Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 21 de novembro de 2012 Páx. 43727

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de novembro de 2012 pola que se establece o procedemento para a obtención dos datos precisos para a facturación a terceiros/as obrigados/as ao pagamento das prestacións asistenciais do Sistema público de saúde de Galicia, e para a repercusión dos gastos ocasionados por uso irresponsable.

O artigo 83 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e a disposición adicional 22 do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social, establecen que nos respectivos servizos de saúde deberá reclamarse o importe da asistencia sanitaria que se preste ás persoas non beneficiarias da seguridade social ou cando exista un/unha terceiro/a obrigado/a ao pagamento.

O Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema nacional de saúde e o procedemento para a súa actualización, establece no seu anexo IX que os servizos públicos de saúde reclamarán aos/ás terceiros/as obrigados/as ao pagamento o importe das atencións ou prestacións sanitarias facilitadas directamente ás persoas, incluídos o transporte sanitario, a atención de urxencia, a atención especializada, a atención primaria, a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, as prestacións con produtos dietéticos e a rehabilitación, nos seguintes supostos:

1. Persoas aseguradas ou beneficiarias do sistema de seguridade social pertencentes á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, Mutualidade Xeral Xudicial ou ao Instituto Social das Forzas Armadas, que non fosen adscritas, a través do procedemento establecido, a recibir asistencia sanitaria do Sistema nacional de saúde.

2. Persoas aseguradas ou beneficiarias de empresas colaboradoras na asistencia sanitaria do sistema de seguridade social, naquelas prestacións cuxa atención corresponda á empresa colaboradora conforme o convenio ou concerto subscrito.

3. Accidentes de traballo ou enfermidades profesionais a cargo das mutuas de accidentes de traballo, do Instituto Nacional da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña.

4. Seguros obrigatorios.

5. Convenios ou concertos con outros organismos ou entidades.

6. Cidadáns/ás estranxeiros/as, nos supostos previstos.

7. Outros/as obrigados/as ao pagamento:

a) Accidentes acaecidos con ocasión de eventos festivos, actividades recreativas e espectáculos públicos en caso de que se subscribise contrato de seguro de accidentes ou de responsabilidade civil que cubra as continxencias derivadas destas actividades.

b) Seguro escolar.

c) Calquera outro suposto en que, en virtude de normas legais ou regulamentarias, o importe das atencións ou prestacións sanitarias deba ser por conta das entidades ou terceiros/as correspondentes.

Estes ingresos teñen a condición de ingresos propios do Servizo de Saúde, e recoñécese o dereito a reclamar ao/á obrigado/a ao pagamento o importe dos servizos prestados con base no seu custo efectivo, polo que a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceu que as contraprestacións en concepto de prezos percibidos por servizos sanitarios terán a consideración de prezos públicos, e estes véñense fixando por decreto por proposta da Consellería de Sanidade.

Non obstante, existen casos en que o/a paciente non facilita aos departamentos correspondentes do Servizo Galego de Saúde os datos precisos para identificar e facturar ao/á terceiro/a obrigado/a ao pagamento, por causas de distinto tipo, circunstancia que impide a este organismo emitir a debida facturación e resarcirse duns custos que non lle corresponden de acordo coa normativa anteriormente citada ou outros en que os accidentes causados non se encontran cubertos por un/unha terceiro/a, pese a tratarse de supostos de seguro obrigatorio, por non terse formalizado o dito seguro ou estar excluído o suposto producido.

Por iso debe terse en consideración o recollido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que establece no seu artigo 15 que a cidadanía, en relación coas institucións e cos organismos do Sistema público de saúde de Galicia, ten, entre outros, os seguintes deberes e obrigas individuais:

– Usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidos polo sistema sanitario.

– Manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro.

– Cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lle outorguen a través desta lei.

No desenvolvemento regulamentario desta norma, o vixente decreto polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, estableceu na súa disposición adicional única que, de acordo co establecido no citado artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderá establecerse un procedemento para repercutir nas persoas usuarias os gastos ocasionados por estas como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema público de saúde de Galicia.

Por todo isto é necesario desenvolver as instrucións precisas para poder facer efectivo o resarcimento polo Servizo Galego de Saúde dos custos causados polas atencións ou prestacións sanitarias cando exista un/unha terceiro/a obrigado/a ao pagamento, mesmo cando os datos precisos para a emisión da correspondente facturación non sexan facilitados pola persoa usuaria, e entenderase, neste caso, que nos encontramos ante un uso inadecuado dos servizos, ao non permitir o adecuado financiamento do gasto con cargo ao obrigado ao pagamento, e un incumprimento das normas establecidas en canto á obriga de facilitar tales datos.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é:

a) Regular o procedemento para a obtención dos datos precisos para a facturación aos/ás terceiros/as obrigados/as ao pagamento das atencións ou prestacións sanitarias facilitadas polos centros do Servizo Galego de Saúde directamente ás persoas, incluído o transporte sanitario, a atención de urxencia, a atención especializada, a atención primaria, a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, as prestacións con produtos dietéticos e a rehabilitación e, de ser o caso, da repercusión dos custos orixinados cando o/a paciente non facilite os datos do/a terceiro/a obrigado/a para a súa correcta facturación.

b) Establecer outros supostos de repercusións de gastos ao/á paciente.

Artigo 2. Petición de información

1. Nos centros do Servizo Galego de Saúde, en todos os casos en que se preste asistencia sanitaria a un/unha lesionado/a por calquera tipo de accidente, deberá solicitarse, na medida do posible, ben persoalmente, ao/á seu/súa titor/a legal, no caso de menores, ou a quen o/a acompañe no momento do ingreso, a subscrición dun documento onde:

a) Se faga constar o motivo da asistencia (tipo de accidente: laboral, tráfico, escolar, festivo, deportivo ou outros).

b) Se faciliten os datos de contacto (domicilio, teléfono...) en que posteriormente o departamento de facturación poderá obter os datos necesarios para emitir a correspondente factura.

c) Se recolla o compromiso de facilitar os ditos datos.

2. No mesmo documento deberá ser informado o/a paciente ou acompañante de que, no caso de que non sexan facilitados os datos do/a terceiro/a obrigado/a para a súa correcta facturación, a emisión da facturación se poderá levar a cabo con cargo ao/á propio/a paciente.

3. Posteriormente deberán facilitarse ao Servizo Galego de Saúde os datos precisos para a emisión da facturación ao/á terceiro/a obrigado/a ao pagamento, de acordo co indicado, para cada caso, nos artigos seguintes.

Artigo 3. Información que se presentará no caso de accidentes de tráfico

Nas asistencias sanitarias prestadas no caso de accidentes de tráfico, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Datos do accidente (lugar, data, hora).

d) Condición da persoa lesionada (condutor/a, ocupante, peón ou outros/as).

e) Datos do/s vehículo/s implicado/s (matrícula e entidade aseguradora).

f) Número de póliza e copia do recibo de pagamento actualizado do seguro obrigatorio do vehículo en que viaxaba a persoa lesionada.

g) Declaración sobre o accidente acaecido, subscrita polo/a paciente ou testemuña.

Artigo 4. Información que se presentará no caso de accidentes laborais ou enfermidades profesionais

Nas asistencias sanitarias prestadas no caso de accidentes laborais ou enfermidades profesionais, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Declaración responsable do/a paciente no caso de accidente (lugar, data, hora).

d) Datos da empresa.

e) Parte de asistencia por accidente de traballo expedido e selado pola empresa ou pola mutualidade correspondente.

f) Declaración responsable do paciente en que se comprometa a comunicarlle á mutualidade correspondente, e polos procedementos establecidos para tal efecto, o accidente de traballo ocorrido.

Artigo 5. Información que se presentará no caso de accidentes escolares

1. Nas asistencias sanitarias prestadas por accidentes escolares, no caso de cobertura polo seguro escolar obrigatorio (a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria (ESO) ata o cumprimento dos 28 anos de idade), deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Datos do centro educativo.

d) Parte de accidente cuberto polo centro educativo.

2. Nas asistencias sanitarias prestadas por accidentes escolares, no caso de cobertura por seguros privados, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Datos do centro educativo.

d) Parte de accidente cuberto polo centro educativo, en que consten os datos do seguro subscrito.

Artigo 6. Información que se presentará no caso de enfermidade cuberta polo seguro escolar

1. Nas asistencias sanitarias prestadas por enfermidades incluídas na acción protectora do seguro escolar obrigatorio, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Datos do centro educativo.

d) Solicitude de prestación do seguro escolar tramitada ante o INSS.

Artigo 7. Información que se presentará no caso de accidentes deportivos

Nas asistencias sanitarias prestadas por accidentes deportivos, no caso de cobertura polo seguro obrigatorio de deportistas federados/as e profesionais, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Copia da ficha federativa.

d) Datos da entidade deportiva.

e) Parte de accidente cuberto pola entidade deportiva.

Artigo 8. Información que se presentará no caso de derivacións por complicacións en procesos atendidos en centros sanitarios privados

Nas asistencias sanitarias prestadas no caso de problemas de saúde sobrevidos que teñan a súa orixe nunha actuación médica anterior realizada fóra dos centros de titularidade do Servizo Galego de Saúde, incluído o caso de que esta proveña dunha derivación realizada polo propio Servizo Galego de Saúde, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Datos do centro sanitario en que se prestase a actuación médica inicial.

Artigo 9. Información que se presentará no caso doutros supostos en que exista un/unha terceiro/a obrigado/a ao pagamento

Nas asistencias sanitarias prestadas noutros casos en que exista un/unha terceiro/a obrigado/a ao pagamento, deberá facilitar o/a paciente, ou o/a seu/súa representante legal, a seguinte información:

a) Datos persoais (nome, apelidos e documento de identificación, DNI ou pasaporte).

b) Domicilio.

c) Declaración responsable do/a paciente no caso de accidente (lugar, data, hora).

d) Calquera outra que, de ser o caso, sexa necesaria para a emisión da correspondente facturación ao/á terceiro/a obrigado/a ao pagamento.

Artigo 10. Repercusión dos gastos ao/á paciente

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e no vixente decreto polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias:

1. Nos supostos de terceiros/as obrigados/as ao pagamento, por tratarse de gastos non financiables con ingresos da Seguridade Social, cando o/a paciente non facilite os datos precisos para a correcta facturación ao/á terceiro/a obrigado/a das atencións ou prestacións sanitarias realizadas, facturaráselle directamente á persoa que recibiu a atención ou prestación sanitaria.

Así mesmo, facturaráselle directamente a calquera usuario/a o custo da estadía nos casos en que, tras recibir a alta médica por remate do proceso asistencial ou por comprobarse que a súa situación clínica non melloraría prolongando a súa estadía, permaneza no centro hospitalario por causas alleas a este centro.

2. No suposto de accidentes producidos por vehículos sen seguro ou roubados, os gastos ocasionados polas atencións ou prestacións sanitarias á persoa que conduza o vehículo e aos/ás acompañantes que coñecían as circunstancias do roubo ou do non aseguramento e o ocupaban voluntariamente, serán asumidos pola persoa que conduza e, de ser o caso, polos/as ocupantes do vehículo.

3. No suposto das persoas titulares ou beneficiarias dos réximes especiais da seguridade social xestionados pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, a Mutualidade Xeral Xudicial e o Instituto Social das Forzas Armadas, que teñan optado por recibir asistencia sanitaria polas entidades de seguro privadas e soliciten a asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde sen a conformidade da súa mutualidade correspondente para atender os gastos xerados, estes gastos serán por conta do/a paciente.

4. No suposto de que, por falta de comunicación do paciente á mutualidade correspondente do accidente de traballo, o Servizo Galego de Saúde non puidese repercutir á dita entidade o importe da atención ou prestación sanitaria dispensada, estes gastos facturaránselle ao propio paciente.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a dirección xeral competente en materia de facturación a terceiros/as no Servizo Galego de Saúde para que estableza cantas instrucións puidesen ser necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade