Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2012 Páx. 34761

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de agosto de 2012 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 21 de outubro de 2012.

O Decreto 174/2012, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, no seu artigo 2, establece a convocatoria dos devanditos comicios para o vindeiro vinte e un de outubro.

A Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, e pola Lei 12/2004, do 7 de decembro, refírese no seu artigo 44 ás subvencións da Comunidade Autónoma para os gastos electorais.

En concreto, o devandito artigo fixa unhas contías por escano, por voto, e polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou de publicidade electoral, sempre que a candidatura de referencia obtivese algún escano.

O punto catro do artigo 44 indica que as contías sinaladas na lei se refiren a euros constantes e que a Consellería de Facenda fixará as contías actualizadas nos cinco días seguintes á convocatoria das eleccións.

Para o cálculo das contías previstas para o ano 2012 pártese das contías fixadas na Orde do 7 de xaneiro de 2009.

Como é coñecido, as circunstancias extraordinarias motivadas por unha situación de recesión económica implican unha importante mingua dos ingresos non financeiros autonómicos. Esta mingua motivou importantes axustes no orzamento consolidado autonómico de 2009 sobre o aprobado e uns orzamentos continuadamente minguantes nos exercicios 2010, 2011 e 2012. É por iso que, para os presentes comicios considérase preciso desbotar calquera criterio incrementalista de actualización, en coherencia coa evolución das finanzas autonómicas e das políticas de austeridade que vén aplicando a Xunta de Galicia desde 2009.

Por iso, a taxa de actualización que se aplicará sobre as contías fixadas en 2009 será do -20 %, que se corresponde coa variación do gasto non financeiro consolidado dos orzamentos da Comunidade Autónoma entre os exercicios 2009 e 2012.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.

As contías a que se refire o artigo 44 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, e pola Lei 12/2004, do 7 de decembro, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de quince mil cincocentos trinta euros e noventa e tres céntimos (15.530,93 €), por cada escano obtido.

2. Subvención de cincuenta e oito céntimos de euro (0,58 €), por cada un dos votos acadados por cada candidatura se, polo menos, un dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións a que refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores, polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de dezaseis céntimos de euro (0,16 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por corenta e seis céntimos de euro (0,46 €) o número de habitantes correspondentes á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Para o cálculo do devandito límite non se incluirán as contías subvencionadas de acordo co disposto no número 3 anterior.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda