Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2012 Páx. 39848

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 11 de outubro de 2012 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2013.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), determina no seu artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de oito ao ano.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Esta normativa autonómica resultou afectada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e do fomento da competitividade, que no seu artigo 4 establece que o número mínimo de domingos e días festivos en que os comercios poderán permanecer abertos ao público será de dezaseis, mais engade que as comunidades autónomas poderán modificar o dito número en atención ás súas necesidades comerciais, incrementándoo ou reducíndoo, sen que en ningún caso se poida limitar por debaixo de dez o número mínimo de domingos e festivos de apertura autorizada.

Por outra banda, a disposición transitoria décimo cuarta do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala que continuarán vixentes ata o 31 de decembro de 2012 os calendarios de domingos e festivos, xa aprobados, en que os comercios poderán permanecer abertos ao público.

En consecuencia, na Comunidade Autónoma de Galicia continuará en vigor ata o 31 de decembro de 2012 o calendario aprobado mediante Orde do 6 de outubro de 2011, pola que se establecían os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2012, pero o 1 de xaneiro de 2013 entrará en vigor a previsión establecida no devandito artigo 4 do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, que modifica o número de domingos e festivos hábiles para a actividade comercial prevista no artigo 5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Para garantir a seguridade xurídica dos comerciantes, o 22 de agosto de 2012 iniciouse a tramitación do anteproxecto de lei de modificación da Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, que adecua a normativa galega en materia de horarios comerciais á normativa básica establecida polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, tendo en conta as peculiares características da comunidade autónoma galega que a diferencian do resto do territorio español pola dispersión dos seus asentamentos de poboación, pola peculiar estrutura xeográfica de vilas e cidades e polos elementos definitorios da súa estrutura comercial.

De acordo co anterior, o anteproxecto de lei fai uso da facultade recollida no artigo 4 do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, e modifica o artigo 5.1 da actual Lei 13/2006, do 27 de decembro, sinalando que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de dez ao ano.

Realizada xa a fase da audiencia e información pública do anteproxecto de lei, o seu texto resulta avalado neste punto por un amplo consenso do sector na aplicación ao territorio galego en materia de domingos e festivos dos mínimos permitidos pola lexislación básica estatal.

A fixación para o ano 2013 do calendario de domingos e festivos declarados hábiles comercialmente exixe ter en conta a entrada en vigor da normativa básica estatal por motivos de seguridade xurídica dos comerciantes, xa que o espírito da norma é que coñezan con anterioridade ao 1 de xaneiro os domingos e festivos que poden permanecer abertos ao público.

Por isto, xunto cos oito festivos sinalados pola normativa autonómica en vigor, engádense dous festivos máis co único obxecto de previsión da entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2013 da normativa básica estatal e autonómica de desenvolvemento, eliminando así a inseguridade xurídica que podería provocar no sector comercial a indeterminación motivada pola transitoriedade das normas que lle impediría ter a certeza, como cada ano, dun calendario de días hábiles comerciais para o exercicio 2013.

Con independencia do establecido no punto anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, unha vez que sexan publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas a que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro, tendo que se presentar acompañada dos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A Consellería resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o devandito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se aproben.

A Consellería de Economía e Industria ten competencia en materia de comercio de acordo co disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

En aplicación dos citados preceptos, logo da consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación de 10 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2013.

Polo tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público coas limitacións establecidas na lei durante o ano 2013 son:

13 de xaneiro

28 de marzo

23 de xuño

7 de xullo

12 de outubro

1 de decembro

8 de decembro

15 de decembro

22 de decembro

29 de decembro

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria