Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48065

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de decembro de 2012 de inicio das actividades da Axencia Tributaria de Galicia.

Mediante o Decreto 202/2012, do 18 de outubro, creouse a Axencia Tributaria de Galicia e aprobouse o seu estatuto. A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A disposición adicional primeira do citado decreto prevé que o inicio das actividades da Axencia Tributaria de Galicia, ligado ao exercicio das súas funcións, ten que ser determinado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de facenda. Por isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

As actividades da Axencia Tributaria de Galicia iniciaranse o día 1 de xaneiro de 2013.

Disposición transitoria

As existencias de material impreso anteriores ao inicio de actividade da Axencia Tributaria de Galicia en que se faga referencia á anterior estrutura orgánica da Administración tributaria galega seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos dos órganos da Axencia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda