Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2013 Páx. 5080

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convoca o programa Reencontros na Terra para residentes no exterior para o exercicio 2013.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma a que lle corresponde, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Reencontros na Terra, que permite a emigrantes galegos maiores de 65 anos, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no/na secretario/a xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas en especie correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2013, que ten por finalidade o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia, e cos seus familiares fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2. Prazas convocadas e datas de realización

2.1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2013 do seguinte modo:

Países

Nº de prazas

Arxentina

81

Brasil

9

Cuba

7

Uruguai

34

Venezuela

2

Outros países

2

Total

135

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 135 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

2.2. Datas de realización.

Os/as beneficiarios/as deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Artigo 3. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para estes programas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Financiamento

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan nesta convocatoria serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

O importe máximo previsto nesta convocatoria poderá incrementarse nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 5. Desenvolvemento

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 6. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

Anexo I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade das axudas

Este programa ten por obxecto promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter sesenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.7. Ter ingresos inferiores a 1,3 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o ano da convocatoria, segundo países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarios/as as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Artigo 3. Características do programa

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas en especie deste programa axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007 e demais normativa que lle sexa de aplicación.

2. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia, así como das actividades socioculturais que se realizarán durante a estadía na residencia de tempo libre ou outro establecemento residencial de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Familia e Inclusión colaborará neste programa poñendo á disposición dos/das beneficiarios/as e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención, durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

4. Serán por conta dos participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan cos seus familiares, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

5. A prestación da asistencia sanitaria dos/das beneficiarios/as será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. O número de prazas convocadas establecerase na correspondente convocatoria anual deste programa.

2. Igualmente, a convocatoria anual determinará as datas de realización do programa.

Artigo 5. Criterios de selección

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se indican a continuación:

1. En primeiro lugar, seleccionaranse os participantes que sexan beneficiarios/as das prestacións económicas por ancianidade. Dentro deste grupo, a orde de preferencia será a maior idade do solicitante.

2. No caso de que quedasen prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta os solicitantes que non son beneficiarios das prestacións económicas por ancianidade. Neste caso, a orde de preferencia será a dada pola maior idade do solicitante.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos e nome dos candidatos, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta os solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

4. A selección dun solicitante levará consigo a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta figure incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 1 das bases reguladoras.

5. Seguindo os puntos 1, 2 e 3 anteriores ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de seleccionados e reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país, segundo o estipulado na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 6. Solicitudes, documentación e lugar de presentación

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

Os solicitantes que posúan a nacionalidade española e estean en posesión do DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do DNI. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/da solicitante ou certificación consular do/da solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no rexistro de matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o/a solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo III á correspondente resolución anual de convocatoria no cal se faga constar que o solicitante se vale por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

j) Documento en que conste se é beneficiario/a das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non o presentar, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 1 do artigo 5 das bases reguladoras.

k) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións publicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que publica no anexo II desta resolución.

l) Declaración responsable segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o/a solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

2. O/a cónxuxe ou persoa unida ao/á solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

As persoas que estean en posesión do DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do DNI. Para o resto, pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo do anexo III desta resolución no cal se faga constar que se vale por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que publica no anexo II desta resolución.

f) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o cónxuxe está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

3. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

4. Para a presentación destas solicitudes os/as interesados/as tamén poderán utilizar o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os/as interesados/as que non posúan certificado dixital e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrucións de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Gallegas en La Habana.

• En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de dous días contados a partir do fin do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 7. Unidade económica familiar

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 8. Procedemento de concesión e instrución

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases da convocatoria, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando, se é o caso, as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse no prazo máximo de 90 días desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http:www. emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.emigracion.xunta.es, para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de admitidos e excluídos que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http:www. emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación, presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e desenvolven as súas actividades os solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes presentadas tendo en conta o previsto nos artigos 2 e 6 e segundo os criterios establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

5. Os expedientes que non fosen avaliados polas comisións mencionadas no artigo 8.4 serán avaliados pola comisión de avaliación indicada no artigo 8.3, tendo en conta o previsto nos artigos 2 e 6 e segundo os criterios establecidos no artigo 5, das bases reguladoras.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o estimase, poderá encargar informes socioambientais, que realizarán profesionais titulados que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos nestas bases para os distintos programas. Posteriormente, o órgano instrutor a que se refire o punto 3 deste artigo elaborará as propostas de concesión que elevará o órgano instrutor ao/á secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de beneficiarios/as, o/a secretario/a xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicará na páxina web www.emigración.xunta.es a relación de beneficiarios/as e reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Obrigas dos/das beneficiarios/as

1. Para poder ser beneficiario/a destas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base quinta das bases reguladoras deste programa. Este modelo de solicitude poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.emigracion.xunta.es).

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para ese efecto, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; porén, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente, faise constar que o solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración no ámbito das súas competencias, a ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

6. Os/as beneficiarios/as quedan obrigados a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, e a secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

7. O/a solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

8. Agás nos casos indicados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 10. Compatibilidades e seguimento da resolución de concesión

1. As axudas reguladas nestas bases son compatibles con calquera outra axuda que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o/a beneficiario/a.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os/as beneficiarios/as destas axudas prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a axuda dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda e dará lugar ao reintegro na porcentaxe correspondente.

Ao tratase de axudas en especie, considerarase como cantidade recibida que haberá que reintegrar o importe equivalente á totalidade ou á parte do prezo de adquisición do servizo, segundo corresponda o reintegro parcial ou total.

missing image file
missing image file
missing image file