Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2012 Páx. 31449

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 165/2012, do 26 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais de Corrubedo, no concello de Ribeira.

O Concello de Ribeira, en sesión do día vinte e sete de xullo de dous mil nove, aprobou o proxecto de colectores xerais e da EDAR de Corrubedo e, na sesión do vinte e seis de xullo de dous mil dez, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na Comisión de Secretarios Xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996 do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan os técnicos municipais e o concello, se están a producir verteduras directas de augas residuais no litoral de Corrubedo, o cal xera a contaminación das augas habilitadas ao baño e tamén provoca situacións de insalubridade en diversos puntos dos núcleos de poboación. Por conseguinte, coa execución deste proxecto, garantirase a protección das condicións ambientais da zona e dos espazos naturais da costa galega, de especial importancia, así como das condicións sanitarias, mediante a mellora da rede de saneamento, adaptándose ás diferentes directivas comunitarias en materia de tratamento de augas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colectores xerais e da EDAR de Corrubedo, no concello de Ribeira, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza