Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 4 de xullo de 2012 Páx. 26585

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Pola Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 93, do 15 de maio), regulouse a provisión de forma temporal, mediante substitucións, dos postos de traballo reservados aos funcionarios integrantes dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza; sistema previsto no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A través da devandita resolución reguláronse, así mesmo, as atribucións de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade, previstas no artigo 39.2 do dito regulamento.

Posteriormente, en trámite de execución de sentenza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha Resolución do 2 de abril de 2012 na que se declara nulo de pleno dereito o inciso final do artigo 8 da Resolución do 7 de maio de 2008,

DISPOÑO:

Modifícase a Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo oito queda redactado como segue:

«Artigo 8. Retribución

1. Os funcionarios que realicen a substitución nun corpo inmediato superior terán dereito ás retribucións complementarias do posto que desempeñen por substitución, segundo o previsto no artigo 74.5 do Real decreto 1451/2005».

Segundo. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2012

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza