Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28083

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Barco de Valdeorras (expediente IN627A 2008/12-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF n.º A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con respecto da autorización de distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu o 15 de novembro de 2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Segundo. As características básicas das instalacións correspondentes á solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., que se recollen no proxecto denominado Proxecto de autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal do Barco de Valdeorras e na súa addenda I, son as seguintes:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) situada no Polígono Industrial de Valdeorras, desde a cal partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e, cruzando o río Sil e seguindo pola estrada N-536, cara ao núcleo urbano do Barco de Valdeorras.

A rede de distribución está formada por unha rede básica de distribución e unha rede secundaria de distribución, ambas con rango de presión 2<MOP(presión máxima de operación)≤5 bar. Da rede básica de distribución partirán outras redes de menor diámetro (menor de 160 mm) cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede é de 21.359,87 m, dos cales 4.171,07 m corresponden á rede básica e 17.188,79 m á rede secundaria.

O seu orzamento ascende á cantidade dun millón trinta e nove mil douscentos trinta e tres euros con trinta e dous céntimos (1.039.233,32 €).

Terceiro. O 25 de abril de 2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública o dito proxecto de autorización administrativa e a súa addenda I da rede de distribución de gas natural no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2011, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 22 de decembro de 2011 e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 19 de decembro de 2011, e tamén estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello do Barco de Valdeorras durante un prazo mínimo de vinte (20) días (do 3 de maio de 2011 ao 31 de maio de 2011).

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 9 de maio de 2012 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 20.784,67 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, e poderán os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal do Barco de Valdeorras e prevé a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e na súa addenda I presentados pola empresa promotora, subscritos polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130) e visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa Delegación de Santiago de Compostela, con rexistros nº 174/08 (data: 29 de febreiro de 2008) e nº 338/10 (data: 1 de xuño de 2010), respectivamente.

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas