Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28013

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no seu artigo 6 que a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas polo ordenamento xurídico vixente en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas polo titular da consellería.

A Orde do 28 de abril de 2011 (DOG número 83, do 29 de abril de 2011) regula a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e determina a súa posta en funcionamento.

A disposición adicional única da dita orde establece que no prazo máximo de seis meses a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará a resolución de aprobación do Manual de estilo do DOG, que será publicado no DOG e na páxina web da dita consellería. Indícase, ademais, que a partir da súa aprobación e publicación os envíos ao DOG deberán facerse segundo as normas do dito manual.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e nove de xuño de dous mil doce, acordou aprobar e ordenar a publicación do Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que será de aplicación aos textos que se publiquen no DOG e ao resto de publicacións institucionais, en particular:

– Ás publicacións en formato papel e en formato electrónico.

– Aos materiais informativos elaborados polos gabinetes de comunicación.

– Ás páxinas web institucionais.

– Aos materiais formativos, en calquera soporte, editados ou autorizados pola Xunta de Galicia, destinados a ser utilizados en todo tipo de actividades de formación, particularmente, os elaborados para os cursos de linguaxe administrativa.

En virtude do anterior, e de conformidade co establecido na dita disposición adicional única da Orde do 28 de abril de 2011 pola que se regula a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e se determina a súa posta en funcionamento,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar o Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que será de aplicación aos textos que se publiquen no DOG e ao resto de publicacións institucionais, en particular:

– Ás publicacións en formato papel e en formato electrónico.

– Aos materiais informativos elaborados polos gabinetes de comunicación.

– Ás páxinas web institucionais.

– Aos materiais formativos, en calquera soporte, editados ou autorizados pola Xunta de Galicia, destinados a ser utilizados en todo tipo de actividades de formación, particularmente, os elaborados para os cursos de linguaxe administrativa.

Segundo. O citado manual poderá consultarse na páxina web da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, no enderezo http://www.xunta.es/cpapx

Terceiro. A partir da aprobación e publicación do dito manual, os envíos ao DOG e as restantes publicacións institucionais deberán facerse segundo as normas daquel.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza