Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28079

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Rúa (expediente IN627A 2008/6-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 18 de marzo de 2008 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal da Rúa (Ourense), xunto co preceptivo proxecto. As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural á localidade da Rúa realizarase desde unha planta de gas natural licuado (GNL), que se situará en solo industrial ao oeste deste núcleo urbano. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2<MOP (presión máxima de operación)≤5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano da Rúa, e que se realizará en tubaxe de 200 mm de diámetro.

– E unha rede secundaria de distribución, no mesmo rango de presión 2 < MOP ≤ 5 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo, e que se realizará en tubaxe de diámetro variable de 160 a 63 mm, segundo necesidades.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 e a súa lonxitude será aproximadamente de 6.880 m, dos cales 2.076 m corresponden á rede básica e 4.804 m á rede secundaria.

O orzamento ascende á cantidade de catrocentos noventa e catro mil douscentos noventa e dous euros con cincuenta e sete céntimos (494.292,57 €).

Segundo. O 29 de setembro de 2010 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro de 2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 11 de xullo de 2011 esta dirección xeral resolveu someter a información pública o dito proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal da Rúa (Ourense). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2011, no Boletín Oficial da provincia do 22 de decembro de 2011 e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 14 de decembro de 2011, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do dito concello entre o 21 de xullo de 2011 e o 22 de agosto de 2011.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 9 de maio de 2012 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Rúa (Ourense); con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 9.885,85 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, e poderán os anteditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal da Rúa, na provincia de Ourense, e prevé a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto titulado Proxecto de autorización administrativa previa - Rede de distribución de gas natural no termo municipal da Rúa, subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio na súa Delegación de Santiago de Compostela, con rexistro nº 216/08 e data 12 de marzo de 2008.

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas