Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2013 Páx. 4844

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de febreiro de 2013 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no seu capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. Así mesmo, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

Por outro lado, o Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos, publicado no DOG do 26 de decembro, establece que, coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, se garante unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado que presenta necesidades educativas especiais e, así mesmo, o Decreto 229/2011, do 7 de decembro (DOG do 21 de decembro), regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular os criterios, requisitos e o procedemento para a concesión de axudas económicas aos centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, desde o día 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de agosto de 2013.

2. Exclúense desta convocatoria de axudas os centros concertados específicos de educación especial e os centros con aulas concertadas de educación especial.

3. Enténdese por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motórica, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e a conduta.

4. A presente axuda é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Solicitudes

1. As solicitudes cubriranse no modelo que se xunta como anexo I desta orde e irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa en que consten as necesidades específicas do centro para atender o alumnado de apoio educativo, xunto cunha certificación asinada polo responsable do centro educativo que acredite as circunstancias das persoas afectadas.

b) No caso de que o centro solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, achegará unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, presentará declaración de non telas solicitado.

c) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, de conformidade co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As declaracións, se é o caso, das alíneas b) e c) faranas segundo o modelo do anexo II.

2. A presentación da solicitude polas persoas ou entidades interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependente, e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

A documentación complementaria poderá presentarse de igual forma, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Para o caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante e carecen do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do citado Decreto 198/2010. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

Así mesmo, os interesados tamén poderán presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

5. Así mesmo, de conformidade co preceptuado na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os solicitantes consenten que a Administración faga pública nos rexistros regulados neste decreto os datos relevantes referidos ás axudas recibidas. A negativa expresa a esta autorización poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación ou á revogación do acto de outorgamento.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención ás necesidades do centro, para os seguintes fins:

– Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

– Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores.

– Compra de material específico ordinario non inventariable.

Artigo 4. Criterios de valoración e distribución

1. Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado no curso 2012/13 que reúna os requisitos establecidos no artigo 73 da Lei orgánica de educación, debidamente xustificados. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 8 puntos.

b) Alumnado cos mesmos requisitos da alínea a) deste artigo matriculado no curso 2011/12. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 4 puntos.

c) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe á cal se aplicará a seguinte puntuación:

%

Puntos

Menor ou igual a 0,1

0

Máis do 0,1 e ata o 0,3

4

Máis do 0,3 e ata o 0,5

8

Máis do 0,5 e ata o 1

12

Máis do 1

16

d) Grao de discapacidade do alumnado:

%

Puntos por alumna/o

Ata o 33

8

Máis do 33 e ata o 66

12

Máis do 66

16

2. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

3. A distribución das axudas farase por niveis educativos agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e ESO.

b) Formación profesional e programas de cualificación profesional inicial.

4. A asignación que recibirá cada centro será como máximo de 6.666,00 euros.

Artigo 5. Comisión de valoración

Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou da persoa en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polos seguintes membros:

– O/A funcionario/a que ocupe a Subdirección Xeral de Centros.

– O/A funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

– O/A funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Xestión de Programas Educativos.

– Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Os membros desta comisión deberán absterse de intervir cando concorran neles as circunstancias de abstención previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez rematada a valoración das solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, que incluirá a cantidade asignada a cada centro e os que son excluídos, contra a cal se poderán formular alegacións e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Esta resolución provisional tamén se comunicará aos solicitantes a través do correo electrónico.

2. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a proposta de resolución provisional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación motivada das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

3. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde o remate do prazo de solicitudes.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo primeiro deste punto sen que se publique a resolución definitiva, os solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 7. Orzamento

As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.60.422A.482.3, por unha contía total máxima de 191.689,00 €.

Para o nivel de formación profesional, incluídos os programas de cualificación profesional inicial, tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.60.422M.482.3, por unha contía total máxima de 8.311,00 €.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e, polo seu carácter de urxente e inaprazable necesidade, ao disposto no artigo 7.2 do Decreto 263/2012, do 27 de decembro, polo que se regulan as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 8. Xustificación e pagamento das axudas

1. Os beneficiarios das axudas presentarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados:

a) Facturas expedidas a nome do centro, nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas, así como xustificante de que o pagamento do seu importe foi efectuado. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente e, no caso de que se trate de fotocopias, deberán estar compulsadas por un/unha funcionario/a. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

b) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se é concedida a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto, segundo o modelo do anexo II.

2. A xustificación achegarase, coa data límite do 31 de agosto de 2013, á Subdirección Xeral de Centros da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

3. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Artigo 9. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde o momento da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 10. Perda total ou parcial do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá de forma total ou parcial o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e máis os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Delegación de competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file