Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2012 Páx. 45251

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2012, da Dirección de Augas de Galicia, pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do documento Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e do correspondente informe de sustentabilidade ambiental.

Segundo se recolle na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndelle á Administración hidráulica de Galicia a elaboración dos plans de seca a que se refire o artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do plan hidrolóxico nacional, no ámbito das bacías intracomunitarias.

No Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, recóllese na memoria e no Programa de medidas a necesidade de dispoñer dun plan de seca para a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, co obxecto de ter un instrumento que permita á Administración a toma de decisións e a adopción de medidas que permitan minimizar os efectos adversos das situacións de seca.

Con base no anterior, Augas de Galicia desenvolveu o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Pola súa banda, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, recolle no seu artigo 7 a obriga de que o órgano promotor do plan integre no procedemento os aspectos ambientais e que lle corresponde elaborar un informe de sustentabilidade ambiental de acordo coa amplitude, nivel de detalle e grao de especificación determinado polo órgano ambiental, que formará parte integrante do plan en cuestión.

A estrutura do informe de sustentabilidade ambiental do Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa foi determinada pola Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 3 de agosto de 2012, pola que se aprobou o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica do Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

De acordo co anterior e de conformidade co disposto no artigo 10 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, acórdase someter ao trámite de información pública o Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e o seu correspondente informe de sustentabilidade ambiental.

Os citados documentos poderanse consultar desde o día seguinte á publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e, polo período de 45 días, no enderezo electrónico http://augasdegalicia.xunta.es ou nas distintas sedes do organismo de bacía:

a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: rúa Wenceslao Fernández Flórez, 1-2º, 15005 A Coruña.

c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño nº 16-baixo, 15781 Santiago de Compostela.

d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo.

Durante o mesmo prazo de consulta pública poderanse formular cantas alegacións e/ou
observacións se consideren oportunas, dirixidas á dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e remitidas por escrito ao seguinte enderezo: Augas de Galicia, servizos centrais, praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2012

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia