Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 26 de outubro de 2012 Páx. 40345

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 17 de outubro de 2012 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, e se procede á súa convocatoria.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixo estratéxico 1 «Xestión do talento» as actuacións de apoio á carreira investigadora, entre as cales se atopa o Programa de apoio á etapa posdoutoral.

A finalidade deste programa é incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema.

Unha das accións que se propoñen para a consecución destes obxectivos consiste en ampliar a formación do persoal investigador doutor mediante o financiamento, de común acordo coas tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), dun contrato de estadía de dous anos no estranxeiro e dun ano, nunha universidade do SUG, ao retorno da dita estadía.

Complementariamente, nesta convocatoria, de xeito transitorio e co obxecto de non interromper a traxectoria investigadora de persoas que comezaron a súa formación no Plan Incite, facilítase o acceso a un contrato dun ano a investigadores/as que acadaron unha praza nunha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño 2008, que xa remataron o seu período de estadía de 24 meses e que non tiveron posibilidade de optar a ningunha convocatoria para continuar a súa formación.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas de apoio á etapa posdoutoral do ano 2012.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2012 e procede á súa convocatoria.

Estas axudas teñen como finalidade, por unha parte, a ampliación da especialización no estranxeiro de investigadores/as doutores/as, mediante o financiamento de estadías de investigación posdoutorais e a súa reincorporación a unha universidade do SUG e, por outra, posibilitar a continuación da traxectoria investigadora dos participantes do programa Ángeles Alvariño 2008 do Plan Incite que xa completasen 24 meses de estadías posdoutorais fóra de Galicia. Polo tanto, estas axudas adoptan dúas modalidades:

– Modalidade A: contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG (anexo I).

– Modalidade B: contratos dun ano de duración, sen posibilidade de prórroga, nunha universidade do SUG, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato da convocatoria 2008 do programa Ángeles Alvariño, nunha universidade do SUG, sempre que finalizase este programa e completase os 24 meses de estadías posdoutorais fóra de Galicia (anexo II).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas de calquera das modalidades desta convocatoria as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita universidade.

Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten, como candidatas a ser destinatarias delas, persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II segundo a modalidade a que opten.

Artigo 3. Importe, número e duración das axudas

O importe, o número e a duración das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:

– Na modalidade A: 50 axudas, dun máximo de tres anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser entre o 1 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2015, cun importe máximo de 40.000 euros anuais cada unha delas e con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía tal e como se describe no artigo 3 do anexo I. A porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior ao 12 % dos contratos financiados.

– Na modalidade B: 25 axudas, dun máximo dun ano, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser entre o 1 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2013, por un importe total máximo de 35.200 euros/ano cada unha delas, de acordo coa desagregación que se describe no artigo 3 do anexo II.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas só poderían ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria.

Dos conceptos subvencionables, o importe correspondente ao pagamento dos contratos e aos seus custos sociais poderá estar cofinanciado nunha porcentaxe do 80 % co Fondo Social Europeo, polo que en todo caso se respectarán as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes

As universidades presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas propostas por elas e axustaranse ao modelo oficial que se achega no anexo III (modalidade A) e no anexo IV (modalidade B) desta orde, e que está ao dispor dos/as interesados/as na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades), e presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes presentadas por cada universidade, debidamente cubertas e asinadas pola persoa que representa legalmente a universidade solicitante, deberán vir acompañadas da seguinte documentación (ademais da específica que se indica nos anexos I e II para cada tipo de axuda):

a) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou dos seus organismos ou sociedades (anexo V).

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo V).

c) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas (que se recolle no formulario de solicitude, anexo III ou IV, segundo corresponda). A reserva que se puider facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

d) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda aceptando a súa candidatura (anexo VI).

e) Documento asinado polo/a responsable ou coordinador/a do grupo de investigación aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do grupo (anexo VII).

f) Documento asinado polo/a director/a do departamento en que manifeste a súa conformidade para a integración no seu departamento da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VIII).

g) Declaración opcional da persoa candidata a ser destinataria da axuda do compromiso de utilizar a lingua galega en todas as relacións que, como consecuencia deste procedemento, manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (anexo VI).

h) Fotocopia do DNI/NIE da persoa candidata a ser destinataria da axuda, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Presidencia, que se recolle no anexo VI, ou a fotocopia do pasaporte, no caso de cidadáns non comunitarios que non teñan permiso de residencia en España.

i) Área de coñecemento a que se adscribe a persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VI).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

De acordo co artigo 51.Un da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, as universidades están exentas de achegar as xustificacións de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou ser debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 6. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a listaxe de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listaxes estarán expostas por un período de 10 días naturais e as persoas interesadas poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, e presentar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, o secretario xeral de Universidades ditará unha nova resolución pola que se aproban as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de inadmisión da solicitude presentada.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Avaliación e selección

A avaliación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e a selección das universidades beneficiarias das axudas realizarase segundo os procedementos e a documentación que se sinalan nos anexos I e II desta convocatoria para cada modalidade.

Os resultados desta avaliación faranse chegar á comisión de selección, que sumará 2 puntos a aquelas persoas candidatas a ser destinatarias das axudas que superasen a puntuación mínima e que se comprometesen ao emprego da lingua galega. Será a comisión de selección a que elaborará a proposta de resolución de acordo co establecido nesta convocatoria, coas avaliacións correspondentes e coa dispoñibilidade de recursos.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O/a titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

– Serán vogais da comisión:

• O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

• Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

A comisión de selección formulará a proposta de resolución, na cal figurarán de maneira individualizada as universidades beneficiarias, xunto coa relación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, e especificará a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo correspondente. Na modalidade A desta orde a comisión de selección elaborará, de ser o caso, unha listaxe de espera en que figurarán as universidades xunto coas persoas candidatas a ser destinatarias das axudas que non acaden a puntuación suficiente para iso, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección.

No caso de igualdade de puntuación, prevalecerán as mulleres sobre os homes e, de se manter o empate, a persoa candidata a ser destinataria das axudas que obtivese con anterioridade o título de doutor/a polo que foi avaliado/a.

A proposta de concesión formulada pola comisión así como, de ser o caso, a
listaxe de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, no enderezo
http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades). Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 8. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A comisión de selección elevará a proposta de resolución que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, a listaxe de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes, ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A dita resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de seis meses, contados desde a publicación da presente orde. A non resolución en prazo faculta os/as interesados/as para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Artigo 9. Aceptación da axuda

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión Europea.

Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias procederán á vinculación das persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato.

A data límite para a sinatura dos contratos será o 30 de decembro de 2012, agás para os cidadáns non comunitarios que poderán asinar o contrato ata o 28 de febreiro de 2013, sen que isto supoña ampliación da data límite de finalización dos contratos.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 10. Libramento da subvención.

As universidades como beneficiarias, e como contratantes das persoas seleccionadas, serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes e serán as perceptoras dos fondos para o pagamentos dos contratos.

Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

– Copia compulsada dos contratos asinados, na modalidade A no prazo dun mes contado desde a súa sinatura, sen que en ningún caso poida ser posterior ao 30 de marzo de 2013, e na modalidade B o prazo non poderá ser posterior á finalización de decembro de 2012.

– As certificacións dos gastos e pagamentos realizados, acompañadas das nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social dos/as contratados/as, presentaranse consonte coa seguinte periodización:

• No caso da modalidade A:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2013, a documentación correspondente ás mensualidades de decembro de 2012 a abril de 2013, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2013, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2013 a outubro de 2013, ambos os dous meses incluídos.

c) Na data límite do 30 de xuño de 2014, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2013 a abril de 2014, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

d) Na data límite do 20 de decembro de 2014, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2014 a outubro de 2014, ambos os dous meses incluídos.

e) Na data límite do 30 de xaneiro de 2015, a documentación correspondente á mensualidade de novembro 2014.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao terceiro ano de contrato.

f) Na data límite do 30 de xuño de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de decembro de 2014 a abril de 2015, ambos os dous meses incluídos.

Con esta mesma data, deberase remitir copia compulsada dos contratos de retorno realizados ao abeiro do disposto nesta mesma orde.

g) Na data límite do 20 de decembro de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2015 a outubro de 2015, ambos os dous meses incluídos.

h) Na data límite do 30 de xaneiro de 2016, a documentación correspondente ao período desde o 1 de novembro de 2015 ata a finalización do contrato.

• No caso da modalidade B:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2013, a documentación correspondente ás mensualidades de decembro de 2012 a abril de 2013, ambos os dous incluídos.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2013, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2013 a outubro de 2013, ambos os dous meses incluídos.

c) Na data límite do 30 de xaneiro de 2014, a documentación correspondente ao período desde o 1 de novembro de 2013 ata a finalización do contrato.

Nesta modalidade, no mes de decembro de 2012, unha vez recibidos todos os contratos, libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias.

Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 365 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

Para o primeiro pagamento de ambas as modalidades, na documentación presentada polas universidades correspondentes aos haberes de 2012, reflectirase a aplicación das modificacións salariais previstas para o ano 2012 no Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade (BOE nº 168, do 14 de xullo).

O cofinanciamento co Fondo Social Europeo (FSE) implica que as universidades beneficiarias das axudas deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Presentar copia do contrato, nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social dos contratados.

2. Manter unha separación contable adecuada dos gastos da subvención que facilite a «pista de auditoría», así como conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

3. Cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e comunicar aos contratados/as o cofinanciamento polo FSE do custo subvencionado do contrato.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Coa última xustificación, a universidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia universidade e a cada unha das persoas contratadas. No caso de que a persoa contratada renunciase durante a vixencia do programa, esta declaración presentarase xunto coa renuncia.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 11. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga da universidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Renuncia das axudas e interrupcións

No caso de que a persoa contratada perdese esta condición unha vez percibidas as axudas pola súa universidade, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a universidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido ao secretario xeral de Universidades, nun prazo mínimo de 15 días naturais, antes de que se produza.

No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando suceda dentro do prazo de tres meses a partir da data de resolución de concesión. O/a substituto/a quedará suxeito/a ás mesmas condicións e polo tempo restante do aproveitamento da axuda. En ningún caso o período correspondente á substitución poderá rematar máis alá da data xeral de finalización indicada para os contratos no artigo 3 desta convocatoria.

A situación de baixa por maternidade, risco durante o embarazo, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade suspenderán o cómputo da duración do contrato, logo da solicitude da universidade beneficiaria correspondente nun prazo de 10 días hábiles desde que esa baixa se produza. Neste caso, o tempo interrompido poderá recuperarse sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan. En ningún caso a recuperación do tempo interrompido poderá supoñer un aumento do importe da axuda concedida inicialmente e a cantidade correspondente á cota patronal da seguridade social do período prolongado correspóndelle asumila á universidade contratante.

Artigo 15. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderá solicitar un informe ás universidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas, de acordo coa normativa do FSE sobre indicadores de resultado, durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

En ambas as dúas modalidades as persoas contratadas serán sometidas a procesos de avaliación do seu rendemento dentro do programa, de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, de FSE.

Artigo 16. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 15.40.561B.444.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, na cal existe crédito adecuado e suficiente, coa seguinte distribución por anos:

Programa

Modalidade

Crédito (en euros)

2012

2013

2014

2015

2016

Axudas posdoutorais

Modalidade A

1.839.583,33

2.000.000,00

1.777.916,67

142.500,00

Modalidade B

25.000,00

   783.750,00

     71.250,00

Total

25.000,00

2.623.333,33

2.071.250,00

1.777.916,67

142.500,00

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requiran.

Dos importes destas axudas, o importe correspondente ao salario e aos custos sociais poderá ser cofinanciado polo FSE, no eixo 3, tema prioritario 74, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, nunha porcentaxe máxima do 80 %. Por iso, as universidades beneficiarias das axudas e as persoas contratadas con cargo a elas deberán cumprir as normas recollidas no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1748/1999; as normas de información e publicidade dos fondos contidos no Regulamento 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Modalidade A

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2012, co obxecto de ampliar a formación do persoal investigador no estranxeiro con posibilidade de retorno, mediante o financiamento dun contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o título de doutoramento dunha universidade do SUG. Non obstante, as persoas que non acadasen ningunha destas titulacións nunha universidade do SUG tamén poderán optar á axuda, aínda que o número máximo das que se poderán conceder nese suposto non poderá exceder o 10 % do total das concedidas.

b) Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2007 e con anterioridade á data límite de presentación de solicitudes. Entenderase como data de obtención do título de doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

A data de obtención do título de doutor/a poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2007, pero posterior ao 1 de xaneiro de 2005, nos seguintes casos:

Os/as titulados/as que acrediten fidedignamente algunha das seguintes circunstancias entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2006: baixa maternal, que teñan a cargo menores de 3 anos, que teñan baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, fillos ou ascendentes de 1º grao de consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme, persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, recoñecidos como tales e cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

No caso de que o título de doutor/a se obtivese no estranxeiro deberá estar homologado segundo o establecido no Real decreto 309/2005, do 18 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior. Para os efectos sinalados nesta alínea, terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación.

No caso dos solicitantes que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non ter sido seleccionado/a nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, no programa Ramón y Cajal ou outros asimilables.

Artigo 3. Contía, duración e características

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 50, por un período máximo de dous anos (fase de estadía), e un terceiro (fase de retorno) sempre que o contratado/a obteña unha avaliación positiva da fase de estadía, e de acordo coa seguinte distribución:

Na fase de estadía (máximo de dous anos):

• Un total de 32.500 € brutos/anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

• Un total de 36.000 € brutos/anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou Iberoamérica (zona 2).

• Un total de 38.500 € brutos/anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

Por destino principal enténdese aquel en que o contratado computa un número de días maior en cada ano de contrato.

• Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada contratado/a da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

Na fase de retorno (máximo dun ano):

• Un máximo de 34.200 euros anuais incluíndo neste importe a retribución brutal anual e o pagamento dos custos sociais.

• Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

A porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior ao 12 % dos contratos financiados. O ámbito de coñecemento será o sinalado por cada persoa candidata a ser destinataria das axudas no anexo VII.

O período de 24 meses de estadías no estranxeiro deberá aterse ás seguintes normas:

a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e centros de destino. Ademais das sinaturas do/a doutor/a que vaia realizar a estadía, do/da responsable ou coordinador/a do grupo e do/da director/a do departamento a que retorne e do/a representante legal da universidade, deberanse xuntar cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.

b) A persoa contratada non poderá realizar a/s estadía/s, de ser o caso, no seu país de nacemento, de nacionalidade ou naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa.

c) A estadía deberá ser continuada, durante 24 meses, desde o inicio do contrato. Admítese unha periodización en tramos mínimos de seis meses en cada un dos centros receptores e nun máximo de dúas áreas xeográficas diferentes dentro das sinaladas no artigo 3 deste anexo.

d) Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas poderá modificarse o plan de estadía aprobado, logo de solicitude e informe favorable da universidade en que a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades.

O período de contrato retorno deberá aterse ás seguintes normas:

a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo no grupo e no departamento polos que se realizou a solicitude de axuda.

b) Unicamente por circunstancias excepcionais poderase autorizar un cambio de destino ou área con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a universidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace dos responsables ou coordinadores do grupo ao cal inicialmente foi asignada a persoa contratada e do novo grupo de acollida, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, que resolverá ao respecto.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación da persoa candidata a ser destinataria da axuda:

a) Fotocopia compulsada do título de doutor ou doutro acreditativo de ter alcanzado o dito grao e a data da súa obtención. No caso de título de doutor obtido no estranxeiro, fotocopia compulsada da homologación ou da solicitude de homologación presentada ante o órgano competente.

b) Fotocopia compulsada do título de licenciatura, grao ou equivalente. Esta documentación unicamente terá que entregarse se o título de licenciatura, grao ou equivalente foi obtido nunha universidade do SUG e o título de doutor nunha universidade de fóra do SUG.

c) Currículum vitae da persoa candidata a ser destinataria da axuda no modelo normalizado en soporte CD ou similar (formato pdf), acompañado dos documentos xustificativos (copia compulsada) dos méritos alegados. As copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos etc., non precisarán compulsa e deberán incluírse no soporte CD ou similar.

d) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado polo interesado e o/a responsable ou coordinador/a do grupo) das actividades que o solicitante propón realizar durante a vixencia do programa.

e) Plan de estadía detallado en que se indiquen os períodos de estadía previstos, a súa duración e os centros de destino escollidos. As estancias deberán de ser dun mínimo de 6 meses en cada un dos centros seleccionados. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e o director do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de aceptación da estadía asinada polo director do centro ou figura equivalente.

f) Declaración responsable de non ter sido seleccionado nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, no programa Ramón y Cajal ou outros asimilables.

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada ámbito e área de coñecemento sinalados nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo que se sinala a continuación, sendo preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos nesta fase:

1. Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.

1.1. Libros (con ISBN): máximo 40 puntos. A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.2. Capítulos de libro (con ISBN): máximo 10 puntos en total. A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.3. Publicacións en revistas científicas: máximo 40 puntos.

– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente: máximo 40 puntos.

– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos): máximo 10 puntos.

– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores): máximo 1 punto.

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos: máximo 20 puntos.

– Proxectos europeos ou internacionais: máximo 20 puntos.

– Proxectos nacionais: máximo 10 puntos.

– Proxectos autonómicos: máximo 5 puntos.

2.2. Participación en contratos de investigación: máximo 10 puntos.

– Contratos con empresas: máximo 10 puntos.

– Contratos coa Administración: máximo 5 puntos.

– Informes técnicos e outros: máximo 2,5 puntos.

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación: máximo 10 puntos.

– En explotación: máximo 10 puntos.

– Rexistradas: máximo 2 puntos.

3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.

3.1. Estadías posdoutorais en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a: máximo 5 puntos.

– Os comités de expertos só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da/s actividade/s investigadora/s, relacionadas coa área temática e coa área de coñecemento, levada/s a cabo durante os períodos de estadía.

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos internacionais: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos nacionais: máximo 3 puntos.

– Comunicacións en congresos internacionais: máximo 2 puntos.

– Comunicacións en congresos nacionais: máximo 1 punto.

3.3. Teses de doutoramento dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses codirixidas: máximo 2 puntos.

3.4. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 2,5 puntos. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos relacionados co seu ámbito e área de coñecemento, que non estean recollidos nos puntos anteriores.

4. Plan de estadía e de traballo proposto: máximo 30 puntos.

4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos: máximo 20 puntos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.

4.2. Plan de traballo que se desenvolverá durante a totalidade do programa: máximo 10 puntos. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.

As solicitudes recibidas agruparanse no correspondente ámbito de coñecemento, dos cinco recollidos no Real decreto 1393/2007, isto é: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias da Saúde.

Os candidatos ordenaranse por orde decrecente de puntos respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada ámbito de coñecemento no artigo 3 e o máximo do 10 % indicado no artigo 2 deste anexo.

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

• Na fase de estadía:

Transcorridos 20 meses desde o inicio da estadía, as universidades beneficiarias remitirán un informe, acompañado dunha memoria asinada pola persoa contratada e polo/a responsable ou coordinador/a do grupo, sobre o grao de cumprimento do plan de estadías. Este informe será avaliado pola Secretaría Xeral de Universidades, que poderá contar co asesoramento de expertos externos, e será preciso obter unha avaliación positiva e realizar un mínimo de 21 meses de estadía nesta fase para poder acceder ao contrato na fase de retorno.

• Na fase de retorno:

Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación para conceder ou non a acreditación de ter superado con aproveitamento o programa. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo co/coa candidato/a seleccionado/a, cunha duración, como mínimo, igual á do período para o cal se concede a axuda, establecido na resolución de concesión.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

e) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Na fase de estadía, as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co plan de estadías aprobado. Nestes casos será preciso que a universidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades, para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que se opta asinada pola persoa contratada, acompañada dun informe do/a responsable ou coordinador/a do grupo e outro da propia universidade en que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

ANEXO II
Modalidade B

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2012, co obxecto de dar continuidade á formación do persoal investigador do programa Ángeles Alvariño 2008, mediante o financiamento dun contrato dun ano de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter sido seleccionado para o programa Ángeles Alvariño 2008 do Plan Incite, nunha universidade do SUG, e permanecer nel ata o seu remate.

b) Ter realizado 24 meses de estadía fóra da comunidade autónoma de Galicia con anterioridade ao 31 de decembro de 2011.

O contrato deberá desenvolverse na mesma área en que a persoa contratada rematou o seu contrato Ángeles Alvariño. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato.

Artigo 3. Contía e duración

O número máximo de contratos que se poderán formalizar con cargo a estas axudas é de 25 por un período máximo dun ano, sen posibilidade de prórroga, e de acordo coa seguinte distribución:

• Un total de 34.200 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

• Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Currículum vitae da persoa candidata a ser contratada no modelo normalizado en soporte CD ou similar (formato pdf), acompañado dos documentos xustificativos (copia compulsada) dos méritos alegados. As copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos etc., non precisarán compulsa e deberán incluírse no soporte CD ou similar. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no CV durante o tempo de contratado/a no programa Ángeles Alvariño 2008.

b) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado polo interesado e o/a responsable ou coordinador/a do grupo) das actividades que propón realizar durante a vixencia do seu contrato.

c) Resumo das estadías realizadas durante o período de permanencia no programa Ángeles Alvariño 2008 en que se indiquen os períodos de estadía realizados, a súa duración e os centros de destino escollidos. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de xustificación da estadía asinada polo director do centro ou figura equivalente. Completarase cun breve resumo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras) sobre os principais obxectivos acadados durante as estadías e o seu grao de aproveitamento.

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada ámbito e área de coñecemento sinalados nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen na seguinte táboa, sendo preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos:

Criterio

Puntuación máxima

Melloras do CV durante o contrato Ángeles Alvariño 2008

30

Plan de traballo que se propón

50

Valoración do grao de aproveitamento do plan de traballo levado a cabo nas estadías Ángeles Alvariño 2008

20

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación para conceder ou non a acreditación de ter superado con aproveitamento o programa. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo co/coa candidato/a seleccionado/a, cunha duración, como mínimo, igual á do período para o cal se concede a axuda, establecido na resolución de concesión.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file