O 10 de febreiro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 27) a Resolución do 21 de xaneiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios deste organismo.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña, na súa Sentenza 166/2010, do 15 de xuño (ditada no procedemento abreviado número 88/2010), posteriormente firme, procedeu a anular o anexo III da citada resolución, exclusivamente no que atinxe ás prazas convocadas na especialidade de uroloxía, no criterio de que se deben engadir tres prazas ás inicialmente ofertadas no Complexo Hospitalario A Coruña. E, en consecuencia, a decisión da sentenza ordena ampliar o concurso para que quen, na data da convocatoria, reunise os requisitos exixidos para participar nel, poida optar ás prazas omitidas en función dos méritos con que contase na dita data.
Mediante Resolución da Dirección de Recursos Humanos do 9 de agosto de 2012 procedeuse a dar execución da referida sentenza coa ampliación do concurso nos termos expostos e a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Unha vez finalizado este e á vista da documentación que consta presentada, esta dirección, de conformidade coas bases 7ª e 2ª das resolucións do 21 de xaneiro de 2010 e 9 de agosto de 2012, de convocatoria e ampliación do proceso, respectivamente,
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidas/os e excluídas/os, derivada da ampliación do 9 de agosto de 2012, do concurso de traslados para a provisión de prazas básicas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde, convocado por Resolución do 21 de xaneiro de 2010, na categoría de facultativa/o especialista da área de uroloxía.
Segundo. Declarar resolto provisionalmente o referido proceso coa publicación das puntuacións obtidas por cada solicitante nas distintas epígrafes do baremo e, de ser o caso, o destino provisionalmente adxudicado, sen que esta resolución recoñeza ningún dereito á adxudicación definitiva do destino asignado.
De conformidade co punto quinto da Resolución do 9 de agosto de 2012 (DOG nº 160, do 23 de agosto), no suposto daqueles solicitantes que tivesen participado no concurso de traslados convocado por Resolución do 21 de xaneiro de 2010 e non achegasen documentación complementaria de novos méritos acadados antes do 10 de febreiro de 2010 no prazo de ampliación do concurso, a puntuación asignada correspóndese coa puntuación definitiva acadada polo profesional na Resolución do 7 de xullo de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se aproba a resolución definitiva do concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde, convocado pola Resolución do 21 de xaneiro de 2010 (DOG nº 136, do 19 de xullo, e DOG nº 143, do 28 de xullo).
Neste mesmo suposto, de ter achegado a/o solicitante en prazo a documentación complementaria que deba ser obxecto de valoración, a puntuación asignada é a que resulta de sumar á puntuación obtida polo profesional na dita resolución a que se corresponda co/s novo/s mérito/s presentado/s, tendo tal puntuación adicional carácter provisional.
Terceiro. Ao non constar a exclusión de ningún aspirante, a relación provisional de admitidas/os, puntuacións e destinos provisionalmente asignados intégrase nunha única lista que se publica como anexo desta resolución.
Cuarto. De conformidade coa base sétima da Resolución do 21 de xaneiro de 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 27, do 10 de febreiro), as/os concursantes admitidas/os disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamacións contra as puntuacións e os destinos provisionalmente asignados, que deberán dirixir á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.
As persoas que, presentando debidamente solicitude de participación neste proceso, non consten como admitidas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.
A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo as/os admitidas/os e excluídas/os para participar neste concurso e se aproben as puntuacións e destinos definitivamente asignados.
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2012
Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos