Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48098

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de decembro de 2012 pola que se declara de utilidade pública a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA).

Por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións.

O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e establece que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.

Logo de solicitude da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), inscrita no rexistro de asociacións empresariais e sindicais, dependente da Dirección Xeral de Relacións Laborais, foi instruído o expediente polo órgano encargado do rexistro, nos termos establecidos no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, e nel constan a documentación e os informes sinalados na citada norma.

De conformidade cos informes favorables que constan no expediente e coa proposta favorable á declaración de utilidade pública emitida polo órgano instrutor do procedemento,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA).

Contra esta orde, que pon fín á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Pódese interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza