Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 24 de decembro de 2012 Páx. 47686

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2012, da Xerencia, pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario establece, no seu artigo 2 que, mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito polas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario, se sinalará o momento en que as xerencias de xestión integrada, de atención especializada ou de atención primaria deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.

En desenvolvemento da devandita previsión,

RESOLVO:

Primeiro. As xerencias de xestión integrada, de atención especializada ou de atención primaria deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito na data de entrada en vigor desta resolución.

Segundo. As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar as solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de 10 días contados desde a entrada en vigor desta resolución ante as xerencias de xestión integrada, de atención especializada ou de atención primaria, que se correspondan co posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.

Terceiro. Determínase que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será de catro.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2012

Mª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde