Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 5 de marzo de 2013 Páx. 6444

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Belesar-Peares (soterramento en subestación Belesar), no termo municipal de Chantada e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2012/91-2, 8059 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. é a propietaria da liña de alta tensión aérea (LAT) de 132 kV que interconecta as subestacións das centrais hidroeléctricas de Belesar e dos Peares, denominada LAT 132 kV Belesar-Peares.

Segundo. O 11.9.2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Belesar-Peares (soterramento en subestación Belesar), acompañada do preceptivo proxecto. Esta infraestrutura eléctrica, motivada pola construción dun novo parque blindado de 132 kV na subestación Belesar, consiste na modificación da LAT 132 kV Belesar-Peares efectuando un soterramento parcial na súa entrada á dita subestación; as súas características técnicas básicas son as seguintes: LAT soterrada a 132 kV con orixe en novos soportes colocados sobre pórtico existente, nos cales se realiza a transición de aérea a soterrada (4 m), discorre en canalización formigonada baixo tubo (9 m) e polo foso de cables do parque blindado (21 m), para rematar na nova posición de liña.

Terceiro. O 28.11.2012 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Cuarto. O 30.11.2012 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 19.12.2012 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 26.12.2012. Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 010 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Belesar-Peares (soterramento en subestación Belesar), no termo municipal de Chantada (Lugo) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A., titulado LAT 132 kV Belesar-Peares (soterramento en subestación Belesar), asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920 do Colexio Nacional de Enxeñeiros de ICAI) e visado pola Delegación de Galicia deste colexio, con visado nº 0365/12 e data do 24.7.2012, e no que figura un orzamento total de 92.420,44 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir en todo momento canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas