Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2012 Páx. 27869

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 29 de xuño de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 das normas subsidiarias de planeamento do concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

O Concello de Vila de Cruces remite o expediente da modificación puntual nº 7 das normas subsidiarias de planeamento e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vila de Cruces dispón actualmente vixente de normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 12 de febreiro de 1993.

I.2. O 4.8.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación.

I.3. Constan informes técnico e xurídico, do 21.9.2011 e do 23.9.2011, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada, previos á aprobación inicial.

I.4. O Concello Pleno de Vila de Cruces, en sesión do 12.3.2012, aprobou inicialmente a modificación puntual. Foi sometida ao trámite de información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia do 15.3.2012 e Faro de Vigo do 14.3.2012; así como no DOG do 27.3.2012.

I.5. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Santiso, Agolada, Arzúa, Touro, Lalín, Silleda e Boqueixón. Soamente contestou o Concello de Silleda, manifestando non verse afectado pola modificación.

I.6. O certificado da Secretaría Municipal do 30.5.2012 acredita a non presentación de alegación ningunha.

I.7. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

1. Augas de Galicia, do 18.4.2012, favorable.

2. Consellería de Economía e Industria, do 10.5.2012, sobre dereitos mineiros.

3. Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 25.5.2012.

I.8. O Concello Pleno de Vila de Cruces, en sesión do 4.6.2012, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Analizado o expediente, e vista a proposta que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre formular as seguintes consideracións:

II.1 A modificación puntual afecta a tres núcleos rurais da parroquia de Insua, Dorviseu, Xordedo e Vilar, e ao núcleo de Duxame-San Miguel da parroquia de Duxame; e aos regos Cubelos e San Miguel. Ademais, no ámbito de actuación atópase o permiso de investigación Portodemouros 2995.

II.2 O obxecto da modificación puntual é o cambio de clasificación dos catro núcleos rurais clasificados actualmente como solo non urbanizable de núcleo rural (hoxe solo de núcleo rural), que pasan a solo non urbanizable de réxime normal (hoxe solo rústico de protección ordinaria).

E clasificar o ámbito dos regos Cubelos e San Miguel como solo non urbanizable de protección de leitos e ribeiras (hoxe solo rústico de protección de augas).

II.3 A modificación proxectada baséase nun estudo do medio rural e na análise do modelo de asentamento poboacional.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resólvese:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 7 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Vila de Cruces, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas