Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2012 Páx. 39844

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 4 de outubro de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis (A Coruña).

O Concello de Curtis remite novamente a modificación puntual referida, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 85.7 da LOUG. Unha vez analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

Primero. Antecedentes

1. O Concello de Curtis conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19.9.2007.

2. O proxecto de modificación, con data de decembro de 2009, aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 25.3.2011, foi obxecto da Orde desta consellería do 21.7.2011, de non outorgar a aprobación definitiva, na cal formula unha serie de obxeccións.

3. O Pleno do concello, en sesión do 31.7.2012, acordou unha nova aprobación provisional do proxecto de modificación corrixido.

4. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 19.9.2012, emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, para os efectos previstos no artigo 94.4 da LOUG.

Segundo. Obxecto e descrición do proxecto

1. A modificación afecta a 92.691,50 m2 de solo clasificado polo PXOM vixente como:

a) Solo urbano non consolidado, área de planeamento específico APE 4 e pequena afectación nos límites norte e leste da área de planeamento específico APE 6.

b) Sector de solo urbanizable delimitado SUD-2.

c) Terreos de solo urbano consolidado a equipamento, existentes e de futura obtención, vías e parcelas lucrativas, todos eles entre os SUD-2 e APE-4 e a rúa Río Mandeo.

2. A modificación vén motivada pola existencia de edificacións que obtiveron licenza entre o 20.7.2006 (o día de finalización da suspensión de licenzas pola aprobación inicial do plan xeral foi o 20.7.2004) e a entrada en vigor do PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 19.9.2007: edificio de quince vivendas de B+3P, con licenza do 31.10.2006; edificio de corenta e oito vivendas de B+3P, con licenza do 31.10.2006; e edificio de doce vivendas de B+3P, con licenza do 13.2.2007.

Estas edificacións ocupan terreos que, conforme a ordenación do plan xeral vixente, teñen a cualificación de norma zonal 2 e vías, polo que resultan fóra de ordenación.

3. A memoria sinala a necesidade de xestionar a APE-4, inviabilizada pola proporción da edificabilidade existente e permitida e pola redución que os edificios supoñen da superficie destinada a dotacións públicas.

4. A proposta supón a reordenación do ámbito para excluír do solo urbano non consolidado os terreos que inclúen as edificacións mencionadas e a redelimitación e reordenación da APE-4, do SUD-2 e da APE-6 nos ámbitos e aspectos que son afectados, mantendo os índices de edificabilidade establecidos polo plan xeral (0,5437, 0,40 e 0,571 m2/m2 respectivamente). En detalle:

a) Reclasificación de 998 m2 de solo do SUD-2 a solo urbano non consolidado, que se inclúe na nova delimitación do solo urbano non consolidado da APE-4.

b) Á diferenza do proxecto sometido a informe previo á aprobación inicial, e para garantir a inserción do SUD-2 no núcleo urbano, reclasifícanse a solo urbanizable aproximadamente 430 m2 de solo pertencentes á APE-6.

c) Ordenación detallada do SUD-2, ao abeiro do artigo 57.2 da LOUG, como actuación pública programada para executar polo sistema de cooperación.

d) Recategorización de parte do solo urbano non consolidado da APE-4 a solo urbano consolidado. No proxecto agora presentado, a superficie afectada é dunha superficie aproximada de 5.350 m2, que queda cualificada coa norma zonal 2 grao 1 e que inclúe dúas das edificacións descritas nos números anteriores 2.a) e 2.b). Respecto do proxecto aprobado provisionalmente o 25.3.2011, que recategorizaba 6.166 m2 de solo, recategorízanse como consolidado só as parcelas edificadas sinaladas máis arriba.

e) Recategorización de solo urbano consolidado a solo urbano non consolidado que se inclúe na APE-4, nunha superficie aproximada de 13.262 m2 (no canto dos 13.712 m2 que figuraban no proxecto sometido a informe previo á aprobación inicial, por mor da estimación da alegación presentada de manter uns terreos en solo urbano consolidado), incluíndo viarios, parte de parcelas lucrativas e dous equipamentos xerais, un existente e outro de nova creación que o plan xeral vixente prevé obter por expropiación e que agora se inclúe na xestión da APE-4 como sistema local.

f) Respecto do proxecto aprobado provisionalmente o 25.3.2011, elimínase a recualificación dos terreos de solo urbano consolidado situados entre a APE-4 e a rúa Farangulla da norma zonal 1 grao 1 (residencial de baixa densidade) á norma zonal 2 grao 1 (residencial de alta densidade), mantendo a cualificación orixinaria.

g) Inclusión dentro da APE-4 de 355 m2 da APE-6, o que permite crear un novo vial que favorece a integración en malla dos distintos ámbitos.

h) Previsión dun grao 1 bis na norma zonal 1 de residencial de baixa densidade; e dun grao 2 bis na norma zonal 2 de residencial de alta densidade, nas áreas da ordenación detallada do SUD-2. O proxecto mantén o aumento da altura máxima na ordenanza 2.2 bis que se define de 13,00 a 13,50 m e modifica a norma zonal 5 de equipamento, para permitir como usos compatibles a vivenda unifamiliar exclusiva do garda, oficinas, garaxe, xuntanza e recreo, e a norma zonal 6 de zonas verdes para permitir edificacións accesorias.

Terceiro. Análise e consideracións

1. A inviabilidade de xestión da APE-13 como resultado da aparición de edificacións legais de recente construción e incompatibles coa ordenación e a necesidade de mellorar a ordenación como consecuencia disto pode subsumirse no indicado no artigo 94.1 da LOUG canto á exixencia de razón de interese público.

2. A modificación afecta un espazo libre ou zona verde pública duns 4.345 m2 de superficie do vixente plan xeral na APE-4; que resulta substituída por outra de 4.972 m2, incrementando algo máis de 600 m2 a superficie e mellorando a posición e accesos; e tivo o informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo do 19.9.2012.

No sector SUD-2 que se ordena detalladamente na modificación prevense espazos libres e zonas verdes na contía sinalada no artigo 47.2 da LOUG.

3. O proxecto xustifica o cumprimento dos límites de sustentabilidade e dos estándares urbanísticos de sistemas locais de espazos libres, equipamentos e prazas de aparcamento, da APE-4 e do SUD-2. Asemade, acredítase o cumprimento dos límites de sustentabilidade e das reservas de sistemas locais no distrito de Teixeiro. Tamén se acredita o cumprimento das reservas de sistemas xerais do PXOM de acordo coa LOUG no total do concello de Curtis.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Cuarto. Resolución

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello de Curtis, no núcleo de Teixeiro, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas