Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2013 Páx. 2297

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 10/2013, do 17 de xaneiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo (EF 01/2011).

O Concello de Bergondo conta na actualidade con tres depuradoras de augas residuais que, xunto a diversas redes de colectores, recollen as verteduras domésticas do 80 % da poboación residente estable. Porén, non acontece o mesmo na zona de Gandarío, que aínda carece de saneamento. A existencia dun contorno de praia xunto cunha ocupación masiva no verán e con verteduras de orixe fecal que derivan directamente á ría de Betanzos crean as condicións idóneas para a aparición dun potencial problema de insalubridade pública e de contaminación ambiental.

As obras de saneamento do Concello de Bergondo aparecen recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, polo que, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, a dita obra hidráulica é de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 25 de febreiro de 2011 o Servizo Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña formulou o preceptivo ditame de incidencia ambiental nun sentido favorable á viabilidade e necesidade ambiental das obras.

O 29 de agosto de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de xullo de 2011 pola que se somete a información pública o anteproxecto da obra de colectores xerais de saneamento e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo (CO-0232-2010), a autorización de vertedura (DH.V15.28750) así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados necesarios para a súa execución (EF 01/2011).

O 23 de xullo de 2012 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Augas de Galicia e o Concello de Bergondo asinaron un convenio de colaboración co obxecto de regular o réxime de cooperación entre estas administracións na execución das obras, tendo en conta os beneficios que derivan tanto para os habitantes da zona como para o contorno natural.

O 10 de outubro de 2012 o director de Augas de Galicia aprobou o expediente de información pública do anteproxecto da obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo, A Coruña, expediente OH.315.992.

O 19 de outubro de 2012, a alcaldesa do Concello de Bergondo solicitou o inicio do procedemento expropiatorio a favor do dito concello, en calidade de beneficiario.

Coa actuación indicada preténdese solucionar a carencia de infraestruturas de tratamento de augas residuais e saneamento da bacía vertente de Gandarío, cuxas verteduras se envían directamente á ría de Betanzos sen depuración ningunha, e asegurar a recolla das augas residuais da poboación, coa construción dunha planta depuradora de augas residuais para o seu tratamento antes de seren vertidas ao mar.

A utilidade pública da actuación e a declaración de urxencia na ocupación dos bens e dereitos afectados teñen pleno soporte xurídico ao estar esta actuación recollida Plan hidrolóxico Galicia-Costa citado, polo que, en aplicación do disposto no artigo 29 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, tales circunstancias considéranse implícitas.

Polo exposto, considérase debidamente xustificada a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos precisos para a execución das obras, como así resulta acreditado no expediente, esencialmente pola necesidade inaprazable de dar unha solución coa máxima urxencia e eficiencia aos problemas de contaminación, derivados da existencia real dun gran volume de verteduras de augas residuais cun tratamento insuficiente, cos conseguintes danos e prexuízos ambientais que esta situación comporta.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, tanto de pleno dominio como de ocupación temporal ou de calquera outra imposición sobre eles que fose necesaria figuran individualizados coa súa correspondente valoración no expediente.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xaneiro do dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declárase, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para os efectos de expropiación forzosa necesarios para a execución da obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no termo municipal de Bergondo, A Coruña (expediente EF 01/2011).

Artigo 2

Declárase como beneficiario no procedemento de expropiación forzosa o Concello de Bergondo, cos dereitos e obrigas derivados da normativa na materia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xaneiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas