e poderá ser regularizada nos termos previstos na normativa xeral tributaria.

2. No caso de falta de presentación da declaración periódica a que se refire o artigo anterior, a Administración procederá:

a) A practicar e notificar a liquidación provisional por estimación indirecta, aplicándolle os xuros de demora na contía que resulte vixente en cada momento segundo a normativa tributaria xeral aplicable. Para tal efecto os xuros de demora devindicaranse desde a data de finalización do prazo para a presentación da declaración ata a data de emisión da liquidación.

b) Se é o caso, a abrir expediente sancionador.

Artigo 57. Ingresos

Serán de aplicación ao procedemento regulado nos artigos precedentes as normas do artigo 53, en todo canto se refira ao ingreso das cotas tributarias resultantes.

Sección 2ª Normas específicas de procedementos na modalidade de volume

Artigo 58. Resolución de determinación do canon da auga na modalidade de volume

1. Á vista dos datos contidos na declaración formulada e outros dos cales puider dispoñer, Augas de Galicia ditará unha resolución na modalidade de volume na cal fixará o sistema de determinación da base impoñible, os tipos de gravame aplicables, os períodos de aplicación, a periodicidade da liquidación e a súa vixencia e revisión.

2. Antes de ditar a resolución, o expediente deberá poñerse de manifesto ao interesado, durante un prazo de quince días, nos seguintes casos:

a) Cando a Administración teña que utilizar datos ou elementos de xuízo non contidos na declaración.

b) Cando a Administración non acceda ás modalidades de aplicación solicitadas polo usuario.

3. A tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente, sen necesidade dunha nova resolución, no caso de se produciren por disposición legal modificacións dos tipos ou doutros elementos do tributo contidos nos artigos 55 e 56 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Capítulo VII
Normas de xestión do canon da auga na modalidade de carga contaminante nos usos non domésticos da auga

Artigo 59. Normas xerais

1. Nos usos non domésticos que usen ou consuman auga procedente de fontes propias ou que sexa facilitada por entidades subministradoras o tipo de gravame do canon da auga poderá ser determinado na modalidade de carga contaminante de acordo co establecido na sección 3ª do capítulo III deste título.

2. O procedemento para a aplicación do tipo de gravame na modalidade de carga contaminante poderá ser iniciado de oficio ou por instancia do contribuínte.

3. Augas de Galicia determinará de oficio o tipo de gravame na modalidade de carga contaminante nos casos en que a cota resultante resulte superior á que se poida deducir da aplicación do tipo na modalidade de volume.

4. As operacións de toma de mostras e análises a que se refire este capítulo poderán ser realizadas directamente por Augas de Galicia ou por algunha das entidades colaboradoras establecidas no Decreto 162/2010, do 16 de setembro, polo que se regulan as entidades colaboradoras da Administración hidráulica de Galicia en materia de control de verteduras e calidade das augas. A realización das citadas operacións por parte das entidades colaboradoras poderá ser solicitada por Augas de Galicia ou polo suxeito pasivo.

5. Cos resultados obtidos, así como doutros dos cales poida dispoñer, a Administración resolverá a aplicación individualizada do canon da auga na modalidade de carga contaminante.

Artigo 60. Aplicación de oficio da modalidade de carga contaminante

1. A medida da carga contaminante vertida por un suxeito pasivo do canon da auga por usos non domésticos comezará coa inspección das instalacións onde desenvolva a súa actividade e o levantamento dunha dilixencia na cal se reflictan os aspectos constatados durante a inspección.

2. Durante a inspección procederase a tomar unha mostra puntual das verteduras ás cales se practicarán as análises indicadas no artigo 33 e que servirán de base para a determinación do tipo de gravame na modalidade de carga contaminante.

3. Se o suxeito pasivo manifesta a súa oposición á mostraxe realizada por considerar que presenta unha gran variedade de procesos de fabricación ou puntas de estacionalidade que provoquen modificacións substanciais na cantidade ou calidade das verteduras deberá presentar un informe técnico xustificativo e os informes analíticos que xustifiquen a dita manifestación en relación cos parámetros establecidos no artigo 33, sendo, por conta do solicitante, os gastos xerados pola realización das operacións de medida, con independencia do resultado ou duración das devanditas operacións. De quedar acreditada a necesidade de realizar unha mostraxe continuada Augas de Galicia procederá á súa realización ou ben, de ser o caso, considerará os propios datos achegados polo contribuínte.

4. Durante a medición e toma de mostras, unha representación do usuario non doméstico inspeccionado pode acompañar o inspector. Unha vez rematada a medición, o persoal encargado entregaralle unha copia da dilixencia levantada, que deberán asinar ambas as dúas partes.

5. Cada mostra obtida constará de tres exemplares homoxéneos, dos cales dous quedarán en poder de Augas de Galicia, mentres que o terceiro se entregará ao representante do suxeito pasivo para a súa eventual análise contraditoria.

Todas as mostras deberán conservarse nas debidas condicións de precinto, etiquetaxe e refrixeración ata a súa entrega ao laboratorio para a súa análise dentro das 48 horas seguintes á súa toma, con excepción da mostra dirimente que se conservará conxelada por un período non superior a dous meses. A entrega da dita mostra ao laboratorio para a súa análise alén do dito prazo invalidará os resultados das análises para os efectos de determinar o canon da auga. Para tal efecto o laboratorio fará constar no informe da análise a data e hora de recepción, así como a identificación e estado da mostra no dito momento.

6. Augas de Galicia comunicará ao suxeito pasivo a copia do informe analítico da mostra unha vez analizada e daralle un prazo de 10 días para que manifeste as alegacións que considere oportunas.

7. O tipo de gravame será determinado coa mostra analizada pola Administración, agás para aqueles parámetros para os cales o contribuínte solicite a análise da mostra dirimente dentro do período de alegación indicado no punto anterior, caso en que os valores que se deben considerar para estes parámetros serán os obtidos na análise da mostra dirimente. No caso de solicitar a realización da análise da mostra dirimente deberá solicitalo no escrito de alegacións, con indicación dos parámetros para os cales solicita a dita análise debendo xuntar copia do informe analítico realizado sobre a mostra contraditoria polo laboratorio onde deben constar, ademais dos resultados analíticos obtidos, a data e hora de recepción, así como a identificación e o estado da mostra analizada no momento de recepcionala.

Artigo 61. Aplicación por instancia do contribuínte da modalidade de carga contaminante

1. O suxeito pasivo poderá solicitar a aplicación do canon da auga na modalidade de carga contaminante mediante a presentación dunha declaración de carga contaminante segundo o modelo aprobado para o efecto. Esta declaración deberá ir acompañada dos informes analíticos das verteduras realizadas.

2. No caso de que a declaración indicada no punto anterior estea incompleta ou ben non achegue os informes analíticos indicados, Augas de Galicia procederá a requirir o interesado para que emende os defectos no prazo de dez días desde a súa recepción, advertiráselle que de non facelo se lle terá por desistido na súa petición, e ditarase a resolución de arquivo sen máis trámite.

3. Os gastos xerados pola realización das operacións de medida serán por conta do solicitante, con independencia do resultado ou duración das devanditas operacións.

4. Augas de Galicia, de oficio ou por instancia do interesado, poderá liquidar o canon da auga de acordo co tipo de gravame que resulte da declaración presentada polo interesado mentres non se dite a resolución finalizadora do procedemento iniciado. Para tal fin procederá a comunicar o dito acordo ao interesado e, se é o caso, á entidade subministradora de auga, con indicación de que unha vez finalizado o procedemento mediante o ditado da resolución, se procederá a regularizar, se é o caso, os importes liquidados con base no tipo de gravame temporal.

5. Cando sexan tidos en conta datos non declarados polo contribuínte, singularmente a raíz das actuacións de comprobación dos datos declarados que leve a cabo Augas de Galicia, ou cando a resolución non se axuste ao solicitado, Augas de Galicia emitirá previamente unha proposta de resolución para que o suxeito pasivo alegue o que conveña ao seu dereito, consonte co disposto na normativa xeral tributaria.

Artigo 62. Resolución de determinación do canon da auga na modalidade de carga contaminante

1. De acordo co resultado das operacións efectuadas segundo o previsto nos artigos anteriores e no artigo seguinte, e doutros datos de que dispoña, Augas de Galicia ditará unha resolución fixando a modalidade de aplicación do canon da auga, os elementos integrantes da base impoñible e da tarifa expresada en euros por metro cúbico, así como a súa vixencia temporal.

2. Na devandita resolución fixaranse tamén, se proceden, os coeficientes indicados nos artigos 34 a 37 deste regulamento.

3. A resolución poderá prever a realización dun número mínimo ou determinado de operacións complementarias de medida da carga contaminante ou de calquera dos elementos que interveñen na determinación da base impoñible ou no cálculo da cota do tributo.

Así mesmo, tamén poderá prever a instalación obrigatoria, por conta do usuario non doméstico, de aparellos de medida permanentes de caudais de vertedura e de mostraxe dela. Neste último caso a resolución fixará os datos que deba proporcionar o suxeito pasivo así como a súa periodicidade.

4. O tipo de gravame establecido na resolución indicada no punto primeiro será de aplicación a partir do período de liquidación seguinte en que se efectúe a petición por parte dos contribuíntes mediante a presentación do modelo establecido no artigo 61, ou o inicio por parte da Administración do procedemento que dá lugar á determinación da base impoñible por medida directa da contaminación regulado no artigo 60, ou a súa modificación nos supostos do artigo 63.

5. No suposto de que non se diten liquidacións correspondentes á produción do feito impoñible con anterioridade á notificación da resolución regulada no punto primeiro deste artigo, o tipo de gravame establecido na resolución aplicarase aos períodos cuadrimestrais anteriores non liquidados.

6. No caso de uso ou consumo de auga procedente de captacións propias, así como no suposto recollido no artigo 13.2, Augas de Galicia ditará as liquidacións correspondentes por cuadrimestres naturais vencidos, e será de aplicación o previsto nos artigos 56 e 57. De tratarse dun uso ou consumo de auga facilitada por entidades subministradoras, Augas de Galicia comunicará ás mencionadas entidades os tipos de gravame que se aplicarán nas súas facturas-recibo.

7. O inicio por parte da Administración do procedemento que dá lugar á determinación do canon da auga na modalidade de carga contaminante regulado no artigo 60, de modificación dela nos supostos do artigo 63, ou a presentación da declaración de carga contaminante regulada polo artigo 61, non suspenderá a práctica, nin a obriga de atender o seu pagamento, das liquidacións realizadas de acordo coa modalidade de determinación do tributo existente anterior ao devandito momento, tanto no caso de que o canon da auga sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente por Augas de Galicia.

8. As liquidacións realizadas nos supostos regulados no punto anterior, así como no número 4 do artigo anterior, terán a consideración de liquidacións provisionais. A comprobación das anteriores liquidacións provisionais, de oficio, ou por instancia do suxeito pasivo, será realizada directamente por Augas de Galicia tanto no caso de que o canon da auga sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente polo dito ente.

9. A resolución que poña fin ao procedemento permanecerá vixente mentres non sexa revisada consonte o indicado no artigo seguinte. Non obstante, a tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente, sen necesidade dunha nova resolución, no caso de se produciren por disposición legal modificacións dos tipos ou doutros elementos do tributo contidos nos artigos 55 e 56 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Artigo 63. Revisión da modalidade de carga contaminante

1. No caso de variacións dos procesos produtivos, do réxime de verteduras ou por calquera outra causa que modifique substancialmente as condicións en que se levou a cabo a medición inicial, ou a declaración de carga contaminante regulada no artigo 61, a Administración de oficio, ou por instancia do contribuínte, poderá realizar unha nova medición ou ben o contribuínte presentar unha autodeclaración actualizada, segundo sexa o caso.

2. Os controis puntuais ou continuados que realice a Administración como comprobación da vixencia da medición inicial ou da declaración presentada, así como os realizados dentro dos procedementos de autorización de vertedura ou en materia sancionadora por verteduras, poderán servir como base para a revisión da modalidade de carga contaminante.

Título II
Coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuracion de augas residuais

Capítulo único
Elementos do tributo e normas de aplicación

Artigo 64. Feito impoñible

1. O feito impoñible do coeficiente de vertedura é a prestación do servizo de depuración das augas residuais urbanas efectuado pola Administración hidráulica de Galicia, por si ou por medio de calquera das formas previstas na lexislación administrativa para a xestión do servizo público.

2. A exixencia do coeficiente de vertedura realizarase segundo as modalidades contidas no artigo 6.

3. O coeficiente será exixido polo servizo de depuración das augas residuais urbanas tanto polo uso ou consumo da auga facilitada por entidades subministradoras como polo uso ou consumo da auga en réxime de concesión para abastecemento ou procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente os usuarios.

Artigo 65. Suxeito pasivo e outros obrigados tributarios

1. Serán suxeitos pasivos do coeficiente de vertedura os establecidos no artigo 7, cuxas verteduras se realicen a un sistema de depuración xestionado pola Administración hidráulica de Galicia.

2. No suposto de que nos suxeitos pasivos indicados no punto anterior o abastecemento de auga se realice a partir de entidades subministradoras de auga, estas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de substituto do contribuínte, e estarán obrigadas a cumprir coas obrigas que se establecen no capítulo V do título I deste decreto.

3. Nos supostos de contribuíntes que non se abastezan de entidade subministradora, as entidades prestadoras do servizo da rede de sumidoiros terán a condición de suxeitos pasivos substitutos de contribuínte.

4. Son responsables solidarios do contribuínte os establecidos no artigo 9.

Artigo 66. Supostos de non suxeición e exencións

Os supostos de non suxeición e exención do coeficiente de vertedura serán os mesmos que os establecidos para o canon da auga no artigo 10.

Artigo 67. Xustificación de non suxeición ao coeficiente de vertedura

1. De oficio ou por instancia de parte non se aplicará o coeficiente de vertedura a aqueles usuarios que acrediten que non realizan verteduras de augas residuais á redes de sumidoiros cuxo sistema de depuración é xestionado pola Administración hidráulica de Galicia.

2. A solicitude a que se refire o punto anterior poderá ser instada en calquera momento polo titular da vertedura que estando sometido ao pagamento do coeficiente de vertedura, non realice verteduras a redes de sumidoiros conectadas a instalacións de depuración xestionadas pola Administración hidráulica de Galicia. A dita solicitude deberá ir acompañada dun certificado municipal ou, se é o caso, da compañía concesionaria do servizo da rede de sumidoiros, acreditativo de que o contribuínte non está conectado á rede de sumidoiros así como da data desde a cal se mantén esa situación e, así mesmo, de copia da última factura de auga onde conste a inclusión do coeficiente de vertedura. No caso de que a vertedura se produza a dominio público hidráulico fóra do ámbito de Galicia-Costa, a instancia tamén deberá ir acompañada da documentación acreditativa de ter autorización de vertedura ou, no seu defecto, da fase en que se atopa a autorización ante o organismo de bacía competente.

3. Augas de Galicia deberá resolver a solicitude no prazo máximo de dous meses desde que se dispoña da documentación completa. A falta de resolución expresa nese prazo suporá a desestimación por silencio da solicitude, sen prexuízo de que, unha vez que se dite a resolución expresa, proceda a devolución das cantidades indebidamente soportadas. A resolución terá efectos desde a data en que se presentou a solicitude.

Artigo 68. Base impoñible e tipo de gravame

1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido polo obrigado tributario en cada mes natural, expresado en metros cúbicos, sendo a dita base impoñible coincidente coa do canon da auga e determinarase de acordo coas regras establecidas nos artigos 13 a 16 do presente regulamento.

2. No suposto de que o suxeito pasivo realice, simultaneamente, verteduras que dean lugar ao feito impoñible do tributo, por estaren realizadas a redes de saneamento cuxa prestación do servizo de depuración sexa efectuado pola Administración hidráulica de Galicia, e verteduras que non dean lugar ao feito impoñible, por seren realizadas noutro ámbito, na cuantificación da base impoñible do coeficiente de vertedura non se terá en conta o volume vinculado a estes últimos sempre e cando concorran as seguintes circunstancias:

a) No caso de que a vertedura se realice a dominio público hidráulico ou marítimo-terrestre, que se acredite estar en disposición da autorización de vertedura polo organismo de bacía correspondente ou, no seu defecto, acreditación de estar tramitando a dita autorización ante o organismo de bacía competente.

b) Que a base impoñible vinculada a esa vertedura sexa independente da base impoñible vinculada á vertedura que si dá lugar á realización do feito impoñible da taxa. Para tal efecto, a liña de auga da base impoñible que se pretende deixar fóra do ámbito da taxa debe ser independente das restantes bases impoñibles desde que se capta ou subministra ata que se verte.

3. Nos usos non domésticos, asimilados a domésticos e específicos que non se abastezan de entidade subministradora, e ata que Augas de Galicia non proceda a determinar a base impoñible segundo o establecido no artigo 14, nos puntos 2 a 7 do artigo 15 ou no artigo 16 mediante o ditado da resolución indicada no artigo 71.5, a base impoñible por estimación obxectiva a exixir pola entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros determinarase do seguinte xeito:

a) No caso de que na factura-recibo pola prestación do servizo da rede de sumidoiros se inclúa un volume facturado de auga, será esta a base impoñible do coeficiente de vertedura.

b) No caso de que na factura-recibo pola prestación do servizo da rede de sumidoiros non se inclúa un volume facturado de auga, a base impoñible determinarase polo cociente entre o importe facturado en concepto de rede de sumidoiros ou saneamento e o tipo de gravame establecido no segundo tramo para os usos domésticos, redondeado sen decimais.

4. Nos usos domésticos que non se abastezan de entidade subministradora a base impoñible por estimación obxectiva que exixirá a entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros determinarase de acordo co establecido no artigo 15.9 deste regulamento, agás que Augas de Galicia lle comunique que deixe de repercutir o coeficiente de vertedura por tratarse dun suxeito pasivo que veña obrigado a presentar a declaración periódica a que fai referencia o artigo 55.

5. O tipo de gravame do coeficiente de vertedura determínase de acordo coas regras establecidas no título I para o canon da auga, agás no referido á aplicación do coeficiente establecido no número 7 do artigo 53 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Artigo 69. Cota tributaria

1. A cota tributaria do coeficiente de vertedura resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable, determinadas consonte o previsto nos artigos 52 a 61 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, agás o previsto no artigo 53.7 da citada lei, e nos artigos 18 a 47 deste regulamento, correspondentes a cada suxeito pasivo.

2. Nos supostos indicados no número 2 do artigo anterior, a cota variable determinarase sobre a base impoñible que dea lugar ao feito impoñible da taxa nas condicións alí establecidas.

Artigo 70. Devindicación

1. O inicio da aplicación do coeficiente terá lugar o primeiro día do seguinte mes natural do comezo da prestación do servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia. Augas de Galicia comunicará, se é o caso, á entidade subministradora de auga o inicio da aplicación.

Para estes efectos, entenderase que comeza a prestación do servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia no momento en que se asuma a súa xestión nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. A devindicación do coeficiente de vertedura prodúcese nos mesmos termos que a devindicación do canon da auga indicado no artigo 17 deste regulamento.

Artigo 71. Normas de aplicación

1. As normas de aplicación do canon da auga previstas nos capítulos V, VI e VII do título I, rexen igualmente para a aplicación do coeficiente de vertedura.

2. A repercusión do coeficiente de vertedura por parte das entidades subministradoras nas súas facturas-recibo deberá levarse a cabo de forma diferenciada da do canon da auga, nos mesmos termos que os indicados para este último no artigo 49. Non obstante, de ser a cota do coeficiente de vertedura igual á cota do canon da auga, a información que se debe incluír na factura-recibo da auga será exclusivamente a cota do coeficiente de vertedura.

3. Nos supostos de suxeitos pasivos do coeficiente de vertedura que non se abastezan a partir de entidades subministradoras, as entidades prestadoras do servizo da rede de sumidoiros veñen obrigadas a repercutir o coeficiente de vertedura ao contribuínte, quen queda obrigado a soportalo, ao mesmo tempo que a contraprestación correspondente ao servizo da rede de sumidoiros, así como a cumprir o restos das obrigas establecidas neste decreto ás entidades subministradoras de auga. Esta obriga estenderase ás prestacións do servizo non facturadas, que se liquidarán nos mesmos termos que os indicados para as subministracións non facturadas no artigo 50.

4. Os consumos propios que dean lugar ao feito impoñible do coeficiente de vertedura será ingresado nos mesmos termos que os indicados para o canon da auga no artigo 51.

5. Cando o suxeito pasivo se abasteza a partir de captacións propias, Augas de Galicia liquidará o coeficiente de vertedura xunto co canon da auga, logo de ditado da resolución a que fan referencia os artigo 58 e 62. Nese momento Augas de Galicia procederá a comunicar a dita circunstancia á entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros para os efectos de que deixe de repercutir o coeficiente de vertedura ao dito suxeito pasivo e, se é o caso, procederá a regularizar as cantidades facturadas por estas.

6. Cando nun mesmo ámbito territorial a entidade subministradora non sexa simultaneamente entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros, esta última estará obrigada a comunicar á primeira a relación de persoas e entidades conectadas á rede de sumidoiros para os efectos de que a primeira lles repercuta o coeficiente de vertedura na factura-recibo de auga. Do mesmo xeito, a entidade subministradora deberá comunicar á entidade prestadora do servizo as persoas ou entidades incluídas na dita relación ás cales non lles subministre auga para os efectos de que esta última proceda a repercutirlle o coeficiente de vertedura de acordo co sinalado neste artigo.

O procedemento para o intercambio de información entre a entidade subministradora e a prestadora do servizo da rede de sumidoiros será o seguinte:

a) A entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros deberá facilitar á entidade subministradora unha relación de persoas ou entidades conectadas á rede de sumidoiros cuxa prestación do servizo de depuración sexa efectuado pola Administración hidráulica de Galicia no mes seguinte ao inicio de dita prestación de acordo co establecido no artigo anterior.

b) A entidade subministradora deberá comunicar á entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros a relación daquelas persoas ou entidades contidas na relación indicada no punto anterior ás cales non lle subministra auga no segundo mes seguinte ao inicio da prestación do servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia de acordo co establecido no artigo anterior.

c) No primeiro mes de cada trimestre natural a entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros deberá comunicar á entidade subministradora as novas altas e baixas no servizo da rede de sumidoiros nese trimestre para os efectos de que a entidade subministradora lle repercuta ou deixe de repercutir o coeficiente de vertedura ou, se é o caso, lle comunique á entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros que non lle subministra auga.

Así mesmo, a entidade subministradora de auga, no mesmo prazo, deberá comunicar á entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros as novas altas e baixas na subministración de auga en relación coas persoas e entidades que figuran na relación inicial así como nas distintas comunicacións periódicas posteriores.

d) O presente procedemento será igualmente de aplicación para aqueles supostos de sistemas de depuración que no momento da entrada en vigor deste regulamento están xestionados pola Administración hidráulica de Galicia, e a entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros estará obrigada a facilitar a relación que se indica na alínea a) no mes seguinte á entrada en vigor do presente regulamento.

e) Por proposta da entidade subministradora e da prestadora do servizo da rede de sumidoiros, e logo de aceptación por parte de Augas de Galicia, poderase establecer un procedemento alternativo que garanta o cumprimento das obrigas de ambas as dúas entidades.

Artigo 72. Baleirado de fosas sépticas

1. Os titulares de fosas sépticas poderán realizar o seu baleirado nas instalacións de depuración xestionadas pola Administración hidráulica de Galicia que teñan habilitado o dito servizo. Para tal efecto Augas de Galicia manterá un rexistro actualizado das instalacións que presten o servizo.

2. O titular da fosa séptica deberá presentar unha solicitude ante Augas de Galicia e cumprir os seguintes requisitos:

– A vivenda ou establecemento non poderá dispoñer do servizo da rede de sumidoiros, nin deberá ser obrigatoria a súa recepción de acordo coas condicións que se estableza na correspondente ordenanza municipal e no regulamento marco de prestación do servizo de saneamento e depuración de augas residuais indicado no artigo 32.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

– As augas vertidas á fosa séptica deberán ser de natureza doméstica.

– O volume baleirado nun ano natural en ningún caso poderá ser superior á base impoñible do coeficiente de vertedura nese mesmo período determinada segundo o establecido no artigo 68.

3. No caso de que a solicitude indicada no punto anterior reúna os requisitos para a súa aceptación, Augas de Galicia ditará unha resolución autorizando a realización de baleirados na cal, entre outros aspectos, se establecerá a data de inicio da vixencia da autorización, a depuradora onde se lle prestará o servizo e as condicións en que se debe realizar o dito baleirado. Esta autorización será tamén comunicada ao xestor da depuradora.

Esta autorización terá efectos desde o primeiro día natural do segundo mes seguinte á notificación da resolución e permanecerá vixente durante doce meses. Esta autorización prorrogarase por períodos de doce meses sempre que se manteñan as condicións para a súa concesión, agás que o titular da fosa solicite a renuncia a tal dereito antes da finalización do décimo mes.

4. Durante o período en que estea vixente a autorización, o titular da fosa séptica estará obrigado ao pagamento do coeficiente de vertedura que será liquidado directamente por Augas de Galicia ao finalizar cada período de 12 meses. Para tal efecto, no caso de abastecer a partir de entidades subministradoras, estas veñen obrigadas a facilitar a Augas de Galicia os volumes subministrados durante o período de vixencia da autorización.

5. A base impoñible do coeficiente de vertedura virá constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido durante o período de vixencia da autorización, expresado en metros cúbicos, e será determinado de acordo co establecido no artigo 67 deste regulamento.

6. No momento de realizar o baleirado deberase cubrir un modelo onde se debe identificar o titular da fosa, o enderezo da vivenda ou establecemento e o volume vertido. Este modelo deberá ser asinado polo xestor, polo titular da fosa e polo transportista.

7. O xestor da depuradora comunicará trimestralmente a Augas de Galicia os baleirados realizados, mediante un modelo establecido para o efecto onde se fará constar o nome ou razón social do suxeito pasivo, o enderezo da vivenda ou establecemento e o volume baleirado.

TÍTULO III
Outras normas procedementais

Artigo 73. Procedemento sancionador

1. O procedemento para a aplicación do réxime sancionador será o previsto na Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria e no Real decreto 2063/2004, do 15 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do réxime sancionador tributario.

2. Os órganos competentes para o inicio, a instrución e a resolución do procedemento sancionador relativas ao canon da auga e ao coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais serán os que estableza no Estatuto de augas de Galicia.

Artigo 74. Recadación en vía de constrinximento

1. Transcorridos os prazos de recadación en período voluntario, Augas de Galicia procederá a expedir relación certificada de débedas non pagadas, que será enviada ao órgano competente da Consellería de Facenda que ditará a correspondente providencia de constrinximento.

2. O procedemento será o regulado na normativa tributaria de carácter xeral.

Artigo 75. Aprazamentos e fraccionamentos

1. A competencia para outorgar aprazamentos e fraccionamentos das débedas tributarias, en período voluntario, correspóndelle ao director de Augas de Galicia, agás no referido aos actos de repercusión do canon da auga e do coeficiente de vertedura por parte das entidades subministradoras e, se é o caso, das entidades prestadoras do servizo da rede de sumidoiros aos contribuíntes.

2. O procedemento será o regulado na normativa tributaria de carácter xeral.

Artigo 76. Procedementos de revisión

1. Poden ser obxecto de reclamación económico-administrativa, logo de interposto potestativamente, recurso de reposición os actos recollidos no artigo 227 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. O procedemento de interposición, tramitación e resolución do recurso potestativo de reposición así como das reclamacións económico-administrativas é o previsto na vixente normativa tributaria de carácter xeral.

ANEXO
Métodos analíticos e procedementos para a determinación dos parámetros de contaminación

1. Preparación e conservación da mostra.

Todas as augas sometidas a análise pasaranse previamente por un baruto de malla cadrada de cinco (5) milímetros.

2. Método para a determinación das materias en suspensión.

As materias en suspensión serán medidas segundo a norma UNE–EN 872:2006, seguindo o sistema de filtración por discos filtrantes de fibra de vidro.

O conxunto de materias en suspensión poderá ser obxecto de corrección no caso de utilizar un aparello de captación continua, por ter en conta a captación imperfecta de materias en suspensión. Neste caso, tomarase manualmente unha mostra representativa dunha hora de vertedura, polo menos, e mediranse as materias en suspensión totais contidas nesta mostra. Calcularase, entón, a relación entre as materias en suspensión contidas, por unha banda, nesta mostra manual, e por outra, na mostra elemental levantada polo aparello durante o mesmo período de tempo, e, a continuación, multiplicaranse por este coeficiente os contidos das materias en suspensión totais obtidos nas diversas mostras elementais que proporcionase o aparello de mostraxe automática.

3. Método para a determinación da demanda química de oxíxeno.

A determinación da demanda química de oxíxeno efectuarase polo método do dicromato potásico segundo a norma UNE 77004:2002.

No caso de que as materias oxidables sexan determinadas pola concentración de carbono orgánico total seguirase o método UNE–EN 1484:1998.

4. Método para a determinación dos sales solubles.

A determinación dos sales solubles efectuarase segundo a norma Afnor NF T90-111 expresando os resultados a 25º C.

5. Método para a determinación das materias inhibidoras.

A determinación de materias inhibidoras efectuarase pola determinación da inhibición da luminiscencia da Vibrio fischeri, de acordo coa norma UNE–EN ISO 11348:2009 e deberanse determinar os equitox aos 15 minutos.

Para os efectos da determinación do canon da auga e coeficiente de vertedura, os resultados que presenten valores inferiores a 1 equitox/m3 serán considerados como de valor 0.

6. Método para a determinación dos metais cadmio, cobre, níquel, chumbo, cromo, zinc, aluminio e mercurio.

A determinación dos metais cadmio, cobre, níquel, chumbo, cromo, zinc, aluminio e mercurio efectuarase segundo a normativa UNE por espectrometría de absorción atómica ou ICP.

7. Método para a determinación do nitróxeno total.

A determinación do nitróxeno total efectuarase segundo o disposto na norma UNE-EN 25663.

8. Método para a determinación do fósforo total.

A determinación do fósforo total efectuarase segundo o método descrito na norma UNE-EN 1189.

9. As normas técnicas referenciadas neste anexo entenderanse sempre en relación coa última actualización publicada e serán substituídas polas normas UNE equivalentes, a partir do momento da súa publicación.