Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2013 Páx. 5070

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración de listas de formadores colaboradores para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para a inscrición de candidatos.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade e as relacións coas comunidades galegas no exterior.

Para cumprir con estas competencias, a Secretaría Xeral da Emigración planifica e desenvolve unha completa programación asistencial, formativa, laboral, educativa e cultural en favor destas comunidades.

Dentro das accións de carácter formativo e cultural inclúense seminarios de artesanía, folclore tradicional e cociña galega, que contribúen a dinamizar a vida das entidades galegas no exterior, a potenciar o coñecemento das nosas tradicións e a afondar na formación dos emigrantes galegos, en especial da mocidade.

Para o desenvolvemento destas accións formativas, a Secretaría Xeral da Emigración está seleccionando os profesionais adecuados, con experiencia nas distintas especialidades e con criterios de calidade, transparencia e publicidade, mediante a elaboración de listas de formadores colaboradores.

Así, por Resolución desta secretaría xeral do 13 de maio de 2008, estableceuse unha convocatoria de listas de formadores colaboradores que foron as utilizadas ata o de agora para os chamamentos necesarios para impartir os distintos seminarios promovidos por esta secretaría xeral, ben que, de conformidade co previsto nesa resolución, se actualizaban dúas veces ao ano, mediante a presentación de novos méritos ou a inscrición de novos candidatos.

Non obstante o anterior, nestes momentos considérase oportuno revisar o procedemento de elaboración das devanditas listas establecido na Resolución do 13 de maio de 2008 e ditar unha nova resolución que substitúa aquela, ben que os candidatos inscritos nas vixentes listas serán inscritos de oficio nas novas listas resultantes, sen necesidade de presentar unha nova solicitude de inscrición.

De conformidade co exposto, e con base nas atribucións que legalmente ten conferidas, esta secretaría xeral

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para a elaboración de listas de formadores colaboradores para impartiren seminarios en entidades galegas asentadas fóra de Galicia, convocados pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese a abrir o prazo para a inscrición de candidatos nas distintas actividades formativas.

Artigo 2. Actividades formativas

1. Os/as candidatos/as interesados/as poderán inscribirase, segundo a súa especialización e os seus coñecementos, nunha ou varias actividades das relacionadas a continuación:

a) Artesanía e folclore tradicional galego: baile, gaita, percusión, pandeireta, canto, outros instrumentos novos do folclore galego (frauta, requintas ...), confección de traxes tradicionais, encaixe ...

b) Cociña galega.

2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá modificar, en calquera momento, a clasificación de actividades formativas, de acordo coa planificación dos programas formativos que aprobe, co diagnóstico das necesidades formativas ou coas demandas reais de formación específica dos seus destinatarios.

Artigo 3. Áreas xeográficas.

Os/as candidatos/as interesados/as poderán inscribirse nunha ou varias áreas xeográficas.

As áreas e países onde se realizarán os cursos, en función das convocatorias da Secretaría Xeral da Emigración, serán os seguintes:

– España.

– Europa: Alemaña, Bélxica, Francia, Países Baixos, Portugal, Principado de Andorra, Reino Unido e Suíza.

– América: Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Costa Rica, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.

Artigo 4. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Requisitos dos candidatos

Poderán solicitar a súa inscrición como formadores colaboradores as persoas que posúan unha titulación e/ou experiencia profesional, competencia pedagóxica na/s área/s formativa/s e que reúnan os seguintes requisitos:

1. Para os/as candidatos/as que se inscriban nas actividades de folclore e artesanía:

– Estar en posesión da titulación oficial ou acreditar coñecementos suficientes que garantan de maneira fidedigna un alto grao de cualificación nas materias das cales aspiran a ser formadores.

– Experiencia profesional: posuír experiencia profesional nas materias que se van impartir, tales como dirixir ou ser membro de grupos de baile, bandas de música, talleres ou empresas de artesanía.

– Experiencia docente acreditada en organismos públicos ou privados.

2. Para os/as candidatos/as que se inscriban nas actividades de cociña:

– Estar en posesión de titulación oficial en hostalaría ou acreditar coñecementos suficientes que demostren de maneira fidedigna un alto grao de cualificación nas materias das cales aspiran a ser formadores.

– Experiencia profesional: posuír experiencia na hostalaría que probe o coñecemento da gastronomía galega.

– Experiencia docente acreditada en organismos públicos ou privados.

Artigo 6. Lugar de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

2. Para a presentación destas solicitudes os/as interesados/as tamén poderán utilizar o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo normalizado de solicitude poderá obterse nas páxinas web https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

3. Xunto coa solicitude, presentarase un currículum vitae e copia compulsada da seguinte documentación:

– Titulacións oficiais relacionadas coas especialidades en que solicitan a inscrición.

– Experiencia profesional.

– Experiencia docente.

– Formación complementaria.

– Calquera outro mérito que o solicitante desexe facer constar.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá completar os méritos alegados coas probas e informes que coide oportunos.

4. A presentación da solicitude de inscrición implicará a aceptación íntegra do establecido nesta resolución.

5. A Secretaría Xeral da Emigración, mediante resolución motivada e logo de audiencia ao interesado, poderá rexeitar aqueles solicitantes que non acrediten méritos suficientes en relación coa especialidade solicitada.

6. Os profesores colaboradores que figuren nas listas publicadas tras a actualización, no ano 2012, das listas elaboradas en virtude da convocatoria establecida na Resolución do 13 de maio de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establece unha convocatoria de listas de formadores colaboradores para impartiren seminarios fóra de Galicia, serán inscritos de oficio nas listas resultantes desta resolución, polo que non será necesario que presenten nova solicitude de inscrición. Non obstante, poderán presentar os novos méritos non tidos en conta nas anteriores listas para os efectos da súa valoración. No caso de non presentaren novos méritos, manterán a puntuación daquelas listas.

Artigo 7. Comisión avaliadora

A valoración dos méritos alegados polos solicitantes será realizada por unha comisión avaliadora integrada por tres funcionarios designados polo secretario xeral da Emigración.

Artigo 8. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para a elaboración das listas de formadores colaboradores serán os que se sinalan a continuación.

1. Experiencia como docente en organismos oficiais (escolas, concellos etc.):

– Máis de 5.000 horas: 14 puntos.

– De 3.001 horas a 5.000 horas: 13 puntos.

– De 2.001 horas a 3.000 horas: 12 puntos.

– De 1.501 horas a 2.000 horas: 11 puntos.

– De 1.201 horas a 1.500 horas: 10 puntos.

– De 1.001 horas a 1.200 horas: 9 puntos.

– De 801 horas a 1.000 horas: 8 puntos.

– De 451 horas a 800 horas: 7 puntos.

– De 150 horas a 450 horas: 6 puntos.

– Ata 149 horas: 0 puntos.

2. Titulación académica específica da especialidade a que concorre:

– Grao superior: 6 puntos.

– Grao medio: 4 puntos.

– Grao inicial: 2 puntos.

3. Experiencia profesional pola pertenza ou dirección dun grupo folclórico, taller artesanal ou de cociña:

– 15 ou máis anos: 9 puntos.

– De 13 a 14 anos: 8 puntos.

– De 11 a 12 anos: 6 puntos.

– De 6 a 10 anos: 4 puntos.

– De 1 a 5 anos: 3 puntos.

– Menos de 1 ano: 0 puntos.

Para valorar os méritos acreditados nas epígrafes de experiencia docente e experiencia profesional só se valorarán os correspondentes aos últimos quince (15) anos da data de presentación da solicitude de inscrición ou de actualización de méritos.

No caso de empate entre dous ou máis candidatos, daráselle prioridade a quen obteña unha maior puntuación segundo a orde de baremación establecida nesta resolución. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que ten lugar anualmente, en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Só poderán impartir seminarios os formadores que estean na listaxe da especialidade correspondente e alcancen nela unha puntuación mínima de 6 puntos.

Artigo 9. Procedemento de elaboración das listas

Unha vez valorados pola comisión avaliadora os méritos presentados polos/as candidatos/as, procederase á publicación, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, http://emigracion.xunta.es, das listas coa puntuación provisional e, de ser o caso, coas causas de exclusión.

Os/as interesados/as disporán dun prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación das listas provisionais, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

As reclamacións serán analizadas e, unha vez resoltas, elaborarase a lista definitiva que se elevará á Secretaría Xeral para que se dite a correspondente resolución. Esta resolución será publicada de igual modo que a listaxe provisional.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Secretaría Xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Réxime de chamamento para impartir os seminarios

1. Á vista da relación de candidatos/a, e tendo en conta as solicitudes presentadas, a Secretaría Xeral da Emigración designará os formadores colaboradores atendendo aos seguintes criterios:

– Se é o caso, solicitude motivada da entidade na cal propoña un profesor para impartir o seminario. A dita proposta será valorada polos técnicos da Secretaría Xeral da Emigración.

– Posibilidade de organización de circuítos entre as entidades que vaian realizar os cursos.

– Puntuación de méritos acadada segundo o establecido no artigo 7 destas bases.

– Grao de cumprimento das condicións de organización e informes emitidos polas entidades galegas, en cursos impartidos en anteriores edicións destes programas.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá programar circuítos de seminarios en áreas ou localidades próximas, de forma que un profesor imparta dous ou máis cursos, se for necesario.

2. Forma de chamamento:

– O chamamento efectuarase mediante correo electrónico de acordo coas exixencias da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (artigo 27.3) e atendendo ao parágrafo anterior.

– Os formadores colaboradores seleccionados terán un prazo para atender o chamamento de tres días hábiles contados desde o seguinte ao da comunicación.

Artigo 11. Efectos da inscrición nas listas

1. Os/as candidatos/as inscritos/as poderán ser seleccionados como formadores colaboradores para a execución das actividades formativas da Secretaría Xeral da Emigración.

2. A inscrición non outorga dereito ao nomeamento como formador.

3. Os formadores colaboradores serán designados polo secretario xeral da Emigración para impartiren os correspondentes seminarios, de acordo co establecido no artigo 304 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e serán remunerados de acordo coas instrucións de retribución que estableza a Secretaría Xeral da Emigración.

4. Os formadores que despois de estar nomeados renuncien a impartir algún seminario sen causa xustificada pasarán na próxima convocatoria de actualización ao final da lista.

Artigo 12. Actualización das listas

As listas de formadores colaboradores serán actualizadas unha vez ao ano, mediante a presentación de novos méritos das persoas inscritas e de novas solicitudes de inscrición.

Para iso, no primeiro semestre de cada ano a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a correspondente convocatoria.

O estado da lista poderá ser consultado na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración http://emigracion.xunta.es

Artigo 13. Baixa nas listas

Os formadores colaboradores causarán baixa na correspondente lista por algunha das seguintes causas:

– Por renuncia expresa.

– Por resolución da Secretaría Xeral da Emigración á vista de dous ou máis informes negativos emitidos polas entidades galegas en que se desenvolvan as accións formativas e logo de audiencia do interesado.

– Por resolución da Secretaría Xeral da Emigración á vista da falsidade dos datos achegados para a súa inscrición e logo de audiencia do interesado.

Artigo 14. Avaliación dos formadores colaboradores

Os formadores colaboradores estarán sometidos a un proceso de avaliación continua pola Secretaría Xeral da Emigración, para o cal se terán en conta os informes emitidos polas entidades galegas en que imparten os cursos e polos alumnos asistentes ás actividades formativas.

Artigo 15. Vixencia

A partir da publicación desta resolución, quedarán sen efecto as listas elaboradas en virtude da Resolución do 13 de maio de 2008, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establece unha convocatoria de listas de formadores colaboradores para impartiren seminarios fóra de Galicia, promovidas por esta secretaría xeral, así como as súas posteriores actualizacións.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

FOTO

ANEXO
Solicitude para a inscrición nas listas de formadores
colaboradores para actividades formativas
da Secretaría Xeral da Emigración

Datos do/a candidato/a

1º apelido

2º apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Lugar de nacemento

Nacionalidade

Enderezo

Código postal

Localidade

Provincia

Teléfono casa/traballo

Móbil

Correo electrónico

1. Actividades formativas en que dexexa colaborar:

□ Artesanía e folclore tradicional galego:

□ Baile galego

□ Gaita

□ Percusión

□ Pandeireta

□ Canto

□ Confección de traxes tradicionais

□ Encaixe de bolillos

□ Outros instrumentos e actividades artesanais

□ Cociña galega

2. Documentación que se achega (orixinal ou copia compulsada):

□ Currículum vitae

□ Titulacións oficiais relacionadas coas especialidades nas cales solicitan inscribirse

□ Certificados de cursos ou xornadas que acrediten a súa capacitación profesional

□ Certificado de colaboración como docente con entidades públicas ou privadas

□ Experiencia profesional

□ Experiencia docente

□ Outros méritos

3. Áreas xeográficas en que dexexa inscribirse:

□ España

□ Europa

□ América

4. Dispoñibilidade para impartir os cursos:

Datas dispoñibles (meses ou quincenas):

Sinatura do/a candidato/a

Lugar e data

Secretaría Xeral da Emigración