Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2012 Páx. 33175

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de agosto de 2012 pola que se aproban as bases e se convocan axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2011/12.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ante o proceso de converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos/ás estudantes co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

En aplicación do anterior e sendo conscientes da importancia da mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, considera oportuno apoiar a mobilidade dos/as estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, concedendo unha axuda complementaria á outorgada pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ao alumnado participante no programa europeo Erasmus de mobilidade para os estudos.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas complementarias ao Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, destinadas aos/ás estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade universitaria durante o curso 2011/12.

Artigo 2. Orzamento e dotación económica

As accións derivadas desta convocatoria ascenden a un total de 25.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma e con cargo á aplicación orzamentaria 15.05.422E.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 3. Período

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2011/12.

Artigo 4. Requisitos

Poderá solicitar estas axudas o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de centros públicos que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Comunidade Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado español.

b) Estar matriculado no curso 2011/12 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores nesta comunidade autónoma.

c) Ter obtido unha bolsa Erasmus de mobilidade por estudos no curso 2011/12.

d) Que a duración mínima da estadía, para os efectos de concesión de bolsa, sexa de tres meses e a máxima de nove meses.

e) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5. Compatibilidade

As axudas establecidas na presente orde serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza e entidade que as conceda.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxería privados.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico xsere@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado) e a declaración responsable (anexo II, na que a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia acompañadas da seguinte documentación:

– Copia dixitalizada do documento acreditativo de ter concedida unha bolsa Erasmus de mobilidade por estudos no curso 2011/12.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada do documento acreditativo anterior, admitirase, igualmente, a presentación do dito documento ou copia compulsada deste, en formato papel, que se presentará nos mesmos termos establecidos no artigo anterior.

Artigo 8. Tramitación

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase unha listaxe das solicitudes admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nos centros de ensinanzas artísticas superiores correspondentes. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As persoas interesadas disporán, para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dun prazo de 10 días, e poderán presentar a documentación que corresponda ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9. Criterios de distribución das axudas

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Todos/as os/as solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán unha axuda económica uniforme en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

– Un trimestre: 180 euros.

– Un semestre: 360 euros.

– Curso completo: 540 euros.

3. No caso de que o número de solicitantes que cumpran os requisitos impida que se poidan aplicar as asignacións previstas no punto anterior, estas axustaranse de forma proporcional.

Artigo 10. Comisión avaliadora

1. A selección dos/as candidatos/as será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de música e artes escénicas.

Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

– Secretario/a: un/unha asesor/a de música e artes escénicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 11. Resolución

1. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23, punto 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no dito prazo.

3. As persoas solicitantes excluídas poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Pagamento

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada pola persoa interesada, unha vez presentada a declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas (anexo II): tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposición adicional primeira

A presentación de solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o/a peticionario/a poida facer no sentido de non autorizar a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, pola persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file