Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 9 de outubro de 2012 Páx. 38646

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, na súa disposición adicional cuarta, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia de Turismo de Galicia, que terá como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago.

Mediante o presente decreto procédese ao desenvolvemento da citada disposición adicional, creando a Axencia de Turismo de Galicia e regulando os aspectos referidos á organización e funcionamento da Axencia, a súa estrutura, o réxime do seu persoal, o seu réxime económico-financeiro e o seu réxime patrimonial e de contratación.

O modelo instrumental elixido, o de axencia, recollido no artigo 74 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, é o que mellor se adapta ás necesidades de autonomía e de flexibilidade na xestión sobre os recursos asignados necesarios para o desenvolvemento da política turística, sector clave da economía galega.

Unha das vantaxes da creación da Axencia é que se reforzan os mecanismos de control de eficacia e se promove a responsabilización por obxectivos na xestión pública das funcións encomendadas.Trátase de configurar a Axencia de Turismo de Galicia como unha organización dotada dunha capacidade de decisión sobre os recursos asignados e dun nivel de autonomía no seu funcionamento, que son as premisas necesarias para que se lle poida exixir unha responsabilidade efectiva sobre o cumprimento dos obxectivos que ten encomendados. En consecuencia, resulta esencial que a creación dunha axencia comporte a prestación de servizos con alto nivel de calidade, cunha cultura de xestión acorde coa devandita finalidade e que sexa doadamente visualizable pola cidadanía.

A Axencia de Turismo de Galicia nace así cunha vocación integradora, co obxectivo de aproveitar as sinerxías creadas entre os diferentes órganos e entidades que ata o de agora tiñan competencias sobre distintos aspectos do turismo en Galicia e se crean economías de escala na xestión.

Neste senso, cómpre sinalar que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de febreiro de 2012, acordou a modificación do obxecto social da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, a supresión da Secretaría Xeral para o Turismo e a extinción da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos.

Así, a Axencia de Turismo de Galicia asume as competencias, recursos e medios materiais que lle corresponden na actualidade á Secretaría Xeral para o Turismo, aos servizos de Turismo nas xefaturas territoriais, á Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e ao Consorcio Instituto de Estudos Turísticos, desde o momento en que se produza a extinción da súa personalidade xurídica.

A Axencia de Turismo de Galicia asumirá tamén a tutela funcional da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, desde o momento en que se produza a modificación do seu obxecto social. A S.A. Xestión do Plan Xacobeo manterá a súa personalidade xurídica propia e o seu obxecto social consistirá no mantemento e conservación dos camiños, a rede de albergues e a divulgación do feito e cultura xacobeos.

O Consello do Turismo de Galicia, como órgano asesor adscrito á consellería competente en materia de turismo, segundo o establecido na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, incorporará a visión do sector privado, académico e sindical, o que permitirá adoptar decisións de política turística cun amplo abano de criterios, garantindo deste xeito unha coordinación na definición dos obxectivos e das estratexias para un mellor desenvolvemento das actuacións no eido turístico, levando a cabo a súa actividade conforme a planificación e coordinación establecidas pola Axencia de Turismo de Galicia.

Deste xeito, acádase unha dirección única, coordinada e áxil das competencias turísticas da Comunidade Autónoma, así como dos servizos comúns e transversais destas, o que supón conseguir unha maior eficacia e eficiencia dos recursos públicos.

Por iso, e para o desenvolvemento do seu traballo nos órganos de goberno da Axencia estarán presentes as administracións públicas con competencias no eido turístico, e participarán con voz e sen voto representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as deputacións provinciais e as organizacións empresariais máis representativas do sector turístico privado. Esta participación doutras entidades públicas e privadas permitirá realizar unha política turística integral que comportará unha mellora na eficacia e eficiencia dos orzamentos públicos destinados ao sector turístico na comunidade galega.

Polo que se refire á adscrición do novo ente, o presente decreto ocúpase de desenvolver as consecuencias dunha adscrición funcional da Axencia de Turismo de Galicia á Presidencia da Xunta de Galicia e orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En efecto, aínda que a Secretaría Xeral de Turismo se atopaba adscrita á Consellería de Cultura e Turismo, a nova estruturación orgánica da Administración autonómica aprobada polo Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, determinou unha nova organización da xestión das competencias autonómicas nesta materia coa adscrición funcional da indicada secretaría xeral á Presidencia da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa adscrición orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A creación agora da Axencia de Turismo de Galicia, en virtude da disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, efectúase a través do presente decreto, o cal mantén a adscrición funcional das competencias en materia de turismo á Presidencia da Xunta de Galicia, e aclara as consecuencias da adscrición orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, seguindo o modelo disposto no artigo 96 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os consorcios autonómicos que vaian quedar adscritos a un órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, no senso de entender que a adscrición indicada ao dito órgano non obsta para o desenvolvemento de determinadas competencias pola consellería que corresponda. Este esquema non se encontra afastado do previsto no artigo 26.5 do mesmo corpo legal para o caso das secretarías xerais dependentes directamente da Presidencia, caso en que se distingue entre unha dependencia funcional a esta e unha dependencia orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debido sempre á posición xurídica e institucional, xa aludida, da Presidencia da Xunta de Galicia. Polo demais, o esquema aludido segue o previsto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

De acordo coa descentralización funcional autorizada pola disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, así como o previsto no artigo 3.1.d) da dita lei, o presente decreto ocúpase da atribución de competencias á Axencia, sen prexuízo das atribuídas na lexislación de turismo ao titular da consellería competente en materia de turismo, que pasan a ser desempeñadas polo titular da consellería a que se atopa adscrita organicamente a Axencia. Esta descentralización, ademais de ser coherente coa creación da Axencia, é consecuencia do ordenado no artigo 46.3 da Lofaxga, que determina que a creación de novas entidades instrumentais do sector público autonómico non suporá en ningún caso duplicación de servizos públicos, polo que a creación debe vir acompañada da supresión da Secretaría Xeral de Turismo.

A creación da Axencia de Turismo de Galicia, así como a aprobación dos seus estatutos, constitúen o obxecto do presente decreto, que consta de seis artigos, dez disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e cinco disposicións derradeiras, e insírense no anexo I os estatutos da Axencia.

En primeiro lugar disponse a creación da Axencia de Turismo de Galicia e apróbanse os estatutos contidos no anexo.

Adscríbese a Axencia á Presidencia da Xunta de Galicia e determínanse as competencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No artigo catro establécese a descentralización funcional das competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo. Nos seguintes artigos desconcéntrase a competencia na persoa titular da Dirección da Axencia para subscribir con entidades públicas ou privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, e valórase o custo efectivo dos medios que se traspasan.

A disposición adicional primeira refírese á constitución da Axencia de Turismo de Galicia, momento coincidente coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor e netamente separado da creación da Axencia, unida á aprobación dos seus estatutos e da súa posta en funcionamento efectivo, ligada á xestión do seu orzamento e ao normal desenvolvemento dos seus servizos comúns.

A disposición adicional segunda ocúpase da tutela funcional da S.A. Xestión do Plan Xacobeo pola Axencia de Turismo de Galicia e do Consello do Turismo de Galicia.

A disposición adicional terceira trata da adscrición de órganos e postos da Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais á Axencia. O persoal conserva os dereitos, deberes e condicións profesionais que tiña en función da relación xurídica de emprego pola que estaba vinculado coa Administración autonómica.

As disposicións adicionais cuarta, quinta e sexta tratan diferentes aspectos relacionados coa incorporación do persoal das entidades que se extinguen ou modifican o seu obxecto para integrarse na Axencia de Turismo de Galicia.

Na disposición adicional sétima establécense as previsións necesarias para a racionalización dos medios humanos ao servizo da Axencia de Turismo de Galicia.

Na disposición adicional oitava establécese o prazo para a aprobación da proposta do primeiro contrato plurianual de xestión, na disposición adicional novena, o prazo para a realización do primeiro inventario de bens da Axencia e na disposición adicional décima recóllese como principio reitor do funcionamento da Axencia a perspectiva e igualdade de xénero.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período de transición necesario para culminar o cambio de modelo organizativo de axencia, en materia de servizos comúns, de subsistencia temporal dos órganos directivos actuais ata o nomeamento dos da nova axencia, da relación de postos de traballo, e o réxime transitorio dos procedementos.

Os estatutos recollidos no anexo I deste decreto están organizados en 44 artigos agrupados en sete capítulos.

O capítulo I reúne as disposicións xerais relativas á natureza, réxime xurídico, adscrición, obxecto e fins, así como á sede da Axencia de Turismo de Galicia. En canto tal entidade instrumental, en virtude do establecido nas leis, recóllese no artigo 7 a condición da Axencia como medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia.

O capítulo II ocúpase das competencias e funcións da Axencia, así como do réxime de impugnación dos actos administrativos.

Os instrumentos de xestión, en que se recollen os obxectivos da Axencia, os medios para cumprilos e as consecuencias do grao de cumprimento e, o plan de acción anual, constitúen o obxecto do capítulo III.

O capítulo IV establece a organización da Axencia de Turismo de Galicia, que conta con dous órganos de goberno, un unipersoal (a Presidencia), e outro colexiado (o Consello Reitor). A Dirección é o órgano encargado da xestión ordinaria.

O capítulo V regula o réxime económico e financeiro da Axencia e especifican os recursos económicos necesarios para que a Axencia desenvolva as súas funcións. O mesmo capítulo regula o réxime patrimonial e de contratación, que é o xeral de aplicación a todas as administracións públicas.

O réxime do persoal da Axencia, así como os procedementos de selección de postos de traballo, distinguindo entre as condicións de acceso á Axencia do persoal directivo e do persoal non directivo, conforman o contido do capítulo VI.

Finalmente, o capítulo VII recolle a transparencia na xestión, para o que establece a obriga de publicar información actualizada de determinados aspectos que se citan na súa sede electrónica, e regula a carta de servizos da Axencia.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras o informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación

En virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, créase a Axencia de Turismo de Galicia (en diante, Axencia Turismo de Galicia), como axencia pública autonómica, que terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago, e apróbanse os estatutos contidos no anexo I deste decreto.

Artigo 2. Adscrición

1. A Axencia Turismo de Galicia estará adscrita funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, conforme o regulado no presente decreto.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, de conformidade co disposto no artigo 56 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia quedará adscrita organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 3. Competencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

1. Con carácter xeral, corresponde á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, baixo a dirección da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, o exercicio das competencias que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, atribúe á persoa titular da consellería de adscrición respecto da entidade pública instrumental adscrita, así como aquelas que lle atribúan os estatutos da propia Axencia Turismo de Galicia.

En particular, corresponderá á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o exercicio das seguintes competencias:

a) Propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento e cesamento da persoa titular da Dirección da Axencia.

b) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta.

c) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da Axencia á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas para a súa presentación ao Consello da Xunta, nos casos en que proceda.

d) Elevar ao Consello da Xunta de Galicia os asuntos que deban someterse á súa aprobación.

2. Sen prexuízo do disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, corresponde á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presidir as sesións do Consello Reitor salvo nos casos en que, por razón da materia que se vai tratar, a persoa titular da Presidencia da Axencia considere necesaria a súa intervención.

Artigo 4. Descentralización funcional

De acordo coa descentralización funcional autorizada pola disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, así como o previsto no artigo 3.1.d) da dita lei, as competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo ás xefaturas territoriais competentes en materia de turismo, centro directivo competente en materia de turismo e consellería competente en materia de turismo, quedan atribuídas aos órganos de estrutura da Axencia, con excepción das competencias atribuídas á persoa titular da consellería competente en materia de turismo, que se entenderán atribuídas á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, sen prexuízo da posible delegación do seu exercicio de acordo co artigo 6 da Lofaxga.

Artigo 5. Desconcentración de competencias

Queda desconcentrada no/a titular da Dirección da Axencia a competencia para subscribir en nome da Axencia convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público con entidades públicas e privadas.

Artigo 6. Valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan

1. A valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan comprenderá o orzamento da Secretaría Xeral para o Turismo, da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos, o mesmo que a parte correspondente do orzamento da S.A. Xestión do Plan Xacobeo cuxas competencias asume a Axencia Turismo de Galicia, sen prexuízo do seu estado de execución no momento da entrada en funcionamento da Axencia, e as incorporacións que, de ser o caso, se fagan, así como as achegas de medios, servizos, bens e outros elementos con valoración económica que se adscriban ou transfiran.

2. Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente artigo.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Turismo de Galicia

1. A constitución da Axencia Turismo de Galicia producirase coa realización da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. A Axencia Turismo de Galicia iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas dentro do prazo de dous meses desde a súa constitución. Por resolución da Dirección da Axencia, conforme o indicado polo Consello Reitor, publicarase a data da súa posta en funcionamento.

3. A Axencia Turismo de Galicia asumirá, desde a súa constitución, as competencias atribuídas á Secretaría Xeral para o Turismo e os servizos de Turismo das xefaturas territoriais, que quedarán suprimidos no momento da dita constitución, de acordo co disposto no artigo 46.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o novo ente subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias do devandito órgano.

4. A Axencia subrogarase tamén en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos, no momento en que se proceda á súa extinción e nas relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, derivadas ou directamente vinculadas coas funcións que son asumidas pola Axencia, no momento da modificación dos seus estatutos.

Disposición adicional segunda. S.A. Xestión do Plan Xacobeo e Consello do Turismo de Galicia

1. A Axencia Turismo de Galicia asumirá a tutela funcional da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, ente con personalidade xurídica, que modificará o seu obxecto social, o cal quedará constituído polo mantemento e conservación dos camiños, a rede de albergues e a divulgación do feito e cultura xacobeos.

2. O Consello do Turismo de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de turismo, segundo o establecido na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, desenvolverá as súas funcións de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento do turismo baixo a coordinación e dirección da Axencia.

Disposición adicional terceira. Adscrición de órganos e postos da Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais

1. No momento da constitución efectiva da Axencia Turismo de Galicia, quedarán suprimidos os órganos de rango de subdirección xeral e servizo correspondentes á estrutura orgánica da Secretaría Xeral para o Turismo e os servizos de Turismo das xefaturas territoriais, e autorizarase a Dirección da Axencia Turismo de Galicia a adscribir, se for o caso, o persoal afectado a postos da Axencia.

2. Por resolución da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, quedarán adscritos á Axencia de Turismo de Galicia, no momento da súa posta en funcionamento, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondente á Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais.

Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente a esta, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos

3. O persoal funcionario de carreira e/ou persoal laboral fixo da Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais pasará a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Turismo de Galicia, con efectos desde a entrada en funcionamento da nova axencia, sen prexuízo do establecido no número 1 para o persoal afectado pola supresión dos órganos con rango de subdirección xeral e servizo.

4. O persoal interino e o persoal laboral temporal da Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais que estean a prestar servizos nos postos que se integren na Axencia Turismo de Galicia incorporaranse a esta, con efectos desde a entrada en funcionamento da nova axencia.

5. O persoal laboral indefinido que preste servizos na Secretaría Xeral para o Turismo e dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais pasará a desempeñalos na Axencia, co mesmo réxime e condicións que tiña no mencionado órgano, con efectos desde a entrada en funcionamento da nova axencia e sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional sétima deste decreto.

Disposición adicional cuarta. Incorporación de postos de traballo da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e da S.A. Xestión do Plan Xacobeo á Axencia Turismo de Galicia

1. A Axencia Turismo de Galicia asumirá os postos de traballo do cadro de persoal da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos no momento en que se produza a extinción da súa personalidade xurídica, así como os postos de traballo do cadro de persoal da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, desde o momento en que se produza a modificación do seu obxecto social, de acordo coas funcións que a Axencia asume.

Por resolución da Dirección da Axencia Turismo Galicia, concretaranse os postos de traballo que se incorporan, logo de oír as organizacións sindicais.

2. Os cadros de persoal das entidades que se extinguen ou modifiquen o seu obxecto social serán os instrumentos de xestión do persoal na Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente.

Disposición adicional quinta. Incorporación do persoal laboral fixo da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e da S.A. Xestión do Plan Xacobeo

1. A Axencia subrógase, co mesmo réxime e condicións que tiñan nas súas entidades de orixe, nos contratos do persoal laboral fixo da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos desde o momento da súa extinción, e o persoal asignado ás funcións que asume a Axencia da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, desde o momento de modificación dos estatutos da dita sociedade.

Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da Axencia dependendo dos órganos da súa estrutura segundo se determine por resolución da Dirección da Axencia.

2. Por orde da consellería competente en materia de función pública e de forma motivada con base nas necesidades de homoxeneización do persoal laboral do sector público autonómico poderase iniciar, respecto do persoal laboral fixo que se incorpore á Axencia, o procedemento de integración de persoal previsto no título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia, que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, sempre que se cumpran os requisitos exixidos para iso.

A adscrición ao posto de traballo terá carácter definitivo, salvo que se trate de postos que nas relacións de postos de traballo teñan carácter directivo ou sexan susceptibles de seren provistos polo sistema de libre designación.

Disposición adicional sexta. Incorporación do persoal indefinido non fixo e temporal da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos, e da S.A. Xestión do Plan Xacobeo

Sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional sétima do presente decreto, a Axencia de Turismo de Galicia subrógase tamén, co mesmo réxime e condicións que tiñan nas súas entidades de orixe, nos contratos do persoal laboral indefinido non fixo e do persoal laboral temporal procedente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos desde o momento da súa extinción, e do persoal laboral indefinido non fixo e do persoal laboral temporal da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, asignado ás funcións, obras ou servizos determinados que asume a Axencia desde o momento de modificación dos estatutos da dita sociedade, agás que se produza a extinción dos contratos polas causas e coas consecuencias previstas na lexislación laboral.

Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da Axencia e dependendo dos órganos da súa estrutura segundo se determine por resolución da Dirección da Axencia.

Disposición adicional sétima. Racionalización de estruturas

1. A relación de postos de traballo da Axencia Turismo de Galicia deberá incorporar as medidas necesarias para axustala ás consecuencias desta asunción do persoal.

Para estes efectos, a Axencia Turismo de Galicia, no momento da elaboración da relación de postos de traballo, procederá a realizar de oficio un estudo organizativo, tendo en conta a racionalización das estruturas orgánicas, a evitación de tarefas redundantes e duplicidades e as previsións orzamentarias, propoñendo a súa creación formal ou ben a amortización daqueles postos que non sexan necesarios para o funcionamento da Axencia.

2. Os postos de traballo que sexan obxecto de creación de acordo coa presente disposición na relación de postos de traballo da Axencia Turismo de Galicia serano como posto de persoal funcionario ou, excepcionalmente, de persoal laboral cando a natureza das súas funcións así o requira.

A cobertura dos postos de traballo polos procedementos legalmente establecidos ou a aprobación da súa amortización producirá a extinción da relación laboral de acordo co disposto na lexislación laboral, todo isto sen prexuízo de que o traballador poida acceder ao emprego público, logo de superar o correspondente proceso selectivo.

Disposición adicional oitava. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional novena. Inventario

A Axencia Turismo de Galicia realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que puider adquirir para o inicio da súa actividade, antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición adicional décima. Perspectiva e igualdade de xénero

No exercicio das funcións establecidas neste decreto, así como no funcionamento da Axencia Turismo de Galicia, terase en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Prestación de servizos

1. Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento da Axencia Turismo de Galicia, a Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia poderá continuar xestionando as competencias en materia de persoal nos termos previstos para os órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, respecto do persoal da Axencia, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

Non obstante, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza realizará, a través das súas xefaturas territoriais, a xestión de persoal que as áreas provinciais da Axencia teñen nos servizos periféricos, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

2. Mentres non se proceda á dotación da Asesoría Xurídica da Axencia, o seu asesoramento xurídico corresponderá á Asesoría Xurídica da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, para o cal se concertará o oportuno convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no seu regulamento orgánico, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de órganos e postos á Axencia Turismo de Galicia

1. A persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo desenvolverá transitoriamente as funcións que corresponden ao/á director/a da Axencia Turismo de Galicia ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nos estatutos.

2. Os órganos da Secretaría Xeral para o Turismo continuarán no exercicio das súas funcións ata a data da constitución efectiva da Axencia Turismo de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Relacións de postos de traballo da Axencia Turismo de Galicia

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo inicial de persoal funcionario e laboral da Axencia Turismo de Galicia, manteranse como instrumentos de ordenación dos seus recursos humanos as relacións de postos de traballo da Secretaría Xeral para o Turismo e as dos servizos de Turismo das xefaturas territoriais, así como os cadros de persoal da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., do Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e da S.A. Xestión do Plan Xacobeo coas dotacións existentes no momento da creación da Axencia Turismo de Galicia.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio dos procedementos

1. Os expedientes relativos a materias que sexan competencia da Axencia, iniciados pola Secretaría Xeral para o Turismo, os servizos de Turismo das xefaturas territoriais, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., o Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e os relativos ás competencias que asume a Axencia da S.A. Xestión do Plan Xacobeo con anterioridade á constitución da Axencia e non resoltos na devandita data, serán resoltos polo órgano competente da Axencia, de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecida polo estatuto ou a normativa que o desenvolva.

2. Os procedementos de gasto iniciados e non rematados pola Secretaría Xeral para o Turismo, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., o Consorcio Instituto de Estudos Turísticos e os relativos ás competencias que asume a Axencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, adaptaranse na súa tramitación á normativa reguladora da Axencia e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polos estatutos.

Disposición transitoria quinta. Primeiro exercicio económico

O primeiro exercicio económico da Axencia comeza a contarse desde a data da súa posta en funcionamento e finaliza o 31 de decembro do mesmo ano.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

Modifícase o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia:

Un. Suprímese o punto 1.g) do artigo 1.

Dous. Engádese o punto 3 ao artigo 1, que queda redactado nos seguintes termos:

«3. De conformidade co disposto no artigo 23.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia desenvolverá as súas competencias baixo a dependencia funcional da Presidencia da Xunta de Galicia, e queda adscrita organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza».

Tres. Suprímese o artigo 7.

Catro. Suprímese o punto terceiro da disposición adicional segunda.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia

Suprímese o punto 8 do artigo único do Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia:

Único. Engádese o punto 4 á alínea d) do artigo 1, que queda redactado nos seguintes termos:

«4. A Axencia de Turismo de Galicia, adscrita funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza».

Disposición derradeira cuarta. Normativa de desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Estatutos da Axencia Turismo de Galicia

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

A Axencia Turismo de Galicia é una axencia pública autonómica das reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Obxecto

A Axencia ten como obxectivos básicos:

a) Desenvolver o turismo na Comunidade Autónoma de Galicia baixo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade, seguindo parámetros de eficiencia e eficacia.

b) A potenciación do turismo de Galicia como un factor de crecemento económico, a través da mellora de competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos.

c) O incremento das magnitudes cuantitativas e cualitativas turísticas: participación no PIB galego, estadía media, número de visitantes e pernoitas, gasto medio, emprego turístico, certificacións en sistemas de xestión de calidade.

d) O fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

e) O impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico.

f) A mellora do posicionamento do turismo galego no panorama nacional e internacional.

g) A diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

h) A promoción da imaxe marca-país de Galicia, desde unha óptica integral e marca-país.

i) A colaboración entre todos os axentes turísticos tanto no ámbito da Administración pública como no sector privado.

Artigo 3. Personalidade xurídica

A Axencia Turismo de Galicia ten personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios, así como autonomía de xestión, dentro dos límites que establezan a normativa vixente e este estatuto.

Artigo 4. Potestades

Corresponde á Axencia Turismo de Galicia, dentro da esfera da súa competencia, o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións, nos termos establecidos no presente estatuto e de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 5. Adscrición e sede

1. A Axencia Turismo de Galicia está adscrita funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. A Axencia Turismo de Galicia ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

3. A Axencia conta con áreas de ámbito provincial nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 6. Réxime xurídico

A Axencia axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao resto do ordenamento xurídico. O seu réxime xurídico interno regularase polo dereito administrativo, e o réxime xurídico externo, polo dereito administrativo ou o dereito privado segundo a normativa aplicable.

Artigo 7. Condición de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a Axencia ten a consideración de medio propio e servizo técnico dos poderes adxudicadores dependentes da Comunidade Autónoma para os que realice a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aquela un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. O réxime das encomendas ou encargos á Axencia será o definido na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 8. Principios de actuación

A actuación da Axencia suxéitase ao principio de xestión transparente por obxectivos, para o cal se apoiará no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor aos/ás usuarios/as e á sociedade. Así mesmo, a Axencia observará os principios básicos de actuación das entidades instrumentais do sector público autonómico, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO II
Competencias

Artigo 9. Competencias e funcións

Para o cumprimento dos seus obxectivos, a Axencia de Turismo de Galicia ten as seguintes competencias e funcións sen prexuízo das que correspondan a outras entidades integrantes do sector público autonómico:

a) A planificación da política de ordenación e inspección, fomento e competitividade do turismo dentro da comunidade autónoma, determinando as liñas de actuación de política turística, equilibradas e sustentables, que deben rexer no territorio galego.

b) A elaboración e proposta de normativa nas materias da súa competencia.

c) A dirección e coordinación das actuacións que poidan ter incidencia en materia de turismo que se desenvolvan no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma.

d) A instauración de canles efectivas de comunicación con outros organismos locais, provinciais e da Administración central e outras administracións, así como co sector privado.

e) O desenvolvemento e xestión de plans integrais de turismo para aplicar nos xeodestinos e/ou establecementos turísticos, apostando pola innovación, calidade e sustentabilidade dos produtos turísticos que configuren o portafolios de produtos turísticos de Galicia.

f) O aproveitamento e potenciación dos recursos turísticos de Galicia mediante a promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade, tanto no interior de Galicia coma no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado.

g) A coordinación, o impulso, a xestión e a execución das actividades de promoción turística interior e exterior públicas e público-privadas.

h) Os labores de información turística tanto a nivel nacional como internacional, directamente ou a través de convenios e concertos con institucións públicas e privadas para a creación, coordinación e desenvolvemento destas accións de información e promoción turística interior e exterior.

i) Directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

j) A coordinación da participación da Comunidade Autónoma nas exposicións universais.

k) Dirixir e coordinar as actuacións relativas á análise, estudo, coñecemento e estatísticas no eido turístico, así como o desenvolvemento de tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo, sen prexuízo doutros organismos con competencias nestas materias.

l) O impulso da competitividade do sector turístico privado, fomentando a mellora da xestión interna das empresas turísticas, a I+D+i, a cooperación entre empresas e a formación.

m) A aplicación dos mecanismos necesarios para mellorar as estruturas e os fundamentos da formación profesional turística.

n) A formación de formadoras ou formadores vinculados aos estudos turísticos, tanto desde o punto de vista teórico coma práctico, así como a formación continua dos traballadores do sector turístico, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder a outros organismos.

ñ) Calquera outra actividade orientada a mellorar a posición do sector turístico de Galicia no marco español e internacional.

o) O exercicio da función estatística da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de turismo, no marco do previsto no artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

p) Todas as operacións que sexan preparatorias, auxiliares ou complementarias das mencionadas.

Artigo 10. Réxime de funcionamento

1. A Axencia Turismo de Galicia ditará as resolucións e normas internas necesarias para o cumprimento das súas competencias e para o seu funcionamento, que poden adoptar a forma de:

a) Resolucións da Presidencia da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións, instrucións e circulares da Dirección da Axencia.

Artigo 11. Impugnación de actos administrativos e reclamacións administrativas

1. Os actos suxeitos ao dereito administrativo ditados polo Consello Reitor, pola persoa titular da Presidencia da Axencia ou pola persoa titular da Dirección da Axencia no exercicio das súas competencias esgotan a vía administrativa, sen prexuízo do posterior acceso á xurisdición contencioso-administrativa. Contra eles poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición, sen prexuízo da súa impugnación na vía contencioso-administrativa, nos termos previstos na lexislación básica de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, respecto dos actos dictados polos órganos superiores de goberno da Axencia, a competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables.

Así mesmo, correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a resolución das reclamacións da responsabilidade patrimonial.

CAPÍTULO III
Instrumentos de xestión

Artigo 12. O contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto regular a actividade da Axencia Turismo de Galicia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, todo iso no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. A Dirección da Axencia elaborará unha proposta de contrato plurianual de xestión, para a súa aprobación polo Consello Reitor da Axencia e posterior elevación ao Consello da Xunta para a súa aprobación. O Consello Reitor da Axencia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre de vixencia do anterior. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

3. O contrato de xestión aprobarase para períodos de catro anos coincidentes cos exercicios orzamentarios e comprenderá, cando menos, os aspectos previstos no artigo 80.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. A persoa responsable da Dirección da Axencia proporá ao Consello Reitor da Axencia Turismo de Galicia, para a súa aprobación:

a) O plan de acción anual, sobre a base dos recursos dispoñibles.

b) O informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire este artigo serán públicos e os/as cidadáns/ás terán acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. Para garantir o libre acceso ao contido destes documentos, deberán ser publicados na sede electrónica da Axencia dentro dos 30 días seguintes ao da súa aprobación.

4. No primeiro trimestre de cada ano, a Axencia, a través da persoa titular da Dirección, informará as consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda sobre a execución e o cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

CAPÍTULO IV
Organización da Axencia

Sección 1ª Óganos

Artigo 14. Órganos da Axencia Turismo de Galicia

1. Os órganos da Axencia Turismo de Galicia son:

a) De goberno.

– A Presidencia.

– O Consello Reitor.

b) De goberno e executivo.

– A Dirección.

c) Outros órganos:

– A Xerencia.

– A Comisión de Control e Seguimento.

– A Asesoría Xurídica.

– As direccións.

– As áreas.

– A Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa.

2. A composición e organización dos órganos da Axencia farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 15. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia corresponderá ao/á titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Corresponde á persoa titular da Presidencia da Axencia, sen prexuízo das delegacións que, se é o caso, poidan acordarse:

a) Exercer a máxima representación institucional da Axencia Turismo de Galicia.

b) Exercer a presidencia do Consello Reitor, presidindo as súas sesións, e desempeñar as demais competencias que, en exercicio desta función, lle correspondan, sen prexuízo do disposto no artigo 3 do decreto de creación da Axencia Turismo de Galicia.

c) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Axencia, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

3. A persoa titular da Presidencia poderá obter dos órganos regulados nos presentes estatutos os informes e ditames precisos para o correcto exercicio das funcións que ten encomendadas.

4. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá a persoa titular da Presidencia.

Artigo 16. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Turismo de Galicia. Estará composto por unha presidencia, unha vicepresidencia, as vogalías e a secretaría.

2. A Presidencia do Consello Reitor corresponderá á persoa titular da Presidencia da Axencia.

3. A Vicepresidencia corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia. Esta substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

4. Serán vogais do Consello Reitor un/unha representante de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia designados/as pola persoa titular da consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polos/as seus/súas respectivos/as suplentes, propostos/as pola mesma persoa que designou as persoas titulares.

5. A persoa que ocupe a Secretaría do Consello Reitor será designada e nomeada por este, entre o persoal que presta servizos na Axencia, e asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría, o Consello Reitor nomeará a persoa que a substitúa nos termos previstos no punto anterior.

6. Poderán participar con voz e sen voto nas sesións do Consello Reitor as seguintes administracións territoriais e entidades públicas ou privadas:

a) Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

b) Un/unha representante por cada deputación provincial.

c) Seis representantes das organizacións empresariais máis representativas do sector turístico privado, propostos polos membros destas presentes no Consello do Turismo de Galicia.

A participación destas administracións territoriais e entidades públicas ou privadas terá lugar cando na orde do día das reunións do Consello Reitor se vaia tratar calquera punto en relación coas seguintes materias:

a) Accións de promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade.

b) Plans integrais de dinamización e competitividade turística nos xeodestinos.

c) Accións de comercialización, información turística, difusión de produtos e servizos.

d) Actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, rede de albergues e mantemento dos camiños.

e) Estudos e estatísticas no eido turístico.

7. Asistirá ás sesións do Consello Reitor con voz e sen voto un/unha letrado/a da Xunta de Galicia, designado/a por proposta da persoa titular da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, con funcións de asesoramento legal, de acordo co disposto no convenio a que se refire o artigo 23 dos presentes estatutos.

8. Con invitación previa da Presidencia da Axencia, poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, con voz e sen voto, outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante coas materias incluídas na orde do día.

9. Os/as vogais do Consello Reitor serán nomeados/as pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

10. A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.

Artigo 17. Competencias do Consello Reitor

Corresponderán ao Consello Reitor as seguintes funcións, sen prexuízo das delegacións que, se é o caso, poidan acordarse:

a) A dirección estratéxica, seguimento, supervisión e control superiores da actuación da Axencia e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) A aprobación das propostas de modificación de estatutos e a aprobación das normas de réxime interno.

c) A aprobación da proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación e a aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos ditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

d) A aprobación das propostas dos instrumentos que regulen o funcionamento do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e as relacións xurídicas co alumnado.

e) Por proposta do/a titular da Dirección da Axencia, a aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida por esta, así como de cantos informes extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

f) Por proposta do/a titular da Dirección da Axencia, a aprobación do plan de acción de cada ano, sobre a base dos recursos dispoñibles.

g) Por proposta do/a titular da Dirección da Axencia, a aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Establecer a periodicidade dos informes que deben ser elaborados pola Comisión de Control.

i) Avaliar a información de xestión e financeira remitida pola Comisión de Control.

j) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais.

k) A aprobación da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados no contrato de xestión.

l) As decisións que sobre a administración do patrimonio e bens da Axencia lle poidan corresponder de conformidade co establecido no ordenamento xurídico.

m) As decisións que poidan corresponder á Axencia en relación coas sociedades anónimas en que teña participación.

n) A aprobación da iniciativa de creación ou participación de sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

ñ) A proposta, cando así corresponda, do nomeamento e substitución dos/as membros dos órganos de goberno ou control das entidades instrumentais do sector público autonómico que puidesen ser creadas ou participadas pola Axencia.

o) Determinar os postos de traballo que poden ser ocupados por persoal directivo en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia dos labores asignados a estes.

p) Nomear e separar o/a xerente e o persoal directivo da Axencia, por proposta motivada da persoa titular da Dirección desta.

q) A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia.

r) Autorizar contratos laborais de duración determinada logo dos informes favorables dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. A selección deste persoal realizarase de acordo co previsto no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

s) A resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais, sen prexuízo da súa posible delegación noutro órgano da Axencia.

t) Calquera outra que lle atribúan estes estatutos ou a normativa que resulte de aplicación.

Artigo 18. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase, logo de convocatoria da Presidencia, en todas as ocasións que resulte necesario para o desenvolvemento das funcións da Axencia e, cando menos, cada seis meses.

2. A convocatoria do Consello Reitor será realizada polo/a secretario/a cunha antelación mínima de tres días e incorporará a orde do día e a documentación dos asuntos que se van tratar. Por razóns debidamente motivadas, a repartición da documentación poderá facerse no mesmo acto do consello.

3. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais do/a presidente/a e do/a secretario/a ou de quen os substitúa, deberán estar presentes ou representados/as, na primeira convocatoria, polo menos a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.

4. Os acordos do Consello Reitor tomaranse por maioría de votos dos seus membros presentes ou representados. En caso de empate, a Presidencia terá voto de calidade.

5. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustaranse ao disposto nos estatutos e regulamento de réxime interno; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 19. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo da Axencia Turismo de Galicia. A persoa titular da Dirección é responsable da xestión ordinaria da entidade e exerce as competencias inherentes á devandita dirección para acadar os obxectivos definidos no artigo 2 dos presentes estatutos.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia é nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de secretario/a xeral.

3. A persoa titular da Dirección da Axencia é responsable da dirección e xestión ordinaria da Axencia e desenvolve as atribucións establecidas neste estatuto, nas leis e regulamentos aplicables, así como as que lle delegue a persoa titular da Presidencia da Axencia ou o Consello Reitor.

4. Corresponden á persoa titular da Dirección, en particular, as seguintes funcións:

a) Propoñer, para a súa aprobación polo Consello Reitor, o plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual de xestión, o informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior e as contas anuais xunto co informe de auditoría de contas.

b) Elevar ao Consello Reitor propostas de desenvolvemento estatutario, no marco organizativo e de xestión económica e administrativa, dentro dos límites do presente estatuto e dos compromisos do contrato plurianual de xestión.

c) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as áreas, os servizos e as unidades adscritos á Axencia, para o que poderá emitir as instrucións, circulares e demais instrumentos orientados á xestión ordinaria da Axencia.

d) A proposta da relación de postos de traballo da Axencia con suxeición ao disposto no artigo 58.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Exercer a xefatura do persoal da Axencia.

f) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da Axencia.

g) O exercicio da potestade sancionadora de conformidade co disposto na Lei do turismo de Galicia. Para estes efectos, e de acordo co disposto na disposición derradeira primeira, entenderase por titular do centro directivo correspondente na consellería competente en materia de turismo o titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia.

h) Dispor os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a autorización e ordenación dos pagamentos da Axencia dentro dos límites que lle correspondan.

i) Autorizar, de conformidade co artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, variacións orzamentarias que non afecten a contía global do orzamento, nin os gastos de persoal e de capital.

j) Propoñer a autorización das variacións que afecten a contía global do orzamento, ou os gastos de persoal e de capital, nos termos establecidos no artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

k) Acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Orzamentos que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo darase conta á Comisión de Control.

l) Informar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda sobre a execución e o cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

m) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

n) Actuar, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da Axencia. Precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

ñ) Elaborar propostas de normativa turística e desenvolvemento regulamentario no eido das súas competencias.

o) Propoñer ao Consello Reitor un/unha candidato/a a ocupar a Xerencia.

p) Propoñer ao Consello Reitor o nomeamento do persoal directivo da Axencia.

q) O establecemento de liñas de axuda e subvencións a entidades públicas ou privadas para o fomento da actividade turística, así como a súa convocatoria e resolución.

r) Designar o órgano estatístico da Axencia segundo o disposto no Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, polo que se regulan os órganos estatísticos sectoriais e se establece o procedemento de designación.

s) Calquera outra función que lle puidese ser delegada ou que derive do resto do ordenamento xurídico, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano dela.

5. A persoa titular da Dirección poderá delegar aquelas funcións propias que xulgue oportunas e sexan susceptibles de delegación na persoa titular da Xerencia ou nas persoas titulares das direccións.

6. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal a persoa titular da Xerencia substituirá a persoa titular da Dirección.

Artigo 20. A Xerencia

1. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é persoal directivo e será nomeada e separada polo Consello Reitor por proposta da Dirección da Axencia.

2. A Xerencia é o órgano ao cal lle corresponden as funcións de xestión e administración, e a coordinación e supervisión do resto das direccións, así como a elaboración do plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual de xestión.

3. Dependen da Xerencia as áreas provinciais, a Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa e as áreas con competencias sobre:

a) Xestión económica, contratación, obras, orzamentos e xestión patrimonial da Axencia.

b) Recursos humanos, incluídos a xestión da relación de postos de traballo, o asesoramento ao Consello Reitor na fixación das retribucións e a condución de avaliacións periódicas de desempeño e cumprimento de obxectivos.

c) Funcións técnico-xurídicas e de apoio lexislativo en materia de turismo.

d) Coordinación administrativa, xestión dos servizos comúns da Axencia, mantemento e publicacións.

Artigo 21. A Comisión de Control e Seguimento

1. A Comisión de Control e Seguimento, que funciona no seo do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros:

a) Un representante da Axencia.

b) Un representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) Un representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.

d) Un representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso os membros da Comisión de control e seguimento serán coincidentes cos membros do Consello Reitor, a excepción dos membros que non teñan voto no dito consello.

3. A presidencia da Comisión desempeñaraa o representante da consellería que ten competencias en materia de orzamentos.

4. A secretaría da Comisión será exercida polo/a secretario/a do Consello Reitor da Axencia, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor coma ás consellerías que forman parte da Comisión.

5. Os membros da Comisión serán designados polo Consello Reitor e polos/as titulares das consellerías con presenza na Comisión, de entre o seu persoal técnico con rango de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou equivalente.

Sempre que se xustifique debidamente, poderán exixirse determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control e Seguimento.

6. Os membros da Comisión poderán asistir cun asesor sempre que os asuntos que se vaian tratar o xustifiquen.

7. O cargo na Comisión de Control e Seguimento non será retribuído.

Artigo 22. Funcións da Comisión de Control e Seguimento

1. Correspóndelle á Comisión de Control e seguimento informar o Consello Reitor sobre a execución do contrato de xestión e, en xeral, sobre todos aqueles aspectos relativos á xestión económico-financeira que deba coñecer o propio Consello, para o que deberá:

a) Supervisar o procedemento e sistemas de elaboración da información de xestión económica e financeira que se someterá ao Consello Reitor. Para tal efecto, formulará o marco normalizado de comunicación desta información, analizará os seus resultados e coñecerá os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno e propoñerá as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

b) Revisar as contas anuais que deben someterse ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

c) Supervisar as memorias e informes da Xerencia, nas cales se relacione o grao de cumprimento de obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional e incentivos que debe levar asociados. Neste ámbito, elaborará coa periodicidade que decida o Consello Reitor, e cando menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

d) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución, a través da análise do estado de execución orzamentaria mensualmente remitida á Comisión de Control e Seguimento. Neste ámbito emitirá informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas polo/a director/a da Axencia e coñecerá os acordos de incorporación dos remanentes de tesouraría.

e) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

2. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola Comisión poderán conter propostas ou recomendacións para a súa toma en consideración polo Consello Reitor.

3. Os informes da Comisión de Control e Seguimento teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas, sen que sexan vinculantes para o Consello Reitor.

4. Correspóndelle á Comisión de Control e Seguimento elaborar o seu regulamento de réxime interno.

5. O funcionamento da Comisión de Control e Seguimento axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 23. Asesoría e asistencia xurídica

1. O asesoramento xurídico da Axencia Turismo de Galicia corresponderá á Asesoría Xurídica da Axencia que estará integrada na Axencia.

2. A Asesoría Xurídica da Axencia dependerá, funcionalmente, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. A Asesoría Xurídica da Axencia estará integrada por funcionarios/as do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados.

3. Para a representación e defensa en xuízo da Axencia formalizarase un convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos termos previstos no regulamento orgánico antedito.

Artigo 24. As direccións

1. A Axencia Turismo de Galicia estrutúrase en direccións, que terán carácter directivo con nivel orgánico equivalente ao de subdirección xeral, dependentes directamente da Dirección da Axencia.

2. A estrutura das distintas direccións da Axencia responderá á correcta execución das competencias definidas no artigo 9 do presente estatuto, para o que contarán coas correspondentes áreas con nivel orgánico equivalente ao de servizo.

Sección 2ª Estrutura orgánica

Artigo 25. Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Xerencia contará cunha Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa, con nivel orgánico equivalente ao de subdirección xeral á cal lle corresponde a coordinación, seguimento e control das áreas dependentes da Xerencia:

1. Área de Xestión Económica e Orzamentaria, coas seguintes funcións:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Axencia, o seu seguimento e control.

b) A coordinación, a supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

c) A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

d) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento.

e) Tramitación das autorizacións para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.

f) Coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda.

g) Habilitación de pagamentos, agás os correspondentes aos de persoal, de servizos centrais e coordinación das habilitacións periféricas.

h) Xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Axencia.

2. Área de Contratación, coas seguintes funcións:

a) A tramitación, seguimento e control económico-administrativo dos expedientes de contratación sometidos á normativa reguladora dos contratos do sector público, calquera que sexa o seu tipo ou forma de adxudicación, o seu seguimento e control.

b) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na Área de Contratación.

c) Rexistro, control e supervisión das marcas e/ou denominacións da Axencia.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Axencia.

3. Área de Apoio Xurídico e Lexislativo, que terá as seguintes funcións:

a) A tramitación administrativa dos convenios e programas da Axencia co sector público ou privado, o seu control e seguimento.

b) Estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais Técnicos.

c) A asistencia e apoio xurídico nas materias que sexan competencia da Axencia, tanto nos proxectos de disposicións que elabore coma no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos, requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos seus distintos órganos cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

d) Preparación, coordinación e proposta de normativa reguladora en materia turística.

e) Tramitación dos expedientes de declaración de municipio turístico e de festas de interese turístico.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Axencia.

4. Área de Recursos Humanos, que terá as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Axencia e o seguimento e control do rexistro de persoal.

b) A xestión do réxime interno da Axencia, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade, seguindo as indicacións da Dirección ou da Xerencia da Axencia.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Axencia, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.

d) A xestión de nóminas e habilitación de gastos de persoal da Axencia.

e) A programación das necesidades do persoal.

f) A elaboración do borrador da proposta da relación de postos de traballo.

g) Elaboración de estudos e informes en materia de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Axencia.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Axencia.

5. Área de Obras e Mantemento, que ten as función seguintes:

a) Coordinación, asistencia e supervisión dos investimentos na valorización dos recursos turísticos de Galicia que se promovan desde a Axencia.

b) Apoio técnico sobre os investimentos en infraestruturas como consecuencia dos plans ou programas en que participa a Axencia ou por instancia doutro organismo que teña establecidas liñas de apoio ao turismo.

c) Valoración técnica de proxectos presentados por empresas en relación cos expedientes de axudas de fomento do turismo, ou por solicitude doutros órganos.

d) Realización de informes de idoneidade turística de proxectos con incidencia especial en espazos turísticos.

e) Supervisión e mantemento dos inmobles da súa propiedade ou adscritos á Axencia.

f) Creación, mantemento e xestión da rede de albergues da Xunta de Galicia.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Axencia.

Artigo 26. Áreas provinciais da Axencia

As áreas da Axencia en cada provincia, con nivel orgánico equivalente a servizo, teñen encomendada a xestión de competencias desta no respectivo ámbito territorial e, sen prexuízo da súa integración na Xerencia, exercerán as súas competencias de acordo coas instrucións e directrices emitidas polos restantes órganos directivos da Axencia.

Artigo 27. Dirección de Competitividade

A Dirección de Competitividade está integrada polas seguintes áreas:

1. Área de Inspección Turística, coas seguintes funcións:

a) Desenvolvemento de actuacións de comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

b) Tramitación dos expedientes sancionadores en materia turística segundo a lexislación sectorial e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros organismos nesta materia.

c) Supervisión dos mecanismos de conciliación previstos na normativa vixente, aplicables aos conflitos e expedientes sancionadores en materia turística.

d) Asesoramento á iniciativa privada ou pública e emisión do correspondente informe previo previsto na lei.

e) Proposta do plan anual de inspección.

f) Control e seguimento do plan de inspección a través de informes trimestrais.

g) Realización doutras actividades de turismo que lle sexan encomendadas.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección da Axencia.

2. Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que ten as seguintes funcións:

a) Propostas e execución da política de fomento do turismo mediante axudas e subvencións ou estímulos a entidades, corporacións e sector privado, sen prexuízo das competencias doutros organismos.

b) Seguimento e control das subvencións outorgadas.

c) Elaboración de informes sobre as liñas de apoio ao turismo que teñan establecidas outros organismos/comunidades autónomas/estados.

d) Preparación e xestión dos expedientes administrativos relacionados con empresas e actividades turísticas. Clasificacións e autorizacións turísticas, habilitacións e revogacións. Revisión destas.

e) Xestión das inscricións e actualizacións do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

f) Coordinación con outros departamentos da Administración autonómica das liñas de apoio a proxectos turísticos do sector privado e/ou público.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección da Axencia.

3. Área de Calidade e Proxectos Europeos, coas seguintes funcións:

a) Informes de viabilidade de implantación dun proxecto turístico.

b) Prestación de asistencia a entidades e empresas turísticas para a mellora da calidade e prestación de servizos.

c) Desenvolvemento de programas de mellora da calidade turística en destino (SICTED).

d) Certificacións do Sistema de calidade turística española (Q).

e) Presentación de candidaturas a proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

f) Proposta de participación e coordinación dos proxectos europeos, así como a súa execución.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección da Axencia.

4. Área de Estudos e Investigación, coas seguintes funcións:

a) Realización e difusión das operacións e actividades estatísticas oficias en materia turística do Plan galego de estatística.

b) Realización de estudos de investigación de oferta, demanda, impacto económico, análise de tendencias e estudos sectoriais estratéxicos da política turística galega.

c) Análise da información e da opinión do público cliente (opinión web, oficinas de turismo).

d) Explotación e análise de datos de fontes secundarias en materia turística.

e) Estudo da capacidade competitiva das empresas do sector.

f) Participación na transferencia de investigación entre os centros públicos de investigación e as empresas do sector turístico.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección da Axencia.

Artigo 28. Dirección de Promoción

A Dirección de Promoción estará integrada polas seguintes áreas:

1. Área de Produtos, coas seguintes funcións:

a) Xestión dos produtos turísticos.

b) Deseño, proposta e elaboración de novos produtos turísticos.

c) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

2. Área de Proxectos e Accións Promocionais, coas seguintes funcións:

a) Xestión, coordinación e execución das accións promocionais do destino Galicia.

b) Coordinación de accións promocionais específicas con outros departamentos da Administración autonómica e local.

c) Coordinación de actuacións coas oficinas españolas de turismo.

d) Propostas e execución de actuacións en mercados emisores.

e) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

3. Área de Documentación e Información Turística, á cal corresponden as seguintes funcións:

a) Xestión do fondo documental relativo ao turismo de Galicia.

b) Publicación e divulgación de estudos, análises e informes sobre o turismo de Galicia.

c) Elaboración, publicación, edición, reedición e deseño de materiais de difusión turística.

d) Dirección, coordinación, seguimento e control das oficinas de turismo de Galicia.

e) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

4. Área de Comunicación, coas seguintes funcións:

a) Execución de campañas de publicidade.

b) Relacións cos medios de comunicación.

c) Elaboración de plans de medios específicos para campañas.

d) Viaxes de prensa.

e) Dirección e coordinación dos servizos e plataformas tecnolóxicas de atención aos/ás usuarios/as.

f) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

5. Área de Imaxe e Xestión de Marca, coas seguintes funcións.

a) Planificación, elaboración e xestión das campañas de promoción e publicidade.

b) Xestión e uso da marca.

c) Deseño de accións especiais.

d) Investigación en creatividade.

e) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

6. Área de Innovación Turística, coas seguintes funcións:

a) Desenvolvemento, xestión, coordinación ou execución das iniciativas en materia de innovación tecnolóxica e innovación na xestión do sector turístico.

b) Xestión da utilización das novas tecnoloxías da información ao servizo do turismo, páxinas web, plataformas de recursos turísticos.

c) Cooperación co sector privado na aplicación das novas tecnoloxías.

d) Vixilancia do cumprimento da Lei orgánica de protección de datos.

e) Central de reservas de turismo rural.

f) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

7. Área de Feiras, coas seguintes funcións:

a) Xestión e coordinación do deseño de montaxes de postos.

b) Xestión da actividade de información en feiras.

c) Relación con provedores e expositores.

d) Seguimento e control de feiras internacionais e nacionais.

e) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

Artigo 29. Dirección de Profesionalización

A Dirección de Profesionalización estará integrada polas seguintes áreas, con rango orgánico equivalente a servizo:

1. Área do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), coas seguintes funcións:

a) Desenvolver a docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

b) Canalizar, a través dos instrumentos necesarios, a cooperación entre o CSHG, o sector empresarial e entidades ou institucións relacionadas coa industria turística.

c) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

2. Área de Formación Continua e Consultoría, coas seguintes funcións:

a) Elaboración de proxectos de consultoría a nivel autonómico, nacional e internacional.

b) Accións formativas co sector público e privado, universidades e centros de formación turística.

c) Colaboración con outros departamentos da Administración autonómica e institucións de carácter público para a implantación dun plan anual de formación continua co sector.

d) Desenvolvemento de procesos de avaliación interna do rendemento, o seu control e verificación.

e) Colaborar coa Xunta de Galicia no desenvolvemento e xestión de actividades que contribúan á mellora da cualificación profesional en materia turística.

f) Todas aquelas funcións relacionadas co seu ámbito de actuación que lle asigne a Dirección da Axencia.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial, económico e financeiro

Artigo 30. Recursos económicos

1. A Axencia Turismo de Galicia financiarase cos seguintes recursos:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

2. Poderá ser realizada pola Axencia, no marco do establecido no artigo 84 da Lofaxga e das leis de orzamentos anuais, a contratación de pólizas de crédito ou préstamo, cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

Artigo 31. Réxime orzamentario

1. O Consello Reitor elaborará e aprobará o anteproxecto de orzamento, conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á Secretaría Xeral da Presidencia que o achegará, xunto co propio, á competente en materia de facenda para a súa integración no anteproxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

3. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección da Axencia, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións que superen o inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo anterior, por riba dos inicialmente orzados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, correspóndelle ao Consello Reitor, que deberá dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

4. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

5. En casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

6. A Dirección da Axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante do centro directivo da Comunidade Autónoma competente en materia de orzamentos. Do dito acordo daráselle conta á Comisión de Control e Seguimento.

7. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 32. Endebedamento

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

Artigo 33. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e que proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 34. Réxime económico-financeiro

O réxime económico-financeiro da Axencia Turismo de Galicia, no non previsto nestes estatutos e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 35. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Este control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

Artigo 36. Patrimonio

1. A Axencia Turismo de Galicia ten, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Xunta de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico. A afectación dos bens adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

3. Así mesmo, poderase acordar a adscrición á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, dos bens do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de calquera titularidade, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como do patrimonio da Administración xeral da Comunidade autónoma que se lle adscriba para o cumprimento dos seus fins, será exercida con suxeición ao establecido para os organismos públicos na lexislación de patrimonio da Administración pública galega.

5. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Axencia, logo de aprobación polo Consello Reitor, poderá formular proposta de creación ou participación de sociedades mercantís públicas autonómicas ou fundacións do sector público autonómico, de conformidade co procedemento establecido nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, o Consello Reitor poderá propoñer a participación en toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil ou de fundación, non incluídas no parágrafo anterior, e cuxo obxecto estea vinculado cos fins e obxectivos da Axencia, nos termos previstos pola lexislación da Comunidade Autónoma en materia de patrimonio e de fundacións.

Artigo 37. Contratación

1. A contratación da Axencia Turismo de Galicia rexerase polas normas xerais de contratación do sector público.

2. A Dirección é o órgano de contratación da Axencia e precisará a autorización do Consello da Xunta cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

3. Para a celebración dos contratos cuxo valor estimado, calculado segundo establece o Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, sexa igual ou superior a dous millóns de euros será precisa a autorización do Consello Reitor.

CAPÍTULO VI
Réxime de persoal

Artigo 38. Persoal da Axencia Turismo de Galicia

1. A Axencia Turismo de Galicia contará con persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na normativa aplicable ao persoal funcionario público. En todo caso, quedan reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo da Axencia rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Axencia rexerase polo Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Axencia poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

5. Os/as representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos da Axencia Turismo de Galicia, incluíndo os aspectos relativos á organización, formación, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 39. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección de persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia serán realizados pola consellería competente en materia de función pública e seranlles de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 40. Ordenación de postos de traballo

1. A relación de postos de traballo da Axencia conterá necesariamente os seguintes datos de cada posto: o órgano ou dependencia a que se adscribe, denominación, tipo e sistema de provisión, nivel e retribucións complementarias do persoal funcionario e categoría profesional e réxime xurídico aplicable aos postos que vaia desempeñar o persoal laboral e os requisitos para o seu desempeño.

2. A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia será acordada polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

3. En todo caso, a aprobación e modificación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia corresponderá ao Consello da Xunta e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 41. Persoal directivo

1. Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles que, de ser o caso, veñan definidos como tales na relación de postos de traballo da Axencia, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da Axencia é nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta do titular da Dirección, entre persoas que acrediten competencia profesional e idoneidade, mediante un procedemento que garanta o respecto aos principios de mérito, capacidade, concorrencia e publicidade.

3. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública.

4. Cando o persoal directivo da Axencia reúna a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento dos seus labores, a avaliación de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foron fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 42. Incompatibilidades

O persoal da Axencia Turismo de Galicia estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecidos con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

CAPÍTULO VII
Transparencia na xestión

Artigo 43. Publicidade de información de interese público

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información á cidadanía establecidas na lexislación vixente e daquelas que os órganos de dirección consideren oportunas, a Axencia Turismo de Galicia deberá publicar na sede electrónica da Xunta de Galicia ou na súa propia sede, segundo o establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia, información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da Axencia Turismo de Galicia, o plan de acción anual, informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe da auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse a Axencia Turismo de Galicia e, se é o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia para as políticas e competencias que desenvolva a Axencia Turismo de Galicia e, se é o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Os recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, de que a Axencia Turismo de Galicia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Axencia Turismo de Galicia e os dereitos que para estes efectos lles poidan corresponder.

f) A carta de servizos da Axencia Turismo de Galicia, de conformidade co artigo seguinte.

2. A publicación dos documentos a que se refire a letra a) do número anterior deberá realizarse nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso lle corresponda.

Artigo 44. Carta de servizos da Axencia Turismo de Galicia

1. A Axencia Turismo de Galicia deberá elaborar unha carta de servizos en que dea a coñecer á cidadanía os servizos que ofrece, xunto cos niveis de calidade que se compromete a garantir.

2. A carta de servizos da Axencia Turismo de Galicia elaborarase segundo o procedemento de aprobación previsto no Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia, e responderá aos criterios de elaboración, difusión, contido, imaxe corporativa, avaliación e seguimento previstos no devandito decreto.