Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33901

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Foz, na provincia de Lugo.

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A respecto da autorización para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Foz (Lugo), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu o 15.11.2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Segundo. As características básicas das instalacións correspondentes á solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., que se recollen no proxecto denominado proxecto de autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Foz, son as seguintes:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como SNU/N en zona anexa ao cemiterio de Foz. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (Presión Máxima de Operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Foz.

– E unha rede secundaria de distribución (en diámetro inferior a 160 mm), no mesmo rango de presión, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN160 a DN63, segundo necesidades, e a súa lonxitude será de 11.843 m (2.090 m da rede básica e 9.753 m da rede secundaria).

O seu orzamento ascende á cantidade de setecentos oitenta e sete mil oitocentos setenta e nove euros con oitenta e un céntimos (787.879,81 €).

Terceiro. O 7.2.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública o dito proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Foz (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.4.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 8.5.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 2.5.2012, e tamén estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello do Foz durante un período mínimo de vinte días.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 29.5.2012 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Foz (Lugo), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 15.757,60 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade Autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta ao termo municipal de Foz e recolle a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., con referencia 13760 C.D. 6.5.33 e data de setembro de 2011, e subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto esta autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas