Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2012 Páx. 45309

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 21 de novembro de 2012 pola que se dita a normativa para autorizar a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixa o período e condicións para presentar solicitudes para 2013.

O artigo 8 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, establece que a Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes establecerá os réximes especiais que se consideren pertinentes. Na actualidade a competencia é da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en virtude do disposto no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

A lamprea (Petromyzon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2013.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

É obxecto desta norma a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2013.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde son as pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla e detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións que a seguir se indican, ás cales se deberán ater as persoas autorizadas como titulares, así como as autorizadas para pescar nelas:

• Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río, e non poderán traballar na denominada «vea».

• Deberanse empregar redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

• Serán devoltos ás augas ou entregadas aos axentes que o soliciten todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

• En todo momento deberán colaborar coa gardaría de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas seguindo as súas instrucións.

O director xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar a duración da tempada de pesca nas diferentes pesqueiras establecida nesta normativa adoptando as medidas axeitadas.

Artigo 4. Período hábil

A tempada de pesca nas diferentes pesqueiras será a seguinte:

Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do día 1 de xaneiro ao 29 de marzo.

No tramo comprendido desde a pesqueira das Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 1 de febreiro ao 26 de abril.

No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, paraxe das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 11 de febreiro ata o 10 de maio.

O mesmo día en que finalice o réxime especial procederase a retirar as artes de pesca.

Artigo 5. Horario hábil

As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca, debendo levantarse as redes das pesqueiras, desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

Co obxecto de autorizar a actividade nas pesqueiras, os titulares destas presentarán a súa solicitude perante o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, polos procedementos que seguen:

a) Vía electrónica: o formulario normalizado de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do formulario admitirase o DNI electrónico, ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persoa solicitante ou do seu representante legal. O dito formulario deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir novos datos, enmendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. No caso contrario, as solicitudes no se admitirán a trámite.

No suposto de que a persona solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, e presentarase asinado seguindo as instruccións do apartado seguinte.

b) En soporte papel, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, no rexistro da consellería, nos dos seus departamentos territoriais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A presentación do DNI só será obrigada no caso de que o solicitante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

No caso de que os titulares presenten a solicitude por primeira vez, deberán acreditar a titularidade das pesqueiras.

O prazo de presentación de solicitude vai desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día 12 de decembro de 2012.

Artigo 7. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo da 8 Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución ditada poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou recurso contencioso-administrativo que se interporá perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregarase un cuestionario de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e deberá estar sempre á disposición da gardaría de Conservación da Natureza. Unha vez finalizada a tempada, será entregado no Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

No caso de que a pesqueira a traballe unha persoa distinta do seu titular, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra estar autorizado polo titular.

Artigo 9. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular. Se nun mesmo posto hai varios titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase no xefe territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a competencia para a concesión das autorizacións reguladas na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file