Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2013 Páx. 4574

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 26/2013, do 7 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de catro de abril de dous mil doce, acordou participar no Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro, segundo o disposto no artigo 196.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Do mesmo xeito, acordou nomear o seu representante para a comisión xestora, desenvolvéndose no sentido desta os traballos preparatorios necesarios para consensuar o texto dos estatutos.

A elaboración e aprobación dos estatutos realizouse segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do sete de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobación dos estatutos do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro.

Apróbanse os estatutos do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro, cuxo texto se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Constitución

1. O Consorcio Local para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro constitúese entre os concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, coa finalidade de prestar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración existentes no territorio dos concellos que o integran.

2. Cando, por razóns administrativas, técnicas ou económicas, sexa aconsellable, poderá autorizarse a incorporación de novos concellos co carácter de membros de pleno dereito, sempre que estes o soliciten, para o cal haberá que aterse ao procedemento e requisitos establecidos no capítulo VI dos presentes estatutos.

Artigo 2. Denominación e sede

O Consorcio local constituído denominarase Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro e terá a súa sede principal na EDAR de Guillarei, sita no Camiño da Veiga, s/n, Tui (Pontevedra).

Artigo 3. Personalidade e capacidade xurídica

O Consorcio, de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, goza de personalidade xurídica propia e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins específicos.

Artigo 4. Potestades administrativas

O Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro goza das atribucións inherentes a esta condición, que exerce no marco do establecido nestes estatutos e nas normas legais que lle son de aplicación. O Consorcio ten, en particular, as seguintes potestades administrativas:

a) A potestade regulamentaria e de autoorganización.

b) A potestade financeira e tributaria, excluíndose neste último suposto a facultade de establecer tributos que teñan o carácter de impostos. O Consorcio asumirá as facultades de xestión, liquidación, inspección e recadación das tarifas dos correspondentes servizos.

c) Contratar o persoal, as obras, os servizos e as subministracións que sexan necesarios.

d) Levar a cabo a actividade financeira, concretar operacións de crédito, o endebedamento e emitir obrigas con aval ou sen el.

e) Adquirir, posuír, dispor, arrendar e administrar todo tipo de bens mobles e inmobles, así como gravar, hipotecar ou adquirir outras garantías sobre os bens mobles e inmobles da súa propiedade.

f) Aceptar legados, herdanzas, doazóns, subvencións e axudas, tanto se proveñen de entidades ou persoas públicas como privadas.

g) Exercer as accións xudiciais e administrativas que sexan necesarias en defensa dos seus intereses e dereitos.

h) Participar legalmente noutras entidades públicas ou privadas, incluso en sociedades mercantís, sempre que a súa actividade se dirixa a finalidades análogas ás do Consorcio.

i) A potestade de programación ou planificación.

j) A presunción de lexitimidade e a executividade dos seus actos.

k) A potestade sancionadora.

Artigo 5. Vixencia do Consorcio

A duración do Consorcio é indefinida, dado o carácter permanente dos fins que motivan a súa constitución, sen prexuízo da súa eventual disolución, que se levará a cabo de acordo co establecido no capítulo VI dos presentes estatutos.

CAPÍTULO II
Fins e competencias do Consorcio

Artigo 6. Fins xerais.

O Consorcio ten como finalidade a prestación dos servizos públicos relacionados co uso da auga no ámbito territorial dos concellos que o compoñen.

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio poderá facer uso, así mesmo, das facultades recoñecidas na normativa vixente sobre réxime local, ou en disposicións de carácter sectorial como a Lei de augas de Galicia e, en xeral, de cantas facultades municipais requira a prestación do servizo.

Artigo 7. Desenvolvemento do cumprimento dos seus fins

1. A prestación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, e a xestión dos aboados correspondentes, será realizada polo Consorcio de forma inmediata en todos os concellos consorciados.

2. A xestión polo Consorcio do servizo sinalado levará implícita a percepción dos ingresos derivados deste e a asunción das potestades regulamentarias e de organización que leva a súa prestación.

Artigo 8. Competencias

Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio exercerá, en todo caso, as seguintes competencias específicas:

1. A explotación, mantemento e conservación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración dos concellos consorciados.

2. O estudo das necesidades relativas ao abastecemento, saneamento e depuración dos concellos consorciados, e a elaboración de cantos plans e proxectos se estimen oportunos para satisfacer as ditas necesidades.

3. O outorgamento dos permisos de vertedura nas redes de saneamento da súa competencia.

4. A solicitude das concesións e autorizacións necesarias para o abastecemento, saneamento, depuración e vertedura de augas residuais.

5. A execución de obras e instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración, así como a súa conservación e explotación.

6. A regulación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración no seu ámbito territorial.

7. O establecemento e fixación da contía das achegas de cada un dos integrantes do Consorcio ou, se é o caso, o réxime tarifario que se aplicará na forma que se determine.

8. O seguimento, control e inspección das verteduras de augas residuais tanto á rede primaria de saneamento como á rede de sumidoiros, así como a facultade sancionadora polas infraccións que se produzan, incluída a clausura, se é o caso, de verteduras abusivas, ou a declaración de nulidade do contrato de subministración de auga correspondente.

9. A prestación de servizos de asesoramento e asistencia, a realización, execución e explotación de instalacións, así como a redacción de informes ou actuacións de similar natureza, en materia de abastecemento, saneamento e depuración ou calquera outro servizo público, por petición de calquera entidade pública ou privada e nas condicións que sexan sinaladas polo Comité Directivo.

Artigo 9. Licenzas municipais

Tanto os actos do uso do solo e subsolo como a realización de edificacións e instalacións por parte do Consorcio no cumprimento dos seus obxectivos, terán a mesma natureza e condición que se fosen realizados polas propias corporacións locais, non estando suxeitos, en consecuencia, nin á obtención de licenza municipal nin ao pagamento de ningunha exacción.

As obras de abastecemento, saneamento e depuración que execute o Consorcio deberán contar coa aprobación do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar por parte do órgano competente daqueles concellos cuxos termos municipais resulten afectados polas citadas actuacións.

Artigo 10. Execución de obras polas entidades consorciadas

De acordo coas competencias locais nesta materia e, ao abeiro dos principios de colaboración e coordinación entre administracións, as entidades locais integradas no Consorcio poderán promover e executar, dentro dos seus termos municipais, obras para o abastecemento, saneamento e depuración, ou para a conservación e explotación destas, que deberán contar coa aprobación previa do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar por parte do órgano competente do Consorcio.

Artigo 11. Formas de xestión

Para a prestación dos servizos encomendados, o Consorcio poderá utilizar calquera das formas de xestión dos servizos públicos locais legalmente establecidas.

CAPÍTULO III
Réxime orgánico e funcional

Artigo 12. Órganos de goberno

A organización do Consorcio corresponderá aos seguintes órganos de goberno:

1. O Comité Directivo.

2. A Xerencia.

Artigo 13. Comité Directivo

1. É o órgano superior de goberno do Consorcio e estará integrado por cinco membros que ocuparán a Presidencia, a Vicepresidencia e tres vogalías, en representación, catro deles, dos concellos consorciados a razón de un por concello e un da Xunta de Galicia, e terán voz e voto nas sesións que se celebren.

Así mesmo, poderá asistir ás reunións que se celebren un representante da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con voz, pero sen voto.

2. Os representantes dos concellos consorciados serán nomeados por un período de catro (4) anos, o seu nomeamento pode ser derogado en calquera momento polo mesmo órgano que os designou.

3. A perda da condición de membro da corporación municipal implicará o cesamento na representación, salvo nos casos de renovación das corporacións, en cuxo suposto continuarán as súas funcións no Consorcio soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos novos representantes, sen que poidan adoptar acordos para os que legalmente se requira una maioría cualificada.

4. No suposto de que se produza a adhesión ao Consorcio doutros concellos, logo de seguimento dos trámites establecidos nestes estatutos e na normativa reguladora do Réxime local, modificarase a composición do Comité Directivo, cuxa representación se axustará á razón dun representante da Xunta de Galicia por cada dous concellos novos adheridos.

5. A vogalía do Comité Directivo que represente a Xunta de Galicia será designada polo Consello da Xunta, de entre os membros integrantes dos órganos de goberno e administración da Administración hidráulica de Galicia. Toda modificación desta designación deberá ser notificada nos vinte (20) días seguintes a aquel en que esta se efectúe.

Artigo 14. Constitución do Comité Directivo

1. Tras a renovación das corporacións locais, o Comité Directivo quedará constituído dentro dos 30 días seguintes á finalización do prazo establecido para celebración do pleno de organización previsto no artigo 38 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

2. Para os efectos anteriores, os concellos consorciados deberán remitir ao Consorcio, nos vinte (20) días seguintes ao de celebración da sesión á que se refire o punto anterior, certificado acreditativo da designación dos seus representantes no Consorcio.

Artigo 15. Presidencia

A Presidencia do Consorcio, que o será tamén do Comité Directivo, terá carácter rotatorio, por un período de dous anos, e será designada polo propio comité, de entre todos os seus membros, coa seguinte orde de prelación:

a) A vogalía do Comité Directivo que representa a Xunta de Galicia.

b) As vogalías do Comité Directivo que representan os concellos designados por orde decrecente de poboación.

Artigo 16. Vicepresidencia

A Vicepresidencia do Consorcio serao tamén do Comité Directivo. O Comité designará a persoa titular da vogalía que corresponda segundo a orde de prelación sinalada no artigo anterior, tras a elección da Presidencia.

Artigo 17. Xerencia

A Xerencia é o órgano ao cal corresponde realizar a xestión ordinaria, é dicir, a técnico-administrativa, dos asuntos de competencia do Consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia da persoa titular da Presidencia.

A persoa titular da Xerencia terá a condición de persoal directivo: funcionario ou laboral de alta dirección de acordo co establecido na normativa de función pública.

Artigo 18. Competencias do Comité Directivo

Correspóndenlle ao Comité Directivo as seguintes competencias:

1. Fixar directrices e criterios xerais así como os obxectivos e as prioridades de actuación do Consorcio e aprobar a súa planificación e programación.

2. Exercer o control superior da actuación do Consorcio e dos seus órganos, ordenando as medidas correctoras ou de mellora necesarias, e aprobar as contratacións e convenios de colaboración ou cooperación entre o Consorcio e calquera outra entidade, institución ou persoa, de acordo coa normativa vixente.

3. Aprobar anualmente o orzamento do Consorcio e as súas bases de execución, a conta xeral e a concertación das operacións de crédito.

4. Aprobar o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do Consorcio, fixar a contía das retribucións complementarias fixas e periódicas do persoal e determinar o número e réxime de persoal eventual.

5. Aprobar ordenanzas e regulamentos.

6. Aprobar os proxectos, anteproxectos ou documentos técnicos similares de obras e os pregos de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión.

7. Aprobar, se é o caso, a execución e os proxectos, anteproxectos ou documentos técnicos similares das obras para o abastecemento, saneamento e depuración que promovan as entidades locais integradas no Consorcio dentro dos seus termos municipais.

8. Aprobar os pregos de cláusulas administrativas particulares e os pregos de prescrición técnicas relativos á contratación de obras, servizos e subministracións para o Consorcio no que sexa da súa competencia.

9. Solicitar as autorizacións de vertedura e concesións necesarias para o abastecemento e saneamento.

10. Outorgar os permisos de vertedura nas redes de saneamento da súa competencia.

11. Aprobar a forma de xestión dos servizos que preste o Consorcio.

12. Establecer e fixar os prezos, tarifas e exaccións dos servizos xestionados.

13. Adquirir e allear bens e dereitos, así como a transacción sobre estes.

14. Efectuar o nomeamento e o cesamento da Xerencia do Consorcio.

15. Propoñer a modificación dos estatutos, así como a disolución do Consorcio.

16. Aprobar a incorporación de novas entidades ao Consorcio e a separación de membros do Consorcio, de conformidade cos trámites legalmente establecidos.

17. Acordar a xestión de servizos públicos de concellos non consorciados que así o soliciten nas condicións que sexan sinaladas polo Comité Directivo.

18. Delegar as súas competencias na Presidencia ou na Xerencia, e nos supostos permitidos pola normativa vixente.

19. Exercer calquera outra función non atribuída expresamente pola normativa vixente ou por estes estatutos a outros órganos do Consorcio.

Artigo 19. Competencias da Presidencia

A Presidencia exercerá as seguintes competencias:

1. Ter a representación do Consorcio en toda clase de negocios xurídicos ante calquera organismo público ou privado.

2. Convocar e presidir as sesións de todos os órganos colexiados, decidindo os empates con voto de calidade.

3. Dispor e ordenar pagamentos e gastos dentro dos límites que se establezan nas bases de execución do orzamento.

4. Resolver expedientes sancionadores e materias de competencia do Consorcio.

5. Poderá delegar o exercicio das súas competencias na Vicepresidencia ou na Xerencia, salvo a sinalada no número 2.

Artigo 20. Competencias da Vicepresidencia

A persoa titular da Vicepresidencia substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 21. Competencias da Xerencia

A Xerencia asumirá as seguintes funcións:

1. A dirección dos servizos do Consorcio exercendo a súa xefatura.

2. Proporlle ao Comité Directivo e á Presidencia cantas medidas considere convenientes para o funcionamento do Consorcio e o adecuado cumprimento dos seus fins.

3. Asumir as funcións que, nos supostos permitidos pola lei, poidan delegarlle os distintos órganos do Consorcio.

4. Preparar, recoller ou ordenar todos os asuntos e documentos que deban ser sometidos a estudo, coñecemento, despacho e aprobación dos órganos de Goberno.

5. Exercer a dirección do persoal ao seu cargo baixo a dependencia da Presidencia, así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servizos.

6. Asistir con voz, pero sen voto, ás sesións e reunións dos órganos de Goberno.

7. Elevar ao Comité Directivo, ao termo de cada exercicio, a memoria comprensiva do desenvolvemento da xestión do Consorcio.

8. Aqueloutras funcións que expresamente se lle encomenden.

Artigo 22. Lugar de celebración das sesións

As sesións do Comité Directivo, tanto ordinarias como extraordinarias, celebraranse na sede do Consorcio ou no lugar que a súa Presidencia designe. En todo caso, o cambio de sede na celebración das sesións deberá circunscribirse ao ámbito territorial dos concellos consorciados.

Artigo 23. Periodicidade das sesións

O Comité Directivo celebrará sesión ordinaria cada seis meses e extraordinaria cando así o decida a Presidencia ou o soliciten, polo menos, tres dos membros do propio Comité Directivo. Neste último suposto, a sesión deberá celebrarse no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ao que fose solicitada.

Artigo 24. Convocatorias

1. As sesións do Comité Directivo convocaranse, polo menos, con dous días hábiles de antelación á data sinalada para a súa celebración, salvo as extraordinarias que o sexan con carácter urxente. O carácter de urxencia da convocatoria deberá ser ratificado polo Comité Directivo como primeiro asunto da orde do día.

2. O anuncio da convocatoria deberá indicar a data da reunión, o lugar, a hora e todos os asuntos que vaian tratarse. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

3. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día que deba servir de base ao debate e, se é o caso, votación, deberá estar á disposición dos representantes das entidades consorciadas, desde o mesmo día da convocatoria, na Secretaría do Consorcio.

Artigo 25. Constitución

1. O Comité Directivo constitúese validamente coa asistencia da persoa titular da Presidencia, da Secretaría ou de que legalmente os substitúa e a metade, polo menos, dos seus membros con dereito a voto.

2. Non se poderá celebrar a sesión sen a presenza da persoa titular da Presidencia e da Secretaría ou de quen, se é o caso, legalmente os substitúa.

Artigo 26. Adopción de acordos

1. Os acordos dos órganos do Consorcio adoptaranse por maioría simple dos presentes. No suposto de producirse un empate, repetirase a votación, e, se este persistise, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

2. Será necesario o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros do Comité Directivo para a adopción de acordos nas materias seguintes:

a) Sinalamento e modificación das achegas dos concellos consorciados.

b) Integración de novas entidades no Consorcio.

c) Aprobación da liquidación derivada da separación de concellos consorciados, e as condicións desta.

d) Modificación dos estatutos e disolución do Consorcio.

e) Aprobación de acordos nos que se exixa esta maioría cualificada segundo a normativa vixente.

4. O réxime xurídico das actas das sesións será o fixado na normativa de réxime local e normas administrativas que resulten de aplicación.

5. Será necesario o voto favorable da vogalía nomeada en representación da Xunta de Galicia para o nomeamento e cesamento do xerente do Consorcio.

Artigo 27. Réxime funcional

O Consorcio, para o cumprimento dos seus fins, terá ao seu cargo as instalacións locais e supramunicipais correspondentes.

As instalacións municipais quedarán adscritas ao Consorcio no momento que este se faga cargo efectivamente da prestación dos respectivos servizos nos correspondentes termos municipais, conservando tales instalacións a súa cualificación xurídica orixinaria; o Consorcio non adquirirá a propiedade de tales instalacións e utilizaraas exclusivamente para o cumprimento dos seus fins. As instalacións locais novas que execute o Consorcio observarán o mesmo réxime de utilización, pero quedarán da propiedade do concello para o servizo do cal se executasen. En calquera caso, as instalacións executadas polo Consorcio que, dalgún xeito, beneficien máis dun concello, terán a consideración de supramunicipais.

As instalacións supramunicipais executadas e financiadas polo Consorcio cos seus recursos económicos quedarán da súa propia titularidade dominical. Aqueloutras instalacións supramunicipais nas cales non concorran as condicións expostas observarán o réxime dominical que resulte dos respectivos títulos xurídicos.

CAPÍTULO IV
Réxime económico e orzamentario

Artigo 28. Recursos económicos

O Consorcio será financiado na súa maioría, preferentemente, con recursos e medios propios, sen prexuízo de que, se excepcionalmente chegase a estar participado maioritariamente polo sector público da Comunidade Autónoma de Galicia o seu réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control, deberá adaptarse ao establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando a regulación que resulte aplicable ás demais entidades que participan no Consorcio, de conformidade co disposto na disposición adicional oitava da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Para o cumprimento do seus fins, o Consorcio dispoñerá dos seguintes recursos:

1. Os rendementos de calquera clase derivados da explotación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración, e calquera outro ingreso que legalmente poida obterse.

2. As rendas e produtos do seu patrimonio.

3. As subvencións, auxilios, legados e doazóns que recibise do Estado, da Comunidade Autónoma, ou de calquera outro ente público e privado.

4. As contribucións especiais reguladas na normativa vixente para financiar as obras, instalacións ou servizos realizados polo Consorcio.

5. O produto de multas e sancións no ámbito das competencias do Consorcio.

6. Os ingresos procedentes de operacións de crédito e outros análogos que acorden os órganos competentes.

7. As achegas da Xunta de Galicia, que serán fixadas anualmente.

8. As achegas dos concellos, que serán fixadas anualmente.

9. As achegas económicas obtidas como contraprestación das xestións ou servizos realizadas polo Consorcio en materia da súa competencia, encomendadas polo Estado, Comunidade Autónoma ou calquera outra entidade pública ou privada.

10. As participacións nos tributos concertados e non concertados que se establezan ao seu favor.

Artigo 29. Aboamento das achegas

As achegas económicas das entidades integradas no Consorcio realizaranse na forma e prazos que determine anualmente o Comité Directivo. Tales achegas terán para todos os efectos a consideración de pagamentos obrigatorios.

O Consorcio deberá obter o seu financiamento íntegro mediante recursos propios no prazo de cinco anos desde o inicio da prestación efectiva dos servizos. Durante o prazo sinalado e ata a consecución deste obxectivo, a Xunta de Galicia contribuirá mediante as achegas que sexan necesarias para cubrir o déficit das tarifas dos servizos que se fixen.

Artigo 30. Recuperación de custos pola prestación dos servizos

A xestión dos servizos que se lle encomenden será asumida polo Consorcio, o cal percibirá a totalidade dos ingresos derivados da facturación aos usuarios.

A xestión polo Consorcio dos servizos sinalados no punto anterior deste artigo levará implícita a percepción dos ingresos derivados destes e a asunción das potestades regulamentarias e de organización que leva consigo a súa prestación (aprobación de ordenanzas para a regulación da prestación dos servizos que asuma o Consorcio, a fixación de prezos e tarifas pola súa prestación e a recadación).

Artigo 31. Réxime de tarifas

1. O Consorcio establecerá e fixará o importe das tarifas dos servizos de abastecemento en rede primaria, abastecemento en rede secundaria, saneamento e depuración das augas residuais.

As tarifas polos servizos diferenciables citados deberán ser uniformes en todo o ámbito xeográfico dos concellos consorciados, podendo refundirse dúas ou máis tarifas nunha soa cando os servizos correspondentes se presten ou se definan como un único servizo integrado. Os recibos de pagamento pola prestación dos servizos deberán incluír e especificar a desagregación dos distintos conceptos que están a aboar os usuarios.

2. A estrutura e o nivel tarifario basearase nos principios de uniformidade territorial, igualdade, equidade e suficiencia.

3. As tarifas deberán cubrir os custos de explotación dos servizos e, se é o caso, os de renovación das instalacións correspondentes.

As tarifas a usuarios en rede secundaria incluirán a totalidade dos custos do servizo, é dicir, engadirán ás tarifas do servizo en rede primaria os custos específicos da rede secundaria.

4. O Comité Directivo poderá acordar no seu momento unha tarifa unificada polo servizo integrado de abastecemento e saneamento da auga.

Artigo 32. Garantías crediticias

Cando, ao efectuarse unha operación de crédito, se exixir como garantía complementaria o aval dos concellos integrados no Consorcio, estes deberán prestalo en proporción aos servizos prestados polo Consorcio a cada un dos concellos consorciados.

Artigo 33. Aprobación do orzamento

Tanto o orzamento como as súas bases de execución serán aprobadas anualmente polo Comité Directivo, nos prazos e cos requisitos que a lexislación de réxime local establece.

Artigo 34. Réxime contable

O Consorcio someterase ao Plan xeral de contabilidade pública.

CAPÍTULO V
Réxime do persoal

Artigo 35. Réxime xurídico

1. O Consorcio disporá do persoal necesario para o cumprimento dos seus fins. O número, categorías e funcións virán determinadas no cadro de persoal e na relación de postos de traballo.

2. As prazas do cadro de persoal e os postos de traballo serán creados, modificados, amortizados e definidos obxectivamente polo Comité Directivo, atendendo aos principios de eficacia, economía, calidade do servizo e racionalización dos recursos.

3. Os acordos que o Comité Directivo adopte respecto das condicións de traballo, dotación orzamentaria de persoal, catálogo e relación de postos requirirán para a súa efectividade a ratificación de todas as entidades consorciadas.

4. Na selección do persoal observaranse, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, e as normas legais que os desenvolven.

Artigo 36. Tipoloxía de persoal

a) O persoal do Consorcio, que pode ser propio ou adscrito, funcionario ou laboral.

b) O persoal adscrito estará formado polos funcionarios das administracións consorciadas que presten os seus servizos no Consorcio.

Artigo 37. Funcionarios con habilitación de carácter estatal

1. No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do Consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter estatal, que serán exercidas a través destes funcionarios, de acordo co sistema de provisión previsto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, respecto dos funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

2. Así mesmo, e ao abeiro do previsto no artigo 7.2 do Decreto 49/2009, o Consorcio local poderá ser eximido pola consellería competente en materia de réxime local, por proposta del, logo do informe da Deputación, da obriga de manter postos propios reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal cando o volume de servizos xestionados ou recursos dispoñibles, segundo o último orzamento aprobado, sexa insuficiente manifestamente para o mantemento dos postos, e poderá entón empregarse o sistema de acumulación previsto no artigo 44 do Decreto 49/2009.

CAPÍTULO VI
Modificación dos estatutos e disolución do Consorcio

Artigo 38. Modificación dos estatutos

1. Os estatutos do Consorcio deberán modificarse nos seguintes supostos:

a) Pola incorporación dunha nova entidade ao Consorcio, logo de solicitude da entidade interesada e autorización do Comité Directivo.

b) Pola separación dalgunha das entidades consorciadas.

No caso de que unha entidade decida unilateralmente separarse do Consorcio, deberá manifestalo cun ano de antelación e deberá cumprir os compromisos contraídos nese prazo.

A separación unilateral dunha das entidades consorciadas non implicará a desaparición das súas responsabilidades no relativo ás débedas contraídas ou ao déficit acumulado ata o momento da separación.

Artigo 39. Disolución do Consorcio

A disolución do Consorcio terá lugar:

1. Cando, por calquera circunstancia, non puidesen cumprirse os fins para os que se constituíu.

2. Por disposición legal.

3. Por transformación do Consorcio noutra entidade.

4. Por resolución simultánea da maioría das entidades consorciadas, por iniciativa propia ou por proposta do Comité Directivo.

No caso de que unha ou varias das entidades consorciadas resolvan a súa separación do Consorcio, este continuará vixente en relación coas demais entidades consorciadas, se as hai. En caso contrario, disolverase o Consorcio.

A disolución do Consorcio non implicará a desaparición das responsabilidades das entidades consorciadas no relativo ás débedas contraídas ou ao déficit acumulado ata o momento da disolución.

O Consorcio manterá a súa personalidade xurídica en tanto non sexa adoptado polo Comité Directivo o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, o cal se publicará no Diario Oficial de Galicia, xunto co de disolución.

Artigo 40. Procedemento para a disolución do Consorcio

1. O Comité Directivo nomeará unha comisión liquidadora composta pola Presidencia e dous vogais. Nela integraranse para cumprir funcións de asesoría xurídica e económica, o secretario e o interventor do Consorcio.

2. A comisión liquidadora, nun prazo non superior a catro meses, efectuará un inventario dos bens e dereitos do Consorcio, sinalará os seus recursos, cargas e débitos, e relacionará o seu persoal.

3. Á vista do inventario realizado, a comisión liquidadora propoñerá ao Comité Directivo a distribución e integración dos bens, dereitos e débitos entre as entidades consorciadas.

4. A proposta de liquidación requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal dos membros do Comité Directivo. Unha vez aprobada será vinculante para todas as entidades consorciadas.

En todo o non previsto neste artigo exixirase o procedemento de disolución recollido no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Disposición transitoria primeira

Ata o inicio da prestación efectiva dos servizos encomendados por parte do Consorcio a súa xestión continuará sendo prestada polos entes consorciados.

Disposición derradeira primeira

Os recursos e bens cedidos polas administracións fundadoras do Consorcio relacionaranse en inventarios.

Disposición derradeira segunda

A Xunta de Galicia cederá plenamente ao Consorcio a xestión correspondente ao «Contrato de xestión de servizo público para a explotación do sistema de saneamento do Louro e estación depuradora de augas residuais de Guillarei. Tui, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas (Pontevedra)» (clave OH.336.918/XSP).

Esta cesión realizarase unha vez que o Consorcio se encontre plenamente constituído.

Disposición derradeira terceira

No non previsto nestes estatutos, e para a interpretación das normas que conteñen, haberá que aterse ao disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como na restante lexislación de réxime local, en canto sexa de aplicación.