Por Orde do 17 de febreiro de 2012 (DOG nº 39, do 24 de febreiro) aprobáronse as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e convocáronse para o ano 2012.
Con data do 4 de febreiro de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 24 unha modificación das bases reguladoras das ditas axudas e convocáronse para o ano 2013.
Nas bases reguladoras publicadas no 24 de febreiro de 2012 prevíase a exoneración da presentación de garantías polos beneficiarios, para os efectos da concesión de pagamentos á conta, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia.
Con base no exposto, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 21 de febreiro de 2013, aprobou o acordo polo que se autoriza a Consellería do Medio Rural e do Mar para a exención da achega de garantías aos beneficiarios de pagamentos parciais nas subvencións a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, convocadas por Orde do 30 de xaneiro de 2013, polo que
RESOLVO:
Facer público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do día 21 de febreiro de 2013, que a seguir se transcribe:
«Autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a exención da achega de garantías aos beneficiarios de pagamentos parciais nas subvencións a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, convocadas pola Orde do 30 de xaneiro de 2013».
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2013
Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar

