Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2012 Páx. 39692

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de outubro de 2012 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Desarrollo Producto Ecológido de Galicia, con domicilio no lugar da Pica, número 13, parroquia de Moreira, concello da Estrada (Pontevedra).

Feitos:

1. Nicolás Andión Rivadulla, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada na Estrada (Pontevedra), o 8 de setembro de 2011, ante a notaria María Dolores Veiras Suárez, con número de protocolo 790, por Nicolás Andión Rivadulla, Benito José Gómez Rosal, Juan Marcos Pérez Gulín, José Lino Fervenza Faria, Juan Carlos Mosquera Carbón, Juan Manuel Barcala Moares, José Sánchez Quintáns, Miguel Óscar Rancaño Brañanova, Alfonso Uzal Montero e a entidade Discalis Soluciones, S.L., representada por José María de la Torre Gastañaduy.

Esta escritura foi rectificada por outra outorgada na Estrada (Pontevedra) o 24 de xaneiro de 2012, ante a mesma notaria, co número 39 do seu protocolo, e complementada por outra de data 25 de xullo de 2012 outorgada ante a notaria Carmen Alicia Calaza López, con número de protocolo 726.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a realización de actividades dirixidas á promoción, o desenvolvemento, a innovación, reordenación, investigación, profesionalización e investimento no medio rural, dentro dos sectores agrario, gandeiro e forestal, cun modelo de produción, transformación e comercialización diversificado e respectuoso co ambiente, favorecendo a súa profesionalización co fin de garantir a súa sustentabilidade mediante a reordenación dos usos e a produción de enerxías renovables; contribuír á reconstrución e rehabilitación do patrimonio cultural e histórico de Galicia amosando o seu valor aos sectores do ensino escolar e universitario, así como ao sector turístico, e desenvolver un turismo ecolóxico e de calidade.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por Nicolás Andión Rivadulla como presidente, Benito José Gómez Rosal como vicepresidente, Juan Marcos Pérez Gulín como secretario, e José Lino Fervenza Faria, Juan Carlos Mosquera Carbón, Juan Manuel Barcala Moares, José Sanchez Quintáns, Miguel Óscar Rancaño Brañanova, Alfonso Uzal Montero e Discalis Soluciones, S.L., representada por José María de la Torre Castañaduy, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicas de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicas na súa reunión do día 1 de outubro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia e adscribila ao protectorado da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter potestativo poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza