Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2013 Páx. 6258

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2013, dos reitores das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, pola que se acorda a publicación do convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para a creación do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati).

O 7 de febreiro de 2013, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo asinaron un convenio de colaboración para a creación do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati).

Con esta mesma data asinouse a escritura de creación do Consorcio ante Inmaculada Espiñeira Soto, notaria do Ilustre Colexio de Galicia.

Para os efectos da necesaria publicidade e ao abeiro do artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede a súa difusión pública e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o anterior procede publicar o convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para a creación do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2013

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para a constitución do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati)

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2012.

Reunidos:

Dunha parte, Xosé Luís Armesto Barbeito, reitor da Universidade da Coruña, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Doutra parte, Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Doutra parte, Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Declaran:

Que as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, en exercicio da súa autonomía e de acordo co establecido no artigo 39.3 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, asumen como un dos seus obxectivos esenciais o desenvolvemento da investigación científica, técnica e artística, atendendo tanto á investigación básica como aplicada, e asumen como obxectivo estratéxico potenciar a transferencia ao sector produtivo dos resultados da investigación que se xeran nas universidades.

Que as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, en exercicio da súa autonomía e de acordo co establecido na Lei orgánica 4/2007, que modifica a LOU (Lei orgánica 6/2001, de universidades), asumen como un dos seus obxectivos esenciais a transferencia, que xunto ás funcións de docencia e investigación, constitúe a terceira misión da universidade, que se cualifica de función e servizo social.

Que as tres universidades galegas, xunto coa Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (en diante Fundación Cesga) participaron no proxecto Condolider «Ingenio Mathematica (i-MATH)» (CSD 2006-0032), aprobado pola Resolución do 15 de setembro de 2006 da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación e Ciencia dentro do programa Consolider (programa enmarcado no Plan nacional de I+D+i e integrado no Ingenio 2010), coordinando a súa actividade a través do Nodo Cesga, xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela e con sede administrativa na Fundación Cesga.

Que o Nodo Cesga foi o responsable da coordinación das actividades de transferencia no marco do proxecto i-MATH, coa misión de tomar iniciativas para a transferencia do coñecemento matemático ao sector produtivo, promover o uso de métodos e técnicas matemáticas na industria, nas empresas en xeral, e a investigación sobre temas de interese para o desenvolvemento tecnolóxico. Ata o momento, o Nodo Cesga coordinou nove grupos de investigación das tres universidades galegas (aos cales pertencen os investigadores principais promotores do Consorcio) no ámbito da Matemática Aplicada, a Estatística e a Investigación Operativa aplicadas á industria, á empresa e ao ambiente. Os nove grupos inclúen preto de 200 investigadores, dos cales case a metade son doutores. Nos últimos seis anos recibiron recursos para investigación das administracións públicas por unha contía de máis de seis millóns e medio de euros. Ademais, durante o mesmo período, o financiamento obtido por contratos directos con empresas foi de case tres millóns de euros.

Que o proxecto i-MATH ten concentrado gran parte da súa actividade na transferencia da investigación realizada nas universidades españolas, e ao lanzamento de iniciativas innovadoras que contribuíron a mellorar as canles de comunicación entre as universidades e a industria. Na práctica, entre os anos 2006 e 2011, realizáronse preto dun centenar de iniciativas nesta área, das cales máis do 70 % foron dirixidas por investigadores galegos integrados no Nodo Cesga. Ademais, de acordo co Catálogo de Servicios Ofertados por Investigadores Españoles (Edit. McGraw, 2012), preto da metade da experiencia en contratos e proxectos con empresas corresponde aos grupos do Nodo Cesga.

Que para consolidar a posición relevante no eido nacional e internacional da matemática industrial galega, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo manifestan a súa vontade de colaborar na constitución e creación dun consorcio, ao abeiro do artigo 6.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A denominación do Consorcio é Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), que nace coa vocación de converterse nun centro tecnolóxico de referencia a nivel internacional no ámbito da matemática industrial.

Este consorcio supón un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades para promover a transferencia da tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión consistirá en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no contorno industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación, e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria.

O Itmati está promovido por once investigadores principais pertencentes a nove grupos de investigación en matemática aplicada, estatística e investigación operativa, das tres universidades galegas, integrados no Nodo Cesga (ver estatutos, anexo I).

O equipo de promotores conta con ampla experiencia e recoñecido prestixio no desenvolvemento de solucións para o mundo da empresa, ben de forma autónoma, ou en colaboración coas propias empresas, ou con equipos doutras áreas de coñecemento.

Os fins do Itmati serán:

– O acercamento e a coordinación das investigacións básica e aplicada, operando como centro de transferencia de tecnoloxía cara á industria a nivel autonómico, estatal e internacional.

– A actuación como facilitador e impulsor para a introdución e aplicación de técnicas e métodos matemáticos no sector produtivo galego, español e internacional.

– A xeración de coñecemento tecnolóxico e a contribución da súa aplicación para o desenvolvemento e fortalecemento da capacidade competitiva das empresas no ámbito da tecnoloxía e a innovación.

– A produción, promoción e divulgación do coñecemento, especialmente no campo da matemática aplicada, a estatística e a investigación operativa, así como a formación de persoal técnico e científico experto nas tecnoloxías e métodos relacionados.

– O fomento de colaboracións académicas e científicas con universidades e grandes centros de investigación e transferencia españois e estranxeiros, tanto no campo das matemáticas como noutras disciplinas, promovendo a interdisciplinariedade.

– A contribución ao fortalecemento da relación entre os organismos xeradores de coñecemento e as empresas e proporcionar servizos de apoio á innovación empresarial.

Que é interese das institucións asinantes deste convenio xuntar esforzos e actividades para unha sólida consolidación na creación e desenvolvemento do Consorcio do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati). Polo tanto, considerando o interese compartido, as partes subscriben o presente convenio de colaboración con suxeición as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá o Consorcio entre a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVigo) para a creación e desenvolvemento do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati).

Segunda. Compromisos

As partes asinantes comprométense a:

a) Participar activamente nas actividades desenvolvidas polo Itmati e divulgar a súa actividade.

b) Colaborar no desenvolvemento da constitución e funcionamento normalizado do Itmati.

c) Realizar actuacións de forma coordinada en materias de interese común vinculadas cos intereses do Consorcio.

d) Realizar as achegas acordadas necesarias para o funcionamento do Consorcio, a que se refire a cláusula cuarta.

e) Colaborar co Consorcio cos medios persoais, materiais, equipamentos, aplicacións informáticas, consulta de material científico e bibliográfico, de uso de inmobles, ou de cesión de instalacións que garantan unha mellor consecución dos fins do mesmo.

f) Dar consentimento ao Itmati para o uso e difusión do logotipo das entidades fundadoras en actividades e actos de divulgación relacionados cos fins do Consorcio.

Terceira. Ámbito de colaboración

As partes comprométense a colaborar no eido científico tecnolóxico, na procura da prestación de servizos tecnolóxicos as empresas e administracións públicas que xeren un valor engadido no tecido industrial, a través da transferencia de tecnoloxías matemáticas que incrementen a súa competitividade e produzan innovacións que melloren e consoliden a súa posición no mercado global.

Cuarta. Condicións económicas

O Consorcio Itmati debe tender a autofinanciarse. As entidades consorciadas achegarán, en partes iguais, os importes necesarios para o funcionamento do Itmati durante na súa fase inicial.

Quinta. Consorcio

Co obxecto de xestionar este convenio e a colaboración que deriva del, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo constitúen un consorcio que terá plena personalidade xurídica, cos órganos que se reflicten nos seus estatutos, que se recollen no anexo deste convenio.

Sexta. Comisión de seguimento

Para a realización do seguimento da execución do presente convenio nomearase unha comisión de seguimento. Esta comisión estará constituída polos tres reitores das universidades, ou polas persoas nas que deleguen.

Sétima. Adhesión ao convenio

O presente convenio queda aberto á adhesión doutras institucións públicas ou privadas.

A adhesión a este realizarase nas condicións que acorden as entidades membros do Consorcio, e sempre implicará a asunción dos compromisos establecidos nos seus estatutos e nos acordos dos órganos de goberno do mesmo.

Oitava. Xurisdición

As partes asinantes comprométense a resolver amigablemente calquera desacordo que poida xurdir no desenvolvemento do presente convenio. De ser o caso, as partes someterán as diverxencias que poidan presentarse, para a interpretación ou cumprimento do presente convenio, á xurisdición contencioso-administrativa, dada a natureza pública das institucións asinantes.

Novena. Modificacións

De producirse unha modificación substancial nos estatutos do Itmati ou nas cláusulas deste convenio procederase a incorporar a correspondente addenda que deberá contar co visto e prace dos órganos de goberno das entidades consorciadas.

Novena. Vixencia

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente con carácter voluntario e indefinido.

Décima. Liquidación

En caso de retirada dalgunha das entidades que forman parte do Consorcio, procederase á liquidación da súa achega tendo en conta os estatutos do Itmati.

Lido polas partes e en proba de conformidade, e obrigándose ao seu cumprimento, asinan o presente documento en exemplar por cuadruplicado no lugar e data indicados.

Juan J. Casares Long Xosé Luís Armesto Barbeito Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade Reitor da Universidade da Coruña Reitor da Universidade de Vigo
de Santiago de Compostela

ESTATUTOS DO CONSORCIO INSTITUTO TECNOLÓXICO DE MATEMÁTICA INDUSTRIAL (ITMATI)

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e natureza

A Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo constitúen, con personalidade xurídica de seu, un consorcio, sen ánimo de lucro, ao abeiro do artigo 6.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A denominación do mesmo é Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati).

Artigo 2. Domicilio e ámbito de actuación

O domicilio inicial do Consorcio será en pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela, provincia da Coruña.

Para o mellor cumprimento dos seus fins, o Consello de Goberno do Consorcio será competente para acordar a creación de delegacións ou outras dependencias do Consorcio, así como establecer relacións instrumentais con terceiros en calquera ámbito territorial. Tamén será competente para modificar o seu domicilio.

O ámbito de actuación das súas actividades estará dirixido ao ámbito autonómico, estatal ou internacional.

Artigo 3. Obxecto

Para consolidar a posición relevante no eido nacional e internacional da matemática industrial galega, o Consorcio, cun prazo de duración indefinida, nace coa vocación de converterse nun centro tecnolóxico de referencia a nivel internacional, no ámbito da matemática industrial.

Este consorcio supón un fito importante de agregación de recursos entre as tres universidades para promover a transferencia de tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. A súa principal misión consistirá en contribuír ao fortalecemento e potenciación da competitividade no ámbito industrial e empresarial, apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación, e o desenvolvemento de tecnoloxía matemática avanzada orientada á transferencia á industria.

O Itmati está promovido por once investigadores principais pertencentes a nove grupos de investigación en matemática aplicada, estatística e investigación operativa das tres universidades galegas (ver anexo destes estatutos).

O equipo de promotores conta con ampla experiencia e recoñecido prestixio no desenvolvemento de solucións para o mundo da empresa, ben de forma autónoma ou en colaboración coas propias empresas, ou con equipos doutras áreas de coñecemento.

Os fins específicos do Consorcio serán:

– O acercamento e a coordinación das investigacións básica e aplicada, operando como centro de transferencia de tecnoloxía cara á industria a nivel autonómico, estatal e internacional.

– A actuación como facilitador e impulsor para a introdución e aplicación de técnicas e métodos matemáticos no sector produtivo galego, español e internacional.

– A xeración de coñecemento tecnolóxico e a contribución da súa aplicación para o desenvolvemento e fortalecemento da capacidade competitiva das empresas no ámbito da tecnoloxía e a innovación.

– A produción, promoción e divulgación do coñecemento, especialmente no campo da matemática aplicada, a estatística e a investigación operativa, así como a formación de persoal técnico e científico experto nas tecnoloxías e métodos relacionados.

– O fomento de colaboracións académicas e científicas con universidades e grandes centros de investigación e transferencia españois e estranxeiros, tanto no campo das matemáticas como noutras disciplinas, promovendo a interdisciplinariedade.

– A contribución ao fortalecemento da relación entre os organismos xeradores de coñecemento e as empresas e proporcionar servizos de apoio á innovación empresarial.

O desenvolvemento do obxecto e os seus fins específicos poderán realizarse directamente polo Consorcio, ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á consecución dos seus fins.

Artigo 4. Membros do Consorcio

1. Son membros fundadores do Consorcio as tres universidades do Sistema universitario galego, nominadamente a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

2. Poderán formar parte do Consorcio outras entidades públicas ou privadas sempre que a súa incorporación permita un mellor cumprimento dos seus fins.

3. A incorporación de novos socios requirirá o acordo unánime do Consello de Goberno, de acordo co artigo nove, e nel determinarase a cota de participación do novo membro no Consorcio. A aceptación dun novo membro implicará a súa aceptación sen reservas dos presentes estatutos.

4. O abandono dun membro do Consorcio deberá ser comunicado polo menos con seis meses de antelación á data de efectividade da súa baixa, e ser aceptado polo Consello do Goberno do Consorcio e deberá, en todo caso, cumprir integramente coas obrigas anteriormente aprobadas polo Consorcio.

Artigo 5. Personalidade xurídica

O Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) constitúe unha entidade xurídica, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros.

Artigo 6. Réxime xurídico aplicable

O Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), que ten carácter voluntario e indefinido, sométese ao dereito público e rexerase polos presentes estatutos, polo Regulamento de réxime interno do Itmati, e supletoriamente:

• Polo dereito público que resulte de aplicación ás entidades públicas participantes, en especial á organización e funcionamento dos órganos de goberno, de contratos e de réxime orzamentario.

• Polo dereito privado, cando remita a este ou isto non se opoña á normativa anterior.

Artigo 7. Atribucións

Para a consecución das finalidades descritas nestes estatutos, o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) ten, entre outras, as seguintes atribucións:

a) A realización de proxectos de investigación industrial, desenvolvemento e innovación tecnolóxica propios ou en cooperación con empresas, universidades e centros públicos de investigación ou outras entidades, co obxectivo de xerar e difundir coñecemento tecnolóxico.

b) A realización de proxectos de I+D+i contratados directamente por empresas ou outras entidades de natureza xurídica pública ou privada, que permita maximizar a aplicación do coñecemento xerado polo Itmati ou polos membros do Consorcio.

c) A realización de servizos de asesoramento tecnolóxico no ámbito da matemática industrial.

d) A atención ás necesidades tecnolóxicas das entidades e empresas que o requiran, prestando servizos de asistencia técnica, a formación técnica especializada, a vixilancia e prospectiva tecnolóxica, así como a difusión de información e outros servizos análogos vinculados á xestión do coñecemento, á tecnoloxía e á innovación.

e) A colaboración na transferencia de resultados de investigación entre os organismos públicos e privados de investigación e as empresas.

f) A concepción e realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas. O Consello de Goberno regulará ás condicións en que se levarán a cabo os traballos, garantindo a posibilidade de establecer colaboracións exclusivas e continuadas con empresas en tecnoloxías específicas.

g) A promoción de actividades de impulso da transferencia, cara á industria, do coñecemento e da tecnoloxía desenvolvida no Consorcio e nos grupos de investigación asociados a este.

h) A promoción de actividades de impulso da valorización dos resultados das investigacións desenvolvidas no Itmati e nos grupos de investigación asociados a este.

i) A promoción e difusión do Consorcio e dous seus servizos.

j) A promoción de actividades e servizos de dinamización e concepción de proxectos de investigación e desenvolvemento orientados á innovación.

k) A realización de actividades orientadas a favorecer a internacionalización das investigacións desenvolvidas no Consorcio e nos grupos de investigación asociados a este.

l) O fomento e desenvolvemento de investigación cooperativa entre empresas, especialmente pemes.

m) A promoción de actividades de formación do persoal técnico e científico en tecnoloxías e métodos relacionados co ámbito de actuación do Consorcio.

n) A realización de actividades de vixilancia e prospectiva tecnolóxica que favorezan a consecución dos obxectivos do Consorcio.

o) O impulso e a creación de empresas de base tecnolóxica e a súa consolidación no mercado.

p) O fomento da integración das empresas, especialmente pequenas e medianas, en redes e foros de interacción permanentes tanto nacionais coma internacionais, que posibiliten a internacionalización, a mellora dos procesos de aprendizaxe das organizacións e a participación en plataformas tecnolóxicas.

q) A captación, aceptación e ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectivos e fins propios do Consorcio e das súas entidades consorciadas.

r) Calquera outra actividade, con suxeición á lexislación vixente, cuxos resultados axuden a mellorar o coñecemento tecnolóxico e, a través da súa aplicación, o nivel tecnolóxico e competitivo das empresas e poidan contribuír deste xeito á creación de emprego, á mellora da calidade de vida, ao desenvolvemento sustentable e ao crecemento económico e social e que poidan garantir o completo cumprimento dos seus fins.

TÍTULO II
Órganos de goberno e dirección

Artigo 8. Órganos de goberno

O Consorcio estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

1. Consello de Goberno.

2. Presidente/a.

3. Comisión Científico Técnica.

4. Comisión Executiva.

Artigo 9. Dos órganos de goberno, duración do mandato e competencias

1. Consello de Goberno.

O Consello de Goberno será o órgano superior de goberno do Consorcio e estará formado por membros institucionais, membros científicos e o/a director/a do Itmati. Os membros institucionais serán un representante de cada unha das entidades consorciadas e designados por estas. Os membros científicos serán catro investigadores das institucións pertencentes ao Consorcio. Os membros científicos serán propostos pola Comisión Científico Técnica do Itmati e a súa candidatura deberá ser aprobada polo Consello de Goberno.

O/A xerente do Itmati asistirá ás sesións do Consello de Goberno con voz pero sen voto.

No suposto de incorporación de novos membros ao Consorcio, o Consello decidirá o número de representantes que corresponderán a cada un deles, e que serán designados pola institución correspondente.

A duración do mandato dos membros institucionais do Consello de Goberno será de catro anos, sen prexuízo de poder ser reelixidos pola entidade a que representan por períodos sucesivos. Non obstante o anterior, a perda da condición pola que foi elixido na entidade que representa, determina automaticamente a perda da condición de membro do Consello.

A duración do mandato dos membros científicos do Consello de Goberno será de catro anos, sen prexuízo de poder ser reelixidos. Non obstante, tamén poderían ser renovados por razóns excepcionais recoñecidas polos dous terzos dos membros da Comisión Científico-Técnica e ratificadas polo Consello de Goberno.

Son competencias do Consello de Goberno:

1. A aprobación do plan estratéxico e do plan de explotación por proposta da Comisión Científico-Técnica.

2. A aprobación da memoria de actividades por proposta da Comisión Executiva e co visto e prace da Comisión Científico-Técnica.

3. O nomeamento dos membros da Comisión Científico-Técnica.

4. O nomeamento do/a director/a do Itmati por proposta da Comisión Científico-Técnica.

5. Nomear ao/á xerente do Itmati, por proposta da Comisión Executiva e co informe favorable da Comisión Científico-Técnica.

6. A aprobación e liquidación do orzamento elaborado polo/a xerente e co visto e prace da Comisión Científico-Técnica.

7. A aprobación de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

8. A aprobación e adxudicación de cantos contratos sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

9. A aprobación das accións administrativas e xudiciais.

10. A aprobación da incorporación ao Consorcio doutras universidades ou entidades públicas ou privadas, de acordo co previsto nestes estatutos.

11. Acordar a modificación dos estatutos, a separación de membros do Consorcio por incumprimento, ou a extinción do Consorcio.

12. A partir do quinto ano de funcionamento, o Consello de Goberno deberá analizar bianualmente o grao de consecución dos obxectivos do Consorcio Itmati e o nivel de autofinanciamento alcanzado; no caso de incumprimento destes o Consello de Goberno poderá aprobar a súa disolución.

13. Calquera outra de índole xeral e análogas ás anteriores conforme a lexislación vixente.

Agás as competencias establecidas nos puntos 1, 2, 3, 6, 10,11 e 12 o resto poderán ser delegadas en comisións ou noutros órganos de goberno ou de xestión.

O/A secretario/a do Consello de Goberno será o/a xerente do Itmati. O/A secretario/a terá como funcións, entre outras, levantar acta dos acordos, expedir certificacións e convocar as reunións por orde do/a presidente/a do Consello de Goberno.

2. Presidente/a.

A Presidencia do Consello de Goberno será desempeñada de forma rotatoria cada catro anos por un dos representantes das universidades consorciadas, elixido na primeira sesión que se celebre, e na cal se establecerá a quenda rotativa.

O Consello de Goberno poderá nomear un/ha vicepresidente/a entre os membros institucionais do Consello, que asumirá as atribucións do/a presidente/a en caso de ausencia deste. De ser nomeado un/ha vicepresidente/a desempeñará o seu cargo de forma rotatoria cada catro anos; a quenda rotativa será acordada polo Consello de Goberno.

O/A presidente/a terá as seguintes funcións e competencias:

1. Representar legalmente o Consorcio nos actos, convenios e contratos en que este debe intervir e ante as autoridades e tribunais de toda clase, para o cal poderá outorgar os apoderamentos que coide oportunos.

2. Velar polo estrito cumprimento dos preceptos destes estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Goberno, e en xeral das normas aplicables en cada caso.

3. Ordenar a convocatoria das sesións do Consello de Goberno, fixar a orde do día, presidir e dirixir as deliberacións e decidir co voto de calidade en caso de empate.

4. Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións do Consello de Goberno.

5. Se é o caso, executar os acordos adoptados polo Consello de Goberno.

6. Todas aquelas que lle sexan delegadas polo Consello de Goberno.

Agás as competencias establecidas nos puntos 2 e 4, o resto poderán ser delegadas noutro membro do Consello de Goberno.

De ter sido nomeado/a un/ha vicepresidente/a e no caso de baixa ou renuncia do/a presidente/a ocupará as súas funcións con carácter provisional, tendo que ser ratificado polo primeiro Consello de Goberno que se celebre.

3. Comisión Científico-Técnica.

A Comisión Científico-Técnica estará integrada por un representante institucional de cada un dos membros do Consorcio, por persoal científico pertencente ás institucións integradas no Consorcio e polo/a director/a do Itmati. O/A xerente do Itmati asistirá ás reunións da Comisión Científico-Técnica con voz pero sen voto.

O persoal científico representará como mínimo as dúas terceiras partes dos membros da comisión. Inicialmente estará formada polos once investigadores principais promotores do Itmati a que se refire o anexo destes estatutos.

O/A director/a do Itmati fará as funcións de presidente/a das reunións da Comisión Científico-Técnica.

A Comisión Científico-Técnica poderá nomear de entre os seus membros unha persoa que poderá exercer as funcións de dirección en caso de ausencia do/a director/a do Itmati, e tamén poderá participar, no seu nome e coas súas funcións, nas sesións do Consello de Goberno, da propia Comisión Científico-Técnica e da Comisión Executiva.

Nas reunións da Comisión Científico-Técnica actuará como secretario/a o/a xerente do Itmati, ou persoa en que este delegue. O/A secretario/a terá como funcións levantar acta dos acordos, expedir certificacións e convocar as reunións por orde do/a presidente/a da Comisión.

A Comisión Científico-Técnica manterá a súa composición inicial durante os primeiros catro anos. Despois renovaranse os cargos institucionais por proposta de cada institución cada catro anos. O/A secretario/a da Comisión será renovado cada vez que se renoven os membros institucionais da Comisión.

O persoal científico, despois dos primeiros catro anos, renovarase nunha porcentaxe dun terzo cada dous anos. A renovación será proposta tras a presentación das oportunas candidaturas por unha comisión de expertos nomeada polo Consello de Goberno. A súa elección farase por criterios científicos no ámbito da transferencia de tecnoloxía matemática ao sector produtivo.

En caso de ter nomeado quen asumirá as funcións de dirección en caso de ausencia do/a director/a do Itmati, deberá renovarse cada vez que se renoven os membros da Comisión.

As funcións da Comisión Científico-Técnica serán:

Propoñer os membros científicos do Consello de Goberno.

Propoñer ao/á director/a do Itmati para que sexa nomeado polo Consello de Goberno.

Dar o visto e prace á proposta do/a xerente efectuada pola Comisión Executiva para que sexa nomeado polo Consello de Goberno.

Apoiar e asesorar a Comisión Executiva nas súas funcións, en especial na elaboración do plan estratéxico e do plan de explotación.

Dar o visto e prace ás propostas do plan estratéxico e do plan de explotación, elaboradas pola Comisión Executiva, para ser aprobadas polo Consello de Goberno.

Dar o visto e prace á liquidación do orzamento elaborado polo/a xerente para que sexa aprobado polo Consello de Goberno.

Propoñer actuacións que afecten unha mellor consecución dos obxectivos do Itmati. As iniciativas propostas deberán respectar os intereses das institucións participantes no Consorcio.

Outras funcións acordes coa súa natureza e obxectivos.

Todas aquelas que lle sexan delegadas polo Consello de Goberno.

A Comisión Científico-Técnica contará cunha comisión de asesoramento composta por representantes do sector empresarial; ademais, poderá apoiarse na súa toma de decisións en comisións de asesoramento que considere oportunas para acadar os seus obxectivos.

4. Comisión Executiva.

A Comisión Executiva estará formada polos membros científicos do Consello de Goberno e polo/a director/a do Itmati que a presidirá. Este será responsable de coordinar e administrar as funcións da Comisión Executiva, así como asegurar que todas as actividades científicas se executan en tempo e cumprindo os criterios de calidade requiridos.

Nas reunións da Comisión Executiva, actuará como secretario/a o/a xerente do Itmati, ou persoa en que este delegue.

A Comisión Executiva terá as funcións de:

• Garantir a consecución dos obxectivos e fins do Itmati.

• Propoñer o/a xerente do Itmati, co visto e prace da Comisión Científico-Técnica, para o seu nomeamento polo Consello de Goberno.

• Canalizar, orientar e executar as accións necesarias para cumprir coas liñas estratéxicas de actividade definidas no plan estratéxico e no plan de explotación.

• Definir as prioridades de traballo, incluíndo a planificación temporal dos proxectos do Itmati.

• O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou de organizacións internacionais.

• Representar, promover e divulgar o Consorcio Itmati a través das canles máis adecuadas para chegar ao público obxectivo requirido en cada momento.

• Outras funcións acordes coa súa natureza e obxectivos.

• Todas aquelas que lle sexan delegadas polo Consello de Goberno ou pola Comisión Científico-Técnica.

A Comisión Executiva contará coa comisión de asesoramento composta por representantes do sector empresarial na que tamén se apoia a Comisión Científico-Técnica. Ademais, poderá apoiarse na súa toma de decisións en comisións de asesoramento que considere oportunas para acadar os seus obxectivos.

Artigo 10. Director/a do Itmati

O Consello de Goberno, por proposta da Comisión Científico-Técnica, nomeará o/a director/a do Itmati que se ocupará da dirección técnica e científica da actividade ordinaria do Itmati.

O/A director/a do Itmati fará as funcións de presidente/a da Comisión Científico-Técnica e da Comisión Executiva do Consorcio.

Desenvolverá todas as funcións propias do seu posto e todas aquelas para o exercicio das cales a Comisión Executiva, a Comisión Científico-Técnica, o Consello de Goberno ou o/a presidente/a do Consorcio o poidan apoderar, de conformidade cos presentes estatutos, e co que dispón a lexislación vixente.

O/A director/a será responsable de coordinar e administrar as funcións da Comisión Científico-Técnica e da Comisión Executiva, ordenar a convocatoria das sesións destas comisións, fixar a orde do día, presidir e dirixir as súas deliberacións e decidir co voto de calidade en caso de empate, así como asegurar que todas as actividades que lle sexan encomendadas se executan en tempo e cumprindo os criterios de calidade requiridos.

O cargo de director/a do Itmati renovarase cada vez que se renove o Consello de Goberno.

Artigo 11. Sesións

1. Consello de Goberno.

O Consello de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao semestre en sesión ordinaria e sempre que o/a presidente/a o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, o 30 % dos membros.

As súas sesións será convocado o/a xerente do Itmati, que asistirá con voz pero sen voto.

As convocatorias para as sesións do Consello, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o/a presidente/a, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación escrita ou por correo electrónico a cada membro, dirixida ao enderezo previamente indicado por este.

Cada membro institucional do Consello pode delegar a súa participación nunha sesión noutro membro da súa institución, o que deberá ser comunicado ao/á presidente/a con anterioridade á sesión.

Cada membro científico do Consello pode delegar a súa participación nunha sesión noutro membro da Comisión Científico-Técnica, o que deberá ser comunicado ao/á presidente/a con anterioridade á sesión.

Se a Comisión Científico-Técnica tivese nomeado quen asumirá entre os seus membros as funcións de dirección en caso de ausencia do/a director/a do Itmati, tamén poderá participar por delegación do/a director/a do Itmati nunha sesión do Consello de Goberno, o que deberá ser comunicado ao/á presidente/a con anterioridade á sesión.

As sesións convocaranse como mínimo con dez días de anticipación á data en que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do/a presidente/a, que será de 48 horas. Na convocatoria indicaranse os puntos que se van tratar, o día, a hora, e o lugar. No caso de non determinar o lugar da reunión considerarase que será o do domicilio social do Consorcio. Tamén se poderá celebrar as reunións coa mesma validez que presencial por medios telemáticos, no xeito que o/a presidente/a considere oportuno.

Así mesmo, poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que xulgue oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituído o Consello de Goberno para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o/a presidente/a, o/a secretario/a ou quen os substitúa.

En segunda convocatoria, a constitución do Consello será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles o/a presidente/a e o/a secretario/a ou quen os substitúa.

Nas citacións aos membros do Consello de Goberno sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria; deberá mediar entre esta e a primeira, un prazo mínimo de media hora.

Como norma xeral, o Consello de Goberno adoptará os seus acordos por maioría simple dos membros do Consello presentes ou representados.

O Regulamento de réxime interno do Consorcio e estes estatutos determinarán os acordos que exixan a unanimidade dos seus membros.

2. Comisión Científico-Técnica.

A Comisión Científico-Técnica reunirase polo menos, unha vez cada cuadrimestre en sesión ordinaria e sempre que o/a director/a do Itmati o coide oportuno ou o soliciten, polo menos, o 30 % dos membros.

As súas sesións será convocado o/a xerente do Itmati, que asistirá con voz pero sen voto.

As convocatorias para as reunións da Comisión Científico-Técnica, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o/a seu/súa presidente/a, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación escrita ou por correo electrónico a cada membro, dirixida ao enderezo previamente indicado por este.

As sesións convocaranse como mínimo con seis días de anticipación á data en que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do/a presidente/a da Comisión, que será de 48 horas. Na convocatoria indicaranse os puntos que se van tratar, o día, a hora, e o lugar. No caso de non determinar o lugar da reunión considerarase que será o do domicilio social do Consorcio. Tamén se poderán celebrar as reunións coa mesma validez que presencial por medios telemáticos, no xeito que o/a seu/súa presidente/a coide oportuno.

Así mesmo, poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que xulgue oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituída a Comisión Científico-Técnica para tomar acordos, cando en primeira convocatoria concorran á sesión a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o/a seu/súa presidente/a, o/a secretario/a da Comisión ou quen os substitúa.

En segunda convocatoria, a constitución da Comisión Científico-Técnica será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles o/a seu/súa presidente/a e o/a seu/súa secretario/a ou quen os substitúa.

Nas citacións aos membros da Comisión Científico-Técnica sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria; deberá mediar entre esta e a primeira, un prazo mínimo de media hora.

A Comisión Científico-Técnica adoptará os seus acordos por maioría dos membros da comisión presentes ou representados. O/A presidente/a da Comisión decidirá co seu voto cualificado en caso de empate.

O Regulamento de réxime interno do Itmati e estes estatutos determinarán os acordos que exixan a unanimidade dos seus membros.

3. Comisión Executiva.

A Comisión Executiva reunirase por proposta do/a seu/súa presidente/a ou por petición de polo menos tres dos seus membros. Se a Comisión Científico-Técnica tivese nomeado quen asumirá entre os seus membros as función de dirección en caso de ausencia do/a director/a do Itmati, tamén poderá, en caso de ausencia deste, actuar por delegación deste e coas mesmas funcións nunha sesión da Comisión Executiva.

As súas sesións será convocado o/a xerente do Itmati, que asistirá con voz pero sen voto.

Os requisitos de convocatoria, quórum e adopción de acordos serán os mesmos establecidos para a Comisión Científico-Técnica.

Artigo 12. Sesións especiais

Cando estean reunidos e presentes a totalidade dos membros do Consello de Goberno, poderán constituírse en Consello de Goberno se hai acordo unánime dos seus membros. Nese mesmo acto procederán a fixar a orde do día do Consello, do cal se levantará a correspondente acta.

Estas mesmas condicións serán de aplicación para a Comisión Científico-Técnica e para a Comisión Executiva.

Artigo 13. Votos

Os votos dos membros do Consello de Goberno poderán delegarse noutro membro do Consello. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase para efectos de quórum.

Estas mesmas condicións serán de aplicación para a Comisión Científico-Técnica e para a Comisión Executiva.

Artigo 14. Réxime supletorio e de impugnacións

1. Os acordos e os actos do Consello de Goberno non previdos nos presentes estatutos, axustaranse ao establecido nas normas sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As súas decisións esgotarán a vía administrativa e contra estas poderá interpoñerse recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

2. Os acordos e os actos das comisións Científico-Técnica e Executiva nos presentes estatutos, poderán ser impugnadas ante o Consello de Goberno axustándose o establecido nas normas sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

TÍTULO III
Relación entre o Consorcio e as entidades consorciadas

Artigo 15. Relacións entre o Consorcio e as entidades consorciadas

1. O Consorcio dentro do seu ámbito promoverá accións destinadas ao desenvolvemento de iniciativas comúns ou particulares de cada unha das entidades consorciadas. Neste último caso o Consello de Goberno determinará a distribución de bens, servizos e fórmulas de xestión de créditos destinados a este obxectivo.

2. As actividades do Consorcio poderán ser executadas directamente por este ou ben a través de cada unha das entidades consorciadas de conformidade co que acorde o Consello de Goberno ou se estableza en normas de réxime interno.

TÍTULO IV
Patrimonio e réxime económico

Artigo 16. Patrimonio

O patrimonio do Consorcio pode estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

Artigo 17. Destino e alleamento do patrimonio

Os bens inmobles, instalacións ou bens de natureza móbel e dereitos que constitúen a dotación do Consorcio destinaranse con carácter permanente ao cumprimento directo das finalidades do Consorcio, e só poderán allearse a título oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 18. Recursos

Os recursos do Consorcio estarán constituídos por:

• As achegas e subvencións outorgadas polas entidades integradas no Consorcio.

• Os obtidos en actividades de I+D+i.

• Os obtidos en actividades de formación técnica ou asesoramento tecnolóxico.

• As achegas, subvencións, auxilios e donativos doutras entidades públicas ou privadas e as transmisións a título gratuíto que ao seu favor fagan os particulares.

• Os rendementos de actividade do Itmati.

• Os produtos do seu patrimonio.

• Calquera outro recurso que legalmente lle corresponda recibir.

Artigo 19. Orzamento

O Consello de Goberno aprobará anualmente o orzamento ordinario do Consorcio, e igualmente a liquidación de cada un dos orzamentos anuais.

A elaboración da proposta de orzamentos será competencia do/a xerente baixo as directrices do/a director/a do Itmati. A proposta debe ter o visto e prace da Comisión Científico-Técnica, para que sexa aprobada polo Consello de Goberno.

TÍTULO V
Órganos de xestión ou de administración e réxime de persoal

Artigo 20. Da administración, xestión e asesoramento

O Consorcio poderá organizarse administrativamente segundo decida o Consello de Goberno.

Artigo 21. Xerente

O Consello de Goberno por proposta da Comisión Executiva e co informe favorable da Comisión Científico-Técnica, nomeará un/ha xerente que se ocupe da xestión ordinaria do Consorcio. Desenvolverá todas as funcións propias do seu posto e todas aquelas para o exercicio das cales a Comisión Científico-Técnica, a Comisión Executiva, o Consello de Goberno ou o/a presidente/a o poidan apoderar, de conformidade cos presentes estatutos, e co que dispón a lexislación vixente.

Entre as funcións propias que debe realizar o/a xerente estarán entre outras, a elaboración da proposta e da liquidación anual do orzamento baixo as directrices do/a director/a do Itmati, que deberá ter o visto e prace da Comisión Científico-Técnica, para que sexa aprobado polo Consello de Goberno.

O/A xerente asistirá ás sesións da Comisión Executiva, da Comisión Científico-Técnica e do Consello de Goberno con voz pero sen voto, e actuará como secretario/a destas.

Artigo 22. Persoal

1. O Itmati poderá dispor de persoal propio, adscrito ou colaborador de carácter científico, técnico, ou de xestión.

2. A través de convenios cos membros do Consorcio poderá incorporar outras figuras de persoal, que permita a lexislación vixente en cada momento, coa dedicación e capacidade que se fixe no propio convenio. Tamén se poderá dispor de bolseiros e estudantes en prácticas.

Artigo 23. Persoal propio

1. O Consorcio poderá contratar persoal, ao cal se fai referencia no artigo anterior, en réxime laboral para a consecución dos seus fins, mediante procedementos obxectivos que respecten os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade, dentro da programación establecida e de acordo coa política de persoal e o réxime retributivo aprobados anualmente polo Consello de Goberno.

2. A contratación do persoal investigador propio do Itmati farase en función dos criterios establecidos pola Comisión Científico-Técnica e de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 24. Persoal adscrito

1. Poderán adscribirse ao Itmati, co acordo previo da Comisión Científico-Técnica, investigadores das institucións participantes, doutras institucións ou entidades de acordo coa Lei 14/2011, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

2. Na solicitude de adscrición presentada polo interesado deberase acreditar a realización previa e exitosa de transferencia de tecnoloxía matemática.

3. Poderanse adscribir ao Itmati, co acordo previo da Comisión Executiva, persoal técnico e de xestión das institucións participantes, doutras institucións ou entidades.

4. O persoal doutras institucións ou entidades que se adscriba ao Itmati manterá os seus dereitos e deberes na súa institución de orixe establecidos na normativa que sexa de aplicación, e permanecerá na situación administrativa e laboral que corresponda, así como deberá contar coa autorización expresa da entidade á que pertence.

5. As tarefas desenvolvidas polo persoal investigador adscrito ao Itmati  regularanse no convenio asinado entre ambas as institucións e poderán  ter a consideración de actividade propia do Itmati e da entidade consorciada.

6. O persoal adscrito ao Itmati dependerá funcionalmente deste, con respecto aos traballos de investigación e desenvolvemento correspondentes ao plan estratéxico e ao plan de explotación do Itmati coherentes cos seus obxectivos, mantendo a súa dependencia orgánica dos seus organismos de orixe, estando suxeito no que respecta á presentación de proxectos e titularidade das publicacións o artigo 27 destes estatutos.

Artigo 25. Persoal colaborador

Para a consecución dos fins do Itmati, a Comisión Científico-Técnica, por iniciativa da Comisión Executiva, poderá levar a cabo acordos con outras institucións ou entidades que permitan contar coa colaboración de persoal investigador, técnico ou de xestión especializado, de permitilo a lexislación vixente e a través dos oportunos convenios.

Artigo 26. Bolseiros

Serán bolseiros do Itmati todas as persoas que conten cunha bolsa concedida por este, ou por calquera entidade pública ou privada con destino no Itmati.

Artigo 27. Explotación de dereitos de propiedade industrial xerados: titularidade da investigación e publicacións

1. Os resultados xerados polo Itmati en colaboración coas universidades galegas xestionaranse a través de convenios bilaterais para a explotación de dereitos da propiedade intelectual e industrial xerada.

2. Os resultados obtidos na execución dos traballos realizados polo Itmati, no marco de contratos con empresas, xestionaranse a través de convenios bilaterais específicos para a explotación de dereitos da propiedade intelectual e industrial xerada, garantindo en todo caso os dereitos do Itmati.

3. Os dereitos xerados polo persoal propio do Itmati pertencen ao Itmati.

4. Os dereitos xerados polo persoal investigador adscrito doutras institucións ou entidades regularanse segundo os convenios de adscrición.

5. Todo o persoal do Itmati deberá asinar unha cláusula de confidencialidade.

6. As publicacións derivadas das actividades levadas a cabo no Itmati deben ter o visto e prace da Comisión Executiva.

7. Todas as publicacións científicas relativas ás actividades levadas a cabo no Itmati deben mencionalo expresamente, ademais de facer constar os investigadores e o centro a que pertencen.

8. Os bolseiros con que conte o Itmati asinarán unha cláusula en que se recolla a súa participación nos resultados de investigación e as súas condicións da actividade.

Artigo 28. Relacións entre as entidades consorciadas e o Itmati

Os investigadores das universidades consorciadas poderán participar nas actividades desenvolvidas polo Itmati e a estes efectos poderán participar como persoal adscrito ou colaborador do Itmati segundo acorde a Comisión Científico-Técnica nos termos definidos nos artigos 24 e 25.

Ademais, de o Itmati encomendar parte das súas actividades a algunha das entidades consorciadas, debe asinarse o correspondente convenio.

TÍTULO VI
Separación de membros por incumprimento

Artigo 29. Separación de membros por incumprimento

O incumprimento grave e reiterado dos presentes estatutos, das súas normas de de-senvolvemento ou dos acordos dos órganos de goberno do Consorcio poderá dar lugar á separación do membro implicado. Para estes efectos, deberá darse audiencia previa á entidade incumpridora. O acordo tomarao o Consello de Goberno por maioría absoluta dos representantes das restantes entidades. En todo caso deberá cumprir as obrigas que tivese contraído.

TÍTULO VII
Modificación e extinción

Artigo 30. Modificación dos estatutos

A Comisión Científico-Técnica poderá propoñer a modificación dos estatutos do Consorcio sempre que resulte adecuada en interese deste, así como se fose necesario para o mellor cumprimento das finalidades do Consorcio. A proposta, para a súa tramitación, debe ser referendada por dous terzos dos asistentes.

O acordo de modificación deberá ser adoptada polo Consello de Goberno por unanimidade e debe ser ratificado polos órganos de goberno das entidades consorciadas.

Artigo 31. Liquidación

En caso de retirada dalgunha das entidades que forman parte do Consorcio, procederase á liquidación da súa achega tendo en conta a obriga de asumir os compromisos adquiridos con anterioridade. O patrimonio correspondente da liquidación aplicarase na realización de actividades que respondan ao cumprimento dos fins que tiña asignados ou, no seu defecto, a finalidades análogas.

No suposto de que todas as entidades desexen extinguir o Consorcio requirirase:

a) O acordo unánime do Consello de Goberno.

b) O nomeamento dunha comisión liquidadora que se encargará da concreción das cantidades resultantes de cada entidade en función do achegado por cada parte e a distribución do inventario común. En todo caso, o patrimonio liquidado aplicarase na realización de actividades que respondan ao cumprimento dos fins que tiña asignados ou, no seu defecto, a finalidades análogas.

c) Ratificación do acordo da comisión liquidadora polo Consello de Goberno e comunicación ás entidades participantes.

Disposición transitoria primeira

Para a posta en marcha do Consorcio establecerase un Consello de Goberno transitorio. Para estes efectos nomearanse os membros institucionais do Consello. Ademais, as entidades consorciadas nomearán os membros científicos provisionais. Este consello nomeará na súa primeira sesión a un/ha director/a do Itmati en funcións.

Este consello de goberno transitorio estará en funcións ata que estean constituídos todos os órganos de goberno do Consorcio e sexan nomeados os membros científicos do Consello de Goberno e o/a director/a do Itmati, de acordo co procedemento sinalado nos presentes estatutos.

Disposición transitoria segunda

O Itmati debe tender a autofinanciarse nun horizonte de cinco anos desde a sinatura do presente convenio. Non obstante, as distintas entidades consorciadas achegarán, en partes iguais, os importes necesarios para o funcionamento ordinario da institución durante os primeiros cinco anos de acordo coa seguinte táboa:

Entidade fundadora

2013

2014

2015

2016

2017

Total

UDC

10.100

8.670

5.420

2.700

2.700

29.590

USC

10.100

8.670

5.420

2.700

2.700

29.590

UVigo

10.100

8.670

5.420

2.700

2.700

29.590

Achega total

30.300

26.010

16.260

8.100

8.100

88.770

Os pagamentos correspondentes ás achegas das entidades consorciadas realizaranse, para o primeiro ano, nun único pagamento no mes seguinte ao asinamento deste convenio e, nos vindeiros anos, no mes de xaneiro do ano correspondente.

ANEXO

Promotores do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemáticas Industrial (Itmati)

O Itmati está promovido por once investigadores principais pertencentes a nove grupos de investigación en matemática aplicada, estatística e investigación operativa das tres universidades galegas integrados no Nodo Cesga:

1. Lino José Álvarez Vázquez. Grupo de Simulación e Control. Universidade de Vigo.

2. Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela. Grupo Enxeñaría Matemática. Universidade de Santiago de Compostela.

3. Carmen María Cadarso Suárez. Grupo Interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía. Universidade de Santiago de Compostela.

4. Ricardo Cao Abad. Grupo Modelización, Optimización e Inferencia Estatística. Universidade da Coruña.

5. José Durany Castrillo. Grupo de Ecuacións Diferenciais e Simulación Numérica. Universidade de Vigo.

6. Ignacio García Jurado. Grupo Modelización, Optimización e Inferencia Estatística. Universidade da Coruña.

7. Wenceslao González Manteiga. Grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións. Universidade de Santiago de Compostela.

8. Peregrina Quintela Estévez. Grupo Enxeñaría Matemática. Universidade de Santiago de Compostela.

9. Jacobo de Uña Álvarez. Grupo de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa. Universidade de Vigo.

10. Carlos Vázquez Cendón. Grupo de Modelos Matemáticos e Numéricos en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. Universidade da Coruña.

11. Juan Manuel Viaño Rey. Grupo de Modelos Matemáticos e Simulación Numérica en Mecánica de Sólidos. Universidade de Santiago de Compostela.