Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2012 Páx. 41806

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2012 pola que a Universidade de Santiago de Compostela encarga mediante unha encomenda de xestión á empresa Transformación Agraria, S.A. (Tragsa) a realización dunha nave para almacén de maquinaria agrícola no Campus de Lugo.

Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, e os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro,

EXPÓN:

Primeiro. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece no seu artigo 3.1.c) que, para os efectos da citada lei, as universidades públicas forman parte do sector público, e no seu artigo 3.2.c) que as universidades públicas teñen a consideración de administracións públicas e, polo tanto, son poderes adxudicadores.

Segundo. O réxime xurídico de Tragsa e as súas filiais está regulado pola disposición adicional vixésimo quinta (D.A. 25ª) do TRLCSP e polo Real decreto 371/1999, do 5 de marzo, polo que se regula o réxime da Empresa de Transformación Agraria, Sociedade Anónima.

De acordo co punto segundo da citada D.A. 25ª, Tragsa e as súas filiais teñen a consideración de medios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos poderes adxudicadores dependentes delas.

Terceiro. O artigo 24.6 do TRLCSP prevé que as relacións entre Tragsa e os poderes adxudicadores dos cales é medio propio instrumental se regulen mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Conforme o anteriormente exposto, a USC acorda encargar a Tragsa a realización do proxecto de execución dunha nave para almacén de maquinaria agrícola no Campus de Lugo, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Obxecto da encomenda.

O obxecto da presente encomenda de xestión é a realización da primeira fase do proxecto de execución dunha nave para almacén de maquinaria agrícola no Campus de Lugo, cun orzamento de execución calculado conforme as tarifas oficiais vixentes de Tragsa e que acada a cantidade de cento noventa e cinco mil douscentos corenta euros con vinte e un céntimos (195.240,21 €), IVE non incluído.

Esta encomenda realízase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para levalo a cabo por ela mesma.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver.

Os traballos deberán realizarse na forma definida na «Relación valorada da obra: primeira fase da nave de maquinaria da Universidade de Santiago de Compostela», presentada por Tragsa á USC e con base no proxecto redactado por Arturo Campanero García e Ramón Fernández Varela.

Terceira. Partida orzamentaria.

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8014 300A 62000.

Cuarta. Aboamento dos traballos.

O aboamento dos traballos realizarase mediante certificacións mensuais emitidas polo director da obra. A empresa Tragsa poderase acoller ao procedemento de aboamentos á conta ata un máximo dun 80 % do importe das obras.

Quinta. Inicio das actuacións e duración de encomenda.

O prazo de execución será de catro meses contados desde a acta de comprobación da implantación da obra.

Sexta. Natureza da encomenda.

A presente encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1.n), e rexerase polas súas propias normas; aplicaranse os principios daquela lei para resolver as dúbidas que se puidesen suscitar.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela