Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2012 Páx. 39339

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se modifica a do 22 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A Resolución do 22 de xuño de 2012 establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes e procede á súa convocatoria para o ano 2012, publicada no DOG nº 124, do 29 de xuño. No seu artigo 17.1 establece o prazo para presentar o proxecto de execución definitivo e o documento de nomeamento do director de obra e no artigo 17.2 o prazo de xustificación da primeira anualidade ata o 30 de decembro de 2012.

Non obstante, tendo en conta que a data de convocatoria das axudas, o número de solicitudes presentadas, o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que as persoas interesadas emendaran a documentación inicialmente presentada e as dificultades da súa valoración produciron un atraso na resolución da convocatoria e que, por outra banda, o prazo para presentar a conta xustificativa da primeira anualidade (2012) remata o 30 de decembro de 2012, de conformidade co disposto no artigo 17.2 das bases reguladoras, considérase adecuada unha modificación do prazo de presentación do proxecto de execución definitivo e do documento acreditativo do nomeamento do director de obra, co obxecto de que os beneficiarios poidan presentar a citada documentación con anterioridade ao remate do prazo de presentación da conta xustificativa.

Á vista do anterior, cómpre proceder á modificación do artigo 17.1 e do prazo de presentación de documentación.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1

O artigo 17.1 do anexo I queda redactado como segue:

No prazo dos trinta (30) días naturais seguintes ao da notificación da concesión da subvención, as persoas beneficiarias presentarán, na Secretaría Xeral para o Turismo, o orixinal ou unha copia compulsada, da seguinte documentación:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. Este proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

A modificación deste prazo non afectará os demais previstos na resolución.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2012

P.S. (Orde 14.9.2012; DOG nº 177, do 17 de setembro)
O secretario xeral da Presidencia
P.D. (Resolución 17.9.2012)
Mª Elena Barca Ramos
Subdirectora xeral de Xestión, Fomento e Cooperación