Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 28 de novembro de 2012 Páx. 44800

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2012 pola que se acorda a publicación do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012.

A internacionalización das universidades, alén de estar presente desde a súa xénese, constitúe hoxe un elemento central na súa evolución futura. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) recolle nas súas liñas estratéxicas o desenvolvemento dun plan de internacionalización para mellorar a súa posición como universidade de referencia no espazo universitario global que as políticas europeas e internacionais van abrir, para aproveitar as oportunidades que presenta a globalización no noso desenvolvemento e para impulsar a calidade e a eficiencia do servizo prestado á sociedade. Neste ámbito, a USC mantén unha aposta decidida polo reforzamento das conexións e polos programas de mobilidade e cooperación con outros sistemas universitarios, estatais e estranxeiros.

Un elemento básico neste obxectivo é facilitar ao estudantado programas de mobilidade que lle permitan complementar noutras universidades os estudos conducentes á obtención dun título oficial, beneficiarse dunha proveitosa experiencia social e cultural, e mellorar o seu currículo de cara á incorporación laboral, en canto que a participación nestes programas constitúe unha mostra da capacidade de comunicación e cooperación, e de adaptación e comprensión doutras culturas. Os distintos convenios de intercambios interuniversitarios que ten subscritos a USC permiten que o estudantado poida realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade con plenos efectos académicos.

A USC ten centralizada a xestión dos programas de intercambio no Servizo de Relacións Exteriores (SRE). Ademais desta unidade, os procedementos de intercambio afectan un número elevado de axentes na comunidade universitaria: estudantes, equipos de dirección dos centros, persoal de administración con competencias nestas materias, profesorado, coordinadores etc., o que fai necesario establecer os mecanismos de coordinación precisos así como a normativa que deberá regular o procedemento.

Por outra parte, os procesos de integración da xestión deben incorporar elementos de mellora da calidade nos propios procedementos. Son obxectivos de mellora proporcionar unha información precisa e accesible aos estudantes e profesores que participan nos programas, facilitar o control do procedemento ao SRE, axilizar os procedementos de selección e cualificación nos centros, informatizar todos os procedementos dos axentes que participan nos intercambios que permitan incorporar toda a información do expediente de mobilidade dos estudantes ás unidades de xestión académica co obxecto de axilizar a certificación dos resultados dos estudantes desde e na USC, así como establecer indicadores para a avaliación da calidade do proceso.

Por este motivo, no ano 2008 o Consello de Goberno aprobou un regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes. O tempo transcorrido, a implantación das titulacións de grao e máster e as permanentes avaliacións do procedemento fan aconsellable unha actualización dese regulamento, introducindo as melloras que os axentes que participan no proceso consideraron máis oportunas.

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Este regulamento será de aplicación a:

a) Estudantes da USC que acceden, en réxime de intercambio, a outras universidades coas cales se teña subscrito o correspondente programa ou convenio de mobilidade recíproca, co obxecto de cursar ensinanzas impartidas nela.

b) Estudantes doutras universidades coas cales se teña subscrito o correspondente programa ou convenio de mobilidade recíproca que acceden á USC en réxime de intercambio co obxecto de cursar ensinanzas impartidas nela.

Artigo 2. Formalización dos convenios

1. Corresponderalle ao SRE a supervisión do contido, tramitación, rexistro e seguimento dos convenios de cooperación e intercambio académico de que sexa parte a USC, así como velar polo cumprimento de todos os requisitos procedimentais exixidos para a súa elaboración.

2. A formalización dos correspondentes convenios reguladores da mobilidade estudantil axustarase ao réxime xeral vixente na materia na USC, en particular ao Regulamento para a xestión de convenios na USC, aprobado polo Consello de Goberno o 19 de decembro de 2002, ou a normativa que o substitúa.

Artigo 3. Coordinación dos programas de mobilidade

A vicerreitoría competente en relacións exteriores será a responsable da coordinación das distintas convocatorias dos programas de mobilidade, realizadas e difundidas a través do SRE, así como dos responsables académicos de mobilidade dos centros, dos coordinadores académicos e do portal internacional da web da USC.

Artigo 4. Responsable académico de mobilidade

Os decanos ou directores de centros proporán ao reitor un membro do equipo de dirección do centro para asumir as funcións de responsable académico de mobilidade (RAM). Unha vez nomeado este polo reitor, a súa misión principal será velar polo bo funcionamento dos programas de mobilidade, e realizará, entre outras, as seguintes funcións:

a) Apoiar e ordenar o labor dos coordinadores de mobilidade académica pertencentes ao seu centro.

b) Coordinar o fluxo de comunicación entre a Vicerreitoría e os centros.

c) Coordinar a xestión dos acordos de cada centro.

d) Colaborar coas unidades administrativas e académicas do centro na planificación e organización do traballo relacionado cos programas de mobilidade.

e) Convocar e presidir as comisións de selección de estudantes naqueles procesos en que así se determine.

f) Velar polo cumprimento na aplicación das normas e criterios establecidos nos distintos programas de mobilidade.

g) Recibir aos estudantes procedentes doutras universidades e orientalos cara aos seus respectivos coordinadores.

h) Verificar que os coordinadores cumpren efectivamente coa súa obriga de tutelar os estudantes internacionais.

i) Promover os programas de mobilidade nos centros mediante a realización, polo menos unha vez ao ano, de actividades informativas ou doutro tipo que contribúan á súa promoción e coñecemento; para estas actividades poderán contar co apoio do SRE.

k) Revisar os acordos académicos elaborados polos estudantes con axuda dos coordinadores para comprobar que se axustan ao establecido no plan de estudos e nas normas de matrícula.

l) Presentarlle ao SRE as propostas de novos convenios de mobilidade realizadas polos membros do seu centro.

m) Remitir ao SRE un informe anual de incidencias segundo o modelo fixado por este.

Artigo 5. Coordinadores académicos

1. Cada programa ou convenio de mobilidade poderá establecer o número de coordinadores académicos correspondentes ao título ou conxunto de títulos oficiais da USC para os que se estableza.

2. Os coordinadores académicos serán nomeados, por proposta do decano ou o director do respectivo centro, polo vicerreitor competente na materia. De non constar de forma expresa un coordinador para un programa de intercambio, a función será asumida polo responsable académico de mobilidade do centro.

3. Os coordinadores académicos titorizarán e asistirán aos estudantes de intercambio nos aspectos académicos e asumirán as funcións que, con carácter xeral, se lles encomenden nestas normas e naquelas outras que de forma específica se lles poidan encargar nos respectivos programas ou convenios de mobilidade. En especial, terán as seguintes funcións:

a) Informar e orientar os estudantes da USC sobre as universidades de destino e posible recoñecemento académico dos estudos que se realizarán durante o período de mobilidade.

b) Naqueles procesos en que así se determine, formar parte das comisións de selección dos estudantes para os programas que coordinen.

c) Comprobar a equivalencia entre as materias que os estudantes van cursar na universidade de destino e aquelas nas cales se van matricular na USC.

d) Elaborar os compromisos de estudos, asinalos xunto cos estudantes e autorizar as súas modificacións, sempre dentro dos prazos que se establecen nestas normas.

e) Asesorar academicamente os estudantes de intercambio, así como realizar o seu seguimento.

f) Facer as propostas de resolución de recoñecemento de estudos.

4. Os coordinadores académicos disporán dun horario de atención aos estudantes de intercambio, cun mínimo de dúas horas semanais, que se incluirá na información que se lles proporcionará aos estudantes de cada centro.

5. Os coordinadores académicos terán dereito ás certificacións oportunas para os efectos de que se lles poidan conceder os recoñecementos que establezan as normativas.

6. Os coordinadores poderán ser cesados polo vicerreitor con competencias na materia, por proposta do RAM do centro a que estean adscritos e atendendo a criterios obxectivos avaliados polo centro ou polo SRE.

Artigo 6. Unidades de apoio á xestión de centros e departamentos

Baixo a coordinación do seu responsable, as unidades de apoio á xestión de centros e departamentos son responsables de toda a xestión administrativa derivada dos procesos de mobilidade dos alumnos dos seus centros, así como de facilitar a información necesaria, velando polo estrito cumprimento do establecido no presente regulamento e demais normas aplicables. En concreto terán, entre outras, as seguintes funcións:

a) En coordinación cos responsables académicos de mobilidade e coordinadores académicos, realizarán tarefas de información aos estudantes da USC sobre a oferta, condicións, trámites etc. dos distintos programas de mobilidade.

b) A gravación no sistema informático da USC dos estudantes e destinos seleccionados, así como dos seus acordos de estudos.

c) A recepción de estudantes doutras universidades, facilitándolles información particular da titulación, dos coordinadores, dos procedementos, dos horarios dos cursos etc.

d) Colaborar na selección dos estudantes que realizarán os intercambios (elaboración de listas, baremos, publicación de propostas etc.). Os responsables destas unidades exercerán de secretarios das comisións de selección que sexan competencia do centro respectivo.

e) Remisión ao SRE e posterior comunicación á Unidade de Xestión Académica (UXA) correspondente dos compromisos de estudos ou acordos académicos e as súas modificacións.

f) Colaboración na resolución de incidencias durante os intercambios (estudantes enviados e admitidos).

g) Remisión das actas, resolucións ou certificacións, segundo sexa o caso, de recoñecemento de estudos á UXA correspondente para a súa anotación nos expedientes dos estudantes.

h) Xestión das altas e baixas dos responsables de mobilidade e coordinadores académicos do seu centro e transmisión da correspondente información actualizada ao SRE.

i) Arquivo de toda a documentación administrativa xerada polos procesos de mobilidade no centro.

TÍTULO II
Dos estudantes da USC que acceden a outras universidades en réxime
de intercambio

Artigo 7. Convocatorias de mobilidade

1. A Universidade de Santiago de Compostela, a través da vicerreitoría competente, efectuará as convocatorias para a participación nos diferentes programas ou convenios subscritos para a mobilidade estudantil co obxecto de que os estudantes interesados, que cumpran os requisitos establecidos, poidan participar neles.

2. As convocatorias de mobilidade serán difundidas a través do SRE, da Oficina de Información Universitaria, dos centros e do portal internacional da web da USC.

3. Entre outras cousas, deberán incluír toda a información relativa aos procedementos, requisitos, prazos, órganos e criterios de selección e procedemento de reclamación.

4. Os procedementos de selección terán dúas fases claramente diferenciadas: a comprobación de que o estudante é elixible para unha mobilidade e a asignación de destino en función das prazas dispoñibles.

Artigo 8. Elixibilidade

1. Para poder optar a unha praza de intercambio, salvo que o convenio regulador estableza outra cousa, os estudantes deberán acreditar, antes do remate do prazo de solicitude, ter superado o 15 % dos créditos da titulación que está a cursar, agás que a convocatoria fixe outra porcentaxe ou outro requisito. En todo caso, entenderase que os estudantes dunha titulación de posgrao oficial ou que posúan calquera título universitario teñen acreditado este requisito.

2. Así mesmo, os estudantes deberán acreditar, antes do remate do prazo de solicitude, o coñecemento da lingua oficial do país de destino, no caso de non ser esta a española, ou da lingua de uso da universidade en cuestión, no caso de ser esta distinta da do país de destino. O nivel mínimo exixido será o B1 do marco común europeo de referencia. O Centro de Linguas Modernas da USC publicará unha lista actualizada dos diplomas admitidos para recoñecer este nivel e ofertará, ao longo do curso, probas de acreditación lingüística para estes efectos.

Artigo 9. Asignación de destino

1. Aos estudantes seralles asignado o destino en virtude dun procedemento público de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Na citada selección terase en conta, polo menos, o expediente académico e a adecuación ao programa ou convenio de intercambio.

2. Nas convocatorias de intercambio académico especificarase se a asignación de destinos a fará o centro ou o SRE. Naqueles casos en que a asignación de destinos sexa realizada polo centro, a comisión de asignación será presidida polo responsable de mobilidade do centro e integrada por todos os coordinadores académicos e polo responsable da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos, que actuará como secretario dela. Nas convocatorias nas que a asignación de destinos sexa realizada polo SRE, a comisión de asignación será presidida polo vicerreitor con competencias na materia ou persoa en que delegue e composta por dous técnicos do servizo, un dos cales actuará de secretario, e dous responsables académicos de mobilidade de dous centros da USC.

3. Nas convocatorias de intercambio académico baseadas en acordos e convenios non vinculados a titulacións concretas, será responsabilidade do estudante comprobar que nas universidades que solicite como destinos preferentes se imparta a titulación que está a cursar. Se o estudante for rexeitado pola universidade de destino por non existir a titulación que pretende cursar, será dado de baixa do programa e non terá dereito á asignación dun novo destino.

4. Unha vez seleccionados os estudantes e asignados os destinos, así como os potenciais suplentes, de ser o caso, publicarase a relación provisoria de seleccionados no taboleiro de anuncios da USC (ou no que se indique na convocatoria).

5. Os estudantes disporán dun prazo de dez días naturais para presentaren reclamacións contra a citada lista ante o centro ou servizo que realizou a asignación de destinos. As reclamacións serán resoltas pola mesma comisión, notificadas persoalmente aos reclamantes polos sistemas establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e publicadas conforme o disposto no punto anterior.

6. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se presente ningunha reclamación, ou unha vez resoltas as presentadas, a lista resultante terá a condición de lista definitiva e proposta de selección, que será remitida, para a súa publicación, á vicerreitoría competente en relacións exteriores. Contra esta lista caberá recurso administrativo.

7. Os estudantes disporán dun prazo específico, indicado na convocatoria respectiva, para aceptar a praza que lles foi asignada ou ben para renunciar sen penalización. As renuncias feitas fóra de prazo sen causa xustificada terán automaticamente como consecuencia a suspensión da participación en programas de intercambio da USC.

8. A aceptación dunha praza de mobilidade significa a renuncia a seguir participando noutras convocatorias que se puidesen ter publicado de xeito paralelo. Polo tanto, aceptada formalmente unha praza no prazo establecido, o estudante quedará eliminado doutros programas de mobilidade convocados polo SRE a que concorrese para o mesmo curso académico. Non obstante, poderá aceptar unha praza e optar a outra doutro programa dentro do mesmo curso académico se son para semestres distintos.

9. Os estudantes seleccionados e con destino asignado non poderán solicitar o cambio de universidade, agás casos de forza maior (por exemplo rexeitamento por parte da universidade de destino ou supresión inesperada da titulación que ía cursar o estudante en destino), co debido informe do RAM do centro e do SRE e autorizados polo vicerreitor con competencias na materia. De ser aceptado o cambio de destino, compete ao SRE, en coordinación co RAM do centro, a asignación dun novo destino. En todo caso, na busca de destinos alternativos respectaranse as condicións xerais de participación no programa de intercambio no que respecta ao coñecemento de idiomas e media académica. A USC, a través do SRE, poderá solicitar á universidade de destino que poña á súa disposición prazas adicionais. No caso de non lograrse un novo destino academicamente axeitado, o estudante será dado de baixa do programa sen ningún tipo de penalización.

10. A selección para a participación nun programa de intercambio non implica automaticamente a súa aceptación por parte da universidade de destino. Se un estudante non for aceptado pola universidade que lle foi asignada e a causa non é a inexistencia da súa titulación, o SRE actuará como se indica no punto anterior para o cambio de destino.

11. Os estudantes que fosen beneficiarios dunha mobilidade dentro dun programa determinado non poderán solicitar unha segunda mobilidade no mesmo programa, agás naqueles casos en que o convenio ou a convocatoria especifiquen outra cousa.

12. Un mesmo estudante poderá solicitar unha mobilidade de estudantes e unha mobilidade de prácticas no mesmo curso académico, sempre e cando non sexan incompatibles por motivos académicos ou de programación docente.

Artigo 10. Acordo de estudos

1. Os estudantes que resulten seleccionados para participar nun programa ou convenio de mobilidade deberán, con carácter previo á súa marcha, e contando co asesoramento do seu respectivo coordinador académico, formalizar un compromiso ou acordo de estudos (learning agreement). Este documento terá carácter vinculante sempre que se cumpran os requisitos establecidos para o programa de intercambio, no plan de estudos da titulación do estudante e nas normas de matrícula e permanencia da USC. Nel incluiranse as materias ou actividades que se van cursar na universidade de destino, as materias correspondentes ao plan de estudos que se está a cursar na USC e cuxo recoñecemento se vai obter como consecuencia da superación daquelas, así como a equivalencia en créditos.

2. Ningún estudante se poderá incorporar á universidade de destino sen estar en posesión deste documento debidamente asinado no modelo da USC.

3. Unha vez asinado o acordo de estudos ou a súa modificación, o coordinador académico remitirao, dentro dos prazos previstos, ao responsable académico de mobilidade do seu centro e á unidade de apoio, que revisarán o contido, comprobando a equivalencia das materias propostas e o cumprimento das normas de matrícula e permanencia da USC. Unha vez finalizado o proceso de comprobación o acordo remitirase ao SRE que, verificado de novo o cumprimento das normas de matrícula e permanencia, procederá á súa sinatura como coordinador institucional.

4. Unha vez asinado o compromiso de estudos polo SRE, este devolverá unha copia á unidade de apoio, que o poñerá en coñecemento da UXA e, ao mesmo tempo, o SRE tramitará á universidade de destino o acordo de estudos, para o seu coñecemento e para os efectos de confirmar a aceptación do estudante para cursar as materias propostas.

5. O mencionado documento adquirirá carácter definitivo cando estea asinado polo estudante, polo coordinador académico, polo SRE, quen actuará como coordinador institucional da USC, e pola universidade de destino.

6. O acordo de estudos poderase modificar seguindo o procedemento previsto para a elaboración do documento inicial ata un mes despois da incorporación do estudante á universidade de destino. O estudante que realice unha estadía de dous semestres terá un segundo prazo dun mes para a modificación do acordo de estudos ao principio do segundo semestre. Rematado o prazo dun mes, a modificación do acordo de estudos só se autorizará por causas extraordinarias e debidamente xustificadas (por exemplo o incumprimento das normas de matrícula), por proposta do responsable académico de mobilidade, logo de visado do SRE, e con resolución do vicerreitor competente en relacións exteriores. Non se poderán facer modificacións extraordinarias do acordo de estudos con posterioridade á resolución do recoñecemento. Toda modificación do acordo de estudos debidamente autorizada levará consigo a matriculación nos dez (10) días posteriores ao da citada autorización.

7. Os estudantes de plans de estudo anteriores ao Real decreto 1393/2007 non poderán incluír no acordo de estudos as materias cualificadas na USC con suspenso. O estudante poderase examinar destas materias na USC, sempre que teña formalizada a súa matrícula dentro do prazo ordinario.

Os estudantes de titulacións de grao e máster poderán incluír materias suspensas no acordo de estudos, sempre que o programa de mobilidade o permita e co límite dunha materia suspensa por cada curso académico en que previamente tivesen formalizado matrícula na súa titulación; non se contará o curso en que vaian realizar a mobilidade. Deste xeito, un estudante que se matricule por cuarto ano na titulación, independentemente do curso a que pertenzan as materias que cursou, poderá incluír no acordo tres materias suspensas dos cursos anteriores, mesmo se o seu período de mobilidade é no segundo semestre. Do resto das materias suspensas o estudante non poderá matricularse, agás que o seu intercambio sexa dun semestre; neste caso deberá matricularse na USC das materias suspensas do período en que non vaia realizar a mobilidade.

8. No acordo de estudos poderá figurar un número de créditos baixo a epígrafe «Créditos optativos-programa de intercambio», nos cales non se especifique a actividade que se vai realizar, por non coincidir coas materias propias da titulación para a cal se cursan. No caso de titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007, a epígrafe será «Libre configuración-programa de intercambio». O coordinador da universidade de destino deberá aprobar en cada caso a actividade realizada e o número de créditos aplicables. Na resolución de recoñecemento de estudos terá que figurar a denominación concreta e os créditos aplicables a cada materia ou actividade realizada. O total de créditos recoñecidos non poderá exceder os matriculados baixo esta epígrafe.

9. As cualificación serán as que figuren na certificación expedida pola universidade de destino, sen que se poida realizar ningún tipo de ponderación. Non serán recoñecidos estudos ou actividades realizados que non figuren no acordo de estudos, nin aqueles de que o estudante non se matriculase previamente, sen prexuízo da posiblidade da súa constancia no suplemento europeo ao título (SET).

10. O número mínimo de créditos que se deben incluír no acordo de estudos será o equivalente a 40 ECTS para un curso académico completo ou o equivalente a 20 ECTS para un semestre.

11. O número de créditos que ordinariamente se incluirán no acordo de estudos será o equivalente a 60 ECTS (ou os correspondentes a un curso académico completo nas titulacións non adaptadas) para un curso académico completo ou o equivalente a 30 ECTS para un semestre. Só en casos en que así o exixa a adaptación curricular ao sistema de semestres, os estudantes que realicen unha estadía de mobilidade dun semestre poderán superar o límite de 30 ECTS, ata un máximo de 35 ECTS.

12. O período de intercambio poderá incluír unha formación práctica e traballos academicamente dirixidos ou similares, se estes traballos figuran no plan de estudos. Os traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de máster (TFM) poderán defenderse ben na USC, ben na universidade de destino, segundo quede establecido pola regulamentación xeral de traballos de fin de grao e de fin de máster da USC.

Artigo 11. Matrícula

1. Unha vez formalizado o acordo de estudos, os estudantes deberán realizar necesariamente e dentro dos prazos establecidos a matrícula na USC polo total dos créditos que figuran no acordo de estudos. Non procederá a matrícula contravindo o plan de estudos nin as normas de matrícula e de permanencia da USC.

2. A UXA procesará de xeito provisional a matrícula daqueles estudantes que presenten un acordo de estudos en que falten as sinaturas da universidade de destino, a expensas de que os interesados remitan o documento completo no prazo dun mes desde a súa chegada á dita universidade.

3. Esta matrícula reportará os prezos públicos que determinen o decreto correspondente da Xunta de Galicia e calquera outra norma que sexa aplicable á matrícula ordinaria. A realización do mencionado pagamento de prezos públicos suporá a consideración do interesado como estudante da USC, para todos os efectos, no curso académico de referencia.

4. De xeito complementario ao seguro escolar de subscrición obrigatoria para todos os estudantes da USC, os estudantes de intercambio terán que contratar o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe para estudantes coas coberturas que determine a USC, independentemente da existencia de requisitos adicionais impostos pola institución de destino.

5. Agás o previsto no primeiro parágrafo do artigo 10.7 deste regulamento (referido ás titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007), unicamente se poderá formalizar matrícula para render exame na USC nas materias cuadrimestrais que non se correspondan co semestre de mobilidade, se o período de mobilidade se limita a un semestre, e nos traballos de fin de grao e fin de máster, así como nas prácticas, tal e como se indica no artigo 10.12. O número máximo de créditos dos que se pode matricular o alumno sumando as materias incluídas no acordo de estudos e as non incluídas é de 75.

6. O alumnado vinculado a un programa de mobilidade interuniversitario estará sometido ao réxime de estudos e disporá das convocatorias de exame que teña establecidos a universidade de destino. Non obstante, aos alumnos de titulacións de grao ou máster permitiráselles presentarse á oportunidade de xullo das materias cursadas no primeiro semestre sempre que:

a) A materia non se superase na universidade de destino, circunstancia que debe acreditarse no momento da solicitude.

b) A materia da titulación de orixe teña contidos equivalentes aos da materia cursada na universidade de destino. En ningún caso se permitirá render exame na USC de materias optativas de que estea matriculado na universidade de destino e que non existan no plan de estudos da USC.

c) A guía docente non estableza criterios ou sistemas de avaliación que impidan a superación da materia de xeito independente (por exemplo sen ter asistido á clase) na segunda oportunidade.

A solicitude de presentación á oportunidade de xullo poderá realizarse perante o coordinador por calquera medio que permita constancia da súa recepción, cun mínimo de 30 días antes do inicio do período de exames de xullo. O coordinador comprobará que a solicitude reúne os requisitos e remitiraa ao centro con informe favorable ou desfavorable. O responsable académico de mobilidade autorizará ou desestimará a solicitude por calquera medio que permita ter constancia e comunicarao con antelación suficiente ao profesor da materia antes da avaliación. A unidade de apoio á xestión comunicará á UXA correspondente a relación de estudantes que se van acoller a esta posibilidade para que a UXA lles retire a condición de alumnos de intercambio na acta e que poidan ser cualificados.

As materias do segundo semestre quedan excluídas desta posibilidade.

7. Os estudantes vinculados a un programa interuniversitario de intercambio figurarán nas actas da USC nas materias en que formalizaron matrícula, nas convocatorias ás cales teñan dereito no correspondente curso académico. Utilizarase, para tal fin, a mención «estudante de intercambio» conforme a instrución de Secretaría Xeral sobre actas.

8. Os estudantes da USC adscritos a un programa internacional de mobilidade con destino noutra universidade non computarán para os efectos de fixación das cotas de matrículas de honra.

9. Os estudantes que modifiquen o acordo de estudos contarán cun prazo de dez días desde a aprobación para a modificación da matrícula. De non se levar a cabo a matrícula, a modificación do compromiso quedará sen efecto.

10. A formalización da matrícula dará dereito á expedición da acreditación do intercambio, sen prexuízo de poder expedir acreditacións provisorias para os casos en que a matrícula na universidade de destino sexa anterior á da USC ou casos análogos.

11. A formalización da matrícula realizarase nos lugares e prazos que estableza a USC e que poderán ser específicos e diferentes dos comúns, de consideralo necesario.

Artigo 12. Inscrición na universidade de destino

1. Os estudantes deberán realizar na universidade de destino os trámites administrativos que esta determine de acordo coas súas propias normas de organización, co respectivo programa ou convenio de mobilidade estudantil e coa información facilitada desde a USC.

2. Os estudantes non están obrigados ao pagamento na universidade de destino de ningunha cantidade económica en concepto de inscrición ou matrícula, excepto cando os respectivos programas ou convenios establezan o contrario. Non obstante, a institución de destino pode pedir que se paguen taxas reducidas para cubrir os gastos do seguro e a utilización de materiais diversos, tales como fotocopias, produtos de laboratorio etc., sobre as mesmas bases que os estudantes desa institución.

Artigo 13. Bolsas ou axudas

Os estudantes seleccionados que posúan bolsas ou préstamos de carácter nacional, autonómico ou da propia USC seguirán percibíndoos na súa totalidade durante o período de estudos, agás que na convocatoria da bolsa se estableza a incompatibilidade.

Artigo 14. Obrigas dos estudantes seleccionados

1. Os estudantes que realicen unha estadía noutra universidade cun programa que inclúa asignacións económicas en concepto de axudas á mobilidade, axudas de viaxe, matrícula gratuíta, mantenza ou calquera outro, sexan de fondos públicos ou privados, deberán regresar cunha cualificación, sexa de superación da materia ou de suspenso, para un mínimo de 40 créditos ECTS ou equivalentes en estadías dun curso académico ou para un mínimo de 20 créditos ECTS ou equivalentes en estadías dun único semestre.

2. O incumprimento desta obriga terá como consecuencia a exclusión do estudante de calquera outro programa de mobilidade xestionado pola USC.

3. Non obstante o anterior, se se acredita a existencia dun suposto de forza maior (por exemplo, enfermidade, accidente, catástrofe) que impedise a realización das actividades programadas e a presentación ás probas de avaliación correspondentes, poderá solicitarse a admisión a futuras convocatorias de mobilidade, sempre e cando o suposto aparecese inmediatamente antes das probas e non se observe unha continuación prolongada da estadía durante a validez deste suposto. A solicitude será concedida ou denegada de forma motivada polo vicerreitor con competencias na materia.

Artigo 15. Recepción das cualificacións e recoñecemento de estudos realizados

1. O estudante de mobilidade debe proporcionar ao SRE todos os documentos requiridos na convocatoria do programa, especialmente os certificados de chegada e de fin de presenza (que serán gravados na aplicación de xestión académica). O recoñecemento de estudos na USC quedará supeditado á presentación dos anteriores.

2. Unha vez finalizada a súa estadía na universidade de destino, o estudante deberá solicitar do órgano competente na citada universidade a expedición dunha certificación académica (Transcript of records), para a súa constancia persoal, acreditativa dos estudos realizados, coa indicación da denominación das correspondentes materias ou actividades, os créditos obtidos e a cualificación acadada, de acordo cos termos previstos no respectivo programa ou convenio de mobilidade.

3. Recibida a certificación académica oficial da universidade de destino, o coordinador académico fará chegar á unidade de apoio á xestión do centro a proposta de resolución de recoñecemento de estudos. A proposta fixará as materias das cales se propón o recoñecemento, o número de créditos e as cualificacións acadadas que en ningún caso poderán ser diferentes ás que figuren na certificación académica oficial expedida pola universidade de destino. Desde a unidade de apoio verificarase que se corresponde co recollido no acordo de estudos, coa matrícula formalizada e coa certificación académica oficial expedida pola universidade de destino. Os convenios que teñan un procedemento específico de recoñecemento serán aplicados nos seus termos.

4. O sistema de equivalencia de cualificacións será o que aprobe a USC ou, na súa falta, o aprobado coa información que se lle facilite desde o SRE. No caso de dúbidas, poderase requirir do interesado ou da universidade de destino que achegue o sistema de cualificacións aplicado. Para establecer os criterios de cualificacións entre varias materias ou actividades por unha da USC, terase en conta o disposto no protocolo de validacións e adaptacións da USC.

5. A proposta de resolución de recoñecemento de estudos será elevada pola unidade de apoio á xestión do centro ao decano ou director para que se emita a correspondente resolución. Esta resolución seralle comunicada ao interesado e remitida ás unidades de xestión académica correspondentes acompañada das certificacións orixinais para a súa custodia no expediente documental do estudante, para que procedan á imputación das cualificacións no seu expediente. A proposta de resolución de recoñecemento só é vinculante se reúne os requisitos legais, os da convocatoria, os deste regulamento e os do plan de estudos. As mencionadas cualificacións imputaranse de oficio no citado expediente na primeira convocatoria ordinaria en que se poida incluír.

6. Co obxectivo de mellorar a calidade dos programas e de favorecer a información a futuros estudantes, pediráselles a cada un deles, despois da finalización da súa estadía, que cubran un formulario de avaliación elaborado por SRE que incluirá cuestións sobre a institución de destino e sobre a calidade do servizo prestado na USC, concretamente polos coordinadores, os centros e as unidades administrativas.

TÍTULO III
Dos estudantes que acceden á Universidade de Santiago de Compostela
en réxime de intercambio

Artigo 16. Recepción, inscrición e matrícula

A inscrición dos estudantes que acceden á USC en réxime de intercambio efectuarase de acordo co seguinte procedemento:

a) Deberán presentarse no SRE, onde se lles expedirá a correspondente credencial de estudante de intercambio, se lles selará, de precisalo, o certificado de chegada e se lles asignará, se non o teñan por mor do propio programa, un coordinador académico.

b) A USC poderá artellar, por iniciativa dos centros correspondentes, mecanismos que garantan un axeitado nivel de lingua vehicular por parte dos estudantes, especialmente daqueles que desexen cursar materias do ámbito das filoloxías española e galega.

c) Reuniranse co respectivo coordinador académico para confirmar as materias que van cursar na USC, de acordo co seu compromiso de estudos, o cal deberá vir debidamente cuberto. Así mesmo, a unidade de apoio á xestión de centros e departamentos deberá informalos no tocante á asignación de grupos de docencia e sobre demais aspectos organizativos de réxime interno do respectivo centro, así como de calquera outro asunto que considere que sexa do seu interese.

d) Deberán formalizar a matrícula das materias seleccionadas na unidade de xestión académica correspondente. Unha vez efectuada a matrícula, expediráselles o correspondente xustificante e gozarán de todos os dereitos que teñan os estudantes da USC. As modificacións do acordo de estudos, que só se poderán facer ata un mes despois da chegada, deberán solicitarse e acordarse co coordinador.

e) O Servizo de Xestión Académica enviará periodicamente ao SRE unha listaxe dos estudantes estranxeiros matriculados na USC e as materias en que se inscribiron.

f) Se o acordo de estudos do estudante estranxeiro prevé a realización de cursos, seminarios ou calquera outra actividade fóra do plan de estudos, os estudantes formalizarán a matrícula nos centros ou servizos que especifique a convocatoria oficial e pagarán, de ser o caso, os prezos públicos establecidos na citada convocatoria. Para os efectos da súa inclusión na certificación académica que se remita á universidade de orixe, os estudantes deberán presentar na UXA correspondente o documento oficial acreditativo da súa realización e solicitar o recoñecemento conforme o procedemento xeral vixente na USC. Este recoñecemento non reportará prezos públicos.

Artigo 17. Dereitos

1. Os estudantes terán os mesmos dereitos e as mesmas obrigas ca os estudantes da USC (agás a representación nos órganos colexiados) e non estarán obrigados ao pagamento de prezos públicos en concepto de matrícula académica, coa excepción daqueles programas ou convenios en que se estableza o contrario.

2. Os estudantes internacionais que se matriculen na USC deberán ou ben presentar á UXA correspondente unha certificación de posuír un seguro médico e de responsabilidade civil con cobertura en España ou ben contratar a póliza que a USC porá ao seu dispor. A USC garantirá que os estudantes estranxeiros poidan contratar a póliza ofertada por esta institución con anterioridade suficiente ao cumprimento da matrícula para estar cubertos na súa chegada á USC e, nos casos en que sexa necesaria a expedición dun visado, para a solicitude deste.

3. O estudantado vinculado a un programa de intercambio estará sometido, ao longo do curso académico, ao réxime de estudos e ás normativas que sexan de aplicación na USC así como ás convocatorias de exame e oportunidades que esta teña establecidas para os seus estudantes.

4. O estudante figurará nas actas da USC daquelas materias das cales formalizou matrícula e nas convocatorias ás cales teña dereito no correspondente curso académico. O réxime de cualificacións será o xeral para os estudantes da USC. Na acta figurará o indicativo «estudante de intercambio doutra universidade».

5. O estudante adscrito a un programa de mobilidade procedente doutras universidades computarase para os efectos de fixación da cota de matrículas de honra.

6. No caso de incumprimento grave das obrigas e da normativa da USC por parte do estudante de intercambio, a USC poderá acordar, tras a audiencia do interesado, a suspensión do intercambio para ese estudante e a comunicación á universidade de orixe.

Artigo 18. Certificación dos estudos realizados

As unidades de xestión académica enviaranlle ao SRE as certificacións comprensivas das cualificacións obtidas polos estudantes doutras universidades vinculados aos distintos programas de mobilidade. Este Transcript of records deberá ser expedido en versión bilingüe castelán/galego e inglés, indicando os créditos ECTS de cada materia e acompañado dunha explicación do baremo de avaliación utilizado na USC. O SRE remitiralles as certificacións á universidade de procedencia do estudante de acordo cos requirimentos formais dos respectivos programas ou convenios.

TÍTULO derradeiro

Artigo 19. Suplemento europeo ao título e Europass

Os contidos do intercambio (materias e notas) deberán quedar rexistrados no idioma que figure no acordo académico para os efectos de poder expedir certificación sobre estes datos, así como para incluír a devandita información no suplemento europeo ao título dos estudantes da USC. Cando a situación tecnolóxica da USC o permita, as unidades de xestión académica expedirán o documento de mobilidade Europass.

Artigo 20. Sistema de garantía de calidade

Os procesos establecidos neste regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes serán obxecto de revisión e seguimento co fin de garantir a súa eficiencia e o cumprimento dos compromisos de calidade asumidos pola USC.

Artigo 21. Uso de medios telemáticos

De acordo coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, as comunicacións entre as distintas unidades administrativas da USC faranse preferentemente por medios electrónicos ou telemáticos. Igualmente, as comunicacións entre os estudantes e as distintas unidades administrativas da USC serán preferentemente por este medio.

Cláusula adicional primeira. Concédeselle ao vicerreitor con competencias neste ámbito a facultade de interpretar e resolver aquelas cuestións extraordinarias que poidan producirse e que non estean recollidas neste regulamento.

Cláusula adicional segunda. Todas as referencias a cargos e figuras (estudante, coordinador, responsable, xestor, vicerreitor) enténdense xenericamente neutras e fan referencia tanto a mulleres como a homes.

Cláusula derradeira. Este regulamento entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e afectará a todas as convocatorias que se realicen a partir do curso 2012-13, pero non ás estadías de mobilidade que se realicen neste mesmo curso e que dependen de convocatorias publicadas no curso 2011-2012. Este regulamento derroga o Regulamento do 15 de febreiro de 2008 dos intercambios interuniversitarios de estudantes (DOG do 26 de marzo) e a súa modificación do 27 de abril de 2012 (DOG do 28 de maio) e calquera outra resolución ou instrución que se opoña ao seu contido.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela