Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28349

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (981/2011).

Nº de autos: despedimento/cesamentos en xeral 981/2011 CH.

Demandante: Jorge Manuel de Jesús da Silva.

Avogada: Pilar Fernández González.

Procuradora: María Irene Cabrera Rodríguez.

Demandados: Técnica Instalaciones Coruña, S.L., Administración Concursal Técnica Instalaciones Coruña, S.L., Fogasa.

María Blanco Aquino, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 981/2011 deste Xulgado do Social, seguido por instancia de Jorge Manuel de Jesús da Silva contra a empresa Técnica Instalaciones Coruña, S.L., Administración Concursal Técnica Instalaciones Coruña, S.L., Fogasa, sobre despedimento, ditouse a seguinte resolución:

Xulgado do Social número 2.

A Coruña.

Sentenza: 478/2012.

Autos: 981/2011.

Na cidade da Coruña, 12 de xuño de 2012

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento, por instancia de Jorge Manuel de Jesús da Silva, que comparece representado pola letrada Sra. Fernández González, contra a empresa Técnica Instalaciones Coruña, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, e a Administración Concursal Técnica Instalaciones Coruña, S.L., que comparece representado polo Sr. Calvo Orosa, ditou a seguinte

«Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Pola parte demandante Jorge Manuel de Jesús da Silva presentouse en data 27.9.2011 demanda, que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na que, tras expoñer os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para a realización do acto de xuízo o día 7.6.2012 e este tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluso o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. Jorge Manuel de Jesús da Silva, con NIE X09582334, veu prestando servizos para a empresa Técnica Instalaciones Coruña, S.L. desde o día 26.3.2008, coa categoría profesional de peón e cun salario mensual rateado de 1.500 €.

Segundo. O día 18.7.2011 recibe da súa empregadora unha carta comunicándolle que se procede ao seu despedimento por causas obxectivas con efectos do mesmo día, cuxo contido se ten por reproducido.

Terceiro. A empresa carece de actividade, permanece pechada e por auto do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña de 11.5.2012 é declarada en liquidación.

Cuarto. O traballador demandante non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal, membro do comité de empresa ou representante sindical.

Sexto. Presentada a papeleta de conciliación o 8.8.2011, tivo lugar o preceptivo acto ante o SMAC o 24.8.2011, co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo ao cal non acudiron nin a empresa nin o Fondo, malia estar citados; e en especial, da documental achegada, así como da utilización da facultade contida no artigo 91.2 LPL. E o non cuestionado pola outra parte pode cualificarse de conforme.

Segundo.

1. Entrando na análise da outra acción (despedimento), débese recordar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005 Ar. 3576). A cualificación do despedimento improcedente «non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse, tamén, normalmente, a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores» (STS 23/03/93 Ar. 2895), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 ET (STS 20.2.1995 Ar. 1162). Ademais, o artigo 51 do ET, ao que se remite o artigo 52.c), expresa que «se entende que concorren causas económicas cando dos resultados da empresa se desprenda unha situación económica negativa, en casos tales como a existencia de perdas actuais ou previstas, ou a diminución persistente do seu nivel de ingresos, que poidan afectar a súa viabilidade ou a súa capacidade de manter o volume de emprego. Para estes efectos, a empresa terá que acreditar os resultados alegados e xustificar que destes se deduce a razoabilidade da decisión extintiva para preservar ou favorecer a súa posición competitiva no mercado». As causas económicas refírense á rendibilidade da empresa, manifestándose como situacións de perdas ou desequilibrios financeiros globais; así sinalaba o Tribunal Supremo –referíndose á normativa anterior á Lei 35/2010, pero plenamente aplicable á actual– que son tres os elementos integrantes do despedimento por motivos económicos descrito no artigo 52.c) do ET (para todas, STS 29.9.2008 -rcud 1659/07-).

O primeiro deles é a concorrencia dunha causa ou factor desencadeante que incide de xeito desfavorable na rendibilidade da empresa («situación económica negativa») ou na eficiencia desta. O lexislador quixo distinguir catro esferas ou ámbitos de afectación en que pode incidir a causa ou factor desencadeante dos problemas de rendibilidade ou eficacia que está na orixe do despedimento por motivos económicos: 1) a esfera ou ámbito dos medios ou instrumentos de produción («causas técnicas»); 2) a esfera ou ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal («causas organizativas»); 3) a esfera ou ámbito dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado («causas produtivas»); e 4) a esfera ou ámbito dos resultados de explotación («causas económicas», en sentido restrinxido). E é ao empresario a quen corresponde probar a realidade das causas ou factores desencadeantes dos problemas de rendibilidade ou eficiencia da empresa. O que supón, dun lado, a identificación precisa dos ditos factores e, doutro lado, a concreción da súa incidencia nas esferas ou ámbitos de afectación sinalados polo lexislador. Esta concreción reflíctese normalmente en cifras ou datos desfavorables de produción, ou de custos de factores, ou de explotación empresarial, tales como resultados negativos nas contas do balance, escasa produtividade de traballo, atraso tecnolóxico respecto dos competidores, obsolescencia ou perda de cota de mercado dos produtos ou servizos, etc. Sequera en moitas ocasións aparecen combinadas algunha ou algunhas das causas da dita extinción [como no caso presente: económicas e obxectivas].

O segundo elemento do suposto de despedimento por motivos económicos que se describe no art. 52.c) do ETT é a amortización dun ou varios postos de traballo. Esta medida de emprego pode consistir na redución con carácter permanente do número de traballadores que compoñen «o equipo da empresa»; e pode consistir, así mesmo, na supresión da «totalidade» do equipo, ben por clausura ou peche da explotación, ben por mantemento en vida desta pero sen traballadores asalariados ao seu servizo. Nos casos en que a amortización de postos de traballo non conduza ao peche da explotación, a medida de redución de emprego adoptada debe formar parte dun plan ou proxecto de recuperación do equilibrio da empresa, en que a amortización de postos de traballo pode ir acompañada doutras medidas empresariais (financeiras, de comercialización, de redución de custos non laborais), encamiñadas todas elas ao obxectivo de compensar os desequilibrios producidos, superando a «situación negativa» ou procurando «unha mellor organización dos recursos». Nestes mesmos casos de non previsión de desaparición da empresa, a amortización de postos de traballo débese concretar no despedimento ou extinción dos contratos de traballo daquel ou daqueles traballadores a que afecte o axuste de produción ou de factores produtivos que se decidise.

O terceiro elemento do suposto de despedimento por motivos económicos fai referencia á conexión de funcionalidade ou instrumentalidade entre a extinción ou extincións de contratos de traballo decididas pola empresa e a superación da situación desfavorable acreditada nela de falta de rendibilidade da explotación ou de falta de eficacia dos factores produtivos [a razoabilidade]. No suposto de peche da explotación a conexión entre a supresión total do equipo da empresa e a situación negativa da empresa consiste en que aquela amortece ou acouta o alcance desta. A empresa considérase inviable ou carente de futuro, e para evitar a prolongación dunha situación de perdas ou resultados negativos de explotación tómase a decisión de despedir os traballadores, coas indemnizacións correspondentes.

2. Pois ben, examinado á luz desa doutrina o suposto aquí axuizado, a conclusión é que este despedimento obxectivo é improcedente, non só porque non hai datos –a empresa non compareceu– que permitan considerar concorrentes os requisitos a que se facía referencia, senón tamén porque se produciron irregularidades na forma en que se produciu o despedimento (non pór á disposición a indemnización simultaneamente ao despedimento). A demandada non compareceu nin, por tanto, probou a realidade da causa xustificativa do cesamento e a súa regularidade; polo que necesariamente se debe admitir a improcedencia solicitada.

Terceiro. En todo caso, como a empresa cesou na súa actividade e é imposible a readmisión e o traballador o solicita, declárase extinguida a relación laboral na data desta sentenza (12.6.2012), limitándose os salarios de tramitación ata esta (artigo 284 LPL), o que supón transcorridos 330 días e unha cantidade total de 16.275,60 €. Cualificado o despedimento como improcedente (artigo 122.3 LPL), resulta unha indemnización de 9.432,45 €; obtida cuns parámetros de antigüidade 26.3.2008, data de extinción 7.6.2012 e módulo salarial diario de 49,32 €. En canto ao dito aspecto, é unha consolidada xurisprudencia do TS (SSTS 27.10.2005 -rcud 2513/04-; e 30.6.2008 -rcud 2639/07-) considerar que o salario regulador da indemnización por despedimento improcedente se debe calcular dividindo o salario anual entre 365 días, e logo multiplicalo por 45 días por ano traballado (computando os restos inferiores ao mes como se dun mes completo se tratase [SSTS 31.10.2007 -rcud 4181/06- e 12.11.2007 -rcud 3906/06-]).

Cuarto. Sobre a responsabilidade do Fogasa débese recordar que, por imperativo legal (artigo 33 do ET) o Fondo é responsable legal subsidiario ante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1822 CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 LPL, onde se ordena citalo como tal, co fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Non obstante, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, posto que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou os traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a converterse nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

A condena ao Fogasa exixe a instrución previa dun expediente para a comprobación da procedencia dos aboamentos que debesen correr ao seu cargo, todo eles sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decisión.

Que estimando a demanda interposta por Jorge Manuel de Jesús da Silva contra a empresa Técnica Instalaciones Coruña, S.L., declaro improcedente o despedimento de que foi obxecto o 18.7.2011 e declaro extinguida a relación laboral con data desta sentenza, e condénoa a indemnizalo pola extinción coa cantidade -s. e. ou o. - de nove mil catrocentos trinta e dous euros e corenta e cinco céntimos (9.432,45 €); e con aboamento, en todo caso, dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data do despedimento ata a da presente resolución, tendo en conta que ascenden a dezaseis mil douscentos setenta e cinco euros e sesenta céntimos (16.275,60 €).

Así mesmo, absolvo a Administración Concursal e o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo de estar e pasar por esta declaración e das súas responsabilidades correlativas conforme á Lei concursal e o artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselles esta resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme, e fronte a ela cabe formular recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución. De ser recorrente a empresa demandada deberá acreditar mediante a exhibición ante este xulgado o xustificante acreditativo de ter depositado a cantidade obxecto de condena na conta deste xulgado, aberta en Banesto; poderá substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, na cal se fará constar a responsabilidade solidaria do avalista, e deberase acreditar tamén na indicada conta a consignación da suma de trescentos euros preceptivos para recorrer, sen cuxo cumprimento non se terá por anunciado o recurso.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino».

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación de sentenza en forma a Técnica Instalaciones Coruña, S.L., expido a presente.

A Coruña, 26 de xuño de 2012

María Blanco Aquino
Secretaria xudicial