Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 8 de outubro de 2012 Páx. 38520

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 195/2012, do 27 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de glorieta no punto quilométrico 38+060 da AC-305, no concello de Ribeira (clave AC/12/099.06).

A Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar con data do 11 de setembro de 2012 o proxecto de construción de glorieta no p.q. 38+060 da AC-305, no concello de Ribeira (clave AC/12/099.06).

O obxecto deste proxecto é o desenvolvemento das actuacións necesarias para a mellora da intersección situada no contorno do p.q. 38+060 da estrada AC-305 Padrón (VRG-1.1)-Ribeira (AC-550), optando pola construción dunha glorieta de dimensións adecuadas que substitúa a actual disposición en T, o cal optimiza o deseño desde o punto de vista da seguridade viaria.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada tamén pola necesidade de corrixir e mellorar a conectividade entre o concello de Ribeira e a estrada que conecta coa vía de alta capacidade de titularidade autonómica AG-11 (autovía da Barbanza).

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación ao departamento competente, actualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto, en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación, do proxecto de construción de glorieta no p.q. 38+060 da AC-305, no concello de Ribeira (clave AC/12/099.06).

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas