Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2013 Páx. 4593

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Pedro Ángel Rubín Iglesias, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 5 de xullo de 2011, ante o notario José Antonio Curvo Somoza, co número de protocolo 1.013, pola Sociedade Elaborados Metálicos Emesa, S.L., a Sociedade Alfainstant, S.A. e a Asociación Acondicionamiento Tarresense.

3. A Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, a promoción da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica dentro dos distintos sectores económicos.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza; o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Pedro Ángel Rubín Iglesias, como presidente, Antonio Sánchez López, como vicepresidente, e Eusebi Cima Mollet, como secretario.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 21 de xaneiro de 2013, clasificouse como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Economía e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercicio pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas o do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2013

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria