Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2012 Páx. 26587

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade dos criterios de repartición do fondo de acción social do ano 2012 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta dirección xeral acorda dar publicidade dos criterios de repartición do fondo de acción social do ano 2012 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, os cales figuran no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO
Convocatoria de acción social 2012

En aplicación do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2012 e o disposto na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 44, do 2 de marzo de 2012), destínase na partida orzamentaria 05 02 131B 162.04 a cantidade de 11.400,00 euros para a axuda do programa de discapacidades do fondo de acción social para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Condicións xerais

1. Ámbito persoal

a) Poderán solicitar a prestación os funcionarios titulares e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza:

Médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.

b) O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar en situación de activo ou en excedencia por coidado de fillos na Administración de xustiza e con destino nesta Comunidade Autónoma na data de inicio do prazo de presentación das solicitudes e reunir os requisitos exixidos para esta axuda.

c) Tamén poden solicitar as prestacións do referido programa os funcionarios interinos da Administración de xustiza sempre que prestasen servizos nalgún momento nesta Comunidade Autónoma no período comprendido entre o remate da acción social do ano pasado (31.7.2011) ata a finalización do prazo de presentación de instancias deste ano (31.7.2012).

d) As prestacións desta acción social son incompatibles coas que se poidan conceder por outras administracións.

2. Convocatoria

a) O prazo de presentación das solicitudes é o comprendido desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de xullo, ambos os dous incluídos.

b) Serán nulas todas as instancias que non se presenten dentro do prazo da convocatoria.

c) O período que comprenden estas axudas será desde o remate da convocatoria anterior (31.7.2011) ata o prazo de finalización de presentación de solicitudes desta.

3. Solicitudes e documentación

a) As solicitudes deberán cubrirse obrigatoriamente a través do portal do empregado público de Xustiza.

b) As solicitudes deberán rexistrarse no portal e deberán imprimirse e conservarse como xustificante da súa presentación telemática.

c) No caso de que o solicitante teña que achegar documentación complementaria, deberá presentar a instancia rexistrada no portal do empregado público de Xustiza xunto coa documentación correspondente nos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas ao Servizo de Persoal da Administración de Xustiza da Dirección Xeral de Xustiza, na praza de Europa 5A - 4º, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela.

d) Os solicitantes deben xuntar á petición os documentos que se exixen e xustificar os feitos que se aleguen mediante unha certificación ou copia cotexada.

e) Os documentos especiais exixidos, se é o caso, constarán nas condicións específicas.

f) Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscaduras.

g) A ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades que procedesen. En calquera dos casos non se poderá acceder a ningún tipo de axuda durante o tempo que determine a Comisión de Acción Social atendendo á gravidade dos feitos, cun mínimo de cinco anos e un máximo de dez.

4. Desestimacións e anulacións

A reunión de todos os requisitos exixidos, tanto de carácter persoal, documental ou formal, permitirá a consideración da solicitude.

Por contra, a falta dalgún dos anteditos requisitos ou dos documentos que se deberán achegar coa solicitude inicial producirá a desestimación da solicitude.

Os requisitos e condicións familiares e persoais, a non ser que se sinale outra cousa, entenderanse referidos ao día de remate do prazo de presentación da solicitude.

Para comprobar a veracidade dos documentos achegados, a Comisión de Acción Social poderá requirir calquera solicitante para que presente as certificacións que considere oportunas.

As solicitudes sen resolver entenderase que non cumpren os requisitos da convocatoria.

A resolución notificarase na forma establecida na base seguinte.

5. Procedemento

1. Recibidas as solicitudes, procederá ao seu estudo e cualificación a Comisión de Acción Social que, unha vez ultimada a xestión, formulará a proposta de concesión a favor dos que reúnan os requisitos desta resolución.

2. A Comisión de Acción Social notificará a admisión ou exclusión provisional e definitiva aos solicitantes.

A notificación da admisión ou exclusión provisional farase no prazo máximo de 3 meses a partir da data de finalización do prazo de presentación das instancias. Os interesados poderán formular as reclamacións que sexan procedentes no prazo de 15 días naturais desde a recepción da correspondente notificación. Admítese a vía de fax (número 981 54 62 22) nos casos en que non se teñan que achegar documentos orixinais ou cotexados. Esgotado este, elevaranse aquelas a definitivas coas modificacións que procedesen, e farase efectivo o importe da axuda solicitada.

Condicións específicas

Axuda discapacidades

Obxecto do programa

A execución do programa abrangue a repartición da contía existente entre todos os solicitantes, tendo en conta os graos de discapacidade.

Beneficiarios

Os solicitantes destas prestacións deberán reunir as condicións xerais establecidas no punto 1 e ademais:

Só poderá facer a solicitude un membro da unidade familiar no caso de que ambos os dous sexan funcionarios da Administración de xustiza.

Os solicitantes deberán ter baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, fillos, tutelados por sentenza xudicial firme ou irmáns con discapacidade física ou psíquica superior ao 33%.

Documentación

Ademais dos documentos que se expresan no punto 3 das condicións xerais, será necesario achegar:

a) A certificación do organismo competente que acredite a discapacidade do cónxuxe, fillo, tutelado ou irmán do solicitante, así como o grao desta.

b) No caso de que a axuda for para o cónxuxe ou para un fillo, e sexa a primeira vez que solicitan esta axuda ou se produciron cambios na súa situación familiar desde a pasada convocatoria, o solicitante deberá presentar unha fotocopia compulsada do libro de familia.

c) Se a axuda for para un tutelado ou irmán, o solicitante deberá acreditar a súa tutela.

Contía da axuda

A contía da axuda calcúlase do seguinte xeito tendo en conta o grao de discapacidade:

33% ata 64% 200 €

65% ata 74% 400 €

75% en diante 800 €

As contías de cada grao de discapacidade son estimativas. A Comisión de Acción Social poderá modificar o seu reparto segundo o número de instancias admitidas.