Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2012 Páx. 38361

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2012 pola que se amplía ata o 20 de decembro o prazo de que dispoñen os beneficiarios das axudas convocadas ao abeiro da Orde do 16 de decembro de 2011, para a xustificación das actividades de formación de adultos subvencionadas por medio da citada orde.

Por Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG do 26 de decembro) foron convocadas axudas para a realización de actividades de formación de adultos durante o ano 2012, organizadas por corporacións locais e institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 4 de maio de 2012 resolveu a citada convocatoria.

O artigo 12 da Orde do 16 de decembro de 2011 fixa, como prazo límite para a entrega da documentación xustificativa imprescindible para o pagamento da subvención, o 10 de outubro de 2012. Porén, o artigo 10 da devandita orde establece que «para poder cumprir as exixencias da Seguridade Social, o TC de setembro terá como data límite de xustificación o 15 de novembro».

Isto significa que o prazo xeral de xustificación finaliza o 10 de outubro. Non obstante, aqueles beneficiarios que deban presentar coa súa xustificación o pagamento do documento de cotización TC referido ao mes de setembro, dispoñen ata o 15 de novembro para remitir ese xustificante.

Malia o expresado anteriormente e, habida conta da posibilidade de que algúns beneficiarios non poidan remitir a súa xustificación nos prazos establecidos anteriormente,

RESOLVO:

Ampliar o prazo para a presentación da documentación xustificativa prevista na Orde do 16 de decembro de 2011 ata o 20 de decembro de 2012.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria