Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2013 Páx. 2837

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de xaneiro de 2013 pola que se clasifica de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial con domicilio na parroquia de Cortiñán número 19, en Bergondo (A Coruña).

Feitos:

1. Pedro Ángel Rubín Iglesias, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 5 de xullo de 2011, ante o notario José Antonio Cuervo Somoza, co número de protocolo 1.013, pola Sociedad Elaborados Metálicos Emesa, S.L., a Sociedad Alfainstant, S.A. e a Asociación Acondicionamiento Tarrasense.

Esta escritura foi complementada por outra, outorgada tamén na Coruña, o 20 de novembro de 2012, ante o mesmo notario, co número de protocolo 1.445.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica dentro dos distintos sectores económicos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado Pedro Ángel Rubín Iglesias, en representación da Sociedad Elaborados Metálicos Emesa, S.L., como presidente; Antonio Sánchez López, en representación da Sociedade Alfainstant, S.A., como vicepresidente; e Eusebi Cima Mollet, en representación da Asociación Acondicionamiento Tarrasense, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación cumpre cos requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 14 de xaneiro de 2013.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial e adscribila ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza