O Concello de Crecente achega a modificación puntual número 1 das NN.SS., en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
I. Antecedentes.
I.1. O Concello de Crecente dispón, na actualidade, dunhas NN.SS. de planeamento vixentes que foron aprobadas o 23.11.1994.
I.2. Consta decisión do 12.3.2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento á avaliación ambiental estratéxica da MP.
I.3. A presente MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 22 de xuño de 2012. Foi sometida á información pública con anuncios nos xornais Faro de Vigo, do 3.8.2012, e Atlántico, do 8.8.2012; e no DOG núm. 146, do 1.8.2012, dándoselle trámite de audiencia aos concellos limítrofes polo prazo de dous meses.
I.4. Constan informes municipais, técnicos do 24.1.2012 e 20.4.2012, e xurídicos do 4.10.2011, 24.1.2012 e 20.4.2012.
I.5. Con data do 10.5.2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial sobre o documento de xaneiro de 2012 en que sinalaba unha serie de observacións.
I.6. Constan no expediente informes sectoriais da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 31.8.2012 e do 7.9.2012.
I.7. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Crecente do 18.10.2012.
II. Análise e consideracións.
Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Crecente, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
1. A MP ten por finalidade completar a normativa e as ordenanzas das NN.SS. de Crecente para incorporar a regulación das parcelas e edificacións destinadas a equipamentos sanitario-asistenciais.
2. A MP prevé a creación dunha nova ordenanza para a zona dotacional sanitario-asistencial que na redacción actual non existe –art. 4.9– e a modificación das ordenanzas reguladoras de usos –art. 3.4.8.1, 3.4.8.3, 3.4.9.1 e 3.4.9.3– e das ordenanzas de edificación e uso do solo en solo urbano –art. 4.1 (1.1, 1.2, 1.3 e 1.4)–.
3. A modificación das ordenanzas para a incorporación da regulación dun uso necesario como é o sanitario-asistencial pode fundamentar a modificación de planeamento, ao abeiro do artigo 94.1 da LOUG.
4. Canto á posibilidade de ampliación de edificacións existentes, quedará suxeita en todo caso ao réxime legal establecido ao respecto no artigo 103 da LOUG.
Nese senso, a previsión da posibilidade de ampliación nun 25 % establecida no número 9 do novo artigo 4.9, que se entende referida á superficie construída, non se poderá aplicar en situacións de fóra de ordenación por total incompatibilidade coas determinacións do planeamento (art. 103.2 da LOUG: condición de uso, afectación de aliñacións...).
Cando a construción sexa só parcialmente incompatible (art. 103.3 LOUG: ocupación, altura, recuamento...), a posibilidade de ampliación quedará limitada á necesaria adecuación á normativa sectorial que resulte de aplicación: accesibilidade, protección contra incendios, seguridade de utilización...
De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
III. Resolución.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
Primeiro. De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual número 1 das normas subsidiarias do planeamento do Concello de Crecente, con suxeición estrita ás condicións sinaladas na epígrafe II.4 anterior.
Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2012
Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas