Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 12 de setembro de 2012 Páx. 35783

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2012 pola que se amplía o prazo establecido para a presentación da xustificación por parte dos beneficiarios de subvencións outorgadas ao abeiro da Resolución do 1 de decembro de 2011, desta entidade, pola que se aprobaron as bases reguladoras e se anunciou a convocatoria anticipada de subvencións a proxectos de enerxías renovables con financiamento procedente de fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

No Diario Oficial de Galicia nº 236, do martes, 13 de decembro de 2011, publicouse a Resolución do 1 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións a proxectos de enerxías renovables con financiamento procedente de fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

No punto 2 do artigo 20 da dita resolución sinálase que o prazo para a xustificación do investimento remata o día 15 de setembro de 2012, agás para a liña de axudas de biogás/gasificación, cuxa data límite é o 31 de decembro de 2013. Non obstante, estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios debido ás dificultades existentes nalgunhas liñas de axudas para poder xustificar en prazo, maioritariamente por cuestións de dispoñibilidade orzamentaria, obras en curso de execución e a demora nas entregas ou provisión de materiais polos provedores, co consecuente atraso das actuacións subvencionadas.

Visto o disposto no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Establecer como data límite de xustificación do investimento das subvencións concedidas definitivamente o día 31 de outubro de 2012, ampliando así o prazo previsto no artigo 20 das bases reguladoras, agás para a liña de axudas de biogás/gasificación, cuxa data límite é o 31 de decembro de 2013.

Segundo. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra esta resolución non caberá ningún recurso.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2012

Eliseo Diéguez García
Director do Instituto Enerxético de Galicia