Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2012 Páx. 39697

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de outubro de 2012 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 3 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (IN519B).

O día 18 de abril de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (IN519B).

No artigo 19.1 do anexo I da Orde do 3 de abril de 2012 establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 15 de novembro de 2012 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas, o longo proceso de avaliación e atrasos experimentados na tramitación das emendas e, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase ata o día 20 de decembro de 2012 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 3 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (IN519B).

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria