Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2012 Páx. 31901

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se dá publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Rías Baixas.

De acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe e indicacións xeográficas con protección conforme ás normas da anterior organización común do mercado vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros tiñan a obriga de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe ou indicación xeográfica, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións do produto protexido, texto onde se recollen tanto os aspectos fundamentais da súa regulación como a xustificación de que se cumpren os requisitos para o rexistro.

Para dar cumprimento a esta obriga, o pleno do Consello Regulador da denominación de orixe Rías Baixas aprobou nos últimos meses de 2011 o prego de condicións correspondente á dita denominación, que fora previamente elaborado mediante a colaboración dos servizos técnicos do Consello Regulador cos da Administración. O dito prego de condicións, xunto co resto da documentación necesaria, foi remitido en prazo á Comisión Europea a través do entón Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Este prego de condicións contiña algunha pequena modificación en relación co regulamento vixente da denominación de orixe, motivo polo cal posteriormente se publicou a Orde do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica o regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador, que adecua o texto do dito regulamento ao contido do prego de condicións elaborado.

De acordo co establecido na alínea 4 do artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009, a Comisión poderá decidir, ata o 31 de decembro de 2014, cancelar a protección das denominacións de viños protexidas existentes no caso de que, unha vez revisado o expediente técnico, se considere que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 118 ter.

A necesidade de coñecemento do prego de condicións da denominación do orixe tanto polos operadores actuais como potenciais, así como pola cidadanía en xeral na súa condición de posibles consumidores, e unha maior seguranza xurídica aconsellan dar publicidade co dito documento como elemento fundamental da regulación desta denominación.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Dar publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Rías Baixas, que foi remitido aos servizos da Comisión Europea en decembro de 2011 desde o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño formando parte do denominado «expediente técnico» con que se tramitou o seu rexistro como denominación de orixe protexida a nivel europeo, conforme o establecido no artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009. O dito prego de condicións figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes

ANEXO
Prego de condicións da denominación de orixe protexida Rías Baixas

1. Denominación que debe protexerse.

«Rías Baixas»

2. Descrición do viño ou viños.

Os viños que se elaboran baixo a denominación de orixe protexida Rías Baixas son viños tranquilos brancos e, en moita menor medida, tintos, que se axustan á categoría 1 do anexo XI ter do Regulamento (CE) nº 1234/2007, regulamento único para as OCM. Tamén se poden elaborar viños espumosos de calidade, conforme a categoría 5 do devandito anexo.

A variedade de uva branca albariño é moi maioritaria neste territorio e gran parte dos viños son elaborados exclusivamente con ela, e comercialízanse entón como Rías Baixas Albariño.

Por outra parte, cando os viños brancos son sometidos a un proceso de envellecemento en barrica de madeira, estes comercialízanse como Rías Baixas Barrica.

De acordo co anterior, as características analíticas e organolépticas dos distintos tipos de viños son as seguintes:

2.1. Características analíticas.

Viño branco Rías Baixas Albariño.

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

≥ 11,30

Grao alcohólico total

% Vol.

≥ 11,36

Azucres

g/l

(1)*

Acidez total

g/l ác. tartárico

≥ 3.50

Acidez volátil

meq/l

≤ 18

g/l ác. acético

≤ 1,08

Dióxido de xofre total

mg/l

≤ 200

Resto dos viños brancos Rías Baixas.

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

≥ 11,00

Grao alcohólico total

% Vol.

≥ 11.06

Azucres

g/l

(1)*

Acidez total

g/l ác. tartárico

≥ 3,50

Acidez volátil

meq/l

≤ 18

g/l ác. acético

≤ 1,08

Dióxido de xofre total

mg/l

≤ 200

Rías Baixas barrica.

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

≥ 11,50

Grao alcohólico total

% Vol.

≥ 11,56

Azucres

g/l

(1)*

Acidez total

g/l ác. tartárico

≥ 3,50

Acidez volátil

meq/l

≤ 18

g/l ác. acético

≤ 1,08

Dióxido de xofre total

mg/l

≤ 200

Viño Rías Baixas tinto.

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

≥ 10,00

Grao alcohólico total

% Vol.

≥ 10,06

Azucres

g/l

(1)*

Acidez total

g/l ác. tartárico

≥ 3,50

Acidez volátil

meq/l

≤ 20

g/l ác. acético

≤ 1,20

Dióxido de xofre total

mg/l

≤ 150

Viño Rías Baixas espumoso.

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

≥ 10,00

Grao alcohólico total

% Vol.

(2)*

Azucres

g/l

(2)*

Acidez total

g/l ác. tartárico

≥ 3,50

Acidez volátil

meq/l

≤ 18

g/l ác. acético

≤ 1,08

Dióxido de xofre total

mg/l

≤ 185

Dióxido de carbono a 20 ºC

bar

≥ 3,5

(1) * En canto ao contido en azucres, aceptaranse exclusivamente aqueles viños que teñan a consideración de secos e semisecos, de acordo cos requisitos que se recollen en anexo XIV parte B do Regulamento (CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo. Os viños con contidos en azucres iguais ou superiores a 5 g/l terán niveis de dióxido de xofre total ≤ 250 mg/l para viños brancos e ≤ 200 para os tintos.

(2) * Os viños espumosos de calidade denominaranse atendendo á súa riqueza en azucres totais como brut nature (0 a 3 g/l), mención que unicamente se poderá utilizar para o viño espumoso ao cal non se engada azucre despois da limpeza do gargalo (desgorxamento); extra brut (0 a 6 g/l); brut (<12 g/l); extra seco (≤ 12 e <17 g/l); seco (≤ 17 e <32 g/l); semi seco (≤ 32 e <50 g/l) e doce (≤ 50 g/l). Os graos alcohólicos totais corresponderanse con estas concentracións de azucres.

As tolerancias máximas admisibles nas determinacións analíticas serán as seguintes:

Parámetro

Unidade

Limiar

Grao alcohólico adquirido

% Vol.

± 0,2

Grao alcohólico total

% Vol.

± 0,2

Acidez total

g/l ác. tartárico

± 0,4

Acidez volátil

g/l ác. acético

± 0,1

Dióxido de xofre total

mg/l

± 15

Azucres

g/l

± 0,5

2.2. Características organolépticas.

Viño branco Rías Baixas Albariño.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor amarela pallosa con tons dourados ou verdosos. Limpa e brillante

Fase olfactiva

Intensidade media-alta. Viño de gran complexidade aromática, dominan os aromas primarios das series cítrica, floral e froiteira, onde destaca o aroma a mazá.

Fase gustativa

Equilibrio en boca, con lixeira acidez. Boa estrutura, con untuosidade media e persistencia. Postgusto floral e froiteiro.

Resto de viños brancos Rías Baixas.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor amarela pallosa con tons dourados ou verdosos. Limpo e brillante

Fase olfactiva

De intensidade media e con clara percepción de aromas primarios (florais e/ou froiteiros).

Fase gustativa

Lixeira acidez, fresca e equilibrada. Posgusto afroitado.

Viño branco Rías Baixas barrica.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor amarela dourada. Limpa e brillante.

Fase olfactiva

Intensidade media. Aroma primarios e terciarios ben integrados. Como primarios mantéñense as series floral e froiteira, xunto con aromas terciarios achegados pola madeira. Destacan os aromas tostado, afumado, vainilla e froitos secos.

Fase gustativa

Boa estrutura, glicérico e con posgusto afroitado con lembranzas de vainilla.

Viño Rías Baixas tinto.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor vermello picota con tons violáceos. Capa media. Limpa e brillante.

Fase olfactiva

Viños con intensidade media. Dominio de aromas primarios a froitos vermellos (amorodo, amora etc.) e aromas vexetais.

Fase gustativa

Lixeira estrutura en boca, moderadamente tánica. Persistencia media con lembranzas de afroitados.

Viño Rías Baixas espumoso branco.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor amarela pálida con reflexos dourados. Limpa e brillante. Burbulla fina e persistente.

Fase olfactiva

Dominio de aromas primarios (florais e froiteiros) e secundarios (panadaría e tostados)

Fase gustativa

Equilibrio en boca. Fresco e lixeiramente ácido, con gas carbónico (burbulla) ben integrado e posgusto afroitado.

Viño Rías Baixas espumoso tinto.

Fase

Descrición

Fase visual

Cor vermella con tons violáceos. Limpa e brillante. Burbulla fina e persistente.

Fase olfactiva

Dominio de aromas primarios (florais e froiteiros) e secundarios (panadaría e tostados)

Fase gustativa

Equilibrio en boca. Fresco e lixeiramente ácido, con gas carbónico (burbulla) ben integrado e posgusto afroitado.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

3.1. Prácticas culturais.

A recolla da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados polo Consello Regulador.

3.2. Grao probable mínimo do mosto.

A graduación alcohólica probable mínima dos mostos antes do inicio da fermentación alcohólica para cada unha das elaboracións será de 11º para os procedentes da variedade albariño, 10º para o do resto das variedades brancas; 9,5º para os das variedades tintas e 10º para os mostos destinados aos viños espumosos de calidade.

3.3. Métodos de elaboración.

A elaboración e o almacenamento realizaranse exclusivamente en adegas situadas na zona xeográfica delimitada e inscritas nos rexistros correspondentes do Consello Regulador.

Os procesos de elaboración son os seguintes:

a) Viños brancos Rías Baixas.

O mosto obtido por estrullamento e prensaxe da uva branca, con ou sen cangallo, decántase e procédese á súa fermentación controlada ata o esgotamento dos azucres redutores.

Os viños brancos terán unha denominación determinada, de acordo coas restricións referidas á variedade utilizada e á zona de produción da uva e de elaboración do viño (táboa I).

Táboa I

Denominación específica

Variedades utilizadas

Zona de produción e elaboración

Rías Baixas

Sen restrición de variedade

Toda a zona xeográfica da DOP

Rías Baixas Albariño

100 % Albariño

Toda a zona xeográfica da DOP

Rías Baixas Condado do Tea

≥ 70 % Albariño e treixadura

Subzona Condado do Tea

Rías Baixas Rosal

≥ 70 % Albariño e loureira

Subzona O Rosal

Rías Baixas Salnés

≥ 70 % Albariño, loureira, treixadura e caíño branco

Subzona Val do Salnés

Rías Baixas Ribeira do Ulla

Subzona Ribeira do Ulla

b) Viño branco Rías Baixas barrica.

Trátase de viños elaborados na zona xeográfica a partir de calquera variedade branca autorizada. Séguese un proceso de elaboración similar ao dos viños brancos, coa diferenza de que acontece unha estadía en envases de madeira dun tamaño non superior a 600 litros, indicándose en todo caso na etiquetaxe o tempo, en meses ou anos, que permaneceu nos devanditos envases.

c) Viños tintos.

Obtidos exclusivamente de uvas de variedades tintas. A uva sen cangallo e estrullada sométese a unha fermentación-maceración cos bagazos, a unha temperatura controlada e ata conseguir un contido axeitado de polifenois no mosto-viño. Posteriormente, realízase a descuba, a prensaxe e, se é necesario, a continuación da fermentación alcohólica ata o esgotamento dos azucres redutores. O viño considérase estable bioloxicamente cando se completa a fermentación maloláctica.

d) Viños espumosos de calidade.

Os viños espumosos, brancos ou tintos, procederán respectivamente e en exclusiva de cada un dos tipos de variedades citadas no punto 6 deste prego de condicións, e produciranse exclusivamente por segunda fermentación en botella. Os viños base elaboraranse seguindo os criterios antes expostos para os viños brancos e tintos e terán unhas características fisicoquímicas e sensoriais que se corresponderán cos seus requisitos respectivos. En calquera caso, na produción de viños espumosos estarase observarase na letra C do anexo II do Regulamento (CE) 606/2009.

Para calquera tipo de elaboración, o rendemento non superará os 70 litros de viño por cada 100 kg de vendima no caso dos viños brancos; e de 72 litros de viño por cada 100 kg para os viños tintos.

4. Delimitación da zona xeográfica.

A zona de produción e elaboración está constituída polos termos municipais e parroquias que se citan a seguir, agrupados nas cinco subzonas en que se divide a denominación de orixe:

Subzona

Termos municipais

Parroquias

Val do Salnés

Cambados, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Vilanova de Arousa, Portas, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Barro, O Grove e A Illa de Arousa

Todas

Condado do Tea

Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Salceda de Caselas, Ponteareas

Todas

A Cañiza

Valeixe

Tui

Guillarei, Paramos, Baldráns, Caldelas de Tui

Mos

Louredo

O Rosal

O Rosal, Tomiño, A Guarda

Todas

Tui

Pexegueiro, Areas, Malvas, Ribadelouro, Rebordáns, Pazos de Reis, Randufe, Tui

Gondomar

Mañufe, Vilaza

Soutomaior

Soutomaior

Todas

Ribeira do Ulla

Vedra

Todas

Padrón

Carcacía, Iria Flavia, Herbón

Teo

Oza, Teo, Lampai, Bamonde, Rarís, Vilariño, Reis

Boqueixón

Codeso, Pousada, Oural, Ledesma, Donas, Sucira

Touro

Bendaña

A Estrada

Arnois, Couso, Cora, Oca, Santeles, Paradela, Berres, S. Miguel de Castro, S. Xurxo de Vea, Ribeira, Riobó, Santa Cristina de Vea, Baloira, Santa Mariña de Barcala

Silleda

Cira

Vila de Cruces

Camanzo, Gres, Añobre

Os viñedos destinados á produción de viño con esta DOP deben estar situados nestes municipios, estar incluídos no rexistro vitícola da comunidade autónoma e no de viñedos do Consello Regulador.

No anexo I deste prego de condicións móstrase de forma gráfica o territorio da denominación de orixe protexida Rías Baixas e a súa situación en Europa.

5. Rendemento máximo.

A produción máxima admitida por hectárea será de 12.000 kg de uva para a variedade albariño, 10.000 kg para a variedade caíño tinto e 12.500 kg para o resto das variedades.

Considerando un rendemento máximo de 70 litros de viño por cada 100 kg de uvas de variedades brancas e de 72 litros por cada 100 kg para as variedades tintas, os rendementos máximos en litros por hectárea serían:

– 84,00 hl/ha para a variedade albariño.

– 87,50 hl/ha para o resto das variedades brancas.

– 72,00 hl/ha para a variedade caíño tinto.

– 90,00 hl/ha para o resto das variedades tintas.

6. Variedade ou variedades de vide.

A elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente con uvas das variedades seguintes:

Brancas: albariño, treixadura, loureira (loureiro branco ou marqués), caíño branco, torrontés e godello.

Tintas: caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, sousón, mencía, brancellao, pedral e castañal.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

7.1. Datos da zona xeográfica.

a) Factores naturais:

A denominación de orixe Rías Baixas está localizada a 42º de latitude norte e a 8º de lonxitude oeste, e comprende territorios incluídos nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Esténdese por un terreo cunha altitude que raramente supera os 300 metros, próximo ao mar e asociado aos tramos inferiores dos ríos Ulla, Umia, Oitavén, Xabriña e Miño cos seus afluentes Tea e Louro.

Trátase dunha zona vitivinícola cunha vocación climática marcadamente atlántica, de temperaturas suaves (entre 10 ºC e 25 ºC), con catro estacións perfectamente diferenciadas, curtas oscilacións térmicas e unha ampla pluviometría durante todo o ano (1.300 mm), que descende significativamente no verán. As variables mesoclimáticas de topografía, exposición, orientación e a proximidade ao mar ou aos ríos poden matizar os caracteres xerais do clima e procuden diferenzas entre as cinco subzonas recoñecidas na devandita DOP: Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla, Soutomaior e Val do Salnés. As condicións de temperatura e humidade da primavera, así como do verán, determinan unha grande expresión vexetativa da vide.

A DOP comprende un territorio asociado á oroxenia hercínica, onde destacan os solos sobre materiais graníticos, pero nos cales hai sitio para os solos sobre materiais metamórficos (xistos) e os xerados sobre materiais sedimentarios (aluvións continentais de orixe cuaternaria). Na súa maioría trátase de solos pobres en minerais alterables, con textura de areenta a franco areenta, cun intenso lavado de Mg, Ca e K, ácidos, pobres en nutrientes e de relativo baixo espesor. As características de textura provocan unha baixa retención da auga, unha elevada tendencia ao desecamento do solo no verán, e uns desenvolvementos radiculares da vide, unicamente limitados pola profundidade. Os factores edafolóxicos salientados obrigaron, tradicionalmente, a unha intervención humana orientada tanto a limitar a erosión e a degradación dos solos como a equilibrar as súas condicións de aproveitamento mediante o uso dunha fertilización racional, á cal estes solos responden dunha forma moi eficaz.

A época de maduración presenta unha insolación non moi elevada, unhas temperaturas de graduacións medias, un descenso das precipitacións e un lixeiro estrés hídrico. Estas circunstancias provocan un balance de compoñentes das uvas que dá lugar a viños máis recoñecidos pola concentración e a variedade da súa fracción ácida, así como polo seu aroma, que polo seu contido alcohólico.

b) Factor humano.

Na existencia e características específicas do viño Rías Baixas, tal e como hoxe o coñecemos, foi decisiva a actuación dos viticultores da rexión, que foron seleccionando ao longo dos séculos as variedades que mellor se adaptaban ás condicións climáticas e de solo do territorio, e sobre as cales foron desenvolvendo as prácticas culturais que mellores resultados daban nas devanditas condicións. Entre estas variedades, a albariño é a gran protagonista, cunha presenza amplamente maioritaria.

Aínda que existe controversia en canto á orixe desta variedade, o que se pode afirmar con certeza é que leva máis de mil anos cultivándose no territorio das Rías Baixas e, dadas as súas características, está perfectamente adaptada ás condicións de clima e insolación que lle ofrece este territorio. Por outra parte, tamén parece que hai unanimidade na crenza de que os monxes cistercienses chegados a Galicia a través do Camiño de Santiago, ou ben acompañando a dinastía de Borgoña, vida a Galicia no século XII con motivo da voda de Raimundo de Borgoña coa raíña Urraca, foron os encargados de ensinar aos viticultores locais a coidar as variedades aquí asentadas e a extraer delas a súa máxima expresión.

Así, a viticultura desta zona presenta, despois de séculos de evolución, características que a singularizan, entre as cales cabe destacar a estrutura produtiva minifundista e altamente atomizada. Abonda dicir, en relación con isto, que as máis de 3.900 ha con que actualmente conta a denominación de orixe están divididas en 22.400 parcelas, que son explotadas por uns 6.600 viticultores. Polo tanto, un viticultor medio cultivaría pouco máis de media hectárea dividida en 3 ou 4 parcelas.

Con estes datos, é obvio que a maior parte dos viticultores practican esta actividade a tempo parcial, sendo a vide un cultivo máis entre os característicos do territorio, cos cales está moi integrado na paisaxe. É frecuente que se encontre facendo de chousume das parcelas en que se cultiva millo, pataca ou outros produtos de horta. Moitas veces mesmo se cultiva debaixo da propia vide aproveitando que o sistema de condución tradicional, a parra, permite a labra debaixo da viña, o que é unha manifestación do elevado aproveitamento que os agricultores da zona facían das escasas dimensións das súas terras. Para manter a fertilidade duns solos, tan intensamente aproveitados e non moi ricos en nutrientes debido ao intenso lavado da chuvia, os agricultores das comarcas das Rías Baixas esmeráronse na súa fertilización.

Como se adiantou, outra característica da viticultura da zona é a utilización do sistema de condución en parra. O cultivo en parra, ademais de permitir –como se indicou– o aproveitamento do solo para outros cultivos, ten a súa principal xustificación na necesidade de limitar os ataques de enfermidades fúnxicas –moi importantes na zona debido á elevada humidade ambiental– afastando a vexetación do chan. Ademais, este sistema de condución permite un maior aproveitamento da radiación solar e un manexo eficaz do vigor da vide, o cal vén moi favorecido polas condicións de temperatura e humidade da zona durante a primavera e o verán.

Nas últimas décadas, na medida que se foron facendo novas plantacións, os viticultores foron introducindo outros sistemas de condución, sempre elevados, que dan resposta ás condicións particulares do clima da zona e ás exixencias do albariño e das restantes variedades da zona, e que facilitan as prácticas culturais necesarias.

7.2. Datos do produto.

Aínda que na DOP Rías Baixas conviviron tradicionalmente as variedades brancas e tintas, foron as primeiras, e entre elas fundamentalmente a do albariño, as que dan un carácter específico a esta zona vitivinícola. Algúns varietais brancos acompañan o albariño en porcentaxes non superiores ao 30 % e fornecen particularidades das diferentes subzonas; trátase de loureira, treixadura e caíño branco. Entre as variedades tintas, moi minoritarias, destacan o sousón, a mencía e o caíño tinto. Non obstante, o patrimonio varietal desta zona vitivinícola é moi rico, e existe un gran número de variedades de limitada presenza que contribúen a enriquecer os matices sensoriais dos viños producidos.

Como diciamos, a variedade albariño é a auténtica protagonista desta denominación de orixe, ata o punto de que, segundo os datos da vendima 2011, supuxo case o 96 % do total da uva obtida. As seguintes variedades en importancia, loureira e treixadura, apenas superan o 2,3 % cada unha, quedando para o resto das variedades brancas algo menos do 1,8 %. Polo que respecta ás variedades tintas, estas non chegaron ao 1 % do total.

Por tanto, esta denominación de orixe, aínda que está baseada nunha ducia de variedades autóctonas propias de Galicia, está fortemente asociada a esta variedade, ata o punto de que é frecuente o uso do termo «albariño» para designar no mercado os viños das bisbarras das Rías Baixas.

O éxito dos viños Rías Baixas fixo que esta variedade se difundise por outros territorios, ás veces moi afastados. Non obstante, a variedade albariño alcanza a súa máxima expresión cualitativa neste clima e neste solo. Ligado ao seu código xenético, esta variedade posúe unha gran capacidade de produción de azucres, que os bos anos poden superar os 13 % volume de alcohol. Ademais, e simultaneamente, o que é excepcional, mantén unha riqueza en ácidos que moi poucas variedades conseguen en todo o mundo, unida a unha riqueza en compoñentes aromáticos e sápidos que fai os seus viños moi identificables.

7.3. Interacción.

As características dos diferentes solos da zona xeográfica unidas ás condicións climáticas existentes conforman unha zona con características favorables para o cultivo da viña, de xeito que se obtén un produto final específico e singularizado adaptado perfectamente ao medio.

As variedades presentes son variedades autóctonas seleccionadas ao longo dos anos polos viticultores da zona, que fuxiron do doado recurso de acudir á importación de variedades foráneas, máis populares para o consumidor. Por iso, as variedades utilizadas, entre as cales destaca polo seu dominio absoluto a variedade albariño, están adaptadas e toleran as condicións edafoclimáticas existentes, o que orixina viños específicos desde o punto de vista fisicoquímico e sensorial. A variedade albariño, que como se dixo dá o mellor de si neste territorio, é a gran protagonista dos viños que aquí se producen. Os viños que se elaboran con esta variedade son viños complexos a nivel aromático debido ao gran número de descritores que os caracterizan, entre os que destacan a mazá, cítricos, florais (rosa), froita madura e herbáceos.

Tamén, ao longo dos séculos, os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas e os solos axeitados para o cultivo da planta. Ademais, na calidade e características específicas do produto, é de grande importancia o esmero con que traballan os produtores locais –que coñecen as súas viñas grazas á sabedoría que dá unha longa experiencia no seu coidado– tanto na condución coma na poda e a ata das cepas, para un axeitado control do potencial vitivinícola ou na selección da uva. A iso debemos sumar o rigor nos controis de calidade que se aplican, que fixeron posible o prestixio que os viños da DOP Rías Baixas teñen tanto en España como nos mercados internacionais.

8. Disposicións aplicables.

8.1. Marco xurídico.

Lexislación nacional.

Resolución do 14 de setembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios do MARM, pola que se publica a Orde do 21 de xullo de 2009, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu Consello Regulador. Aplicarase en todo aquilo que non contradiga o contido deste prego de condicións.

8.2. Requisitos aplicables.

En particular, esta a disposición establece a obrigatoriedade do cumprimento dos seguintes requisitos adicionais.

a) Prácticas culturais.

Os citados límites de produción de uva por hectárea poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador ata un incremento máximo do 25 %. O acordo tomarase con anterioridade á vendima e pola maioría absoluta dos vogais despois dos asesoramentos e comprobacións que se precisen e o informe favorable do órgano de control do Consello Regulador.

b) Requisitos para a elaboración e o embotellamento.

A elaboración, a almacenaxe, o envellecemento e o embotellamento dos viños da DOP Rías Baixas realizarase exclusivamente en adegas situadas na zona de produción e inscritas no rexistro correspondente do Consello Regulador. O transporte e embotellamento fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellamento en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da denominación de orixe das Rías Baixas fan necesario envasar en orixe, para preservar, así, todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

Nas adegas inscritas nos rexistros da denominación de orixe Rías Baixas non se poderá realizar a elaboración, almacenaxe ou manipulación das uvas, mostos ou viños obtidos das uvas procedentes de superficies vitícolas situadas fóra da zona de produción desta denominación de orixe.

O Consello Regulador poderá determinar os tipos e medidas dos envases para a comercialización do viño, de maneira que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, facendo obrigatoria a súa utilización para ser protexido. Estes envases serán das capacidades nominais establecidas de acordo co Real decreto 1801/2008, do 3 de novembro, polo que se establecen as normas relativas ás cantidades nominais para produtos envasados e ao control do seu contido efectivo, con exclusión expresa das botellas de un litro.

c) Requisitos da etiquetaxe.

A etiquetaxe dos viños envasados cumprirá a lexislación en vigor en canto a indicacións obrigatorias e facultativas. Ademais, deberá aparecer na etiqueta principal o nome da denominación de orixe (Rías Baixas).

Así mesmo, nos viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas, agás nos espumosos, será obrigatoria a indicación do ano da súa colleita.

Antes da posta en circulación das etiquetas ou de calquera outro elemento identificador da botella, estas deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, que comprobará os aspectos relativos ás normas da denominación de orixe.

As marcas comerciais que se empreguen na comercialización dos viños da denominación de orixe Rías Baixas non se poderán empregar na comercialización doutros viños

Para a denominación de orixe protexida Rías Baixas, o termo tradicional a que se refire o artigo 118 duovicies.1a) do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, regulamento único para as OCM, é «denominación de orixe». Segundo se establece no artigo 118 sexvicies.3.a) do citado regulamento, tal mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños a expresión «denominación de orixe protexida».

Na etiquetaxe dos viños desta denominación de orixe poderá utilizarse o termo «barrica», se se axustan ao establecido no anexo III do Real decreto 1363/2011, do 7 de outubro, polo que se desenvolve a regulamentación comunitaria en materia de etiquetaxe, presentación e identificación de determinados produtos vitivinícolas.

Para que nas etiquetas poida figurar o nome de calquera das subzonas mencionadas na zona de produción xunto co da denominación de orixe (Rías Baixas-Val do Salnés, Rías Baixas-Rosal, Rías Baixas-Condado do Tea, Rías Baixas-Soutomaior, Rías Baixas-Ribeira do Ulla), será imprescindible que a materia prima proceda integramente destas, así como que a elaboración se leve a cabo no seu interior. Ademais, e simultaneamente, deberán cumprirse os requisitos en canto a variedades establecidos por este prego de condicións.

Todos os envases que se destinen ao consumo irán provistos dunha precinta ou contraetiqueta numerada que será subministrada polo Consello Regulador, que deberá ser colocada na propia adega. A devandita contraetiqueta incluirá o logotipo da denominación de orixe, que se inclúe como anexo II deste prego de condicións.

9. Controis.

9.1. Órgano de control.

O Consello Regulador da denominación de orixe protexida Rías Baixas ten identificado na súa estrutura un órgano de control e de certificación de acordo co disposto no artigo 15.1º letra b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. De acordo coas devanditas normas, o Consello Regulador é unha corporación de dereito público tutelada pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e os seus auditores-inspectores están habilitados por esta e teñen a condición de autoridade no exercicio das súas funcións de control.

– Nome: Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador da denominación de orixe Rías Baixas.

– Enderezo: Pazo de Mugartegui. Praza da Pedreira, 10, 36002 Pontevedra.

– Teléfono: 0034 986 85 48 50. Fax: 0034 986 86 45 46.

– Correo electrónico: consejo@doriasbaixas.com

9.2. Tarefas.

9.2.1. Alcance dos controis.

a) Análises químicas e organolépticas.

O órgano de control verifica que os elaboradores realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

O Consello Regulador entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa denominación de orixe protexida Rías Baixas que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas e organolépticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da denominación de orixe protexida.

b) Operadores.

O órgano de control comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular, comproba que os produtores e elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a procedencia da uva, variedades empregadas, rendementos da produción, rendementos da extracción do mosto e análise dos parámetros químicos e organolépticos.

c) Produtos.

O órgano de control, mediante a toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo o amparo da denominación de orixe cumpre as especificacións establecidas no punto 2, que se utiliza axeitadamente a contraetiqueta asignada e que se cumpren as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

9.2.2. Metodoloxía nos controis na verificación anual.

a) Controis sistemáticos.

O órgano de control realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da denominación de orixe protexida cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento da produción da uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasamento.

– Comprobar que se realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

b) Controis aleatorios.

O órgano de control realiza controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

missing image file