Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 23 de outubro de 2012 Páx. 39983

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de outubro de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Serra do Caurel, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Por outra banda, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O día 16 de xullo do 2012, a Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira solicitou a cesión en propiedade dunha embarcación.

A referida confraría destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña. Polo tanto, cómpre cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira da embarcación seguinte:

Nome da embarcación: Serra do Caurel.

Ano de construción: 1994.

Modelo: Rodman 38.023.

Casco: P.R.F.V.

Motores: 2 motores marca Man diésel, modelos D-0826 de 240 CV cada un.

Dimensións: eslora 11,00 metros, manga 3,90 metros e puntal 1,58 metros.

Total (R.B.) 10,45 TRB.

Matrícula: 8ª VI-5-6-94.

Ano de inscrición: 1994.

Artigo 2

Este acordo de cesión leva implícita a desafectación do dominio público da embarcación que se cede en propiedade, citada no artigo 1.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, como se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A confraría cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e serán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 4

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 ao fin para o cal é cedida, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar