Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2012 Páx. 27306

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 143/2012, do 5 de xullo, polo que se prorroga a vixencia do Decreto 133/2011, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2011/2012.

O artigo 81.3.b) da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada polo Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, determina que a Comunidade Autónoma fixará os prezos públicos e dereitos dos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria, que estarán relacionados cos custos de prestación do servizo nos termos que o dito precepto establece.

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral de Universidades do 20 de abril de 2012, publicouse o Acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria polo que se determinan as datas límite de preinscrición, de publicación de listas de admitidos e do inicio do período de matriculación nas universidades públicas para o curso académico 2012/2013. No dito acordo establécese como data límite para a publicación da lista de admitidos o 23 de xullo de 2012, data en que deberá estar aberto o período de matriculación.

O 13 de xuño de 2012 reuniuse a Conferencia Xeral de Política Universitaria para determinar a mecánica que se debe na fixación do custo da prestación dos servizos académicos por cada comunidade autónoma, en aplicación do establecido no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, de universidades.

Co fin de salvagardar os intereses do alumnado universitario galego, para que poida efectuar a súa matrícula dentro do prazo establecido pola Resolución do 20 de abril de 2012, e ante a imposibilidade de que poida determinarse o custo da prestación de servizos e a elaboración e publicación do decreto polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2012/2013 antes do dito prazo, cómpre prorrogar a vixencia do Decreto 133/2011, do 23 de xuño, ata que se dite o decreto en que se proceda á regularización dos devanditos prezos públicos en aplicación ao disposto no artigo 81.3.b) da LOU.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Prorrógase a vixencia do Decreto 133/2011, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2011/2012, ata que se dite o decreto en que se fixen definitivamente os prezos públicos para o curso 2012/2013.

Artigo 2

Unha vez publicado o decreto que fixe os prezos públicos para o curso 2012-2013, as universidades procederán á regularización, se é o caso, dos prezos aboados, tendo o alumnado a posibilidade de solicitar a anulación da súa matrícula co correspondente reintegro da cantidade aboada.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria