Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Venres, 1 de marzo de 2013 Páx. 6072

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2013 pola que se convocan as Xornadas sobre a problemática actual do urbanismo en Galicia. A disciplina urbanística.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2013 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócanse, en colaboración co Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra (Cosital Pontevedra) e coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), as Xornadas sobre a problemática actual do urbanismo en Galicia. A disciplina urbanística, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A finalidade destas xornadas é, principalmente, afondar naqueles aspectos prácticos e controvertidos que suscita a aplicación da normativa urbanística vixente no eido da disciplina urbanística, aplicación que implica unha extraordinaria transcendencia social, económica e ambiental, especialmente na nosa Comunidade Autónoma.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A licenza urbanística.

– A inspección urbanística.

– A normativa aplicable e os principios inspiradores da acción administrativa en materia de disciplina.

– A reposición da legalidade.

– As normas de aplicación directa; en especial, o artigo 104 da LOUGA.

– A execución das sentenzas en materia de reposición da legalidade urbanística.

– Os expedientes sancionadores.

– A disciplina urbanística e o Rexistro da Propiedade.

– A acción pública.

– As competencias en disciplina urbanística da Comunidade Autónoma.

– A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

3. Destinatarios.

Funcionarios das diferentes administracións públicas que asuman funcións no eido da disciplina urbanística; preferentemente, funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal; empregados públicos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e funcionarios das subescalas técnica e de xestión de Administración xeral dos concellos; xuíces, fiscais, avogados e docentes ou investigadores universitarios nesta materia; funcionarios con competencias técnicas neste campo: arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros; interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, r/ Fernández Ladreda, 43, Pontevedra.

Datas: 14 e 15 de marzo de 2013.

Horario: 14 de marzo: tarde; 15 de marzo: mañá e tarde.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas á directora da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.es

Os solicitantes deberán ingresar, como cota de inscrición, vinte euros (20 €) na conta bancaria do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra núm. 0182.6246.36.0201500211 e deberán achegar o xustificante de pagamento xunto coa instancia. As solicitudes que non xunten este xustificante de pagamento serán excluídas.

Estarán exentos de pagamento, non obstante, os solicitantes colexiados do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra e os empregados públicos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 72 51.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 12 de marzo de 2013.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Entregarase un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file